Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 80 Mércores, 25 de abril de 2001 Páx. 5.477

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 11 de abril de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos para investigadores non vinculados ás universidades galegas e se procede á súa convocatoria.

Por orde desta consellería do 1 de febreiro de 2001 (DOG do 6 de febreiro), convocáronse diferentes axudas e bolsas correspondentes ás accións do programa de promoción xeral da investigación do PGIDT.

Como complemento destas accións e para favorece-la participación dos investigadores da nosa comunidade autónoma en reunións de carácter científico co fin de fomenta-lo intercambio de coñecementos, actualización destes e a colaboración entre grupos de investigación, parece axeitado efectuar unha convocatoria específica de axudas destinada a este obxectivo. Nembargantes, dado que as universidades do sistema universitario de Galicia dispoñen, cada unha delas, de accións específicas deste tipo, mediante acordos institucionais concertouse a concesión de axudas ós seus investigadores para participaren neste tipo de actividades, completando deste xeito as súas propias convocatorias e evitando así que os investigadores das universidades teñan que participar en dúas convocatorias de organismos diferentes para obteren financiamento dun deles para unha mesma actividade. En consecuencia, as axudas obxecto da presente convocatoria deben estar dirixidas a aqueles investigadores que non teñen

ningún tipo de vinculación coas universidades do sistema universitario de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º

Convócanse bolsas para asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos monográficos de acordo coas bases que se inclúen como anexo I á presente orde.

Artigo 2º

Para a concesión destas bolsas destinarase ata un máximo de 1.000.000 de pesetas con cargo á aplicación orzamentaria 04.07.432A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001. A cantidade citada poderase aumentar en función das solicitudes presentadas e de acordo

coas dispoñibilidades de créditos. Artigo 3º. A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, que modifica a Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º

O prazo máximo para seren resoltas solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento será de 6 meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que deriven desta convocatoria, que poñen fin a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestivamente recurso de reposición ante o mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ó que se produzca o acto presunto.

De non estimaren a presentación deste recurso, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ó da producción do presunto.

Artigo 5º

Os beneficiarios das axudas concedidas ó abeiro do disposto nesta orde quedan obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. Así mesmo, os beneficiarios deberán proceder ó reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 6

As resolucións de concesión de axudas dictadas ó abeiro da presente orde poderán modificarse no caso de alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

ANEXO I

Bases da convocatoria

1. Solicitantes.

1.1. Congresos, simposios e seminarios.

As axudas poderán ser solicitadas polos investigadores de cadro de persoal, outros investigadores contratados e bolseiros de predoutoramento e asimilados vinculados a centros públicos de investigación radicados na comunidade autónoma agás os que teñen algún tipo de vinculación (relación funcionarial, contrato, bolsa, etc.) con algunha das universidades do sistema universitario de Galicia.

1.2. Cursos.

As axudas para asistencia a cursos poderán ser solicitadas unicamente polos bolseiros de terceiro ciclo e bolseiros asimilados que estean a colaborar en actividades de investigación en centros públicos de investigación da comunidade autónoma diferentes das universidades do sistema universitario de Galicia.

2. Solicitudes.

As solicitudes, cubertas no modelo oficial PXI-18 que se publica como anexo II á presente orde (tamén á disposición dos interesados na Internet nos enderezos http://www.cesga.es/sxid e http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid/index.htm), presentaranse no rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999.

O prazo de presentación de solicitudes remata o 24 de maio de 2001.

As solicitudes deberán ir, inescusablemente, acompañadas da seguinte documentación:

a) No caso de congresos, simposios e seminarios:

-Documento acreditativo da categoría do solicitante. No caso de persoal interino ou contratado, o dito documento deberá estar vixente na data de peche da convocatoria. Naqueles casos nos que a categoría do solicitante non leve implícita a condición de doutor, esta, de se-lo caso, deberá acreditarse.

-Declaración xurada do solicitante na que conste que carece de vinculación coas universidades do sistema universitario de Galicia (vinculación funcionarial, contrato, bolsas, etc.).

-Resumo do traballo/comunicación que se vai expoñer na reunión.

-Xustificante de aceptación do traballo polo comité organizador ou compromiso de presenta-la dita aceptación unha vez recibida a resposta do comité organizador.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo fin das distintas administracións públicas competentes.

Ademais dos documentos anteriores deberá xuntarse:

-Para o caso de doutores: relación das 5 publicacións máis salientables dos 3 últimos anos. Documentarase mediante fotocopia da primeira páxina da publicación, ou daquela na que figuren os datos salientables desta (autor/es, título, editorial, revista, etc.), e da última páxina.

-Para o caso dos solicitantes non doutores: informe do director da tese no que conste o interese que ten a asistencia do solicitante á dita reunión.

Nos traballos de máis dun autor só se poderá solicitar unha axuda para un dos asinantes. Un mesmo investigador só poderá solicitar unha axuda nesta convocatoria para asistir a reunións científicas. En ningún caso se concederán bolsas para a asistencia a unha mesma reunión a máis de dous membros do mesmo grupo de investigación.

b) No caso de cursos monográficos.

-Documento acreditativo da categoría do solicitante.

-Solicitude de inscrición no curso.

-Programa do curso.

-Informe do responsable da actividade investigadora do solicitante no que conste o interese do curso para a formación do peticionario.

-Declaración xurada do conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes.

3. Contía e finalidade das axudas.

O importe máximo das axudas concedidas será o seguinte:

-60.000 pesetas brutas para congresos e reunións que se realizaran no territorio nacional e Portugal.

-100.000 pesetas brutas para congresos e reunións noutros países europeos.

-175.000 pesetas brutas para congresos e reunións que se realicen noutros países.

En ningún caso se financiarán actividades que se realizaran con anterioridade ó 1 de xaneiro de 2001 ou que se vaian realizar con posterioridade ó 31 de decembro de 2001, tomando, para estes efectos, como referencia a data de comezo do congreso, simposio, seminario ou curso.

4. Tramitación.

Por parte dos servicios da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento comprobarase que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e no caso de que a solicitude non estivera convenientemente cuberta ou acompañada da correspondente documentación, requerirase o solicitante para que, no prazo máximo de dez días, repare a falta e xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, de non facelo, se considerará desistido da súa petición e se procederá ó arquivo desta sen máis trámites, de conformidade co disposto no artigo 71.1º da Lei 4/1999.

Non axustarse ós termos da convocatoria será causa de desestimación da solicitude presentada.

5. Comisión de selección e resolución do concurso.

A selección dos bolseiros será realizada pola Comisión de Selección de Investigación creada polo Decreto 37/1998, do 30 xaneiro, que lle elevará a proposta de resolución á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento para que resolva. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Para a selección dos beneficiarios a comisión terá en conta os seguintes criterios:

-Ós solicitantes que non sexan doutores e teñan acadado a suficiencia investigadora prevista no Real decreto 778/1998, daráselles prioridade para asistencia a congresos que teñan lugar en España ou Portugal.

-Ós solicitantes que sexan doutores valoraránselles-las cinco publicacións máis salientables dos 3 últimos anos e daráselles prioridade para asistencia a congresos de carácter internacional.

-Daráselles prioridade a aquelas solicitudes correspondentes a persoas que non resultaron beneficiarias dunha destas axudas na convocatoria do ano 2000 (resolución da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento do 28 de xullo de 2000 (DOG do 23 de agosto).

6. Libramento da axuda.

As subvencións faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, que deberán presentar previamente:

Para congresos, simposios e seminarios:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento por parte doutras entidades para o mesmo fin.

2. Aceptación do traballo por parte da entidade, institución ou persoa organizadora da reunión, sempre que non fora entregada xa no momento de solicita-la axuda.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo fin das dintintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A dita declaración farase antes do pagamento da subvención.

4. Certificación de asistencia.

Para cursos monográficos:

1. Declaración xurada na que conste que non recibiron ningún financiamento por parte doutras entidades para o mesmo fin.

2. Xustificación de ter feito o curso.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. A dita declaración farase antes do pagamento da subvención.

7. Incidencias.

O incumprimento dalgunha das condicións establecidas nesta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e a reclamación das cantidades xa pagas segundo o disposto no artigo 78.9º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.