Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.730

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 22 de marzo de 2001 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria de bolsas destinadas ós galegos e ós seus descendentes que residan en Iberoamérica e se incorporen ó sistema universitario de Galicia no curso académico 2001-2002.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencias plenas na regulamentación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades. A sustentación desta responsabilidade institucional foi efectuada no eido universitario por medio do Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro) de traspaso de funcións, medios e servicios na materia, pola que se lle transferiu á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG), creou as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

Unha das tarefas que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria está a levar a cabo, determinada polo Estatuto de autonomía, pola Lei de ordenación do sistema universitario de Galicia (LOSUG) e pola demanda da propia comunidade universitaria, é a de facilitar información relevante e actualizada sobre o sistema universitario de Galicia co conseguinte apoio e asesoramento ós estudiantes universitarios.

Neste sentido, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar a cabo desde hai algúns anos, unha política de asistencia económica ós estudiantes universitarios. Esta política de asistencia económica pretende ampliarse á colectividade galega e ós seus descendentes que residan en Iberoamérica, coa finalidade de impulsar e mellora-las oportunidades de estudiar nas universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, perseguindo os obxectivos de: capacitar, formar ou perfeccionar profesionalmente a estes, á vez que se contribúe ó fortalecemento das súas orixes galegas.

Con esta mesma finalidade, procédese a convocar bolsas específicas para a realización de estudios universitarios de 1º ciclo, de 1º e 2º ciclo, así como para a etapa de formación do programa de doutoramento, correspondente ós estudios universitarios de terceiro ciclo. Non se concederán axudas para a realización de estudios de especialización, títulos propios das universidades, nin estudios de posgrao.

En atención ás anteriores consideracións, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas destinadas ós galegos e ós seus descendentes que residan en Iberoamérica e se incorporen por primeira vez ó sistema universitario de Galicia no curso académico 2001-2002 e apróbanse as bases polas que se rexerán as respectivas convocatorias que se inclúen como anexos á presente orde:

1. Axudas para a realización de estudios universitarios de 1º ciclo ou de 1º e 2º ciclo (anexo I).

2. Axudas para estudios universitarios de terceiro ciclo: etapa de formación (anexo II).

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nos dous anexos desta orde destinarase a cantidade global de 10.000.000 de pesetas (60.101,21euros) con cargo á aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, correspondendo a cada anexo a cantidade de 5.000.000 de pesetas (30.050,60 euros).

A cantidade global destinada a estas axudas poderá, se non se cubren as expectativas de distribución en función das solicitudes, ser redistribuída entre ámbolos dous anexos.

Artigo 3º.-Período.

Os estudios universitarios para os que van destinadas estas axudas deberán realizarse durante o curso académico 2001-2002.

Artigo 4º.-Solicitudes.

As solicitudes, nos modelos ED 428B, e ED 428C que se publican como anexos a esta orde xunto coa documentación correspondente, poderán presentarse, de acordo co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro):

1. Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro.

2. Nas oficinas de correos, na forma que regulamentariamente se estableza.

3. No rexistros de calquera órgano administrativo, que pertenza á Administración xeral do Estado, ou a de calquera Administración das comunidades autónomas, ou a dalgunha das entidades que integran a Administración local, se neste último caso, se subscribise o oportuno convenio.

4. Nos rexistros dos órganos administrativos a que se dirixan.

5. En calquera outro que establezan as disposición vixentes.

Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse á:

Dirección Xeral de Universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Edificio administrativo San Caetano s/n, 1º andar.

15704 Santiago de Compostela-A Coruña (España).

Poderá solicitarse información adicional, polos seguintes medios:

-Teléfonos: (34) 981 54 54 33; (34) 981 54 54 31; (34) 981 54 54 30.

-Telefax: (34) 981 54 54 22.

Os interesados poderán tamén consulta-la páxina web:www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu ou seleccionando: www.xunta.es

Consellerías

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Universidades

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 31 de xullo contado desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde de convocatoria, as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas por documentación, sinalando as causas de exclusión poderán ser consultadas na páxina web da Dirección Xeral de Universidades (http.://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu). Tamén se exporán nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais, e dos vicerrectorados de estudiantes das tres universidades galegas.

As devanditas listas serán publicadas na páxina web desde o día 20 ata o día 30 de agosto de 2001 (ámbolos dous incluídos). Durante este mesmo prazo, os interesados poderán formula-las reclamacións, e emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentado, se é o caso, a documentación necesaria a través dos medios sinalados no artigo 4º desta convocatoria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición, procedendo ó arquivo do seu expediente sen máis trámite.

Artigo 6º.-Selección.

A selección farase en función do expediente académico do solicitante. A valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

Matrícula de honra: 4 puntos.

Sobresaliente: 3 puntos.

Notable: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Segundo o plan de estudios que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudios organizados por materias:

Media=suma de notas de cada materia/nº total de convocatorias empregadas.

b) Plans de estudios estructurados por créditos:

Media=(N1.P1 + N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1=número de créditos de cada materia.

P1=puntuación de cada materia.

C1=número de convocatorias empregadas en cada materia.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vocais: vicerrector de Estudiantes da Universidade da Coruña. Vicerrectora de Estudiantes da Universidade de Santiago de Compostela. Vicerrector de Estudiantes e Docencia da Universidade de Vigo. Un funcionario do Servicio de Apoio e Orientación ós Estudiantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do pro

cedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

Para o aboamento das axudas convocadas na presente orde, e de acordo co estipulado no artigo 41 da Lei 4/2000, do 27 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, poderase acordar no momento da concesión un anticipo de ata un 10%, librándose o 90% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e das demais condicións para as que foi concedida.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 4 de xaneiro, (BOE do 14 de xaneiro) o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non dictarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDIOS UNIVERSITARIOS DE 1º CICLO, OU DE 1º E 2º CICLO

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán ser solicitantes e, se é o caso, beneficiarios destas axudas os alumnos que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou dalgún dos estados pertencentes á Comunidade Iberoamericana de Nacións.

b) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais-fillos-netos) e te-la súa residencia nun país iberoamericano no momento da publicación desta convocatoria.

c) Incorporarse por primeira vez ó sistema universitario de Galicia, no curso académico 2001-2002, para realizar estudios universitarios de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo.

2. Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 428B que figura no anexo I da presente orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/pasaporte do solicitante.

b) Copia compulsada do libro de familia ou documento análogo que acredite a súa condición de galego ou ascendencia galega.

c) Copia compulsada da declaración da renda da unidade familiar ou, no seu defecto, declaración xurada dos ingresos percibidos pola unidade familiar, correspondente ó exercicio de 2000.

d) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudios realizados polo solicitante, na que consten a súa duración, en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas, así como a escala de notas aplicada polo centro onde realizou os seus estudios.

No caso de estudios validados, deberá presentar tamén certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

Os alumnos que se matriculen por primeira vez nunha universidade do sistema universitario de Galicia, en primeiro curso dunha titulación de 1º ciclo ou de 1º e 2º ciclo, deberán presenta-la certificación que acredite que reúnen os requisitos para poder acceder á universidade. Os alumnos con estudios validados por formación profesional deberán presenta-lo expediente académico.

e) Certificado de validación de estudios cursados no estranxeiro polos equivalentes españois, ou xustificante de telo solicitado, se así o requiren os estudios que vai realizar.

f) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados para a mesma finalidade.

3. Selección.

A selección dos beneficiarios farase en función da nota media do expediente académico, calculada segundo o artigo 6º da orde de convocatoria. A devandita puntuación será determinada pola comisión avaliadora.

4. Contía.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario non poderá supera-las 700.000 pesetas anuais (4.207,08 euros).

A contía que vai percibir determinarase en función da nota media do expediente académico, país de procedencia, e dos ingresos familiares.

5. Aboamento.

A axuda aboarase na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentados os seguintes documentos:

-Copia do xustificante de matricula correspondente ó curso académico 2001-2002.

-Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou privadas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

6. Obrigas dos beneficiarios.

a) Incorporarse ó comezo do curso académico 2001-2002 á universidade ou centro no que se vaian realiza-los estudios.

b) Remitir ó finaliza-lo curso un informe (máximo 2 folios) sobre a marcha da súa formación, acompañado da certificación académica correspondente.

ANEXO II

AXUDAS PARA A REALIZACIÓN DE ESTUDIOS UNIVERSITARIOS DE 3º CICLO (ETAPA DE FORMACIÓN)

1. Requisitos dos solicitantes.

Poderán ser solicitantes e, se é o caso, beneficiarios destas axudas os alumnos que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuí-la nacionalidade española ou dalgún dos estados pertencentes á Comunidade Iberoamericana de Nacións.

b) Ser galego ou descendente de galegos en liña directa (pais-fillos-netos) e te-la súa residencia nun pais iberoamericano no momento da publicación da convocatoria.

c) Incorporarse por primeira vez ó sistema universitario de Galicia, no curso académico 2001-2002, para realizar estudios universitarios de 3º ciclo (etapa de formación).

2. Documentación.

Á solicitude, segundo o modelo ED 428C que figura no anexo II da presente orde, xuntarase a documentación seguinte:

a) Copia do DNI/pasaporte do solicitante.

b) Copia compulsada do libro de familia ou documento análogo que acredite a súa condición de galego ou ascendencia galega.

c) Copia compulsada da declaración da renda da unidade familiar ou, no seu defecto, declaración xurada dos ingresos percibidos pola unidade familiar, correspondente ó exercicio de 2000.

d) Certificación académica, ou copia compulsada, dos estudios realizados polo solicitante, na que consten a súa duración, en anos académicos, materias cursadas e cualificacións obtidas, así como a escala de notas aplicada polo centro onde realizou os seus estudios.

No caso de estudios validados, deberá presentar tamén a certificación académica de idénticas características para os estudios de orixe.

e) Certificado de validación de estudios cursados no estranxeiro polos equivalentes españois, ou xustificante de telo solicitado, se así o requiren os estudios que se vaian realizar.

f) Declaración xurada do solicitante con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados para a mesma finalidade.

3. Selección.

A selección dos beneficiarios farase en función da nota media do expediente académico, calculada segundo o artigo 6º da orde de convocatoria. A devandita puntuación será determinada pola comisión avaliadora.

4. Contía.

A contía da axuda asignada a cada beneficiario non poderá supera-las 700.000 pesetas anuais (4.207,08 euros).

A contía que se vai percibir determinarase en función da nota media do expediente académico, país de procedencia, e dos ingresos familiares.

5. Aboamento.

A axuda aboarase na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentados os seguintes documentos:

-Copia do xustificante de matrícula ou carta de aceptación do director do curso correspondente ó programa de doutoramento (etapa de formación).

-Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou privadas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina, e o díxito de control.

6. Obrigas dos beneficiarios.

a) Incorporarse ó comezo do curso académico 2001-2002 á universidade ou centro no que se van realiza-los estudios universitarios de terceiro ciclo: etapa de formación.

b) Remitir ó finaliza-lo curso un informe (máximo 2 folios) sobre a marcha da súa formación, xunto coa certificación académica correspondente.