Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.092

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 27 de marzo de 2001 pola que se convoca un curso básico de protección civil.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 2001, conforme as funcións que ten encomendadas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a realización de 1 curso básico de protección civil, que se desenvolverán conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

Dota-lo persoal voluntario de protección civil dos coñecementos teórico-prácticos mínimos e xerais para o correcto desenvolvemento das súas actividades.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros das agrupacións de voluntarios de Protección Civil da provincia da Coruña.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Solicitudes.

1. As persoas que desexen participar neste curso presentarán, cuberta a máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

2. O prazo para a presentación de instancias será de 15 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. As instancias serán enviadas polo presidente da agrupación correspondente á sede da Academia Galega de Seguridade: avenida da Cultura, 36680 A Estrada, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido.

O curso básicos de protección civil está dividido en varios módulos, que abarca os seguintes contidos:

Módulo I: a protección civil.

Módulo II: os riscos, accidentes e autoprotección.

Módulo III: loita contra os incendios.

Módulo IV: comunicacións.

Módulo V: actuacións básicas ante emerxencias médicas.

Duración e datas.

O curso realizarase ó longo do ano 2001, e terá unha duración de 20 horas lectivas.

As súas datas quedan por determinar en función do número e localización das solicitudes.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 3 de maio de 2001 no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono 986 59 00 21.

Lugar.

Determinarase en función da localización das solicitudes recibidas.

Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en tódalas actividades do curso. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 10% das horas lectivas programadas, determinará a cualificación de non apto no curso.

Certificado de aproveitamento.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada, e superen as correspondentes probas.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 27 de marzo de 2001.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade