Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 51 Martes, 13 de marzo de 2001 Páx. 3.165

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de marzo de 2001 pola que se convoca unha xornada sobre a responsabilidade das rexións polo incumprimento do dereito comunitario.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2001 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Secretaría Xeral de Relacións coa Unión Europea e Acción Exterior e coa Fundación Galicia-Europa, unha xornada sobre a responsabilidade das rexións polo incumprimento do dereito comunitario, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

O marco regulador da responsabilidade dos entes subestatais por incumprimento do dereito comunitario comporta contradiccións difíciles de salvar polas administracións públicas autonómicas, dado que o procedemento por incumprimento do artigo 226 TCE non fai mención ás rexións e si ós estados. Partirase da análise da problemática a nivel comunitario e discutirase a necesidade dun recoñecemento do papel activo das rexións na aplicación e o control da aplicación do dereito europeo. Do control pasarase á responsabilidade por incumprimento e, de aí, analizarase a cuestión das sancións impostas en virtude do artigo 228 TCE e para os efectos nos estados descentralizados e, máis en concreto, a nosa Comunidade Autónoma.

Ante a responsabilidade, o dereito de defensa: a necesidade da participación das rexións nos procedementos ante o Tribunal das Comunidades Euro

peas e o debate sobre as posibles solucións que a nivel comunitario, estatal e subestatal son necesarias para mellora-la coordinación administrativa das comunidades autónomas españolas en materia de control e responsabilidade das rexións por incumprimento do dereito comunitario.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A aplicación e o control da aplicación do dereito comunitario: competencias e responsabilidades en materia de ambiente.

-A experiencia de Galicia no réxime comunitario de axudas: valoracións críticas.

-Comunidades autónomas, financiamento comunitario e responsabilidade por incumprimento do dereito comunitario: a xestión e o control dos fondos do FEOGA.

-As novas perspectivas do procedemento por incumprimento e as sancións do artigo 228 do Tratado CE: os efectos nos estados descentralizados.

-O dereito de defensa para as rexións: a necesidade da súa participación nos procedementos ante o Tribunal das Comunidades Europeas. A fase administrativa.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a xornada convocada desenvolverase no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, Santiago de Compostela), o día 2 de abril de 2001.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 29 de marzo de 2001.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: (981) 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono, o día 30 de marzo, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da xornada, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta xornada, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste

documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento desta xornada por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es

Santiago de Compostela, 8 de marzo de 2001.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública