Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Luns, 23 de abril de 2001 Páx. 5.334

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 82/2001, do 29 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 160, Plan de Obras e Servicios 2000, Mondoñedo-Os Remedios-Estelo, alargamento e mellora do punto quilométrico 0 ó 1. (Concello de Mondoñedo).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día 20 de outubro de 2000, aprobou o proxecto da obra número 160, Plan de Obras e Servicios 2000, Mondoñedo-Os Remedios-Estelo, alargamento e mellora punto quilométrico 0 ó 1, e na sesión do 26 de decembro de 2000 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 13 de marzo de 2001.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala a deputación, se trata de mellora-la rede viaria, na estrada provincial dos Remedios a Estelo, que na actualidade está dentro das actuacións de mellora na Rede Viaria Provincial e que afecta a unha zona que comunica o municipio de Mondoñedo coa capital municipal, sendo este un territorio de forte orografía e cunha única saída a través da cidade de Mondoñedo; por isto é preciso o alargamento e a mellora da plataforma actual da vía e o aumento do raio das súas curvas.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de marzo de dous mil un.

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 160, Plan de Obras e Servicios 2000, Mondoñedo-Os Remedios-Estelo, alargamento e mellora do punto quilométrico 0 ó 1.

Santiago de Compostela, vintenove de marzo de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais