Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.766

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 27 de marzo de 2001 pola que se establecen os premios Medio Ambiente de Galicia 2001.

A Consellería de Medio Ambiente é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia que ten atribuídas as competencias e funcións que en materia de ambiente e conservación da natureza se establecen nos artigos 27.10º, 11º, 15º e 30º e 29.4º do Estatuto de autonomía de Galicia e demais normativa de aplicación. Ademais e de conformidade co disposto no Decreto 482/1997, do 26 de decembro que, no artigo 7, punto 2.1, realizará as funcións relativas á formación dunha conciencia social para a defensa e mellora do contorno e a formación permanente en materia ambiental.

Os premios Medio Ambiente de Galicia teñen como finalidade potenciar unha cultura ambiental na Comunidade Autónoma, mediante o recoñecemento de persoas, colectivos, empresas e institucións que traballasen e destacasen na defensa dos valores ambientais en diferentes ámbitos da Comunidade Autónoma galega, así como promove-la difusión de tales valores pola repercusión que estes premios teñen nos medios de comunicación e sobre a opinión pública.

Para tal efecto, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro, en relación cos artigos 27.11º e 30 do Estatuto de autonomía para Galicia e o Decreto 482/1997, do 26 de decembro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convoca-los premios Medio Ambiente de Galicia 2001 en recoñecemento ó traballo das persoas ou

entidades que desenvolvan un labor significativo no coidado e promoción do ambiente ou que a través da creación literaria transmitan valores de contido ambiental.

Artigo 2º.-Premios.

A convocatoria dos premios Medio Ambiente presenta as seguintes modalidades:

a) Premio Bandeira Verde de Galicia, nas categorías:

-Mellor acción na defensa e loita contra os incendios forestais.

-Mellor acción na conservación do bosque.

-Mellor acción na conservación da biodiversidade.

-Mellor acción de mellora da calidade ambiental.

b) Premio Medio Ambiente de Galicia, nas categorías:

-Mellor traballo de investigación científica sobre temática ambiental.

-Acción ou campaña escolar de temática ambiental levada a cabo por alumnos e profesores de centros de ensino dos niveis non universitarios.

-Labor de difusión e divulgación ambiental dirixido a profesionais dos medios de comunicación.

-Narrativa curta, para creacións literarias sobre temas ou valores ambientais.

Os premios están dotados cunha cantidade de 1.000.000 de pesetas (6.010,12 euros) cada un, excepto na modalidade de narrativa curta na que se concederán os seguintes premios:

-Un primeiro premio dotado con cincocentas mil pesetas (500.000 pesetas, 3.005,06 euros).

-Un segundo premio dotado con duascentas cincuenta mil pesetas (250.000 pesetas, 1.502,53 euros).

-Un terceiro premio dotado con duascentas cincuenta mil pesetas (250.000 pesetas, 1.502,53 euros).

Os premios concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 15.04.342A.640.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. En tódolos casos están suxeitos ás retencións fiscais correspondentes.

Artigo 3º.-Participación.

1. As persoas ou entidades que desexen acceder a estes premios deberán enviar unha memoria acreditativa dos traballos realizados no transcurso do ano 2001 e os logros acadados relativos ó obxecto destes premios.

2. Os traballos serán inéditos e non deberán ter sido premiados anteriormente.

3. Os participantes premiados na convocatoria do ano 2000 (segundo a Orde do 11 de maio de 2000 pola que se establecen os premios Medio Ambiente

de Galicia 2000) non poderán participar na presente convocatoria, aínda que si poderán presentarse en futuras convocatorias.

4. Na modalidade de narrativa curta os traballos serán individuais e cada autor poderá concursar cunha soa obra. As obras deberán tratar substancialmente algúns aspectos do ambiente no sentido de expresar, exaltar ou promove-los valores ambientais.

5. A Consellería de Medio Ambiente poderá solicitar información adicional á presentada e verificar calquera extremo referente á documentación achegada.

Artigo 4º.-Presentación e prazos.

a) Os participantes enviarán os traballos mediante instancia dirixida ó conselleiro de Medio Ambiente, en sobre pechado, ó Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental, Departamento de Educación e Información Ambiental. Praza de Vigo, 2 (edificio Viacambre), 15071 Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) O prazo de presentación será ata o 1 de outubro de 2001.

c) Para tódalas categorías, excepto narrativa curta, para a que se establece un formato especial, deberá presentarase unha memoria que non excederá de 20 folios por unha cara a dous espacios con letra arial de 12 puntos e marxe de 2,5 cm en tódolos seus lados; poderá ser complementada con gráficos, debuxos, fotos ou calquera material audiovisual.

d) Na modalidade de narrativa curta, de cada orixinal presentaranse seis copias en papel tamaño DIN A4, mecanografados a dobre espacio.

-A extensión das obras non será inferior a quince (15) páxinas nin superior a trinta (30) páxinas.

-As obras presentaranse baixo lema ou pseudónimo. Acompañaranse dun sobre pechado no que se indicará «para o Premio Medio Ambiente de Galicia modalidade de narrativa curta» e que conterá os seguintes datos:

-Lema ou pseudónimo.

-Título da obra.

-Nome e apelidos do autor/a.

-Domicilio e teléfono.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Breve currículo do autor/a.

-Declaración asinada polo autor/a na que faga constar que a obra é orixinal e a data de realización.

-A omisión ou falsidade de calquera dato suporá a exclusión do participante.

Artigo 5º.-Xurado e concesión dos premios.

1. O xurado terá a composición seguinte:

Nas modalidades de Bandeira Verde de Galicia e de Medio Ambiente de Galicia:

Presidente: o conselleiro de Medio Ambiente ou persoa en quen delegue.

Vocais: director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, o director xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, o decano do Colexio de Enxeñeiros de Montes de Galicia, ou persoas en quen deleguen respectivamente, e un representante dos colectivos ecoloxistas galegos.

Secretario: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en quen delegue.

Na modalidade de Narrativa curta:

Presidente: o director xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental ou persoa en quen delegue.

Vocais: tres especialistas en literatura designados polo conselleiro de Medio Ambiente.

Secretario: o xefe da Área de Información, Formación e Educación e Ambiental ou persoa en quen delegue.

2. O xurado tomará o acordo de concesión dos premios, que porá fin á vía administrativa, e poderá deixar deserta total ou parcialmente a convocatoria.

3. Os traballos premiados non lles serán devoltos ós seus autores. A Consellería de Medio Ambiente reserva para si o dereito a proceder á súa publicación en tódalas linguas do Estado español coa posibilidade de lles ceder tales dereitos a terceiros. Poderá publicar estas obras sen limitación do número de exemplares nin de edicións. Os beneficiarios dos premios comprométense a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos.

4. Os traballos non premiados poderán ser recollidos polos seus autores no prazo que se indicará despois do veredicto do xurado no taboleiro de anuncios da Consellería de Medio Ambiente. Os que non se retiren serán destruídos.

5. A concesión dos premios terá lugar antes do 1 de decembro do ano 2001 e será notificada persoalmente ós adxudicatarios polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A Consellería de Medio Ambiente cederá durante un ano o uso da Bandeira Verde de Galicia ós premiados nesa modalidade, para a súa utilización en tódalas actividades que realicen.

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente