Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Luns, 09 de abril de 2001 Páx. 4.711

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 26 de marzo de 2001 pola que se clasifica como mixta a Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Occidental.

Visto o expediente de clasificación da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Occidental, con domicilio no Concello de Mondoñedo.

Supostos de feito.

1. Andrés Precedo Ledo, na súa cualidade de presidente da fundación, en escrito de dous de marzo de 2001 formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Mondoñedo, o día dez de novembro de 2000 ante o notario Francisco Manuel Mariño Pardo, co número mil cento setenta e tres do seu protocolo por Jaime Alberto Pita Varela, Andrés Precedo Ledo, José María Moraleja Alonso, Fe Rodríguez Rocha, Manuel Mon Rouco, José María García Rivera, Eulogio Fernández Sampayo, Vidal Martínez Sierra López, Luis Isidoro Rego Valcarce e Antonio Gómez Riguiera; interveñen Jaime Alberto Pita Varela en representación da Xunta de Galicia, Andrés Precedo Ledo como secretario xeral de Planificación e Desenvolvemento Comarcal da Xunta de Galicia, José María Moraleja Alonso como delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública en Lugo, Fe Rodríguez Rocha en representación da Deputación Provincial de Lugo, Manuel Mon Rego en representación do Concello de Burela, José María García Rivera en representación do Concello de Foz, Eulogio Fernández Sampayo en representación do

Concello do Valadouro, Vidal Martínez Sierra López en representación do Concello de Lourenzá, Luis Rego Valcarce en representación do Concello de Mondoñedo e Antonio Gómez Riguiera en representación do Concello de Alfoz.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos o obxecto da fundación é pór en marcha as accións xenéricas enunciadas no Plan de Desenvolvemento Comarcal, deseñando programas, solicitando a súa implementación ós organismos correspondentes e animando e incentivando a participación dos sectores e axentes económicos e sociais ós que vai dirixido.

Así mesmo, poderá acometer actuacións, programas, accións e proxectos que contribúan e incidan

no desenvolvemento territorial, económico e social da comarca que constitúe o seu ámbito de actuación.

4. O padroado da fundación estará composto segundo se determina no artigo 17 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como mixta da Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Occidental, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como mixta e a súa adscrición á Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas al finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 20 de marzo de dous mil un.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como mixta Fundación para o Desenvolvemento da Comarca da Mariña Occidental adscribíndoa á Consellería da Presidencia e Administración Pública que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública