Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.102

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración de listas reguladas no artigo 15 do Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo.

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a elaboración de listas especiais para supostos de substitucións urxentes e imprescindibles para o bo funcionamento do servicio, nos casos de ausencias dun máximo de quince días de duración de funcionarios do corpo facultativo superior -grupo A- da Xunta de Galicia, especialidade veterinarios con destino en lonxas e matadoiros da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Segunda.-Ámbito territorial.

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra cada provincia da Comunidade Autónoma.

Terceira.-Requisitos.

Nesta convocatoria poderán participar aqueles interesados que figuren nas listas definitivas de admitidos, elaboradas como consecuencia da convocatoria realizada pola Resolución do 1 de marzo de 2000, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG nº 51, do 14 de marzo). A puntuación e prelación de cada un dos interesados en figurar nestas listas especiais será a mesma coa que xa figuren nas ditas listas definitivas.

Cuarta.-Solicitudes.

1. Na solicitude o interesado deberá indica-los ámbitos territoriais nos que desexe ser incluído, independentemente dos que solicitase nas listas xa elaboradas.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións proviciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A inclusión nestas listas non dará lugar ó cobramento de taxas por dereitos de inscrición.

4. Na solicitude deberá constar necesariamente un único número de teléfono de contacto.

Quinta.-Documentación.

Os interesados na súa inclusión nestas listas especiais deberán presentar en prazo, única e exclusivamente a solicitude de acordo co modelo do anexo I desta convocatoria.

Sexta.-Elaboración listas.

1. A Comisión Permanente de Selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a persoal funcionario, a que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997, e que ten a categoría de primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes.

2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

3. Os chamamentos realizaranse para cada ámbito territorial.

4. A partir da data de publicación no DOG do anuncio da exposición das listas obxecto desta convocatoria acudirase a estas listas especiais sempre que se trate de substitucións urxentes e imprescindibles para o bo funcionamento do servicio, nos casos de ausencias dun máximo de quince días de duración.

Sétima.- Xestión listas especiais.

1. Estas listas especiais teñen un carácter totalmente independente e, consecuentemente, as incidencias e situacións que se produzan pola súa xestión non repercutirán nas listas xerais reguladas no Decreto 23/2000.

2. Os chamamentos realizaranse por medios telefónicos (ou, se é posible, telemáticos), debendo constar nun libro de rexistro habilitado para o efecto as comunicacións cursadas; para tal efecto o empregado público encargado das listas formalizará a correspondente dilixencia.

A presentación da solicitude suporá a aceptación do anterior, debendo facer constar na dita solicitude un único número de teléfono de contacto.

3. Dado que estas listas epeciais teñen por obxecto as substitucións urxentes e imprescindibles ás que se refire a base primeira desta convocatoria, unha

vez aceptado o posto, a incorporación poderá ser inmediata de acordo coas indicacións que se dean no momento do chamamento.

4. Quen renuncie por calquera causa ou non fose localizado persoalmente cando se realice un chamamento, pasará a ocupa-lo último lugar da súa lista no ámbito territorial correspondente.

En todo caso, aquel que despois de acepta-lo chamamento non compareza no lugar e hora indicados, quedará excluído da lista correspondente en tódolos ámbitos territoriais.

Oitava.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das adminstracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación, ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da jurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública