Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Martes, 10 de abril de 2001 Páx. 4.863

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

RESOLUCIÓN do 8 de febreiro de 2001 pola que se lle outorga a Rivas Tomé, S.L. permiso de actividade para a posta en funcionamento dun establecemento auxiliar de cultivos mariños no peirao de Porcillán, municipio de Ribadeo (Lugo).

Examinado o expediente instruído para efectos de outorgamento do permiso de actividade para a explotación dunha cetaria, apreciáronse os seguintes

Feitos:

Primeiro.-Mediante escrito do 27 de marzo de 2000, Manuel Rivas Tojal, con DNI: 376.549.986-Y, en representación de Rivas Tomé, S.L., con CIF: B-27.036.482, solicitou permiso de actividade para a explotación dunha cetaria no peirao de Porcillán, nº 6, baixo, municipio de Ribadeo, provincia de Lugo.

Segundo.-O interesado achegou a documentación requirida para a tramitación deste tipo de establecementos.

Terceiro.-No expediente consta a seguinte documentación, referida ó resultado da información pública e oficial:

-Anuncio de información pública, inserido no BOP de Lugo.

-Informe técnico biolóxico.

-Informe da delegación provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Informe urbanístico do Concello de Ribadeo.

-Informe xurídico do Servicio Técnico-Xurídico.

Fundamentos de dereito:

Este órgano é competente para resolve-lo expediente, de conformidade coa Lei 6/1993, do 11 de maio, de pesca de Galicia (DOG nº 101), co Decreto 193/1997, do 5 de xuño, polo que se determinan as condicións para o outorgamento do permiso de actividade para os establecementos de cultivos mariños e auxiliares situados na zona terrestre (DOG nº 142) e coa Orde do 27 de marzo de 2000, pola que se regula o procedemento para o outorgamento do permiso de actividade para establecementos de

cultivos mariños e auxiliares na zona terrestre (DOG nº 67).

Examinadas as disposicións citadas, por proposta de resolución da Delegación Territorial de Lugo, o artigo 89 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas de xeral e pertinente aplicación, esta consellería

RESOLVE:

Outorgar a Rivas Tomé, S.L., con CIF: B-27.036.482, permiso de actividade para a posta en funcionamento e explotación do establecemento auxiliar de cultivos mariños que se indica a continuación:

-Tipo: cetaria.

-Nome: Rivas Tomé, S.L.

-Actividade: estabulación.

-Especies:

Nécora (Necora puber).

Boi (Cancer pagurus).

Centola (Maja squinado).

Lumbrigante (Homarus gammarus).

Lagosta: (Palinurus elephas).

Santiaguiño (Scyllarus arctus).

Cigala (Nephrops norvegicus).

Camarón (Palaemon adspersus).

-Situación: peirao de Porcillán, nº 6, baixo, municipio de Ribadeo, provincia de Lugo.

-Superficies:

Dominio privado: 25 m.

-Características das instalacións:

Naves: nº: 1, superficie: 25 m.

Piscinas: nº: 3, superficie: 2,25 m c/u.

Baixo as seguintes condicións:

Primeira.-O permiso de actividade outórgase por un prazo de dez (10) anos, que se contarán a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG. Poderá prorrogarse por períodos máximos de outros dez anos, logo de petición do interesado dentro dos 60 días anteriores ó vencemento da súa vixencia.

Segunda.-As obras e instalacións, que poderán dar comezo no momento no que o titular dispoña das autorizacións preceptivas dos distintos organismos competentes na materia, levaranse a cabo con adecuación ó proxecto subscrito o 10 de marzo de 2000 polo arquitecto técnico José Martínez Mantaras, titulado Proxecto de Instalación dunha Cetaria en Ribadeo, e deberán quedar totalmente rematadas no prazo dun ano, contado desde o día seguinte ó da publicación da presente resolución.

Terceira.-Á execución das obras e instalacións e ó inicio da actividade seralles de aplicación o disposto nos artigos 5 e 6 da Orde do 27 de marzo de 2000 citada.

Cuarta.-O establecemento non poderá destinarse a usos distintos dos autorizados. Baixo ningún concepto se poderán modifica-las instalacións sen permiso expreso desta consellería.

Quinta.-O permiso de actividade ó que se refire esta resolución extinguirase polo incumprimento dalgunha das condicións dela, polo remate do arrendamento do local onde se empraza o establecemento e nos casos previstos no artigo 72, da Lei 6/1993, de pesca de Galicia, e no Decreto 193/1997, do 5 de xuño.

Sexta.-O outorgamento deste permiso de actividade non exime o seu titular da obtención das licencias, permisos e autorizacións legalmente procedentes.

Sétima.-O titular xustificará o pagamento á Facenda pública do imposto que grava as concesións e autorizacións (transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados) ou acreditará a declaración de non estar suxeito ó acto do dito imposto, feita pola delegación de Facenda ou oficina liquidadora correspondente.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, ou recurso contencioso-administrativo, ante a xurisdicción contecioso-administrativa, no prazo de dous meses, contados en ámbolos dous casos desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, modificada por Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2001.

P.O. (17-12-1997, DOG nº 246, do 22 de decembro)

Juan José Álvarez Pérez

Secretario xeral da Consellería de Pesca,

Marisqueo e Acuicultura