Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.712

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de marzo de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de axudas correspondentes a investigación enerxética do programa Apoio a I+D Industrial, Tecnoloxía Industrial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

A Lei 12/1993, de fomento da investigación e desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, no seu artigo 1º, establece o fomento da investigación científica e a innovación tecnolóxica como obxectivo xeral para promove-lo desenvolvemento económico, social e productivo de Galicia. Como unha ferramenta para acadar este obxectivo, no seu capítulo II, crea o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT). O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998 aprobou o Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (1999-2001), que está integrado por programas xerais, sectoriais e horizontais e que ten como propósito fundamental potencia-lo sistema ciencia-tecnoloxía-empresa de Galicia para convertelo nun elemento estratéxico ó servicio do desenvolvemento socioeconómico da Comunidade Autónoma.

Dentro dos programas tecnolóxicos horizontais figura o programa de Apoio a I+D industrial, Tecnoloxía Industrial no que o seu obxectivo é a investigación e desenvolvemento neste sector, para propicia-la innovación en procesos e productos, con máis posibilidades de apertura ó exterior.

A xestión deste programa está encomendada á Consellería de Industria e Comercio en coordinación coa Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómico axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, se é o caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006.

En consecuencia, como instrumento ordinario de execución do programa de Apoio a I+D Industrial, Tecnoloxía Industrial: Investigación Enerxética do PGIDT como continuación doutras accións realizadas no ano 2000:

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse as axudas e bolsas que a continuación se indican como instrumentos ordinarios do programa de Apoio a I+D Industrial, Tecnoloxía Industrial, Investigación Enerxética e apróbanse e fanse públi

cas, como anexos desta orde, as bases polas que se rexerán cada unha delas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva:

a) Axudas para grupos de investigación que realicen investigación aplicada nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables (anexo I).

b) Axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento (I+D) empresarial nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables (anexo II).

Artigo 2º.-Aplicación orzamentaria.

Para a concesión das axudas convocadas no anexo I desta orde, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento destinará un máximo de 55.000.000 de pesetas (cincuenta e cinco millóns de pesetas) que se imputarán á aplicación 04.07.432-A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dos anos 2001 a 2004, (20.000.000 de pesetas no ano 2001, 20.000.000 de pesetas no ano 2002, 10.000.000 de pesetas no ano 2003 e 5.000.000 de pesetas no 2004).

Para as axudas convocadas no anexo II, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria destinarán ata un máximo de 240.000.000 de pesetas (douscentos corenta millóns de pesetas) que se imputarán ás aplicacións orzamentarias 04.07.432-A.770.0 da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e 08.02.432-A.770.2 da Dirección Xeral de Industria, correspondentes ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2001 a 2003 de acordo coa seguinte distribución:

Aplicación: 04.07.432-A.770.0.

Denominación: colaboración con empresas para I+D.

Ano 2001: 15.000.000 de pesetas.

Ano 2002: 10.000.000 de pesetas.

Ano 2003: 5.000.000 de pesetas.

Aplicación: 08.02.432-A.770.2.

Denominación: I+D Enerxía.

Ano 2001: 120.000.000 de pesetas.

Ano 2002: 60.000.000 de pesetas.

Ano 2003: 30.000.000 de pesetas.~

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Esta convocatoria axustarase ó disposto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (PGIDT) e nas leis, decretos e ordes supletorias de rango nacional.

Artigo 3º.-Subvencións plurianuais.

No caso de actuacións que superen o exercicio 2001, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo

que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Os libramentos correspondentes a estas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario. Se a materialización ou o pagamento do investimento se anticipase ó calendario establecido na resolución de concesión e non fose posible o reaxuste das anualidades de subvención, o investimento ou pagamento adiantado poderá servir de xustificación para o libramento das anualidades posteriores sempre que se obtivese a conformidade da Consellería de Industria e Comercio ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento conforme o establecido no punto do artigo 6º.

Nos proxectos plurianuais, entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano, corresponden á anualidade seguinte, e polo tanto poderanse presentar como xustificantes para o cobramento desta anualidade.

Artigo 4º.-Resolución.

O conselleiro da Presidencia e Administración Pública e o conselleiro de Industria e Comercio dictarán resolución conxunta de concesión ou denegación, da que se publicará no Diario Oficial de Galicia un extracto que conteña indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario ó que se imputa a axuda e, en consecuencia, centro directivo que tramitará a axuda, cantidade concedida e finalidade da axuda ou subvención.

A resolución de concesión ou denegación será motivada, e determinará, polo menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponde, dentro dos límites establecidos por esta orde e o importe da subvención concedida. No caso de subvención plurianual, determinaranse tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución. En caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Para os efectos do establecido no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolver e notifica-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses, contados desde a data de publicación da presente convoca

toria. O caso de non recaer resolución expresa dentro do mencionado prazo lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 5º.-Recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o órgano que dictou a resolución, no prazo dun mes, contado a partir do seguinte día ó de recepción da correspondente notificación no caso de que a resolución fose expresa; se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

De non estima-la presentación deste recurso, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da súa notificación, se fose expresa; se non o fose o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo iso sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos seus intereses por parte dos interesados.

Artigo 6º.-Modificación do proxecto subvencionado.

1. Tal como se recolle no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

2.1. Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade da presente orde.

2.2. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

2.3. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren ocorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación total ou parcial da axuda ou subvención.

3. O beneficiario deberá solicita-la dita modificación mediante instancia dirixida ó órgano concedente, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos expresados no punto 2 deste artigo, no prazo de 20 días hábiles antes da data límite de xustificación das actuacións da correspondente anualidade.

O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou, se é o caso, se denegue, será dictado polo órgano concedente, despois da instrucción do correspondente expediente conforme o previsto no artigo 12 do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 7º.-Difusión de resultados.

1.1. Os traballos e os resultados obtidos serán propiedade dos seus autores que, no momento de facelos públicos, deberán facer consta-la referencia específica da axuda recibida da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia e deberán envia-la través do rexistro xeral da dita consellería ou do Rexistro Xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento un exemplar das correspondentes publicacións.

1.2. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a informa-la Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria de calquera resultado obtido no desenvolvemento do proxecto incluída unha posible patente.

Artigo 8º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Consellería de Industria e Comercio e as de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no caso de cofinanciamento de fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, pola Dirección Xeral de Industria así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 9º.-Reintegro das axudas.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas impostas na presente orde, ou as que, se é o caso, se inclúan na resolución, dará lugar, de acordo co disposto no artigo 19 e seguintes, do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, logo de audiencia ó interesado, á revogación da axuda concedida e ó reintegro da cantidade percibida e os seus xuros de mora, sen

prexuízo, se é o caso, doutras responsabilidades nas que incorrese o beneficiario.

1. Non poderá esixirse o pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de mora percibidos desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

1.1. Incumprimento da obriga de xustificación.

1.2. Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

1.3. Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

1.4. Incumprimento das condicións impostas ó beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima sobre o investimento subvencionable establecido para cada actividade na presente orde.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo de acordo co procedemento establecido no artigo 20º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

5. Así mesmo, os beneficiarios encontraranse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o capítulo VII do citado Decreto 287/2000.

Artigo 10º.-Renuncia ás axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos puntos 3, 4 e 5 do artigo precedente e o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto na orde, haberá que aterse ó disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e admi

nistrativo, na Lei, 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 ou da anualidade que corresponda, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e o director xeral de Industria para que dicten as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde. A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria resolverán tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio

ANEXO I

Axudas para grupos de investigación que realicen investigación aplicada nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables

1. Obxecto.

Estas axudas teñen como obxectivo contribuír á formación de novos grupos, así como prestar apoio a aqueles equipos de investigación xa existentes para o desenvolvemento de proxectos de investigación aplicada en ciencias e tecnoloxías enerxéticas. Para os efectos desta convocatoria defínense os seguintes conceptos:

1.1. Grupo de investigación: conxunto estable de persoas que baixo a dirección continuada dunha delas realizan coordinadamente e de forma habitual tarefas de investigación nun reducido número de liñas, afins ou complementarias.

1.2. Equipo de investigación: membros dun grupo de investigación, que baixo a dirección dun deles realizan ou solicitan un proxecto de investigación.

1.3. Proxecto de investigación coordinado: proxecto de investigación no que participan equipos de investigación que pertencen a grupos de investigación distintos que achegan coñecementos de campos diferentes pero que son complementarios en relación con ese proxecto.

1.4. Persoal con vinculación estable: persoal numerario, contratado laboral estable ou outras figuras equivalentes.

1.5. Persoal con vinculación: persoal con relación laboral ou contractual non estables, bolseiros predoutorais ou análogos. Non se considerará como vinculación dispoñer dunha bolsa de terceiro ciclo ou análoga agás naqueles supostos en que así o indiquen as correspondentes bases da convocatoria.

En ningún caso, para os efectos desta convocatoria, se admitirá como persoal vinculado ó organismo aquel que estea contratado ou sexa bolseiro con cargo a un proxecto, independentemente do organismo financiador.

2. Beneficiarios.

Para poder participar nesta convocatoria os investigadores deberán integrarse en grupos que se deben manter, polo menos durante o período de vixencia da axuda concedida, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación desta e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e pola Dirección Xeral de Industria; cada investigador só poderá formar parte dun grupo e cada grupo só poderá presentar unha solicitude nesta convocatoria, non computándose para estes efectos as axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Para os efectos da presente convocatoria establécense os seguintes tipos de grupos:

2.1. Grupos en formación. Trátase de investigadores que presentan propostas orientadas a crear grupos de investigación para desenvolver novas liñas de investigación aplicada nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables, non cubertas por grupos existentes no seu contorno. Tamén poderán constituírse novos grupos ó redor de liñas existentes se se alegan razóns circunstanciais de forza maior. No caso de grupos en formación cada grupo só poderá ter un equipo. Os novos grupos deberán cumprir como mínimo as seguintes características de composición.

2.1.1. O grupo terá como mínimo tres membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

2.1.2. O investigador principal deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de dous anos como tal e deberá ter vinculación estable co correspondente organismo.

2.1.3. Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo. Para este caso e só para un deles, admitirase tamén como vinculación ser bolseiro de terceiro ciclo de segundo ano.

2.2. Grupos/equipos consolidados. Trátase de grupos/equipos experimentados como tales e con coherencia interna. Neste caso cada grupo poderá ter máis dun equipo e todos eles deberán ter como mínimo as seguintes características.

2.2.1. O grupo/equipo terá como mínimo tres membros, todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

2.2.2. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e deberá ter ó menos un sexenio recoñecido ou ben ter unha antigüidade mínima, como doutor, de catro

anos e acreditar unha actividade investigadora nos últimos catro anos que como mínimo responda a algúns dos seguintes puntos:

a) Ter dirixido unha tese doutoral que xa fose lida.

b) Ter publicado dos artigos de calidade no seu ámbito.

c) Ter realizado dous estudios técnicos de relevancia científica.

d) Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

2.2.3. Outro investigador deberá ser doutor con vinculación ó correspondente organismo e dedicación a tempo completo. No caso de que a súa dedicación non sexa a tempo completo deberá ser reemprazado por dous investigadores coas mesmas características pero con dedicación a tempo parcial. Este/s investigador/es e o investigador principal deberán posuír experiencia investigadora afín ou complementaria.

Os restantes membros (mínimo un) deberán ser, como mínimo, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo.

No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, como mínimo, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total catro membros)

2.3. Grupos/equipos de excelencia. Trátase de grupos/equipos consolidados que cumpren unhas condicións mínimas en canto á súa composición e uns criterios preestablecidos de calidade.

2.3.1. Características mínimas de composición:

a) O grupo/equipo terá como mínimo cinco membros todos eles pertencentes ó mesmo organismo.

b) No grupo/equipo deberán figurar un mínimo de tres doutores:

b.1. O investigador principal deberá ser doutor con vinculación estable ó correspondente organismo e deberá ter ó menos dous sexenios recoñecidos ou ben ter unha antigüidade mínima, como doutor, de oito anos e acreditar unha actividade investigadora nos últimos catro anos que como mínimo responda a algúns dos seguintes puntos:

b.1.1. Ter dirixido unha tese doutoral que xa fose lida.

b.1.2. Ter publicados dous artigos de calidade no seu ámbito.

b.1.3. Ter realizado dous estudios técnicos de relevancia científica.

b.1.4. Ter publicado un artigo de calidade no seu ámbito e ter realizado un estudio técnico de relevancia científica.

Esta actividade investigadora deberá ser certificada no modelo que para tal efecto se inclúe na solicitude polo vicerrector de investigación no caso das universidades ou polo órgano competente do correspondente organismo.

b.2. Outro dos investigadores deberá ser doutor cunha antigüidade mínima de seis anos e tamén con vinculación estable ó organismo.

b.3. Un terceiro doutor con vinculación e dedicación a tempo completo.

c) Os restantes membros (mínimo dous) deberán ser, polo menos, titulados superiores con vinculación e dedicación a tempo completo ó organismo.

d) No caso de que o grupo/equipo teña algún proxecto vixente, para poder solicitar un proxecto nesta convocatoria o tamaño mínimo deste incrementarase incorporando, polo menos, un titulado superior con vinculación e dedicación a tempo completo ó correspondente organismo (en total seis membros).

2.3.2. Criterios de calidade: para que o grupo/equipo poida ser considerado de excelencia, o conxunto dos seus membros deberá reunir polo menos catro dos seguintes criterios de calidade.

a) Catro sexenios recoñecidos.

b) Cinco teses de doutoramento dirixidas e lidas.

c) Doce publicacións de prestixio internacional que supoñan unha contribución real e non simple rutina.

d) Dúas patentes nacionais ou internacionais rexistradas.

e) Dirección de seis proxectos obtidos en convocatorias competitivas de ámbito nacional ou internacional.

f) Unha presidencia dun comité organizador dun congreso dunha sociedade internacional.

g) Ser membro do comité científico dunha revista de prestixio internacional.

h) Dirección de seis proxectos financiados por empresas dun importe superior a dous millóns de pesetas cada un deles.

2.4. Incorporación doutros membros ó grupo/equipo: para calquera das modalidades de grupos definidas anteriormente o tamaño mínimo característico

do equipo poderase incrementar, obviamente, por incorporación ó proxecto doutros investigadores que serán considerados para os efectos de avalia-la viabilidade do proxecto e de determina-lo importe da subvención concedida se cumpren o requisito de que as súas categorías profesionais (titulación, vinculación co organismo, etc.) son como mínimo igual ás que se lle requiren ó membro menos cualificado de tódolos que forma o equipo. No caso de que estes investigadores pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, terán que acredita-la autorización do organismo para participar no proxecto. Poderán figurar como colaboradores no proxecto solicitado outros titulados superiores sen vinculación, que non serán computados na valoración deste. Tamén poderán incorporarse asesores científicos e especialistas para accións específicas pertencentes a outros grupos que só serán considerados para os efectos de avaliación científico-técnica do proxecto.

3. Ámbito temporal.

As axudas reguladas neste anexo I concédense para a realización de actuacións que se inicien no ano 2001 e teñan unha duración máxima de tres anos desde o momento da concesión.

4. Actuacións subvencionables e limitacións.

4.1. Grupos en formación.

4.1.1. Axudas: os grupos en formación poderán solicitar unha axuda destinada á realización de actividades encamiñadas á formación de grupos e por tanto unha axuda que só poderá ser solicitada con carácter previo á obtención dun proxecto de investigación por parte deste. A contía máxima desta axuda ascende a un millón de pesetas por ano, para un período de dous anos e só se poderán conceder por unha soa vez.

4.1.2. Limitacións: os grupos en formación, e por tanto os seus membros, mentres disfruten dunha axuda concedida ó abeiro desta convocatoria non poderán dispoñer (ou participar) doutro proxecto, independentemente de cal sexa a orixe do seu financiamento.

4.2. Grupos/equipos consolidados.

4.2.1. Axudas: os grupos/equipos consolidados poderán solicitar dous tipos de axudas debendo optar nesta convocatoria por unha delas soamente:

a) Incentivos: os grupos/equipos consolidados que nas convocatorias, ós que con posterioridade ó 23 de xuño de 2000 e ata a data de peche desta convocatoria, se lles comunicase a concesión dun proxecto aplicado do Plan Nacional o contido do cal estea relacionado coa I+D nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables (non se consideran os proxectos financiados con fondos FEDER, concedidos ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro), ou do Programa Marco Europeo poderán

solicitar, en lugar do proxecto de investigación, por cada un dos proxectos obtidos e vixentes, unha axuda destinada a reforza-la capacidade competitiva do grupo. O importe máximo desta axuda será de catro millóns no caso de proxecto do Plan Nacional e de seis millóns no caso do Programa Marco e só se poderá conceder unha vez por cada proxecto.

b) Proxectos de investigación: os grupos/equipos consolidados poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de quince millóns de pesetas para un período de tres anos que se computan a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e as esixencias da investigación formulada, a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 5 das presentes bases.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos, poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que sexan complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subgrupos que integran o proxecto coordinado requirirase un mínimo de dous investigadores. O responsable de cada subproxecto deberá reuni-los requisitos establecidos no punto 2.2.2. Un dos responsables será o coordinador do proxecto coordinado.

Os restantes membros de cada subproxecto, que serán ó menos un, deberán ter titulación superior con vinculación a tempo completo ó correspondente organismo.

4.2.2.Limitacións: os investigadores con vinculación estable ó correspondente organismo que figuren no proxecto, poderán participar asemade noutros proxectos de investigación coas seguintes limitacións, computando o proxecto solicitado:

a) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catorce anos ou máis, poderán participar nun máximo de catro proxectos de investigación se a súa dedicación ó correspondente organismo é a tempo completo e en dous se é a tempo parcial.

b) Se teñen unha antigüidade como doutores entre dez e trece anos poderán participar nun máximo de tres proxectos de investigación se a súa dedicación ó correspondente organismo é a tempo completo e en dous se é a tempo parcial.

c) Se teñen unha antigüidade como doutores entre catro e nove anos poderán participar nun máximo de dous proxectos de investigación se a súa dedicación ó correspondente organismo é a tempo completo e nun se a dedicación é a tempo parcial.

Os restantes membros do grupo/equipo non incluídos nalgún dos tres puntos anteriores só poderán participar no proxecto que se solicita.

Ningún grupo/equipo consolidado poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de Apoio a I+D Industrial, Tecnoloxía Industrial do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear dous proxectos de distintos programas sectoriais/horizontais do Plan e un proxecto do programa de promoción xeral da investigación do Plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para efectos desta convocatoria, exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que terminen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

4.3. Grupos/equipos de excelencia.

4.3.1. Axudas: os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar dous tipos de axudas, debendo optar nesta convocatoria por só unha delas.

a) Incentivos: trátase do mesmo tipo de axudas descritas no punto 4.2.1.a) para os grupos/equipos consolidados e coas mesmas características e limitacións salvo que, neste caso, poderán ascender ata un máximo de cinco millóns para proxectos do Plan Nacional e sete millóns para o Programa Marco.

b) Proxectos de investigación: os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar un proxecto de investigación dun importe máximo de vinte millóns de pesetas para un período de tres anos que se contabilizarán a partir da adxudicación das axudas. Dentro deste límite o financiamento será concedido en función da natureza do proxecto e esixencias da investigación formulada, a calidade do proxecto, a calidade e o tamaño do grupo e a duración do proxecto.

A axuda solicitada deberase referir a algún dos conceptos que se indican no punto 5 das presentes bases, incluíndo o concepto de persoal.

Co fin de favorece-la cooperación entre grupos poderanse presentar proxectos coordinados sempre que se trate de grupos que acheguen coñecementos de campos diferentes pero que sexan complementarios en relación co proxecto. Para cada un dos subgrupos que integran o proxecto coordinado requirirase que os seus membros cumpran as condicións establecidas para os grupos de excelencia, podendo prescindirse dun dos investigadores que se indican no punto 2.3.1.

4.3.2. Limitacións: os investigadores doutores con vinculación estable ó correspondente organismo, que figuren no proxecto, poderán participar simultaneamente noutros proxectos de investigación coas mesmas limitacións que as descritas para os grupos consolidados no punto 4.2.2.

Ningún grupo/equipo de excelencia poderá ter vixente máis dun proxecto financiado con cargo ó programa de apoio á I+D nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables do Plan Galego de IDT, pero si poderá simultanear dous proxectos de distintos programas sectoriais/horizontais do Plan cun proxecto do programa de promoción xeral da investigación do Plan sempre que cumpra as limitacións específicas descritas anteriormente.

Con carácter transitorio e para efectos desta convocatoria exclúense do cómputo de proxectos vixentes tódolos proxectos do Programa Marco. Tamén se exclúen os proxectos do Plan Nacional que finalicen antes do 1 de xaneiro de 2002, os proxectos concedidos con fondos FEDER ó abeiro do Decreto 309/1997, do 25 de setembro, e calquera proxecto empresarial do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

4.4. Outras axudas: axudas para solicitudes do V Programa Marco.

Ademais das axudas descritas anteriormente e co fin de promove-la competitividade no V Programa Marco os grupos/equipos consolidados e os grupos/equipos de excelencia poderán solicitar axudas encamiñadas a cubri-los gastos que supón a elaboración dun proxecto europeo. O importe máximo destas axudas será de 300.000 pesetas referidas ós conceptos específicos recollidos nos puntos 5.4 e 5.5 das presentes bases, sempre en relación cos gastos de elaboración do correspondente proxecto. Estas axudas son compatibles coas axudas descritas nos puntos 4.2 e 4.3.

Os investigadores que se integran nun grupo que resulte seleccionado quedan obrigados a manterse no dito grupo (e non poderán integrarse ou formar parte doutro grupo), durante o período de vixencia do proxecto financiado, salvo circunstancias excepcionais acaecidas con posterioridade á aprobación de proxecto e que deberán ser autorizadas expresamente pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria.

Aqueles investigadores que non cumpran os requisitos establecidos nas presentes bases serán excluídos e, no caso de que o grupo/equipo de investigación resultante non cumpra os requisitos mínimos esixidos á súa categoría (grupo en formación, grupo/equipo consolidado ou de excelencia), a solicitude será desestimada.

5. Conceptos subvencionables e contía das axudas.

En xeral as axudas solicitadas deberanse referir a algún dos conceptos que a seguir se relacionan, ben que cada tipo de grupo deberá ter en conta as limitacións que lle son específicas:

5.1. Persoal contratado especificamente para colaborar nas actividades de investigación do proxecto. Estes contratos serán incompatibles coa percepción de calquera outra remuneración. A contratación realizarase conforme os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

Poderá solicitarse persoal nas diferentes modalidades aplicadas de axuda previstas neste anexo salvo para o caso de grupos en formación (punto 4.1) e para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (punto 4.4).

O importe máximo por este concepto será de 6.600.000 pesetas para proxectos de tres anos, 4.400.000 pesetas para proxectos de dous anos e 2.200.000 pesetas para proxectos dun ano e no caso dos incentivos de grupos/equipos consolidados ou de excelencia (puntos 4.2.1.a) e 4.3.1.a) das presentes bases) poderase imputar a este concepto ata o importe de subvención permitida, descontados os custos indirectos.

5.2. Material inventariable e bibliográfico indispensable para a realización do proxecto, debidamente xustificados. O material inventariable e bibliográfico adquirido con cargo a estas axudas será propiedade dos organismos ós que pertence o investigador responsable do proxecto.

5.3. Material funxible debidamente xustificado.

5.4. Axudas de custo por desprazamento para actividades que se precisen no desenvolvemento do proxecto.

5.5. Outros gastos (especificalos no modelo de solicitude).

5.6. Custos indirectos: imputarase por este concepto un 10% do custo total do proxecto, co fin de resarci-lo correspondente organismo dos gastos que a execución do proxecto leva implícitos.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que as conceda, sempre que conxuntamente non superen o custo total do proxecto de acordo coas valoracións feitas polos expertos.

6. Presentación de solicitudes e documentación.

As solicitudes serán presentadas polo investigador principal do proxecto, que deberá pertencer a unha das universidades do sistema universitario de Galicia ou a outros centros/organismos públicos de investigación radicados na Comunidade Autónoma. Cando no proxecto figuren investigadores que pertenzan a organismos distintos ó do investigador principal, estes terán que acreditar a autorización do seu organismo para participar no proxecto; estes investigadores non computarán para efectos da composición mínima requirida a cada tipo de grupo/equipo solicitante.

O modelo oficial de solicitude número (ENR1) (a súa portada publícase como anexo III da presente orde), está ó dispor dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, na Dirección Xeral de Industria, nos vicerrectorados de investigación das universidades de Galicia, na Delegación en Galicia do CSIC, e na Internet nos enderezos http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid, en http://www.cesga.es/sxid, ou en http://www.xunta.es/conselle/in.

Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo da solicitude. Así mesmo, deberán razoa-lo carácter aplicado e o interese socioeconómico do proxecto para o sector industrial e considera-la posibilidade de explotación dos resultados e a súa posible transferencia á empresa.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Presidencia e Administración Pública e ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse por triplicado no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. No caso de que o director do grupo non participe na composición do equipo investigador requirirase o seu visto e prace á correspondente solicitude.

As solicitudes redactaranse en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma e para o caso da lingua galega deberá adaptarse ó disposto na lexislación vixente (disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, e Decreto 173/1982, do 17 de novembro).

Calquera solicitude deberá ser presentada co visto e prace do representante legal do organismo correspondente (rector no caso das universidades).

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

7. Emenda de defectos.

Se a documentación achegada estivese incompleta, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento requirirá o solicitante para que no prazo de dez días, contados a partir do día seguinte á percepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Ó non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Cando a temática do proxecto o aconselle, logo de informe do xestor do programa e audiencia ó investigador principal, o secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento conxuntamente co director xeral de Industria poderán determina-lo transvasamento de solicitudes presentadas ó abeiro desta convocatoria a outras convocatorias do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

8. Avaliación e selección dos proxectos.

A valoración das solicitudes será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A selección das solicitudes e a determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída por cinco membros, dos que tres serán designados polo director xeral de Industria, dos que un actuará como presidente e outro como secretario, e outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Para a selección dos beneficiarios e a cuantificación das axudas de proxectos de investigación, establécense en orde de importancia decrecente os seguintes criterios:

8.1. A valoración científico-técnica realizada polos expertos como referencia fundamental.

8.2. A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que forman o equipo en proxectos financiados anteriormente.

8.3. A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

8.4. O interese, relevancia e oportunidade dos obxectivos do proxecto para a resolución de problemas relevantes para a Comunidade Autónoma.

8.5. A incidencia que nos mecanismos de transferencia de tecnoloxía poidan te-los resultados do proxecto proposto a través de empresas ou ben directamente pola propia institución.

8.6. Para o axuste económico e cando sexa necesario como complemento do criterio a) terase en conta a calidade do proxecto, a calidade e tamaño do equipo e a natureza e esixencia da investigación que se vai realizar.

8.7. Para a selección dos beneficiarios e o establecemento da contía das axudas para a formación dos novos grupos, os incentivos dos grupos consolidados e de excelencia, así como para as axudas para solicitudes do V Programa Marco (puntos 4.1.1, 4.2.1.a), 4.3.1.a) e 4.4 respectivamente), terase en conta fundamentalmente a calidade do grupo e as actividades que se pretendan realizar coa axuda solicitada.

Unha vez realizada a selección elevarán a correspondente proposta ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública e ó conselleiro de Industria e Comercio, que dictarán resolución conxunta de concesión ou denegación.

9. Prazos e forma de xustificación.

A subvención será librada a través do organismo ó que pertenza o equipo investigador, conforme o plan de necesidades do proxecto subvencionado e de acordo coa normativa vixente.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter xustificada a aplicación dos fondos das actuacións que constitúan o investimento subvencionable para o que deberá presentar, antes do 15 de novembro do ano que corresponda, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por triplicado, a seguinte documentación:

9.1. Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e a aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

9.2. Informes parciais dos proxectos de investigación correspondentes, se os houbese.

9.3. No caso de axudas recollidas no punto 4.4 requírese documento acreditativo de ter presentado solicitude ó V Programa Marco.

9.4. Para efectua-lo último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

10. Seguimento do proxecto e pagamento da subvención.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria poderán utiliza-los procedementos que consideren necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propoñe-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Conforme o establecido nos artigo 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, trala inspección realizada, se fose o caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o considerado na resolución

de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que as actuacións realizadas teñan un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase proporcionalmente, sempre que a minoración do custo non supuxese unha realización deficiente do proxecto.

Finalizado o proxecto, a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento en coordinación coa Dirección Xeral de Industria, remitirá ós investigadores principais un impreso normalizado, para que se fagan consta-los resultados obtidos no desenvolvemento daquel, quedando os investigadores principais obrigados a presenta-lo dito impreso formalizado, nun prazo de tres meses desde a finalización do proxecto, a través do rexistro xeral da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento ou da Consellería de Industria e Comercio. A información contida neste impreso será avaliada polo xestor do programa que, logo das comprobacións e aclaracións que sexan necesarias emitirá un informe sobre o cumprimento do proxecto, con destino á Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria. Estas unidades poderán convoca-lo investigador principal, se o consideran necesario, a unha entrevista en relación coa execución do proxecto e os resultados obtidos.

ANEXO II

Axudas para a realización de proxectos de Investigación e Desenvolvemento (I+D) empresarial nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables

1. Obxecto e principios.

As presentes bases regulan o procedemento de concesión das axudas a empresas, asociacións ou agrupacións de empresas que realicen proxectos de investigación aplicada, investigación dos recursos enerxéticos, desenvolvemento tecnolóxico e difusión dos seus resultados nos campos da eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

A concesión destas axudas axústase ós principios de publicidade, concorrencia competitiva e obxectividade.

Estimaranse polo tanto as solicitudes segundo a valoración outorgada sempre que superen unha mínima calidade técnica e reúnan os requisitos determinados nestas bases reguladoras, ata que se extinga o crédito orzamentario.

2. Beneficiarios.

Poderán acollerse a estas axudas as empresas, asociacións ou agrupacións de empresas que cumpran os seguintes requisitos:

2.1. Te-lo seu domicilio social ou algún dos seus centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia e materializa-lo proxecto obxecto

da axuda no ámbito territorial de Galicia. Exceptúanse da necesidade de dispoñer do seu domicilio ou centro de traballo en Galicia as entidades que realicen actividades de difusión e sensibilización a que se refire o punto 4.4 deste anexo II.

2.2. Posuír personalidade xurídica propia e suficiente capacidade para obrar e non estar inhabilitada para a obtención de subvencións públicas ou para contratar co Estado, comunidades autónomas e outros entes públicos.

2.3. Non ter pendentes de pagamento débedas coa Comunidade Autónoma e encontrarse ó día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

2.4. As empresas incluídas no ámbito de aplicación do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba a regulación dos rexistros de establecementos industriais de Galicia, deberán encontrarse inscritas e cos datos actualizados, de acordo cos prazos establecidos no dito decreto.

2.5. Calquera que poida ser esixible en virtude de normas de dereito necesario.

3. Ámbito temporal.

Estas axudas concédense para a realización do proxectos que se iniciasen durante o ano 2001 e que teñan como duración un máximo de tres anos. En todo caso, o proxecto deberá estar concluído antes do 15 de outubro de 2003.

4. Actuacións subvencionables.

As axudas destinaranse ás seguintes actuacións:

4.1. Creación e dotación específica de departamentos de IDT ou plantas-piloto en empresas, agrupacións ou asociacións de empresas relacionadas co sector da enerxía.

4.2. Proxectos de IDT orientados á obtención ou mellora de coñecementos dos recursos enerxéticos.

4.3. Proxectos de IDT nas áreas da eficiencia enerxética e enerxías renovables, mellora nos sistemas de xestión enerxética e para o desenvolvemento de bens de equipos.

4.4. Actividades de difusión e sensibilización, conducentes a propaga-los resultados da investigación e a innovación en productos, procesos ou servicios. Estudios sobre temas de interese xeral nos campos da eficiencia enerxética e enerxías renovables.

5. Conceptos subvencionables e contía das axudas.

De cada unha das posibles actuacións subvencionables, serán subvencionables os seguintes conceptos:

5.1. Creación e dotación específica de departamentos de IDT ou plantas piloto en empresas, agrupacións ou asociacións de empresas relacionadas co sector da enerxía.

5.1.1. Custo vinculado ó desenvolvemento externo do estudio e o proxecto para a creación do departamento ou a planta piloto.

5.1.2. Custo de adquisición de bens de equipo específicos e elementos técnicos e instrumentos destinados a investigación e desenvolvemento. Non serán subvencionables os custos de compra ou construcción de edificios nin a adaptación de locais.

5.2. Proxectos de IDT orientados á obtención ou mellora de coñecementos dos recursos enerxéticos renovables:

5.2.1. Custo de realización de medidas.

5.2.2. Custo da avaliación de recursos correspondente.

5.3. Proxectos de IDT nas áreas de eficiencia enerxética e enerxías renovables para a mellora nos sistemas de xestión enerxética, e para o desenvolvemento de bens de equipo. Subvencionaranse os conceptos seguintes:

5.3.1. Custo de persoal técnico da empresa necesario para a realización do proxecto. As funcións que realizará o devandito persoal deben quedar definidas no proxecto indicándose as tarefas e alcance de traballos que se realizarán, así como a porcentaxe que da totalidade do seu tempo dispoñible se calcula empregar no proxecto. A contía total deste punto non poderá supera-lo 20% do custo total do proxecto subvencionable.

5.3.2. Custo do persoal técnico adicional que contrate a empresa para a realización do proxecto. O devandito persoal deberá estar constituído por titulados universitarios ou de FP II ou ciclos superiores e no momento da contratación, non poderá ter vinculación laboral coa empresa nin tela dos últimos anos. A subvención máxima que poderá concederse por este concepto ascende a 6.600.000 pesetas para proxectos de tres anos, 4.400.000 pesetas para proxectos de 2 anos e 2.200.000 pesetas para proxectos dun ano. No momento de presentarse, a solicitude deberá achegarse ó perfil requirido, sendo necesario presentar copia do contrato no momento de cobramento da subvención. Deberán quedar definidos o carácter e alcance das súas tarefas que realizarán no proxecto, así como o grao de participación respecto á totalidade do seu tempo dispoñible.

As axudas obtidas a causa das citadas contratacións poderán concorrer tamén ós incentivos dos programas de fomento de contratos en prácticas e para innovación tecnolóxica que convoca a Consellería de Familia, Promoción de Emprego, Muller e Xuventude. Para que as ditas contratacións poidan ser obxecto de subvención pola citada consellería, deberán reuni-los requisitos e condicións que se establezan, e deberán cumpri-los prazos de presentación de solicitudes que se regulen na correspondente orde de convocatoria. Así mesmo, requirirán o informe previo da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

5.3.3. Gastos xerais suplementarios da empresa imputables ó proxecto ou actuación, tales como viaxes, comunicacións, e outros similares. Consi

dérase subvencionable ata un máximo do 5% do custo total do proxecto subvencionable.

5.3.4. O custo de colaboracións externas poderá ser orixinado por contratacións con:

a) A universidade, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos.

b) Empresas externas con experiencia recoñecida na materia de que se trate ou laboratorios privados. Neste caso considérase subvencionable ata un máximo do 15% do custo do proxecto subvencionable.

5.3.5. Investimentos necesarios para a realización do proxecto. Deberase xustifica-la súa necesidade para o proxecto, e a porción da súa vida útil que se asigna ó proxecto. Considérase subvencionable ata un máximo do 20% da investimento subvencionable. Non se considerará a adquisición de equipos usados, nin as reformas que se efectúen nestes.

5.3.6. Gastos en materiais funxibles necesarios para a execución do proxecto. Considérase subvencionable ata un máximo do 15% do custo total do proxecto subvencionable.

5.3.7. Gastos inherentes á adquisición de compoñentes necesarios para a elaboración e desenvolvemento de prototipos, así como o custo de realización externa dos ditos prototipos. Non poderá supera-lo 35% do custo do proxecto subvencionable.

5.3.8. Gastos para a protección dos resultados da investigación sempre que esta fose realizada en Galicia, ou se vaia implantar un proceso productivo relacionado con ela.

5.4. Actividades de difusión e sensibilización conducentes a propaga-los resultados da investigación e a innovación en productos, procesos ou servicios. Estudios sobre temas de interese xeral nos campos da eficiencia enerxética e as enerxías renovables.

Non se valorará para os efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamentos de impostos, IVE salvo que o beneficiario se encontre acollido ó réxime de exención do IVE. Tampouco se valorarán as taxas, contribucións, licencias, nin calquera outro de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, nin os correspondentes a fórmulas de arrendamento financeiro.

As axudas concedidas son compatibles con calquera outra destinada ó mesmo proxecto calquera que sexa a súa natureza e entidade que a conceda. A porcentaxe de axudas máxima en concorrencia con subvencións ou axudas desta ou outras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, non poderá supera-lo 50% sobre o importe do proxecto subvencionable.

6. Presentación de solicitudes e documentación.

O prazo de presentación das solicitudes será de 45 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes dirixiranse ó conselleiro de Presidencia e Administración Pública ou ó conselleiro de Industria e Comercio, e presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo oficial de solicitude, número (ENR2) (a súa portada publícase como anexo IV da presente orde), está ó dispor dos interesados, de forma íntegra, nas dependencias da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, nas de Dirección Xeral de Industria, nas das súas delegacións provinciais e nos enderezos da Internet http://www.cesga.es/sxid ou en http://www.xunta.es/conselle/preside/sxid ou en http://www.xunta.es/conselle/in. A dita solicitude presentarase cos seguintes datos ou declaracións.

6.1. Modelo ENR-2, páxina ENR02-1 a ENR02-4, por medio do que se presentarán:

6.1.1. Datos relativos ós recursos destinados pola empresa a I+D.

6.1.2. Resumo do orzamento do proxecto de I+D.

6.1.3. Declaracións expresas de:

a) Non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia, e de estar ó día de pagamento das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Outras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

6.2. Documento nº 1 de identificación dos equipos de investigación, que se é o caso poderán estar formados por:

6.2.1. Membros do equipo de investigación da empresa.

6.2.2. Membros de equipos colaboradores da universidade ou organismos públicos de I+D ou centros tecnolóxicos. Estes acompañaranse dos correspondentes currículos normalizados no documento nº 3.

6.3. Documento nº 2 modelo normalizado para redacta-la memoria do proxecto de investigación, que incluirá de maneira expresa os obxectivos e resultados previstos, a metodoloxía e programación dos traballos, os medios técnicos e humanos, asignación das súas tarefas, cuantificación e xustificación do custo correspondente e orzamento de detalle do proxecto. Se o investimento consiste na creación dunha planta piloto, será necesario declarar cales son as súas aplicacións unha vez instalada, así como a súa relación co proceso productivo. Engadiranse

as copias complementarias das follas que fose necesario se o espacio asignado a calquera punto fose insuficiente. No caso de que o interesado o considere necesario, ademais do documento nº 2 segundo modelo ENR-2 que é preceptivo, poderase presentar de maneira voluntaria un proxecto aclaratorio do expresado no devandito documento.

6.4. Copia cotexada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual, así como xustificante de alta no imposto de actividades económicas (IAE) e na Seguridade Social.

6.5. Copias do documento nacional de identidade e do poder bastante de representación con que actúa quen representa á entidade solicitante.

6.6. Copia da escritura de constitución da entidade solicitante e as súas modificacións, se é o caso, debidamente inscrita no correspondente rexistro. No caso de que se encontren acollidas ó réxime de exención do IVA, documentación acreditativa desta. No caso de te-lo seu domicilio social en Galicia, acreditación do seu centro de traballo en Galicia e declaración do lugar en que se realizarán as actuacións.

6.7. No caso de proxectos que inclúan colaboracións externas consistentes en contratos coa universidade, centros públicos de investigación ou centros tecnolóxicos, ás que se refire o punto 5.3.4.a) deste anexo, copia do contrato de colaboración formalizado ou, no seu defecto, carta de intencións. Neste documento deberá consta-la composición dos equipos de investigación do organismo público, o custo e o obxecto da colaboración de forma detallada.

De toda a documentación presentaranse tres exemplares nos que tódolos documentos que non sexan orixinais estarán compulsados.

7. Emenda de defectos.

Se a documentación achegada estivese incompleta requirirase o solicitante para que no prazo de dez días contados a partir do día seguinte á recepción do dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición logo de resolución de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Non axustarse ós termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de calquera outro tipo de actuacións a que puidese dar lugar.

8. Avaliación e selección dos proxectos.

A valoración do proxecto de IDT levarase a cabo conforme o disposto, neste ámbito, pola Resolución do 28 de decembro de 1998 pola que se fai público o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 18

de decembro de 1998, polo que se aproban as instruccións relativas ós créditos afectados ás actuacións relacionadas coa investigación e desenvolvemento e conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma galega.

A valoración das solicitudes admitidas a trámite será realizada por expertos externos designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A selección das solicitudes e a determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída por cinco membros dos que tres serán designados polo director xeral de Industria (un como presidente e outro como secretario) e outros dous designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento.

Para a determinación na preferencia na concesión e contía das axudas establécense, en orde de importancia decrecente, os seguintes criterios:

8.1. Valoración realizada polos avaliadores externos a que se refire o punto 8 deste anexo II.

8.2. A coherencia dos obxectivos do proxecto cos obxectivos do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico.

8.3. O impacto das actuacións e resultados do proxecto na resolución de problemas relevantes para o seu correspondente sector.

8.4. Calidade técnica do proxecto e capacidade da empresa para a súa execución.

8.5. O carácter innovador do proxecto, tanto na vertente técnica como comercial.

8.6. Incidencia do proxecto no desenvolvemento do sistema ciencia-tecnoloxía-empresa e, en particular, o establecemento de colaboracións coas infraestructuras públicas de apoio á investigación e desenvolvemento, é dicir, departamentos universitarios, centros tecnolóxicos ou institutos públicos de investigación.

8.7. Contratación de persoal técnico adicional para a execución do proxecto.

Unha vez realizada a selección, elevarán a correspondente proposta ó conselleiro de Presidencia e Administración Pública e ó conselleiro de Industria e Comercio que dictarán resolución conxunta de concesión ou denegación.

9. Prazo e forma de xustificación.

Para o libramento de cada anualidade da subvención, o beneficiario deberá ter realizado as actuacións e xustificado a aplicación dos fondos das actuacións que constitúan o investimento subvencionable para o que deberá presentar, antes do 15 de novembro do ano que corresponda, na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou na Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º

da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, por triplicado, a seguinte documentación:

9.1. Informe técnico no que se describa a realización do proxecto ou actuación e os datos e incidencias habidos na súa execución. Deberá incluír un resumo da execución do orzamento subvencionado, segundo o modelo contido na páxina ENR02-5; no que consten os conceptos e importe de actuacións subvencionadas, a referencia, data, concepto e importe das facturas ou xustificantes das actuacións executadas, e a referencia, data e importe dos pagamentos realizados para atende-las ditas facturas.

9.2. Documentación acreditativa de realización das actuacións, que consistirá en copia compulsada das facturas e os seus correspondentes xustificantes de pagamento, de maneira que queden referenciados respecto ó indicado no mencionado resumo da execución do orzamento. No caso de custos de persoal, deberá achegarse copia das nóminas e os TC do persoal e certificación do representante legal da empresa da porcentaxe de tempo dedicado por cada participante ó proxecto e das funcións realizadas.

9.3. No caso de colaboracións con departamentos universitarios ou centros tecnolóxicos deberá achegarse copia do contrato ou acordo no que se estableza a citada colaboración.

9.4. No caso de contratarse persoal con destino específico ó proxecto, copia do devandito contrato.

9.5. Certificación de axudas obtidas ou declaración das que se prevé obter para a mesma investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, achegando os datos necesarios para que poida identificarse e, se é o caso, cuantificarse.

9.6. Certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, que deberá consigna-lo código bancario completo.

9.7. Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma e de estar ó día de pagamento do imposto sobre actividades económicas.

9.8. O beneficiario de calquera subvención plurianual, que o importe total da cal supere os cinco millóns de pesetas, deberá achegar ademais o xustificante acreditativo do deposito na Caixa Xeral de Depósitos, do seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca que garanta o importe da anualidade o pagamento da cal se estea tramitando, así como os seus corres

pondentes intereses, xuro legal do diñeiro indicado na Lei de orzamentos do Estado que estea vixente nese momento, por un prazo que deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación da última das anualidades da subvención.

9.9. No caso de plantas piloto, certificación do seu xerente no que conste que a planta piloto non se dedicará a actividades de proceso productivo.

9.10. Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión de subvención.

Os órganos competentes da Consellería de Industria e Comercio ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, no caso de que o consideren conveniente, poderán solicita-las aclaracións, informes ou outros medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, podería entenderse que renuncia á axuda.

10. Seguimento do proxecto e pagamento da subvención.

A Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral de Industria poderán utiliza-los procedementos que consideren necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha dos proxectos financiados e propoñe-la suspensión da axuda se da análise da marcha do proxecto se derivase unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos do proxecto.

Conforme o establecido nos artigo 15 e 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, a percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio ou da Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento, trala inspección realizada, se fose o caso, certificasen que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e o considerado na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

No caso de que as actuacións realizadas teñan un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda reducirase proporcionalmente, sempre que a minoración do custo non supuxese unha realización deficiente do proxecto.