Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 20 de abril de 2001 Páx. 5.320

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN PÚBLICA ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN SANITARIA

ACORDO do 5 de abril de 2001 polo que se anuncia a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura por persoal laboral fixo de 11 prazas de persoal de servicios xerais (PSX) na Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas).

O artigo 20.1º dos estatutos da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (en adiante Fegas) dispón que o réxime xurídico do persoal da fundación será de carácter laboral.

Á súa vez, os artigos 2 e 3 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten unha participación maioritaria a Xunta de Galicia en materia de persoal e de contratación (Diario Oficial de Galicia nº 227, do 20 de novembro) e mailo artigo 20.2º dos ditos estatutos dispoñen que a selección do seu persoal será efectuada con respeto ós principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade da convocatoria.

Neste sentido, o padroado da fundación acordou a convocatoria do proceso selectivo para a cobertura por persoal laboral fixo de 11 prazas do cadro de persoal da fundación pertencentes á categoría de persoal de servicios xerais e que conta cos informes favorables das consellerías da Presidencia e Administración Pública e de Economía e Facenda.

Na súa virtude, a dirección da fundación, en uso das atribucións que lle corresponden, fai pública a convocatoria do dito proceso selectivo conforme as seguintes bases:

Primeira.-Normas xerais.

Convócase proceso selectivo para a cobertura por persoal laboral fixo de 11 prazas pertencentes á categoría profesional de persoal de servicios xerais (en adiante PSX), do cadro de persoal da Fegas.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Tódolos requisitos establecidos na presente base deberán ser posuídos polos aspirantes na data en que finalice o prazo de presentación da solicitude de admisión e teranse que manter ata a toma de posesión como persoal laboral fixo da Fegas na categoría de PSX. Exceptúase do anterior o requisito esixido no punto f), que deberá posuírse, en todo caso, no intre da dita toma de posesión.

a) Ter cumpridos 18 anos no momento de presenta-la solicitude.

b) Ser español ou ser nacional dalgún estado membro da Unión Europea, ou nacional do Reino de Noruega ou da República de Islandia.

Tamén poderá participa-lo cónxuxe, ascendentes e descendentes do cónxuxe, dos españois e dos nacionais dos países membros da Unión Europea, de Noruega ou de Islandia, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinteún anos ou maiores da devandita idade que vivan ás súas expensas.

Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros estados, cando así se prevexa nos tratados internacionais celebrados pola Comunidade Europea e ratificados por España.

c) Estar en posesión da titulación de graduado escolar, formación profesional de primeiro grao ou equivalente.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado, mediante expediente disciplinario, do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

f) Ter aboados os dereitos de participación no proceso selectivo.

g) Estar en posesión do permiso de conducir tipo B1.

Ó se presentaren a este proceso, asúmese que os participantes coñecen e aceptan as bases da presente convocatoria.

En todo caso, a comisión de selección reservará para si o dereito a esixir que se acredite convenientemente a existencia ou non de calquera requisito de participación dos aspirantes en calquera momento anterior á resolución definitiva do proceso selectivo.

Terceira.-Información do proceso selectivo.

1. Durante todo o proceso selectivo estará habilitada unha oficina de información na Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP: 15707, Santiago de Compostela, A Coruña. Horario: das 9.30 ás 13.30 horas e das 17 ás 18.30 horas (de luns a xoves e venres pola mañá). Teléfono de información: 981 58 06 33.

Na dita oficina poderase obter todo tipo de información xeral acerca do proceso selectivo. No teléfono sinalado non se pode obter información acerca das puntuacións obtidas polos candidatos, xa que soamente se facilitará información xeral acerca do proceso. Tódolos resultados das diferentes fases do proceso selectivo serán expostos no taboleiro de anuncios da oficina de información.

2. Igualmente, poderase obter todo tipo de información sobre a convocatoria, anuncios e resultados do proceso selectivo na páxina web do Sergas (sergas.es).

3. En todo caso, publicaranse no Diario Oficial de Galicia os anuncios relativos á celebración da fase das probas eliminatorias do proceso selectivo. Os anuncios relativos á fase curricular deste publicaranse no taboleiro de anuncios da oficina de información.

Neste senso, as ditas probas eliminatorias anunciaranse, como mínimo, dez días naturais antes da súa celebración.

A presentación da documentación para participar na primeira subfase da fase curricular (baremación) será de quince días naturais a partir da publicación do correspondente anuncio.

O anuncio convocando os aspirantes á subfase de entrevista da fase curricular publicarase, como mínimo, cinco días naturais antes da súa celebración.

Cuarta.-Solicitudes de admisión.

1. Os aspirantes que desexen participar no proceso selectivo deberán presenta-las correspondentes solicitudes no prazo de vinte días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación do presente acordo no Diario Oficial de Galicia, sendo excluídas aquelas solicitudes que sexan presentadas fóra do dito prazo.

2. As ditas solicitudes deberán cubrirse necesariamente conforme o modelo que se proporcionará ós aspirantes gratuitamente nos seguintes lugares:

a) Na oficina de información da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, CP: 15707, Santiago de Compostela, A Coruña.

b) Na Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

c) Na División de Recursos Humanos do Sergas.

d) Nas delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

e) Na Dirección Provincial do Sergas de Pontevedra en Vigo.

O dito modelo consta de tres partes, unha destinada á fundación, outra ó interesado e unha terceira que quedará en poder da entidade bancaria ou de aforro.

Os aspirantes quedan vinculados ós datos que fixeron constar na solicitude. O domicilio que figura na solicitude considerarase ó único válido para efectos de notificacións, sendo responsabilidade exclusiva dos aspirantes, tanto os erros na consignación del como a non comunicación de cambios de domicilio.

Os erros de feito que se advertisen en calquera das fases do proceso selectivo poderán corrixirse en calquera momento de oficio ou por petición do interesado.

3. A dita solicitude terase que cubrir conforme as instruccións que figuran no seu dorso.

4. A cota para satisfacer por participar no proceso selectivo ascende á cantidade de catro mil pesetas, vintecatro con cero catro euros (4.000 pesetas, 24,04 euros) e aboarase mediante o seu ingreso na c/c 0182-5947-12-0010114444 do BBV, oficina da rúa Senra nº 3 de Santiago de Compostela, a favor da Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas). Para tal efecto, a entidade bancaria ou de aforro a través da que se efectúe o dito ingreso deberá sela-lo recadro designado para o efecto na solicitude, adverando, deste xeito, terse aboado o dito ingreso a nome do aspirante, non sendo necesario xuntar ningún outro xustificante. As persoas cunha minusvalidez superior ó 33% están exentas do pagamento, debendo acreditalo con copia compulsada do documento de recoñecemento da minusvalidez no que conste o seu grao e que deberá gramparse no espacio especificamente reservado para o efecto na folla da solicitude que se entregue á fundación.

O dito selo da entidade bancaria haberá de estamparse nas tres follas das que consta o modelo de solicitude.

5. Soamente se admitirán solicitudes entregadas deste xeito, considerándose a falta de ingreso dos dereitos de participación como unha causa excluínte. O simple aboamento dos ditos dereitos de participación non suporá, en ningún caso, a substitución do trámite de presentación da solicitude. Os ditos dereitos de participación non se devolverán en ningún caso.

6. Unha vez cuberto debidamente o modelo de solicitude e aboados os ditos dereitos de participación na forma establecida nos epígrafes anteriores, presentarase esta a través dos seguintes procedementos:

a) Mediante a súa presentación na propia Fegas, na súa oficina de información.

b) Por correo certificado, nun sobre pechado, de tamaño axeitado (A4 ou similar), sen dobrar, debendo figurar necesariamente no modelo de solicitude a remitir á Fegas un selo no que conste a data de envío debidamente cuberta pola correspondente oficina de correos.

O exemplar do modelo de solicitude que debe presentarse segundo un destes procedementos será aquel que na súa parte inferior esquerda di literalmente «exemplar para a fundación».

Quinta.-Admisión de aspirantes.

1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, procederase á revisión das presentadas. Rematado o dito proceso, dictarase acordo no que se declaren con carácter provisional os aspirantes admitidos e excluídos, co motivo da exclusión.

2. O dito acordo publicarase nos lugares ós que se refire a base 4.2 do presente acordo e concederase un prazo de sete días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación da lista na oficina de información da Fegas, para que, se é o caso, se emenden aquelas causas de exclusión susceptibles de tal trámite.

3. Á vista das peticións de reparación presentadas, publicaránse, na forma descrita no número 2 da presente base, as listas definitivas de aspirantes admitidos e excluídos. Para tal efecto, a estimación ou, se é o caso, desestimación das ditas peticións de reparación, entenderanse implícitas no acordo que publique as ditas listaxes definitivas.

Sexta.-Fases do proceso selectivo.

1. A estructura do proceso selectivo constará de dúas fases.

A) Probas eliminatorias.

B) Fase curricular.

Os aspirantes que non superen ou obteñan o 50% da puntuación fixada como máxima para a fase das probas eliminatorias e para a subfase de entrevista da fase curricular resultarán eliminados. No relativo á subfase de baremación da fase curricular rexerá o disposto no punto B.1. desta base.

A) Probas eliminatorias.

Esta fase terá un valor total do 60% da puntuación total do proceso selectivo e constará de dúas probas que terán carácter eliminatorio.

Os aspirantes serán convocados para cada proba eliminatoria nun único chamamento e serán excluídos do proceso selectivo os que non comparezan.

En calquera momento os aspirantes poderán ser requiridos polos membros da comisión de selección coa finalidade de que acrediten a súa personalidade.

A.1. A primeira proba consistirá en contestar no prazo máximo dunha hora e corenta e cinco minutos a un cuestionario tipo test de 100 preguntas sobre as materias de que verse o programa publicado por acordo do 20 de marzo de 2001 (Diario Oficial de

Galicia nº 67, do 4 de abril). Igualmente, no dito test incluiranse 10 preguntas que acrediten o coñecemento polo aspirante do idioma galego. Esta proba será valorada de 0 a 75 puntos.

A comisión de selección poderá acordar nesta proba a inclusión de preguntas reserva que deberán ser contestadas obrigatoriamente polos aspirantes, ampliándose en tal suposto e de forma proporcional o tempo de realización do exercicio.

As contestaciones erróneas serán valoradas negativamente a razón dun quinto da puntuación asignada ás respostas correctas.

A comisión de selección adoptará as medidas oportunas para garantir que esta proba eliminatoria sexa corrixida sen que se coñeza a identidade dos aspirantes, excluíndose aqueles que teñan exercicios nos que figuren marcas ou figuras que permitan coñece-la súa identidade. Ó remate da proba entregaráselle a cada aspirante a última copia da súa folla de respostas. O modelo de respostas correctas publicarase con posterioridade a este no taboleiro de anuncios da oficina de información e na páxina web do Sergas.

Esta primeira proba eliminatoria tense previsto celebrar entre os días 23 de xuño e 14 de xullo de 2001.

A.2. A segunda proba consistirá na realización dunha proba de contido teórico-práctico a través da que se evidencie o coñecemento polos aspirantes da materia informática e da súa aplicación práctica, sobre manexo de paquetes ofimáticos (folla de cálculo e procesador de textos), en contorno Office, e que poderá diferenciarse en dúas partes, unha teórica e outra práctica, na proporción, no tempo e cos medios que a comisión de selección estime axeitados.

A comisión de selección, por cuestión de índole organizativa, poderá propoñer exercicios distintos de similares características, que serán sorteados ó chou nos correspondentes chamamentos parciais.

Así mesmo, todos aqueles exercicios que non acaden a puntuación mínima esixida para supera-la proba, serán cualificados directamente como non apto.

Esta proba será valorada de 0 a 45 puntos.

Rematada a fase de probas selectivas, a comisión de selección acordará a apertura da fase curricular no prazo e forma establecido na base terceira.

B) Fase curricular.

Os aspirantes que superen a primeira fase (probas eliminatorias) accederán á segunda, que terá un valor total do 40% da puntuación alcanzable no proceso selectivo, cunha puntuación máxima de 80 puntos.

Pola súa vez, esta fase subdividirase nas seguintes subfases, que terán, cada unha delas, carácter eliminatorio:

B.1. Baremación.

Levarase a efecto do seguinte xeito:

Experiencia na mesma categoría profesional ou noutra de similar ou de análogo contido funcional á convocada, en entidades adscritas a calquera Administración pública dedicadas á formación continua do persoal ó servicio do Sistema Nacional de Saúde, sempre que se acredite tal extremo perante a comisión de selección do xeito sinalado na presente convocatoria, ata un máximo do 30% da puntuación total alcanzable no conxunto do proceso selectivo.

Para estes efectos, a puntuación máxima alcanzable nesta subfase será de 60 puntos, a razón de 1,50 puntos por mes de servicios prestados, computándose para estes efectos as fraccións de mes como mes enteiro traballado.

Para os efectos do cómputo destes servicios teranse en conta os prestados ata a data na que a comisión de selección faga público os aspirantes que superaron a primeira fase do proceso selectivo consistente nas probas eliminatorias.

A acreditación da experiencia realizarase achegando certificación expedida pola entidade que corresponda na que consten a categoría profesional, as funcións principais desenvolvidas e o tempo de prestación de servicios polo aspirante. Ademais da dita certificación, o aspirante achegará, en todo caso, o informe de vida laboral emitido polo organismo público correspondente.

A comisión de selección poderá, de consideralo necesario, solicitar unha ampliación da dita documentación así como verificar, por calquera medio, a veracidade dos méritos alegados.

A comisión de selección, unha vez que se procedeu á baremación nestes termos, decidirá, á vista do resultado das probas eliminatorias e desta subfase de baremación, e en función do número de prazas ofertadas, aqueles aspirantes que acceden á seguinte subfase, quedando eliminados do proceso selectivo os restantes.

Rematada esta subfase, a comisión de selección citará os aspirantes que teñan superada a subfase de baremación para a celebración da entrevista, no prazo e forma establecido na base terceira.

B.2. Entrevista.

A subfase de entrevista valorarase ata un máximo do 10% da puntuación total alcanzable no conxunto do proceso selectivo, valorándose de 0 puntos a 20 puntos e terá un carácter persoal, regrado e estructurado en función de parámetros obxectivos, coa finalidade de coñecer aquelas calidades que posúan os aspirantes para o desenvolvemento das funcións asignadas ó posto de traballo, tales como facilidade de comunicación e fluidez verbal, capacidade de traballo en equipo, relación cos alumnos, sentido común, capacidade para asumir responsabilidades, motivación, así como calquera outra que estea vinculada ó óptimo desenvolvemento das ditas funcións.

2. Rematada a subfase de entrevista persoal, a comisión de selección dictará acordo no que decla

rará concluso o proceso selectivo e relacionará os aspirantes que o superaron.

3. En caso de empate na puntuación final do proceso selectivo, resolverase en función dos seguintes criterios:

a) En primeiro lugar acudirase á puntuación final obtida no conxunto das probas eliminatorias.

b) De manterse o empate, acudirase á maior puntuación obtida na primeira das probas eliminatorias.

c) De continua-lo empate, acudirase á mellor puntuación na subfase de baremación da fase curricular.

d) De continua-lo empate, acudirase á mellor puntuación na subfase da entrevista da fase curricular.

e) De manterse o empate, acudirase a un sorteo en presencia dos membros da comisión de selección e dos aspirantes afectados, que serán previamente citados de xeito fidedigno.

Sétima.-Comisión de selección.

1. A comisión de selección do proceso selectivo terá a seguinte composición:

Presidente:

Javier Bouzada Romero, director da Fegas.

Secretario, con voz e voto:

Jesús Senra Negro, funcionario da División de Recursos Humanos do Sergas.

Vocais:

Mª Dolores García Jiménez, funcionaria da División de Recursos Económicos do Sergas.

Enrique Paseiro Pardal, funcionario da Secretaría Xeral do Sergas.

Un representante das organizacións sindicais con representación no sector sanitario público de Galicia.

No suposto de que algún dos ditos membros deba ser substituído por calquera causa, a dirección da fundación procederá ó nomeamento dun novo membro, que será publicado no taboleiro de anuncios da oficina de información.

2. Os membros da comisión de selección deberán absterse de intervir, notificándollo á dirección da fundación, cando concorra neles algunha das causas previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou cando nos cinco anos anteriores á convocatoria realizaran tarefas específicas de preparación de aspirantes para o ingreso en similar categoría profesional. O presidente poderá solicitar dos membros da comisión de selección declaración expresa de non atoparse incurso nas circunstancias ás que se fai referencia neste número.

3. Correspóndenlle á comisión de selección as funcións relativas á determinación concreta do contido das probas eliminatorias e da subfase de entrevista e á cualificación dos aspirantes en tódalas fases do proceso selectivo, así como, en xeral, a adopción de cantas medidas sexan precisas para o seu desenvolvemento correcto.

En concreto, no referente ás probas eliminatorias correspóndelle establece-los criterios de corrección delas, e decidir, segundo isto, os aspirantes que as superan ou que resultan eliminados do proceso e, no referente á subfase de entrevista, correspóndelle valora-la concorrencia nos distintos aspirantes das calidades descritas no punto B.2. da presente base e decidir, segundo isto, os aspirantes que a superen.

4. A comisión de selección terá a súa sede na Fundación Pública Escola Galega de Administración Sanitaria (Fegas), sita no polígono das Fontiñas, rúa de Madrid 2-4, 2ª planta, en Santiago de Compostela.

5. A comisión de selección poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos dos asesores especialistas ou de apoio que estime oportunos. Os ditos asesores limitaranse a presta-la súa colaboración, con voz e sen voto.

6. A partir da súa constitución, a comisión de selección requirirá, para actuar validamente, a presencia da maioría dos seus membros. Por acordo dos seus membros, a comisión de selección poderá acorda-la autoconvocatoria para a seguinte ou seguintes sesións que realice, sen necesidade de citación por escrito ós seus membros.

Os acordos da comisión de selección adoptaranse por maioría simple, decidindo, no caso de empate, o voto de calidade do presidente; o secretario levantará acta de cada unha das sesións.

7. En ningún caso a comisión de selección poderá declarar que superaron o proceso selectivo un número de aspirantes superior ó de prazas convocadas, aínda que si poderá declarar deserta a cobertura dunha ou varias delas.

Oitava.-Reclamacións.

Sen prexuízo da facultade do aspirante de acudir ós tribunais de xustiza, poderanse presentar reclamacións contra os acordos e actuacións da comisión de selección, nas seguintes condicións e prazos, que se contarán a partir do día seguinte ó de exposición ó público do correspondente acordo no taboleiro de anuncios da oficina de información e interporase mediante escrito dirixido ó presidente da comisión de selección:

a) Reclamación sobre o contido das preguntas incluídas na primeira das probas eliminatorias (test): cinco días naturais.

b) Reclamación sobre resultados do dito exercicio: cinco días naturais.

c) Reclamación ou solicitude de revisión do segundo exercicio (proba informática), das probas eliminatorias: cinco días naturais.

d) Reclamación sobre a baremación da primeira subfase da fase curricular: cinco días naturais.

Novena.-Lista de contratacións.

Ó remate do proceso selectivo, elaborarase unha relación ordenada na que figuren tódolos aspirantes que superaron tódalas fases do proceso selectivo, agás a entrevista, para a súa posible contratación

laboral temporal na categoría convocada, sempre e cando as necesidades de persoal existente na fundación o demanden, tendo o carácter de lista previa para os efectos do artigo 7 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten unha participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e de contratación, e sen prexuízo da utilización pola fundación doutras formas de cobertura de prazas vacantes previstas na lexislación vixente.

Décima.-Toma de posesión.

Os prazos de toma de posesión dos aspirantes seleccionados, de presentación da documentación que se lles requira e de sinatura dos correspondentes contratos de traballo como persoal laboral fixo da fundación serán fixados, ó remate do proceso selectivo, pola dirección dela.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Javier Bouzada Romero

Director da Fundación Pública Escola Galega

de Administración Sanitaria (Fegas)