Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.918

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se citan os aspirantes que superaron o proceso selectivo do persoal laboral do C.H. Santa Mª Nai-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense convocado por Resolución do 8 de abril de 1996, modificada pola Resolución do 15 de novembro de 2000, para formalización do correspondente contrato de traballo.

De conformidade co previsto no número 5 da base oitava da resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 8 de abril de 1996 (Diario Oficial de Galicia nº 74, do 16 de abril) pola que se convoca concurso-oposición para o ingreso nas categorías incluídas na oferta pública de emprego para o ano 1995 do persoal laboral do complexo hospitalario Santa Mª Madre-Dr. Cabaleiro Goás de Ourense, modificada pola Resolución do 15 de novembro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 232, do 30 de novembro), a dirección xerencia do complexo citará a tódolos aspirantes seleccionados en cada categoría para a formalización do correspondente contrato de traballo indicando a data de toma de posesión efectiva da praza da correspondente categoría.

Rematado enteiramente o dito proceso selectivo coa publicación da lista de aspirantes seleccionados en cada unha das categorías, mediante a resolución da División de Recursos Humanos do Servicio Galego de Saúde do 9 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 57, do 21 de marzo), á vista do oportuno informe da asesoría xurídica e comisionado este centro directivo para a publicación no Diario Oficial de Galicia da notificación a tódolos interesados de cara á formalización do correspondente contrato de traballo,

RESOLVE:

Primeiro.-Convoca-los aspirantes seleccionados nas categorías de ATS/DUE, TEL, TER, auxiliar de enfermería, grupo de xestión da función administrativa, asistente social, auxiliar administrativo, telefonista, celador e operario, convocadas pola Resolución do 8 de abril de 1996, para a formalización do oportuno contrato de traballo, previsto no número 5 da base oitava da citada resolución, coas seguintes consideracións:

a) Os aspirantes seleccionados con anterioridade nas resolucións deste centro directivo do 14 de maio de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 100, do 27 de maio) e do 26 de maio de 1998 (Diario Oficial de Galicia nº 106, do 4 de xuño), que xa formalizaron o seu contrato de traballo, non terán que asinar ningún novo contrato.

b) Aqueles aspirantes seleccionados nas resolucións da alínea anterior que no primeiro acto de formalización do oportuno contrato de traballo solicitaron por escrito o pase á situación administrativa correspondente polo desenvolvemento doutro posto de traballo no sector público terán que, de se-lo caso, formaliza-lo oportuno contrato de traballo.

c) Así mesmo, os novos aspirantes seleccionados na Resolución do 9 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 57, do 21 de marzo), terán que, de se-lo caso, formaliza-lo oportuno contrato de traballo.

Segundo.-O dito acto de formalización do contrato de traballo para os aspirantes seleccionados referidos nas alíneas b) e c) do punto anterior axustarase ás seguintes normas:

a) O acto terá lugar na Dirección Xerencia do Complexo Hospitalario de Ourense, sita na rúa Ramón Puga nº 52, de Ourense, ás 11 horas do día 17 de abril de 2001.

b) Os aspirantes deberán comparecer provistos do documento nacional de identidade ou doutro documento que concrete de modo fidedigno a súa personalidade.

c) Os aspirantes que non comparezan persoalmente poderán ser representados por terceiras persoas provistas de poder suficiente. Para este efecto terán a consideración de poder suficiente os poderes notariais ou os poderes outorgados con carácter previo ó acto de formalización ante a dirección xerencia do dito complexo hospitalario mediante comparecencia expresa do poderdante e do apoderado.

d) Perderán os dereitos derivados da súa participación no concurso-oposición os aspirantes que non asinen o correspondente contrato de traballo ou os que, sen causa xustificada, non tomen posesión do posto correspondente.

e) No suposto de que algún dos aspirantes seleccionados estivese desenvolvendo outro posto de traballo no sector público, poderá solicitar por escrito, no dito acto, o pase á situación administrativa que corresponda. Para tal efecto, xunto coa solicitude deberá presentar certificación acreditativa de atoparse en situación de activo con vínculo fixo noutro posto de traballo do sector público, con referencia ó día anterior ó da celebración do dito acto de elección de destino.

Terceiro.-A toma de posesión que derive da presente resolución levará aparellado, se é o caso, o cesamento do persoal que veña desenvolvendo o correspondente posto de traballo.

Cuarto.-Esta resolución poderá ser impugnada polos interesados nos termos previstos na base novena da respectiva convocatoria.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos Humanos