Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 15 de marzo de 2001 Páx. 3.263

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 31 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do calendario laboral para o ano 2001, do convenio colectivo da construcción.

Vista a acta do calendario laboral para o ano 2001, do convenio colectivo para a construcción, con nº de código 3600435, que tivo entrada nesta delegación provincial o día 25-1-2001, subscrita pola comisión deliberadora do convenio en data 13-12-2000. De conformidade co disposto no artigo 43 do convenio colectivo e no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que

consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 31 de xaneiro de 2001.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Comisión deliberadora do convenio

da construcción

Asistentes:

UGT:

Lourdes Diz Lorenzo.

Jesús Crespo.

Ramón Carrera Molares.

Francisco Peixoto.

CC.OO.:

Marcos González.

CIG:

Xosé Xoán Melón González.

Alberto Fernández Campo.

APEC:

José L. Campos Novo.

Anselmo Hernández Luján.

José Pampillón.

Asesora:

Yolanda Carballo Muñoz.

En Vigo, o 13 de decembro de 2000, na sede da Asociación Provincial de Empresarios da Construcción (APEC), previamente convocados, reúnense as persoas citadas, nas representacións que se indican co obxecto de fixa-la xornada laboral para o ano 2001.

Como único punto trátase o tema da xornada laboral, recollido no artigo 43 do actual convenio colectivo que para o ano 2001 será de 1.756 horas efectivas de traballo.

O texto do artigo 43 do convenio relativo á xornada dirá textualmente:

1. A xornada ordinaria anual durante o período de vixencia deste convenio será de 1.756 horas segundo o calendario laboral anexo.

2. A xornada ordinaria semanal será de 40 horas de luns a venres durante a vixencia deste convenio.

3. Os traballadores teñen dereito a un paro de 15 minutos durante a mañá para come-lo bocadillo segundo as necesidades do servicio.

4. Tendo en conta as condicións climáticas e as necesidades das distintas actividades do sector, poderíase pactar nas empresas a distribución variable da xornada máxima anual, sen que en ningún caso se poida exceder de nove horas diarias nin de corenta horas semanais de traballo efectivo.

5. Para adapta-la xornada ás 1.756 horas acordadas para o ano 2001, os días 30 de abril, 17 e 18 de maio, 4 horas do 24 de xullo, 17 de agosto, 2 de novembro e 7, 24 e 31 de decembro, terán a consideración de festivos e non laborables para tódolos efectos.

Estes días non serán computables para efectos de desfrute das vacacións.

6. Ademais dos días sinalados anteriormente nos seguintes concellos por coincidi-lo festivo local con día non laborable, fíxanse os seguintes festivos:

Cuntis, 16 de agosto.

Marín, 10 de setembro.

Mondariz-Balneario, 12 de febreiro.

Vilaboa, 22 de xaneiro.

7. En cada centro de traballo a empresa exporá en lugar visible o calendario laboral pactado a nivel convenio ou o pactado no propio centro de traballo.

E non habendo máis asuntos que tratar, levántase a sesión.