Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 76 Xoves, 19 de abril de 2001 Páx. 5.195

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Direción Xeral de Industria, pola que se autoriza administrativamente, se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV, interprovincial, da subestación do parque eólico Ameixeiras á subestación do parque eólico Serra do Cando, nos termos municipais de Lalín e Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense). (Expediente IN407A 00/94-4 e IN407A 00/47-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído por pedimento da empresa Gamesa Energía, S.A., con enderezo para efectos de notificación en avda. do Cruceiro da Coruña, 201-A 15705 Santiago de Compostela, A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con datas do 4 de abril de 2000 e 26 de abril de 2000, a citada empresa solicita, ante as delegacións provinciais de Pontevedra e Ourense, a autorización administrativa, aprobación do proxec

to de execución e a declaración de utilidade pública da citada instalación presentando o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 a 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e 2619/1966, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ámbolos dous de aplicación a este expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeira do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, así como a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características básicas da instalación son as seguintes:

L.A.T. a 220 kV, interprovincial, aérea, de dobre circuíto, de 17.379 m de lonxitude total, con conductor LA-455, sobre apoios metálicos, desde a futura subestación do parque eólico de Ameixeiras ata a subestación do parque eólico de Serra do Cando. O trazado discorre polos concellos de Lalín e Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense). Está formada por tres tramos:

Tramo I: de 3.700 m, desde a futura subestación de Ameixeiras ó entronque coa futura L.A.T. a 220 kV entre o parque eólico de Ameixeiras e o parque eólico de Masgalán.

Tramo II: de 9.966 m, desde o final do tramo I ata o apoio nº 45 da L.A.T. existente entre a subestación Albarellos e o parque eólico de Cando.

Tramo III: de 3.713 m, desde o citado apoio nº 45 ata o nº 54 da liña existente entre a subestación Albarellos e o parque eólico de Cando, a 220 kV, modificando o tramo existente e poñéndoo en dobre circuíto.

O orzamento total ascende a douscentos sete millóns seiscentas once mil trescentas noventa e oito pesetas (207.611.398 pesetas).

Segundo.-Por acordo da Delegación Provincial de Pontevedra do 4 de maio de 2000 e da Delegación Provincial de Ourense do 15 de maio de 2000 someteuse o citado proxecto de instalacións, xunto coa relacións de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública, publicados conxuntamente no BOE do 15-6-2000 e o DOG do 17-5-2000, pola Delegación Provincial de Pontevedra no BOP de Pontevedra do 23-5-2000, no xornal La Voz de Galicia do 2-6-2000 e nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lalín e Forcarei, pola Delegación Provincial de Ourense no BOP de Ourense do 1-6-2000, no xornal La Región do 2-6-2000 e no taboleiro de anuncios do concello de Beariz, así como nas delegacións provinciais de Pontevedra e Ourense; así mesmo, as delegacións provinciais notificaron

individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

Separadamente, presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros organismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formuláronse as seguintes alegacións:

1. Con data do 14 de xuño de 2000, Samuel Crespo Dobarro, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Zobra, presenta escrito de alegacións no que solicita a paralización do expediente e a denegación da solicitude de autorización administrativa, declaración de utilidade pública, aprobación do proxecto de execución e do impacto ambiental para a execución da L.A.T. solicitada. Expresa con carácter xeral os danos que para o aproveitamento forestal, a apicultura, os mananciais, o desenvolvemento do turismo rural, a infravaloración dos terreos ou da súa servidume e a falta de delimitación entre os concellos de Lalín e Forcarei, que supón a construcción da liña.

2. Con data do 9 de xuño de 2000, Luis Otero Álvarez, como presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Sixto, presenta alegacións manifestando que existe erro nas medicións, efecto negativo que ten a liña sobre as previsións e investimentos xa realizados pola comunidade de montes respecto a repoboacións, xunto coa afección á saúde dos habitantes, solicitando o cambio de trazado ou que se faga subterránea e a adecuación da superficie afectada á que realmente se ocupa.

3. Con data do 7 de xuño de 2000, Fino Pérez Otero, como presidente da Comunidade de Montes de Badacolo, solicita a modificación da traza alegando a menor afección do monte e da saúde.

As alegacións foron remitidas á empresa beneficiaria para a súa contestación, facilitando esta as informacións adicionais.

Cuarto.-Por Resolución do 15 de xaneiro de 2001, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental da instalación.

Quinto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu informe favorable das delegacións provinciais de Ponteveddra e Ourense.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5 e 6.

Terceiro.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación a elas por parte da empresa promotora e o resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto que non se poden acepta-las alegacións presentadas polos interesados polas razóns que a continuación se indican:

1. Con respecto ás alegacións presentadas pola Comunidade de Montes de Zobra, non se poden aceptar porque o proxecto se someteu a impacto ambiental, as indemnizacións réxense pola Lei de expropiación forzosa, e en canto á delimitación de propiedades, a expropiación enténdese co propietario que actualmente ten recoñecido o seu dereito.

2. Con respecto ás alegacións da Comunidade de Montes de Sixto, as medicións fixéronse cos medios e sistemas axeitados, a realización da obra non empeorará as condicións socioeconómicas da zona, e non se puido demostra-lo impacto sobre a saúde.

3. Con respecto ás alegacións da Comunidade de Montes de Badacolo, non se pode acepta-lo cambio de trazado porque non se cumpren os requisitos do artigo 26 do Decreto 2619/1966. Por outra parte, o trazado do proxecto cumpre co Regulamento de liñas aéreas de alta tensión.

Cuarto.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transpore de enerxía eléctrica a 220 kV, da subestación parque eólico Ameixeiras á subestación parque eólico Serra do Cando, nos termos municipais de Lalín e Forcarei (Pontevedra) e Beariz (Ourense).

2. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

3. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Como condición para a ocupación efectiva dos terreos, será necesario que durante o levantamento de actas previas á ocupación se comprobe, mediante inspección sobre o terreo seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións nin limitacións previstas no artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e nos artigos 25 e 26 do regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléc

tricas, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria