Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 09 de marzo de 2001 Páx. 3.000

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 1 de decembro de 2000 pola que se modifica parcialmente a do 26 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña.

O Regulamento (CEE) nº 3760/1992 do Consello, do 20 de decembro, polo que se establece un réxime comunitario da pesca e da acuicultura (DOCE do 31 de decembro), fixa os obxectivos e as normas xerais da política pesqueira común; o Regulamento (CE) nº 1263/1999 do Consello, do 21 de xuño, relativo ó instrumento financeiro de orientación á pesca (DOCE do 26 de xuño), define os obxectivos específicos das medidas estructurais neste sector; o Regulamento (CE) nº 2792/1999 do Consello, do 17 de decembro, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estructural no sector da pesca (DOCE do 30 de decembro), constitúe un marco para o conxunto das intervencións estructurais no sector pesqueiro realizadas no territorio dun Estado membro, sen prexuízo das especificidades rexionais, con vistas a acada-los obxectivos establecidos no Regulamento (CE) nº 1263/1999 citado.

Dentro do marco establecido pola normativa comunitaria e pola básica do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia estableceu as bases e condicións así como o procedemento de concesión das distintas liñas de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, mediante a Orde do 26 de xullo de 2000, procedendo á súa notificación á Comisión Europea, conforme o prevido no punto 3 do artigo 93 do Tratado CE.

Esta orde de axudas recolle no seu artigo 11, letra g), a posibilidade de financia-la adquisición de ovos, crías, xuvenís ou reproductores nas condicións establecidas nela.

Posteriormente, a comisión comunicou o criterio de que este tipo de adquisición debe considerarse gasto de funcionamento e, en consecuencia, non subvencionable.

Por conseguinte, resulta axeitado e urxente adapta-lo citado artigo ás previsións contidas no informe da comisión.

Con tal obxecto, esta consellería

DISPÓN:

Artigo único.-Suprímese o contido da letra g), do artigo 11º, da orde da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura do 26 de xullo de 2000, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas a investimentos no ámbito da acuicultura mariña, (DOG nº 150, do 3 de agosto de 2000), quedando o referido artigo 11º redactado como segue:

Artigo 11º.- Investimentos non subvencionables.

En ningún caso se outorgarán axudas para:

a) A transferencia dunha empresa.

b) A adquisición de terreos ou bens inmobles.

c) Os vehículos destinados ó transporte de persoas.

d) A construcción ou acondicionamento de locais, equipamentos, maquinaria, instalacións ou elementos auxiliares non necesarios para os fins productivos.

e) A adquisición de mobiliario e equipos de oficina.

f) A adquisición de material de ocasión, reparacións e alugueres.

g) Os gastos de mantemento e conservación dos bens e equipos.

h) A cobertura de gastos xerais.

i) Os gastos de constitución, xestión, explotación e administrativos.

j) Os gastos do IVE, agás nos casos en que se achegue certificado expreso do Ministerio de Facenda na porcentaxe non recuperable del.

k) A modernización ou acondicionameto de maquinaria, instalacións, locais, equipos, elementos auxiliares ou calquera outro tipo de ben, comprendidos en proxectos de investimento do que o seu financiamento se realizara con axudas públicas, durante os cinco anos inmediatamente anteriores á solicitude.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de decembro de 2000.

Amancio Landín Jaraiz

Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura