Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2001 Páx. 5.333

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 81/2001, do 29 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Alfoz (Lugo), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras de saneamento de Alfoz e Ferreira do Valadouro.

O Concello de Alfoz (Lugo), en sesión que tivo lugar o día 16 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de saneamento de Alfoz e Ferreira do Valadouro, e na mesma sesión acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte do Concello de Alfoz foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de marzo de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de marzo de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, se trata de mellora-los graves problemas sanitarios e de insalubridade, derivados da carencia duns servicios de saneamento adecuados á normativa da Unión Europea, polo que o ente Augas de Galicia iniciou as obras para a construcción da EDAR e os colectores de saneamento. No ano 2000, por consideracións técnicas sobrevidas e estando as obras nun avanzado estado de construcción, o concello tivo que contar cos terreos máis adecuados para a realización das obras, facéndose necesario contar cos terreos de propiedade de Manuel López Souto, feito que provocou a necesidade de iniciar un expediente expropiatorio, pola vía de urxencia, para poder mellora-los servicios sanitarios e a calidade de vida dos veciños deste concello.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de dous mil un.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, polo Concello de Alfoz, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de saneamento de Alfoz e Ferreira do Valadouro.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de dou mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais