Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Luns, 02 de abril de 2001 Páx. 4.190

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2001 sobre aprobación definitiva do proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos pertencentes a propietarios non incorporados á Xunta de Compensación U.E. número 34, Areal Este, en Perillo (concello de Oleiros).

1. O Concello de Oleiros remitiu o expediente de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta, dos bens e dereitos pertencentes a propietarios non incorporados á Xunta de Compensación U.E. nº 34, Areal Este, en Perillo, concello de Oleiros, de conformidade co disposto polo artigo 145 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, do solo de Galicia (LSG).

2. A Xunta de Compensación U.E. nº 34, Areal Este, en Perillo solicitou ó Concello de Oleiros a expropiación das parcelas dos propietarios non incorporados nos prazos legalmente establecidos. O Concello de Oleiros, con data do 24 de agosto de 2000, acordou aprobar inicialmente o proxecto de taxación conxunta e sometelo a información pública polo prazo dun mes, anunciándose no xornal El Ideal Gallego, con data do 20 de setembro de 2000 e no DOG con data do 6 de setembro de 2000.

3. A taxación foi notificada individualmente ós que aparecían como titulares de bens e dereitos no expediente, dándolles traslado literal da correspondente folla de valoración e da proposta de fixación dos criterios de valoración, para que formulasen alegacións no prazo dun mes, contado a partir da data de notificación, tal e como sinala o artigo 145.4º da LSG.

4. O Concello de Oleiros emitiu informe individualizado sobre cada unha das alegacións presentadas polos interesados, de conformidade co artigo 145.6º da LSG, e remitiu o expediente de expropiación forzosa a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro.-O proxecto de expropiación forzosa tramitouse polo procedemento de taxación conxunta, de conformidade co disposto no artigo 145 da LSG.

Segundo.-No Concello de Oleiros está vixente o Plan Xeral de Ordenación Urbana aprobado o 29 de decembro de 1995. Con data do 13 de maio de 1999 o Concello Pleno aprobou o Plan Especial de Reforma Interior da U.E. nº 34 de Perillo.

Os terreos que se pretenden expropiar están clasificados como solo urbano, prevéndose no PXOM como sistema de actuación o de compensación, salvo que por razóns de vixencia ou necesidade se esixa a aplicación do sistema de expropiación.

Por decretos da Alcaldía de Oleiros nos 206/2001 e 207/2001 do 16 de xaneiro, desestimáronse as alegacións presentadas por Aida Barral Cal e José Maceira Casal, por considerar que non quedaron incorporados á Xunta de Compensación U.E nº 34, Areal Este, en Perillo, polo que, segundo o artigo 134.1º da LSG «se algún dos propietarios do polígono non se incorporase á Xunta de Compensación, esta poderá solicitar da Administración actuante a expropiación dos ditos predios tendo a condición de beneficiaria...».

De acordo co dito e en relación cos artigos 54 da LSG e 33 da Lei 6/1998, do 13 de abril, sobre réxime do solo e valoracións (LRSV) resulta acreditada a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens afectados.

Terceiro.-O expediente tramitado conta coa documentación preceptiva esixida polo artigo 145.1º da Lei 1/1997 (LSG):

-Determinación do seu ámbito territorial, cos documentos que o identifican en canto a situación, superficie e lindeiros.

-Fixación de prezos coa valoración razoada do solo, segundo a súa cualificación urbanística.

-Follas de prezo xusto individualizado de cada predio.

-Follas de prezo xusto que corresponden a outras indemnizacións, se é o caso.

Cuarto.-No proxecto de expropiación remitido polo Concello de Oleiros utilizáronse para os terreos os criterios de valoración do artigo 28.1º e 30º da LRSV, e respecto da valoración das obras, edificacións, instalacións e plantacións os criterios do artigo 31 da LRSV.

Quinto.-A competencia para aproba-lo expediente de expropiación forzosa polo procedemento de taxación conxunta correspóndelle por delegación ó director xeral de Urbanismo, de acordo co artigo 1 da Orde do 30 de decembro de 1999, do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (Diario Oficial de Galicia do 10 de xaneiro de 2000), pola que se delegan atribucións en materia de urbanismo.

Na súa virtude, vista a Lei 1/1997, do 24 de marzo (LSG), a Lei 6/1998, do 13 de abril, LRSV, e as demais disposicións aplicables,

RESOLVO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o proxecto de expropiación forzosa, polo procedemento de taxación conxunta dos bens e dereitos pertencentes a propietarios non incorporados á Xunta de Compensación da U.E. nº 34, Areal Este, en Perillo, Concello de Oleiros, para os efectos previstos polos artigos 145 e 146 da Lei 1/1997, do 24 de marzo, LSG, con estimación ou desestimación das alegacións nos termos que aparecen nos informes de contestación estas que constan no expediente.

Esta aprobación definitiva do expediente de taxación conxunta implicará a declaración de urxencia da ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de expropiación, de conformidade co establecido no artigo 146.1º da LSG.

En consecuencia, o pagamento ou depósito do importe da valoración establecida producirá os efectos previstos nos números 6, 7 e 8 do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, sen prexuízo de que continúe a tramitación do procedemento para a definitiva fixación de prezo xusto (artigo 146.2 da LSG).

Segundo.-Notifica-lo contido desta resolución aprobatoria do expediente ó concello e de forma individualizada a tódolos que aparezan como titulares de bens ou dereitos afectados que figuran no expediente, ós que se lles xuntará a correspondente folla de valoración, conferíndolles un prazo de vinte días durante o cal poderán manifestar por escrito ante a Dirección Xeral de Urbanismo a súa desconformidade coa valoración establecida no expediente aprobado, conforme dispón o artigo 145.7º da LSG, advertíndolles que, transcorrido o citado prazo de vinte días sen que se formule oposición á valoración, se entenderá aceptada a que se fixou no acto aprobatorio do expediente, entendéndose determinado o prezo xusto definitivamente e de conformidade (artigo 145.8º da LSG).

Terceiro.-Publicar esta resolución así como a seguinte relación dos bens e dereitos afectados pola expropiación, no Diario Oficial de Galicia e no taboleiro de edictos do concello:

Nº predioPropietarioSuperficie mValoración ptas.

2Aida Barral Cal e Florinda Orlinda Barral Cal2.297,9538.724.651

7José Maceira Casal e Jesusa Míguez Pardo228,673.632.652

Así mesmo, a publicación e exposición no taboleiro de edictos do concello serviralles de notificación ós propietarios descoñecidos, a aqueles dos que se ignore o lugar de notificación, ou ben, tramitada a notificación, esta non se puidese realizar. Todo isto de acordo co disposto no artigo 59.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto.-Igualmente, notificaráselle o contido desta resolución á Fiscalía da Audiencia Provincial, para os efectos establecidos no artigo 5 da Lei de expropiación forzosa, en relación cos propietarios descoñecidos e os non comparecentes no procedemento expropiatorio.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da notificación, segundo o artigo 46.1º da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdicción contencioso-administrativa (LXCA). Así mesmo, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución (artigos 116, 117 e 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro); para o caso de que se interpoña o recurso potestativo de reposición, ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta, non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo

(artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro).

No suposto de que o interesado sexa unha Administración pública, no lugar do recurso de reposición poderá dirixir ó órgano competente, no prazo de dous meses, o requirimento previo previsto no artigo 44 da LXCA.

Todo isto sen prexuízo de que, no caso de desconformidade coa valoración establecida, os interesados dispoñen dun prazo de vinte días para manifesta-la súa desconformidade como se indicou no punto 2 desta resolución, nos termos establecidos polo artigo 145.8º da LSG.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2001.

José Jesús Cudeiro Mazaira

Director xeral de Urbanismo