Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Mércores, 11 de abril de 2001 Páx. 4.918

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 2001, da Dirección Xeral de Persoal, pola que se fai pública a data do sorteo para determina-la composición dos tribunais que deberán xulga-lo procedemento selectivo de ingreso, así como a adquisición de novas especialidades do corpo de mestres.

O punto 23 da Orde do 8 de marzo de 2001 (DOG do 12) pola que se convocaba procedemento selectivo de ingreso e adquisición de novas especialidades, ó corpo de mestres, establece que os tribunais que xulguen o concurso-oposición estarán integrados por catro vocais, designados por sorteo, entre funcionarios do corpo e especialidade correspondente.

Resultando necesario facer pública a data e a hora na que terá lugar o sorteo público, esta Dirección Xeral de Persoal,

RESOLVE:

Primeiro.-O sorteo para determina-los catro vocais e os suplentes correspondentes, que xulgarán o concurso-oposición ó corpo de mestres, terá lugar entre funcionarios de carreira do corpo e da especialidade correspondente, en situación de servicio activo en centros dependentes desta consellería, con destino definitivo ou provisional na provincia na que se celebra o sorteo, o próximo día 23 de abril de 2001 ás 9 horas nos seguintes lugares:

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Salvador de Madariaga, s/n (zona Monelos), A Coruña.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Ronda da Muralla, 70-5ª planta (edificio administrativo Xunta de Galicia), Lugo.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Concello, nº 13, Ourense.

-Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, r/ Montero Ríos, s/n, Pontevedra.

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2001.

Jaime García García

Director xeral de Persoal