Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.099

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo.

Nas listas para a cobertura con carácter temporal de postos incluídos nas relacións de postos de traballo elaboradas de conformidade co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, non existe na actualidade persoal suficiente que reúna os requisitos que son necesarios para o desempeño dos correspondentes postos de traballo, polo que ante a urxente necesidade de cubrir vacantes do corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros agrónomos e escala de veterinarios para a cobertura de postos na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e do corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo B), escala de enxeñeiros técnicos agrícolas, ábrese o prazo de presentación de solicitudes para a inclusión nas listas de novas persoas, con independencia de que as anteriores continúen en vigor.

Por isto, en aplicación do previsto no Decreto 89/1997, do 10 de abril, co informe previo da comisión de persoal, esta dirección xeral acorda realiza-la convocatoria para a elaboración das devanditas listas, de conformidade coas seguintes

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo nos corpos e escalas da Administración da Xunta de Galicia que se especifican no anexo I, a cobertura dos cales se considera de urxente necesidade, mentres non sexan ocupados polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

As listas correspondentes ás especialidades obxecto desta convocatoria e que foron elaboradas de acordo co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, continuarán en vigor e a súa utilización terá carácter preferente.

Segunda.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial para cada corpo ou escala das que figuran no anexo I, elaborarase unha lista para servicios centrais, agás no corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de veterinarios, e outra para cada provincia da comunidade autónoma.

En canto ós epígrafes ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (DOG nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:

-Lista B.

As listas que se confeccionen serán para o corpos que a continuación se sinalan:

Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia (grupo A):

-Escala de enxeñeiros agrónomos.

-Escala de veterinarios para a cobertura temporal de postos na Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia (grupo B):

-Escala de enxeñeiros técnicos agrícolas.

Incluiranse nestas listas os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribrirse nelas e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitudes nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Terceira.-Solicitudes.

1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo II desta convocatoria.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no DOG e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros agrónomos e escala de veterinarios: 7.755 pesetas.

-Corpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros técnicos agrícolas: 6.780 pesetas.

Os que así non o fixesen no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo IV. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da

Xunta de Galicia especificadas na base 3.1, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo IV, que se publica con esta convocatoria.

Cuarta.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-los requisitos que para cada corpo ou escala se determinan no anexo I. O citado requisito deberá posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Seren españois.

-Teren cumpridos os 18 anos.

-Non padeceren enfermidade nin estaren afectados por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estaren separados do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitados por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto que non acrediten estes requisitos os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Quinta.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria, e, de se-lo caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo, escala que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo III, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos admisibles e valorables serán unicamente os causados ata a data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Os méritos a que se refire o punto B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo e escala, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberá ser emitida polos órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polo punto B.1 (ter superado algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado o xustifique.

Sexta.-Elaboración das listas.

1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de ela

bora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no DOG o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

3. As listas correspondentes ás escalas obxecto desta convocatoria e que foron elaboradas de acordo co Decreto 252/1992, do 30 de xullo, continuarán en vigor e a súa utilización terá carácter preferente, polo que os integrantes delas non poderán presentar de novo solicitude ó respecto, excepto para aqueles ámbitos territoriais nos que non se atopen incluídos na relación definitiva de admitidos publicada no ano 1994.

Polo tanto, unha vez que se esgoten ou non poidan empregarse as mencionadas listas, os chamamentos realizaranse en cada ámbito territorial a través das listas que se elaboren de acordo coa presente convocatoria.

Sétima.-Recursos.

Contra a presente resolución que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou, directamente, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa publicación, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da jurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública

ANEXO I

GrupoCorpo ou escalaRequisitos

ACorpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros agrónomosEnxeñeiro agrónomo

ACorpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de veterinariosLicenciado en veterinaria

BCorpo facultativo de grao medio da Xunta de Galicia, escala de enxeñeiros técnicos agrícolasEnxeñeiro técnico agrícola