Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.094

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLO DA CULTURA GALEGA

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, na súa alínea b), establece que: compete ó Consello da Cultura Galega investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2001 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos sobre diversos aspectos da cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas ó Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Na súa virtude, apróbanse as seguintes bases:

Primeira.-Obxecto.

Convócanse dez bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega.

Como anexos a esta resolución inclúense os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes de cada bolsa.

Segunda.-Contía das bolsas e dotación orzamentaria.

As bolsas constan dunha asignación mensual coa retención fiscal que corresponda.

A contía especifícase nos anexos correspondentes.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente na conta bancaria indicada polo interesado, logo do certificado do director da investigación, sempre que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Para o gasto que se proxecta habilitarase o crédito suficiente na partida orzamentaria 03.01.111D.480.0, por unha contía máxima total de catro millóns oitocentas sesenta mil pesetas (4.860.000), impostos incluídos, correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

Terceira.-Duración.

As tarefas relativas ás bolsas iniciaranse a partir da data de incorporación dos bolseiros e terán unha duración especificada no anexo correspondente a cada bolsa, e en ningún caso superior ó 31 de decembro de 2001.

Estas bolsas poderán prorrogarse ata un máximo de tres anos, incluído o período inicial, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o permitan as dispoñibilidades orzamentarias.

Cuarta.-Requisitos xerais.

a) Ser español ou pertencer a un país membro da Unión Europea.

b) Posuír coñecementos de lingua galega.

c) Ser licenciado ou, se é o caso, diplomado universitario.

d) Non levar máis de catro anos licenciado ou, se é o caso, diplomado. Sen embargo, poden optar ás bolsas as persoas que se atopen nesta circunstancia, sempre que estean cursando estudios de terceiro ciclo ou xa os cursasen no momento de presentarse á convocatoria.

e) Non ter desfrutado con anterioridade dunha bolsa do Consello da Cultura Galega durante un prazo ininterrompido superior ós 3 anos.

f) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

g) Non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

Quinta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, anexo VIII, irán dirixidas ó presidente do Consello da Cultura Galega e entregaranse na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, 2ª planta, Praza do Obradoiro, 15705 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, xunto coa documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada de non ter sido separado do servicio de ningunha Administración nin institución

pública como consecuencia de expediente disciplinario, así como de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, nin beneficiarse de bolsas ou axudas equiparables ás convocadas.

Transcorrido o prazo de vinte días, farase pública unha lista de candidatos admitidos e excluídos, dándoselles a estes últimos un prazo de dez días naturais para presenta-las alegacións ou a documentación relevante.

Sexta.-Comisión de valoración.

A comisión de valoración estará formada por dous membros da Comisión Executiva e o coordinador da sección, ou director do arquivo ou proxecto que solicite a bolsa. Este último pode, pola súa vez, delegar nun membro da sección ou comisión técnica correspondente.

Sétima.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de 4 puntos.

-Currículum vitae do solicitante, experiencia investigadora e colaboración en proxectos de investigación similares: ata un máximo de 4 puntos.

Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes que obtivesen unha maior puntuación na fase anterior, a unha entrevista persoal, para valora-los seus coñecementos e aptitudes, ata un máximo de 2 puntos.

O presidente da comisión propoñeralle ó presidente do Consello da Cultura Galega a relación de candidatos seleccionados para a adxudicación da bolsa.

Finalmente, a comisión fará pública a relación dos candidatos seleccionados (titulares e suplentes) por orde de puntuación, e as bolsas adxudicaranse por resolución do presidente, que será debidamente notificada ós solicitantes. A dita resolución porá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición perante o mesmo órgano que o dictou ou poderá ser impugnada directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa de acordo co artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

A comisión de avaliación poderá declarar deserta a convocatoria, se considera que ningún dos candidatos resulta idóneo.

A resolución do presidente adoptarase no prazo de tres meses, contados desde a data de publicación no Diario Oficial de Galicia da convocatoria das bolsas, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

No caso de que, adxudicadas as bolsas, xurdisen renuncias adxudicarase automaticamente a axuda ó seguinte aspirante en puntuación, procedéndose do mesmo modo nas renuncias consecutivas.

Oitava.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de

catro días naturais, comunicarán por escrito ó presidente do Consello da Cultura Galega a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses catro días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa, declarándose rematado o procedemento.

Novena.-Obrigas dos beneficiarios.

Para xustifica-lo cumprimento da finalidade para a que se concedeu a bolsa e a aplicación dos fondos percibidos, os beneficiarios presentarán, dentro do mes seguinte ó remate da bolsa, un informe sobre o proxecto de investigación que están realizando.

No caso de que os beneficiarios incumprisen algunha das condicións establecidas para a concesión da bolsa quedarán obrigados ó reintegro total ou parcial do importe da axuda, que en cada caso fose pertinente.

Os beneficiarios están obrigados a facilita-la información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das funcións de fiscalización e control de destino das bolsas.

Décima.-Réxime de colaboración.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa co Consello da Cultura Galega.

Os aspirantes seleccionados incorporaranse no prazo de tres días naturais, desde o remate do prazo para comunica-la súa aceptación, e desenvolverán o seu labor nos lugares e horarios establecidos nos correspondentes anexos.

Décimo primeira.-Extinción anticipada da bolsa.

No caso de incumprimento das tarefas de colaboración, o presidente do Consello da Cultura Galega, logo de escoita-la persoa afectada, poderá anula-la bolsa e atribuírlla ó aspirante que ocupe o primeiro lugar en orde de puntuación ó remate do proceso de selección, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen presta-la súa colaboración por calquera motivo.

A solicitude da bolsa implica o coñecemento e a aceptación destas bases.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2001.

Carlos Casares Mouriño

Presidente do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Dúas bolsas para colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no programa Arquivo Sonoro de Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega, para

realizar distintos labores de catalogación dos fondos sonoros.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en humanidades ou diplomado en documentación.

-Posuír coñecementos de biblioteconomía e documentación.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar na Sección de Comunicación.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de investigación Galicia, Un Século de Comunicación, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en ciencias da información.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de informática.

-Ter experiencia investigadora.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO III

Dúas bolsas para colaborar na Sección de Artes Plásticas.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar nos proxectos de investigación que se está desenvolvendo na Sección de Artes Plásticas do Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en historia da arte.

-Experiencia laboral en áreas vinculadas coa historia da arte.

-Ter experiencia investigadora en historia da arte.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto Catalogación do Arquivo RTVE-Galicia.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación Catalogación do Arquivo de RTVE en Galicia, que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en historia da arte.

-Experiencia de investigación en cinematografía.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO V

Unha bolsa para colaborar no proxecto Curros Enríquez e o Seu Tempo.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación Traduccións da Poesía de Curros Enríquez que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 3 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en traducción, filoloxía galega ou similar.

-Estar realizando os estudios de terceiro ciclo ou telos cursados no momento de presentarse á bolsa.

-Ter experiencia investigadora en historia da literatura galega do século XIX.

-Ter realizados estudios ou traballos de traducción.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar no proxecto Curros Enríquez e o Seu Tempo.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación Investigación Hemerográfica Sobre a Biografía de Curros Enríquez que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 3 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Ser licenciado en filoloxía galega ou similar.

-Estar realizando os estudios de terceiro ciclo ou telos cursados no momento de presentarse á bolsa.

-Ter experiencia investigadora en historia da literatura galega do século XIX e no manexo de material hemerográfico.

-Posuír coñecementos de informática.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.

ANEXO VII

Unha bolsa para colaborar no proxecto Museo Castelao Virtual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de investigación Museo Castelao Virtual que se está desenvolvendo no Consello da Cultura Galega.

Bolsa:

Duración: 6 meses.

Contía: 90.000 pesetas/mes.

Requisitos específicos dos solicitantes: para solicita-la bolsa a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

-Posuír coñecementos de informática, especialmente no deseño e elaboración de páxinas Web.

-Posuír coñecementos de análise de contido, catalogación e busca documental.

Lugar e horario de colaboración: Consello da Cultura Galega, en horario de mañá ou tarde.