Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.197

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Direción Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, subestación parque eólico Ameixeiras-subestación parque eólico Masgalán, nos termos municipais de Lalín, Silleda e Forcarei, provincia de Pontevedra. (Expediente 132/2000 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificación en avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con datas do 10 e 27 de abril de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación a este expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características básicas da instalación son as seguintes:

Liña de alta tensión a 220 kV, de 9.738 m de lonxitude total, con conductor LA-455 Simplex, sobre apoios metálicos, desde a subestación do futuro P.E. Masgalán, discorrendo o trazado polos municipios de Lalín, Silleda e Forcarei. O primeiro tramo desde a subestación do futuro P.E. Ameixieiras, de 3.700 m de lonxitude, en dobre circuíto, común coa

L.A.T. P.E. Ameixeiras-P.E. Serra do Cando, ata o punto de derivación do segundo tramo,de 6.038 m de lonxitude, igualmente en dobre circuíto, rematando no futuro P.E. Masgalán.

Segundo.-A delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relacións de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 22 de maio de 2000, publicado no DOG do 31-5-2000, no BOP de Pontevedra de 6-6-2000 e o xornal La Voz de Galicia do 7-6-2000, no BOE do 16-6-2000, no taboleiro de anuncios dos concellos de Lalín, Silleda e Forcarei e na Delegación de Provincial de Pontevedra; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Con data do 19 de xuño de 2000, José Pérez Bertolo e outros, na súa calidade de presidentes das comunidades de montes das parroquias de Madanela de Montes, A Graña, Ameixeiras-Badolo, Os Codesás, Soutelo de Montes, O Sisto, Pardesoa e Vilariño presentan alegacións ante o Concello de Forcarei manifestando que o trazado da liña discorre por zona proposta para o seu inclusión na rede Natura 2000, polo que solicitan que o trazado discorra subterráneo.

2. Con data do 6 de xullo Luis García Madriñán, en representación verbal (non acreditada) de Victoria Madriñán Santorum, de Luis Dictino Louzado Ferradás, así como dos demais copropietarios do predio denominado Grovas, alega que mostra disconformidade coa cualificación xurídica do predio, ó figurar na relación de bens e dereitos identificada como Monte Veciñal en Man Común de Grovas, sendo en realidade, segundo manifesta, unha propiedade privada; ademais, considera que construcción da liña ocasionaría un evidente prexuízo económico derivado da destrucción dos recursos naturais e arqueolóxicos da zona, polo que se opón á súa execución.

3. Con data do 6 de xullo de 2000, María Enriqueta Vietez Cendón, en nome e representación da Asociación de Veciños Santa Bárbara, alega que o trazado da liña produce prexuízos de interese xeral e graves danos a valores especialmente protexidos, ademais de vulnera-la normativa referente a espacios naturais de especial protección; por outro lado, considera que a liña pode ter efectos perniciosos para a saúde, e solicitan que o trazado da liña discorra subterráneo e se separe dos núcleos de poboación.

4. A asociación de comunidades de montes veciñais en man común afectadas polo parque eólico Masgalán Campo do Coco, presenta con data de entrada 8-1-2001 (fóra do prazo de alegacións), 761 sinaturas en contra da colocación do parque e da liña asociada a el.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe faborable da Delegación Provincial de Pontevedra o 22 de marzo de 2001.

Quinto.-O 31 de xaneiro de 2001 a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental da citada liña.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. No referente á afección ó ambiente e á súa inclusión na rede Natura 2000 xa debeu ser considerado no estudio de impacto ambiental sendo formulada a DIA da mencionada liña o 31 de xaneiro de 2001. En canto á posibilidade de que a liña se fixese subteránea, non existe obriga por parte da compañía e a variación en canto ó custo excedería en 10% que marca o artigo 26 limitacións do Real decreto 2619/1966.

2. Respecto ás alegacións de Madriñán, a empresa beneficiaria tomará razón delas e procederase a tramita-lo expediente de expropiación forzosa cos representados polo alegante, ó non acreditar este a súa representación. No obstante, durante a fase do levantamento de actas previas á ocupación, á que serán convenientemente notificados, deberán presenta-la documentación acreditativa da dita titularidade.

3. No referente á posible afección de saúde dos campos electromagnéticos asociados ás liñas de alta tensión, é preciso lembrar que non hai consenso na comunidade científica internacional ó non haber evidencias de que a exposición a elas supoña un risco para a saúde; por outro lado, o Regulamento de liñas aéreas de alta tensión, Decreto 315/1968,

soamente especifica distancias mínimas para efectos de seguridade que en este caso se cumpren.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas.

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, da subestación parque eólico Ameixeiras-subestación parque eólico Masgalán, nos termos municipais de Lalín Silleda e Forcarei (Pontevedra).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalacións eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Como condición para a ocupación efectiva dos terreos, será necesario que durante o levantamento de actas previas á ocupación se comprobe, mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria