Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.759

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de febreiro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Compañía de Iniciativas y Espectáculos, S.A. Cinesa.

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Compañía de Iniciativas y Espectáculos, S.A. Cinesa (código convenio nº 1503831) que tivo entrada na delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 17-1-2001 e posteriormente rectificado con data 15-2-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e, da parte social, polo delegado de persoal, o día 17-11-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso e funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 19 de febreiro de 2001.

María Silva Costoya

Delegada provincial da Coruña

Convenio colectivo da empresa Compañía

de Iniciativas y Espectáculos S.A. para os centros

de traballo na Coruña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio será de aplicación en tódolos centros de traballo da empresa Compañía de Iniciativas y Espectáculos, S.A. (Cinesa) que se atopen situados na provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito funcional.

Comprenderanse no seu ámbito tódalas actividades e locais da empresa que radiquen no ámbito territorial expresado no artigo anterior. O presente convenio regulará as condicións de traballo do persoal pertencente ás categorías e grupos profesionais establecidos nel, que preste servicios para a citada empresa dentro do seu ámbito territorial de aplicación.

Artigo 3º.-Ámbito temporal.

Este convenio entrará en vigor na data da súa sinatura, se ben os seus efectos económicos empezarán a aplicarse en data 1-1-2001, salvo naquelas materias en que se dispoña algo diferente.

A vixencia do convenio estenderase ata o 31-12-2003, coas excepcións expresamente reguladas nel, sendo prorrogable tacitamente por períodos sucesivos dun ano, se con antelación mínima de tres meses antes do vencemento ou de calquera das súas prórrogas, non é denunciado en forma.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Sen prexuízo da plena eficacia e aplicabilidade do presente convenio, respectaranse as condicións máis beneficiosas e dereitos adquiridos que viñesen desfrutando, a título individual, os traballadores que figuran no seu ámbito de aplicación, cando tales condicións ou dereitos sexan mellores ou superen, no seu conxunto, a globalidade das condicións reguladas polo presente convenio.

Artigo 5º.-Compensación e absorción.

Operará a compensación e absorción cando os salarios realmente aboados no seu conxunto e cómputo anual sexan máis favorables para os traballadores cós fixados na orde normativa ou convencional de referencia.

Artigo 6º.-Vinculación á totalidade.

O presente convenio constitúe un único corpo normativo, integrado por un conxunto indivisible de disposicións que configuran un todo orgánico, e como tal, debe ser aplicado, interpretado e considerado en todo momento na súa globalidade e como conxunto, para efectos, entre outros, da súa comparación con outros sistemas de regulación de condicións que puidesen ser opostos a el en calidade de elementos de contraste.

Artigo 7º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria (CP) formada por dous membros e un suplente de cada unha das partes, coa misión de intervenir cando se producise algunha discrepancia con motivo da aplicación do presente convenio determinando a correcta interpretación aplicable ó caso en cuestión.

As resolucións desta comisión paritaria adoptaranse por maioría absoluta dos integrantes de cada unha das representacións.

Capítulo II

Organización do traballo e clasificación

profesional

Artigo 8º.-Facultades da empresa.

A organización técnica e práctica do traballo, con suxeición ás presentes disposicións e á lexislación vixente, é facultade da dirección da empresa.

Sen merma da facultade que corresponde á dirección ou ós seus representantes legais, os comités de empresa, delegados de persoal e seccións sindicais terán as competencias sinaladas polo Estatuto, Lei orgánica de liberdade sindical, e o presente convenio.

Artigo 9º.-Clasificación profesional.

O persoal vinculado por este convenio quedará encadrado nalgunha das seguintes categorías e grupos profesionais:

Grupos profesionais:

1. Administrativos:

-Oficial administrativo.

-Auxiliar administrativo.

2. Atención ó público ou servicios xerais:

-Vendedor de billetes.

-Porteiro/acomodador.

-Persoal de mantemento.

-Dependentes.

-Persoal de limpeza.

3. Persoal de cabina:

-Operador de cabina.

Os empregados que ostenten a responsabilidade de encargados terán dereito a unha compensación ou complemento.

Artigo 10º.-Definicións das categorías.

1. Administrativos:

Oficial administrativo: é o traballador que, coa formación necesaria, desenvolve tarefas administrativas cualificadas, con certo grao de responsabilidade.

Auxiliar administrativo: é o traballador que, con coñecementos básicos de administración, realiza tarefas semicualificadas, que poden incluír atención telefónica, arquivo, recepción de documentos, etc.

2. Atención ó publico ou servicios xerais:

Vendedor de billetes: son os traballadores que efectúan a venda ó público dos billetes, así como aquelas funcións complementarias da expendedoría de billetes, facendo entrega da recadación obtida dentro do seu horario e local.

Porteiro/acomodador: serán responsables da vixilancia dos accesos ó local, distribución do público nas portas, acomodación de espectadores, colocación da propaganda e cantas funcións resulten complementarias das anteriores.

Persoal de mantemento: son aqueles traballadores que se encargan de mante-las instalacións en bo estado de uso para garanti-lo normal desenvolvemento da actividade.

Dependentes: son os traballadores encargados de realiza-las funcións necesarias e de atención ó público para a venda nos cines dos productos de bares, bombonerías, paradas de flocos de millo, varios, así como as funcións que resulten complementarias das anteriores.

Persoal de limpeza: son os traballadores encargados de efectua-la limpieza das instalacións da empresa.

3. Persoal de cabina:

Operador de cabina: é o operario que, coa preparación e formación suficiente, asume a responsabilidade da proxección da película, ou outras tarefas complementarias dentro das súas funcións.

Artigo 11º.-Mobilidade funcional.

A mobilidade funcional no seo da empresa non terá outras limitacións que as esixidas polas titulacións académicas ou profesionais precisas para exerce-la prestación laboral e pola pertenza ó grupo profesional.

A mobilidade funcional para a realización de funcións non correspondentes ó grupo profesional ou categorías equivalentes só será posible se se acreditan razóns técnicas ou organizativas que a xustifiquen e polo tempo imprescindible para a súa atención. No caso de encomenda de funcións inferiores, esta deberá estar xustificada por necesidades perentorias ou imprevisibles da actividade productiva. O empresario deberalles comunicar esta situación ós representantes dos traballadores.

A mobilidade funcional efectuarase sen menoscabo da dignidade do traballador e sen prexuízo da súa formación e promoción profesional, tendo dereito á retribución correspondente ás funcións que efectivamente realice, salvo nos casos de encomenda de funcións inferiores nos que manterá a retribución de orixe. Non caberá invoca-las causas de despedimento obxectivo de ineptitude sobrevida ou de falta de adaptación nos supostos de realización de funcións distintas das habituais como consecuencia da mobilidade funcional.

Se como consecuencia da mobilidade funcional se realizasen funcións superiores ás do grupo profesional ou ás categorías equivalentes por un período

superior a seis meses durante un ano ou a oito meses durante dous anos, o traballador consolidará a categoría superior que veu realizando, todo iso sen prexuízo de reclama-la diferencia salarial correspondente.

Capítulo III

Contratación

Artigo 12º.-Modalidades de contratación.

Tódolos contratos serán fixos e indefinidos, cando se trate de postos que precisen ser cubertos con carácter permanente. Non obstante, poderán utiliza-las modalidades de contratación temporal previstas na lexislación vixente, para o cal será necesario que se cumpran os requisitos e formalidades inherentes a cada unha das ditas modalidades.

Entenderanse concorrentes as circunstancias do artigo 15.1º b do Estatuto dos traballadores, nos casos de apertura de novas salas de cine, de creación de novas empresas, e nos supostos de remodelación que traia como consecuencia un aumento de cadro de persoal.

Cando se dean estes supostos, a duración do contrato eventual poderá alcanzar un máximo de 13 meses e quince días dentro dun período de 18 meses, en aplicación do Acordo Marco Nacional para o Sector de Exhibición Cinematográfica. No suposto de extinción ou finalización deste contrato o traballador terá unha indemnización de 12 días de salario por ano de servicio.

No contrato de traballo en prácticas o salario non poderá ser inferior ó noventa por cento da retribución que corresponda á categoría de que se trate, segundo o presente convenio.

Artigo 13º.-Fomento da contratación indefinida.

As partes asinantes do presente convenio conveñen en fomenta-la contratación indefinida, para o cal se poderá establecer, soamente para esta modalidade de contratación, un período de proba de catro meses. No caso de non superarse este período de proba, todo traballador que prestase na empresa por un período de tempo superior a 60 días, terá dereito a que se lle aboe unha indemnización proporcional a 15 días de salario por ano de servicio.

Non poderá pactarse un período de proba cando o traballador prestase funcións con anterioridade na empresa, baixo calquera modalidade de contratación, incluída a vinculación a través de ETT.

Artigo 14º.-Contratación a través de ETT.

Só poderán utilizarse contratos de posta á disposición de empresas de traballo temporal para cubri-las necesidades previstas na Lei 14/1994, do 1 de xuño, ou na normativa que a substitúa ou desenvolva.

Artigo 15º.-Período de proba.

Nos supostos non establecidos no artigo 13º poderán concertarse por escrito períodos de proba que en ningún caso excederán de dous meses.

Durante o período de proba, o traballador terá os dereitos e obrigas inherentes ó seu posto de traballo e categoría profesional. A resolución da relación laboral poderá producirse por instancia de calquera das partes neste período.

O período de proba quedará suspendido en caso de enfermidade ou accidente do traballador, durante o tempo en que o traballador permaneza nas ditas situacións.

Capítulo IV

Estructura retributiva

Artigo 16º.-Salario convenio.

O salario convenio por categoría constitúe o principal concepto retributivo, englobando e substituíndo os antigos salario base e complemento voluntario. Con efectos desde o 1-1-2001, o importe do salario convenio para cada categoría profesional é o que se reflicte na táboa salarial anexo I, importes que supoñen un incremento do 3,5% respecto dos que se aboaron en 2000 pola suma de ámbolos conceptos antes mencionados.

Para o ano 2002 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2001.

Para o ano 2003 o incremento deste concepto retributivo increméntase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2002.

Artigo 17º.-Pagas extraordinarias.

As gratificacións de xuño e Nadal aboaranse na contía correspondente a 30 días cada unha das ditas gratificacións a todo o persoal sen distinción de categorías profesionais.

Para o pagamento de ámbalas gratificacións computaranse: o salario convenio e o complemento por antigüidade.

Artigo 18º.-Gratificación especial de marzo.

Con independencia das gratificacións establecidas no artigo anterior, a empresa aboará a todo o persoal sen distinción de categorías profesionais, unha gratificación de 6 días por todo o mes de marzo, computándose os mesmos conceptos retributivos mencionados no artigo anterior.

Para o ano 2002, o importe desta gratificación incrementarase ata 12 días de salario, computando os dous conceptos retributivos indicados.

Para o ano 2003, o importe desta gratificación incrementarase ata 15 días de salario, computando os dous conceptos retributivos indicados.

Artigo 19º.-Horas nocturnas.

En compensación alzada pola globalidade de horas nocturnas que corresponda traballar a cada empregado aboarase a cantidade mensual por categoría que se indica no anexo I, ou a parte proporcional se se trata de contrato a tempo parcial, importes que supoñen un incremento do 3,5% respecto dos que se aboaron en 2000 por este concepto.

Para o ano 2002 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2001.

Para o ano 2003 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2002.

Artigo 20º.-Complemento de antigüidade.

Durante a vixencia do presente convenio establécese un sistema de trienios, a razón de 4.000 pesetas lineais por trienio, importe igual para tódalas categorías profesionais, cun máximo de 5 trienios e un tope do 25% sobre o salario convenio.

A antigüidade computarase desde o ingreso do traballador na empresa, aínda que a relación laboral comezase por medio dun contrato temporal.

Artigo 21º.-Quebranto de moeda.

En concepto de quebranto de moeda, para compensar polo deber de responder dos importes de diñeiro en efectivo derivados das vendas, o persoal das categorías de vendedor/a de billetes, dependente/a e limpador/a percibirá a cantidade mensual que se reflicte no anexo I, ou a parte proporcional se se trata de contrato a tempo parcial, importes que supoñen un incremento do 3,5% respecto dos que se aboaron en 2000 por este concepto.

Para o ano 2002 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2001.

Para o ano 2003 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2002.

Capítulo V

Tempo de traballo

Artigo 22º.-Xornada máxima anual.

A xornada máxima anual para tódolos traballadores afectados polo presente convenio será de 1.760 horas.

Artigo 23º.-Xornada diaria.

1. A xornada diaria será preferentemente continuada. Nos supostos de xornada partida, esta non poderá realizarse en máis de dous períodos diarios.

2. Para o persoal que preste os seus servicios a tempo completo, a xornada máxima diaria será de 9 horas de traballo efectivo, e a mínima, de 4 horas, salvo pacto en contrario coa representación dos traballadores.

Cando por necesidades da programación, debidamente xustificadas, sexa necesario amplia-la xornada máxima diaria, esta en ningún caso poderá supera-las 10 horas.

Artigo 24º.-Distribución da xornada, descansos e horario.

1. O descanso entre xornadas será de 12 horas mínimas consecutivas.

2. O cómputo da xornada realizarase cada catro semanas, compensándose con tempo de descanso ou de traballo, segundo corresponda, os excesos ou defectos de xornada producidos, dentro dos dous meses seguintes á súa realización.

Os excesos de xornada que puidesen producirse acumularanse ata compensarse con días completos de descanso.

3. Tódolos traballadores desfrutarán como mínimo de oito días de descanso cada catro semanas, que deberá ser como mínimo de día e medio ininterrompido e acumulable por períodos de ata catorce días, de acordo con o establecido no artigo 37 apartado 1º do Estatuto dos traballadores.

4. A empresa poderá axusta-los horarios do persoal para adaptalos ás necesidades derivadas dos horarios comerciais das películas. A empresa, ó establece-lo horario e o calendario de vacacións, procurará dentro do posible, e de acordo coa atención de necesidades do servicio, ter en consideración as suxestións do persoal.

5. En caso de que, por decisión da empresa, se presten servicios en xornadas adicionais de traballo, para atender a sesións matinais, de madrugada ou de montaxes, percibirase unha compensación económica a tanto alzado cun importe que é o que se determina no anexo I, importes que supoñen un incremento do 3,5% respecto dos que se aboaron en 2000 pola suma dos conceptos antes mencionados.

Para o ano 2002 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2001.

Para o ano 2003 o importe deste concepto retributivo incrementarase no IPC real do ano anterior, é dicir, o do ano 2002.

6. Os días de traballo coincidentes con cada unha das festas fixadas anualmente como non recuperables, o persoal comprendido neste convenio que os traballe percibirá un incremento do 50% (cincuenta por cento) sobre o importe da retribución que lle corresponda, ou deberá ser compensado cun día e medio de descanso. Esta percepción afectará tamén o persoal de xornada completa ó que non lle corresponda traballar nos citados días festivos, a excepción dos períodos de vacacións, licencias, excedencias e IT, respectándose, non obstante, as situacións máis beneficiosas.

Artigo 25º.-Vacacións anuais.

1. O período de vacacións anuais retribuídas, non substituíble por compensación económica, terá unha duración de trinta días naturais.

2. O calendario de vacacións fixarase en cada centro. O traballador coñecerá as datas que lle corresponden dous meses antes, alomenos, do comezo do desfrute.

Artigo 26º.-Permisos.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algúns dos motivos e polo tempo seguinte:

a) Quince días naturais, en caso de matrimonio.

b) Dos días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando, con tal motivo, o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

c) Un día por traslado do domicilio habitual.

d) Polo tempo indispensable, para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberase que ater ó que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do vinte por cento das horas laborables nun período de tres meses, poderá a empresa pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1º do artigo 46 do ET.

No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe dela do salario a que tivese dereito na empresa.

e) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

f) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo, de acordo cos seguintes criterios:

1. A traballadora vén obrigada a outorgar un aviso previo de 48 horas á empresa, salvo caso de urxencia.

2. Esixirase prescrición facultativa.

As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou o pai en caso de que ambos traballen.

Capítulo VI

Beneficios sociais e dereitos

Artigo 27º.-Asistencia sanitaria e complemento por enfermidade.

Con carácter xeral, na primeira baixa de cada ano natural, a partir do 16º día de baixa, e ata cumpri-lo terceiro mes, aboarase un complemento ata o 100% do salario anterior á baixa.

En tódalas baixas derivadas de accidente laboral aboarase o citado complemento desde o primeiro día. En caso de hospitalización, aboarase o citado complemento por todo o tempo en que dure esta.

Artigo 28º.-Xubilación.

Os traballadores deberán xubilarse obrigatoriamente ó cumprir a idade de 65 anos e sempre que se cumpra con tódolos requisitos legalmente esixidos para ter dereito á percepción do 100% das súas respectivas bases reguladoras no momento da xubilación.

Capítulo VII

Formación e saúde laboral

Artigo 29º.-Formación continua.

As partes asinantes do presente convenio adhírense ó Acordo Nacional de Formación Continua (ANFC), subscrito como acordo interconfederal.

Artigo 30º.-Saúde laboral.

Nesta materia será de aplicación a Lei de prevención de riscos laborais e os numerosos regulamentos dictados en desenvolvemento dela.

Como mellora do establecido no artigo 37.1º da citada Lei do 8 de novembro de 1995, os delegados de prevención que non ostenten a condición de representantes legais do persoal, terán un crédito horario de 15 horas mensuais para a realización das actividades que lle son propias.

Capítulo VIII

Réxime sancionador

Artigo 31º.-Faltas.

1. As faltas clasificaranse, segundo a súa gravidade, en leves, graves e moi graves.

2. Faltas leves: as faltas que así sexan cualificadas pola súa pouca gravidade terán, principalmente, unha finalidade correctora de comportamentos non desexables.

A título de exemplo, indícanse as seguintes:

-Faltas de puntualidade, inxustificadas, que non superen tres nun mes.

-Incumprimento do deber de comunica-la xustificación dunha ausencia.

-Faltar un día ó traballo sen causa que o xustifique e sen maiores consecuencias.

-Pequenos descoidos na conservación do material.

-Falta de aseo e limpeza persoal.

-Ausentarse do posto de traballo durante a realización del, sen xustificar, por tempo breve e sen maiores consecuencias.

3. Faltas graves: consideraranse faltas graves tódolos incumprimentos e conductas inadecuadas que teñan certa gravidade.

A título de exemplo indícanse as seguintes:

-Simula-la presencia doutro compañeiro fichando ou asinando por el, pedir permiso alegando causa non existente e outros actos semellantes que lle poidan proporcionar á empresa unha información falsa.

-Máis de tres faltas de puntualidade nun mes, sen xustificación.

-Faltar ó traballo dous días nun mes sen xustificación.

-A repetición de varias faltas leves dentro dun período de seis meses.

-Ausentarse sen licencia dentro do centro de traballo.

4. Faltas moi graves:

A título de exemplo indícanse as seguintes:

-Os malos tratos de palabra ou obra ós seus superiores, compañeiros e subordinados.

-A fraude, furto ou roubo, tanto á empresa como ós compañeiros, que produza prexuízo grave á empresa.

-A deslealdade, o abuso de confianza e, en xeral, os actos que produzan prexuízo grave á empresa.

-O traballar para outra empresa do mesmo sector de exhibición sen permiso da súa empresa.

-A embriaguez habitual e toxicomanía se repercute negativamente no traballo.

-A falta de aseo reiterada e alarmante que produza deterioración na imaxe da empresa.

-O abuso de autoridade dos superiores en calquera nivel será sempre considerado como falta moi grave.

-A repetición de varias faltas graves dentro dun período de 12 meses.

-A indisciplina ou desobediencia no traballo.

-As faltas inxustificadas e repetidas de asistencia ou puntualidade ó traballo, cando excedan de tres ó mes.

A enumeración das faltas que anteceden non son limitativas, senón simplemente enunciativas.

Artigo 31º.-Sancións.

1. A potestade sancionadora corresponde en exclusiva ó empresario, quen terá a responsabilidade de exercela de boa fe e sen incorrer en discriminacións.

Para iso, antes de impor sancións por faltas graves ou moi graves, será necesario outorgar un trámite de audiencia por escrito ó traballador, ó cal non poderá exceder dun mes sobre a base de que sexa oído o inculpado e de que se lle admitan cantas probas poña no seu descargo.

No caso de falta moi grave, se o traballador estivese afiliado a algún sindicato e ó empresario lle constase fidedignamente tal feito, deberá dar audiencia previa ós delegados sindicais da sección sindical correspondente ó dito sindicato ou, no seu defecto, ó delegado de persoal ou ó comité de empresa.

2. Prescrición:

As faltas leves prescribirán ós dez días; as graves, ós vinte días, e as moi graves, ós sesenta días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, ós seis meses de se teren cometido.

3. Por faltas leves poderán imporse calquera das sancións seguintes:

-Amoestación verbal.

-Amoestación por escrito.

-Suspensión de emprego e soldo dun a dous días.

4. Por faltas graves poderase impoñer calquera das sancións seguintes:

-Inhabilitación temporal para a promoción profesional dun a cinco anos.

-Suspensión de emprego e soldo de cinco a vinte días.

5. Por faltas moi graves poderase impoñer calquera das sancións seguintes:

-Suspensión de emprego e soldo de 21 días a 6 meses.

-Despedimento disciplinario.

6. Na cualificación da falta e a graduación da sanción aterase, como circunstancias agravantes e/ou atenuantes da responsabilidade, entre outras, á magnitude dos feitos, á intencionalidade do infractor, ó prexuízo causado, á existencia de precedente, e a calquera outra circunstancia, mesmo as de tipo subxectivo, que intervise na comisión dos feitos constitutivos da falta.

7. Prescrición das sanciones:

Aquelas sancións que fosen aplicadas en calquera das súas cualificacións e que consten nos expedientes persoais dos sancionados perderán a súa eficacia xurídica e prescribirán como agravante transcorridos os prazos seguinte desde a súa imposición se non houbese reincidencia:

-Faltas leves: 6 meses.

-Faltas graves: 18 meses.

-Faltas moi graves: 36 meses.

Disposición derradeira

Con carácter supletorio, en todo o que non estivese previsto, haberase que ater ó disposto nas normas legais, regulamentarias e convencionais que resulten de aplicación.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2001

Categorías

Salario

conv.

Nocturnid.

Golfa

Matinal

Montaxe

Quebranto

Limpador/a78.4051.2732.5012.501 02.070
Vendedor/a de billetes91.1365.0903.0753.037 02.693
Operador/a124.176 11.455 4.5244.0863.115 0
Porteiro/a86.9748.9093.4302.806 0 0
Dependente/a93.2065.0903.0753.037 02.693

Salarios 2002: incrementarase co IPC real do ano 2001.

Salarios 2003: incrementarase co IPC real do ano 2002.