Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.093

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2001 pola que se convoca un curso sobre técnicas de mando e dirección.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización dun curso sobre técnicas de mando e dirección, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal a actualización dos mandos da policía local nas tarefas de control, organización, dirección e implementación dos servicios propios dos corpos da policía local, así como a participación, motivación e avaliación dos subordinados dos respectivos cadros de persoal.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós mandos superiores e intermedios dos corpos das policías locais de Galicia e tamén ós cabos que sexan xefes de cadros de persoal.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 27.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 25 de abril ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal ou polo concelleiro de tráfico e seladas; será este requisito indispensable para ser admitido no curso. O incumprimento deste requisito comportará a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.41 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Datas.

O curso terá lugar do 7 ó 11 de maio de 2001.

O horario será das 16 ás 20 horas.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 2 de maio no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

O curso desenvolverase na sede da Academia Galega de Seguridade, sita na avenida da Cultura, s/n, no concello da Estrada.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten

a súa participación continuada a el e que superen as correspodentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás

necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de abril de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade