Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.104

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 5 de abril de 2001, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se abre o prazo para a presentación de solicitudes ás que se refire o artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, para o corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E), listas A1 e A2.

BASES:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta convocatoria é a modificación das listas A1 e A2, elaboradas trala convocatoria realizada pola Resolución do 1 de marzo de 2000, da Dirección Xeral da Función Pública (DOG nº 51, do 14 de marzo), e publicadas pola Resolución do 26 de xullo de 2000 da Dirección Xeral da Función Pública (DOG nº 156, do 11 de agosto), para a cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento de persoal interino, de postos de traballo reservados a funcionarios, reguladas no Decreto 89/1997, do 10 de abril, modificado polo Decreto 70/2000, do 31 de marzo, e correspondentes ó corpo subalterno da Xunta de Galicia (grupo E), de conformidade co establecido no artigo 12 c) do devandito decreto.

Segunda.-Modificación das listas. Persoas que poden participar.

A modificación consistirá, de conformidade co artigo 12 c) do Decreto 89/1997, do 10 de abril, na inclusión das persoas que, reunindo os requisitos para formar parte das listas ás que fai referencia a base 1ª (listas A1 e A2), non presentaron no prazo fixado pola Resolución do 1 de marzo de 2000 (DOG nº 51, do 14 de marzo) a correspondente instancia, ou, de se-lo caso, os que tendo presentada solicitude figuraron excluídos nas listas definitivas.

Terceira.-Solicitudes.

1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os solicitantes estarán obrigados, no prazo de dez días contados a partir da publicación das listas provisionais, a remitir á Dirección Xeral da Función Pública o xustificante de que pagaron a taxa que a continuación se expresa:

Corpo subalterno da Xunta de Galicia: 3.880 pesetas.

Os que así non o fixesen no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Estarán exentos do pagamento desta taxa as persoas con discapacidade igual ou superior ó 33%, con xustificación documental.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo II. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta

de Galicia especificadas na base 3.2, debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante, para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo II, que se publica con esta convocatoria.

Cuarta.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito: certificado de escolaridade ou equivalente. O citado requisito deberá posuírse no último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo, terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto de que non acrediten estes requisitos, os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Quinta.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e fotocopia cotexada do título académico que se achegue, e, se é o caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

Sexta.-Elaboración das listas.

1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997, e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes.

2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

3. A partir da data da publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da exposición das listas definitivas desta convocatoria, os solicitantes admitidos serán incluídos pola Comisión Permanente de Selección na lista correspondente, no lugar que lles corresponda pola orde de prelación atendendo ó resultado obtido no proceso selectivo.

Sétima.-Recursos.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, ou directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ó da súa publicación, perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, conforme o artigo 14.2º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativo.

Santiago de Compostela, 5 de abril de 2001.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública