Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.729

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de marzo de 2001 pola que se autoriza a modificación do artigo 18 dos estatutos da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa e se inscribe no Rexistro de Fundacións deste protectorado.

Analizado o expediente de referencia, promovido pola Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa.

Resultando que esta fundación foi clasificada como benéfico-docente por orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 17 de xullo de 1986, e que se encontra inscrita no Rexistro de Fundacións desta consellería co número 164.

Resultando que a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa solicitou perante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a modificación do artigo 18 dos seus estatutos.

Vista a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da Lei 7/1983; así como o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e a carta fundacional da referida fundación e as súas posteriores modificacións.

Considerando que as fundacións de interese galego poden modifica-los seus estatutos coas condicións previstas no artigo 38 do citado regulamento.

Considerando que na tramitación do expediente se cumpriron os requisitos esixidos no artigo 10 da Lei 7/1983, e 32 3º e 38 do dito regulamento.

Considerando que esta modificación estatutaria é conforme coa vontade fundacional.

Esta consellería

RESOLVE:

Primeiro.-Autoriza-la modificación do artigo 18 dos estatutos da Fundación Pedro Barrié de la Maza, Conde de Fenosa, sendo a súa nova redacción a seguinte: «Artigo décimo oitavo.-Son vocais natos:

a) O presidente do Tribunal Supremo de Xustiza.

b) O presidente do Consello Superior de Investigacións Científicas.

c) O director xeral do Servicio Xurídico do Estado.

d) O presidente e os seis vocais do Consello de Administración do Banco Pastor, S.A.

Se algún dos cargos oficiais ou privados expresados fose suprimido ou modificada a súa denominación, o fundador ou, no seu defecto, o Padroado, poderá acorda-la supresión do vocal nato correspondente ou a creación dun novo vocal nato vinculado, ben ó cargo que substitúa o modificado ou desaparecido, ben a calquera outro».

Segundo.-Practica-la inscrición desta modificación estatutaria no Rexistro de Fundacións deste protectorado, logo da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, data a partir da cal entrará en vigor tal cambio estatutario.

Terceiro.-A presente disposición, que pon fin á vía administrativa, de acordo co establecido no artigo 109 c) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá ser impugnada potestativamente mediante o recurso de reposición no prazo dun mes e ante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, ou ben directamente ante a xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria