Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Mércores, 18 de abril de 2001 Páx. 5.083

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de marzo de 2001 pola que se regula o réxime de concesión de subvencións para actividades deportivas promovidas polos concellos de Galicia durante o ano 2001.

Correspóndelles ás administracións públicas a promoción das actividades físicas e deportivas entre a poboación. Con tal fin os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia habilitan crédito dirixido

a axudarlles ós concellos de Galicia a cumprir estes obxectivos.

Tendo en conta as especiais circunstancias do asentamento da poboación galega, na súa maioría en pequenos núcleos de poboación, que dificultan a programación destas actividades e encarecen o seu desenvolvemento,

DISPOÑO:

Artigo 1º

As subvencións que se regulan ó abeiro da presente orde atenderanse con cargo á aplicación orzamentaria 04.04.355-A.460.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 cunha dotación económica de vinteoito millóns de pesetas (28.000.000 de pesetas) destinadas á realización dos seguintes programas:

a) Escolas deportivas.

b) Organización e participación en competicións deportivas en idade escolar.

c) Desenvolvemento de actividades na natureza.

Artigo 2º

Poderán solicitar subvencións ó abeiro da presente orde os concellos de Galicia que conten cunha poboación de dereito inferior a 15.000 habitantes segundo o último censo dispoñible.

As solicitudes formularanse nos impresos oficiais, segundo o modelo que se xunta como anexo á presente orde. Achegarase tamén un proxecto detallado da actividade que constará de:

-Obxectivos da actividade que se vai realizar.

-Datas, lugares e horarios da actividade.

-Profesorado e titulación dos responsables do desenvolvemento da actividade.

-Orzamento detallado de ingresos e gastos.

-Certificación expedida polo secretario do concello na que se faga consta-la poboación de dereito segundo o último censo dispoñible.

Os peticionarios das axudas presentarán, coa solicitude inicial, unha declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

As solicitudes presentaranse nos rexistros dos servicios provinciais da Secretaría Xeral para o Deporte, ou ben por calquera outro dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes rematará ós vinte días hábiles contados a partir do día seguinte da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3º

A Secretaría Xeral para o Deporte concederá axudas polo importe máximo de cincocentas mil pesetas (500.000 pesetas) para as solicitudes ás que fai referencia o artigo 1º. Só se atenderá unha petición por concello.

A concesión de subvencións ás que se refire a presente orde efectuarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 4º

Unha vez recibida a documentación das solicitudes de subvención, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará a comisión avaliadora encargada de xulgalas, que estará formada polas seguintes persoas:

Presidente: subdirector xeral de Deportes.

Vocais: xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte na Coruña.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Lugo.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Ourense.

Xefe do Servicio Provincial da Secretaría Xeral para o Deporte en Pontevedra.

Secretario: un funcionario da Secretaría Xeral para o Deporte.

O presidente da comisión, á vista da acta da comisión avaliadora, elevaralle proposta ó secretario xeral para o Deporte para a resolución definitiva das subvencións.

Artigo 5º

Para a concesión das axudas obxecto da presente orde teranse en conta os seguintes criterios:

a) Obxectivos da actividade que se vai desenvolver.

b) Cualificación técnica dos responsables do programa.

c) Duración e lugar onde se desenvolverán as actividades.

Artigo 6º

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de catro meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do devandito prazo sen que se notifique a resolución expresa lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotará a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra ela recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fora o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, trala modificación introducida pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición perante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública no prazo dun mes se o acto fose expreso; se non o fora, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos por parte dos interesados.

Artigo 7º

Obrigas dos concellos ós que se lles concede a subvención:

a) Comunicarlle á Secretaría Xeral para o Deporte a obtención de subvencións ou axudas para as mesmas finalidades, procedentes de calquera administración ou de entes públicos.

b) Non poderán modifica-lo programa aprobado da actividade subvencionada sen a expresa autorización da Secretaría Xeral para o Deporte.

c) Admiti-la presencia e supervisión da Secretaría Xeral para o Deporte ou dos organismos provinciais que a representen. Así mesmo, quedan sometidos ás actuacións de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Consello de Contas.

d) Facer constar en toda a publicidade e información, en lugar preferente, que a actividade está subvencionada pola Secretaría Xeral para o Deporte.

e) Envia-los informes que poida solicita-la Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 8º

Para a percepción da subvención, unha vez rematada a actividade, no prazo dun mes, o beneficiario remitiralle ó correspondente servicio provincial da Secretaría Xeral para o Deporte, a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo secretario do concello, co visto e prace do alcalde-presidente, na que se faga constar ter realizada a acción subvencionada e incorrido no gasto correspondente.

b) Memoria da actividade realizada.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 9º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise o disposto nesta orde, a Secretaría Xeral para o Deporte poderá anula-la subvención concedida logo de audiencia do interesado. Neste suposto, o beneficiario non poderá solicitar outra subvención mentres non sexa devolta a anterior, no suposto de que fose anulada, de acordo co réxime previsto no artigo 78.6º h) e 9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-No que se refire ós prazos de execución poderán subvencionarse actividades realizadas polos concellos desde o 1 de xaneiro do 2001, sempre que estas actividades se consideren importantes para o desenvolvemento da promoción do deporte e cumpran os requisitos e condicións establecidas nesta orde.

Segunda.-Nos aspectos non contidos na presente orde haberase que ater ó disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública