Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 02 de marzo de 2001 Páx. 2.676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2001 pola que se dispón a publicación do Regulamento dos estudios de posgrao e formación continua.

En cumprimento do disposto no artigo 78 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, disponse a publicación no Diario Oficial de Galicia do Regulamento dos estudios de posgrao e formación continua, aprobado por acordo da Xunta de Goberno desta universidade do 22 de decembro de 1999 e modificado por acordo deste órgano do 14 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2001.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela

Regulamento dos estudios de posgrao

e de formación continua da Universidade

de Santiago de Compostela

(Aprobado por acordos da Xunta de Goberno o 22-12-1999 e corrección do 14-11-2000)

O artigo 17 do Real decreto 778/1998, polo que se regula a obtención e expedición de títulos de doutor e doutros estudios de posgrao, desenvolve o artigo 28.3º da Lei de reforma universitaria (LRU). Nel recoñécese que as universidades, no uso da súa autonomía, «poderán impartir ensinanzas para titulados universitarios sobre campos do saber propios da carreira de procedencia ou de carácter intercurricular e especialmente orientadas á aplicación profesional dos ditos saberes». Indica igualmente que «quen supere as ditas ensinanzas poderá obter da universidade o correspondente título ou diploma propio da universidade, de acordo coas previsións do artigo 6 e seguintes do Real decreto 1496/1987, do 6 de novembro, sobre obtención, expedición e homologación de títulos universitarios».

Por outra banda, o artigo 122 dos estatutos da USC atribúelles ós departamentos, centros e institutos universitarios a función de organiza-los estudios dirixidos á obtención de certificados ou diplomas de especialización. Correspóndelle á Xunta de Goberno, consonte o artigo 121, «establece-las normas xerais que regulen a organización e a aprobación destes estudios, así como o procedemento para a expedición dos certificados ou diplomas correspondentes».

Facendo uso destas atribucións organizativas, a Xunta de Goberno acordou aproba-la creación do Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua (CPTF no que segue) na súa sesión do día 22 de decembro de 1998, co obxectivo fundamental de supervisa-la calidade desta oferta formativa.

Considéranse estudios de posgrao e estudios de formación continua aqueles estudios non establecidos con carácter oficial por real decreto, que sexan aprobados pola Xunta de Goberno, no caso dos estudios de posgrao, e polo CPTF no caso de estudios de formación continua, en aplicación do presente regulamento.

Capítulo I

Estudios de posgrao

Norma xeral

Artigo 1º

Os estudios de posgrao articúlanse en dous tipos de cursos: «máster» e de especialización. Conducirán respectivamente ás titulacións propias da USC de «máster universitario» e de «especialista universitario». Para a elaboración dos plans de estudio correspondentes ós estudios de posgrao empregarase o sistema de créditos, asumindo a definición de crédito establecida na normativa vixente para os estudios universitarios de ámbito estatal.

Tipos de cursos de posgrao e condicións

de acceso

Artigo 2º

O máster comprenderá como mínimo 50 créditos debidamente distribuídos entre teoría e prácticas. A súa duración lectiva será, polo menos, de un curso académico.

Artigo 3º

En xeral, para acceder a un máster será necesario estar en posesión dun título universitario correspondente ó segundo ciclo. Excepcionalmente, cando a especificidade dun máster concreto e a súa conexión coa formación de posgrao de titulados universitarios de primeiro ciclo estea abondo xustificada, poderán acceder tamén a estes estudios os titulados de primeiro ciclo.

Artigo 4º

A especialización comprenderá como mínimo 20 créditos debidamente distribuídos entre teoría e prácticas. A súa duración lectiva será, polo menos, de un curso académico.

Artigo 5º

En xeral, para acceder ás especializacións será necesario estar en posesión dun título universitario de primeiro ou de segundo ciclo. Poderán tamén acceder ás especializacións os profesionais relacionados con estes estudios sen titulación universitaria previa. En calquera caso, deberán cumprir, de conformidade co establecido no artigo 7.1º do Real decreto 1496/1987, os requisitos legais para cursaren estudios na universidade. Así mesmo, poderán acceder alumnos non titulados, tendo en conta que para poder obte-lo título de especialista universitario

deberán posuí-la condición de titulados antes de acaba-lo ano académico correspondente ós estudios.

Artigo 6º

O acceso ós estudios de posgrao considerados no presente regulamento por parte das persoas que se atopen en posesión dun título estranxeiro realizarase, en conformidade co artigo 16.1º do Real decreto 86/1987, do 16 de xaneiro, sen necesidade de homologación do dito título; será suficiente a autorización outorgada polo rector, que se expedirá logo de comprobación polo CPTF da correspondencia do título estranxeiro presentado.

Capítulo II

Estudios de formación continua

Artigo 7º

Ademais dos estudios conducentes a títulos propios, a USC poderá organizar outros estudios de menor duración, orientados á formación continua ou a temas de especialización moi específicos, que deberán ter unha duración non inferior a 3 créditos. Estes estudios reciben o nome xenérico de estudios de formación continua e articúlanse en cursos de formación continua. A participación regular nun destes cursos, entendida segundo os criterios que se determinen, dará lugar a un diploma de participación. Se o curso inclúe un procedemento de avaliación, aqueles estudiantes que o superen recibirán un diploma de aproveitamento.

Capítulo III

Da organización dos estudios de posgrao

e de formación continua

Norma xeral

Artigo 8º

A coordinación, supervisión e control dos estudios de posgrao e de formación continua correspóndelle ó CPTF.

Centros autorizados

Artigo 9º

1. Os departamentos, os centros docentes propios e adscritos, os institutos universitarios e o CPTF poderán propoñer, no prazo que se estableza, a aprobación de cursos de posgrao. Cando sexan máis de un os departamentos, centros ou institutos propoñentes, designarase un deles como responsable. A proposta estará autorizada polo consello de departamento, pola xunta de centro ou polo consello científico do instituto universitario propoñente responsable. En tódolos casos deberán ser informados os departamentos implicados.

2. Poderá ser promotor de cursos de formación continua, ademais dos devanditos, un grupo de profesores, sempre que a metade deles sexan profesores da USC. Os promotores deberán informa-los seus departamentos.

Proposta de cursos de posgrao

Artigo 10º

A proposta deberá acompañarse dunha memoria xustificativa na que se expresen as necesidades

sociais, científicas ou profesionais ás que os estudios que se propoñen atenden e na que constarán os seguintes puntos:

a) Denominación do máster ou do curso de especialización, que non poderá coincidir con ningunha outra que fora aprobada pola Xunta de Goberno, e relación dos contidos dos estudios, que en ningún caso poderán coincidir cos programas de doutoramento da USC.

b) Designación do director (ou codirectores) dos estudios, que deberá ser un catedrático ou profesor titular de universidade ou de escola universitaria, pertencente á USC e que, no caso do máster, deberá ademais posuí-lo título de doutor. Calquera proposta que non cumpra este requisito deberá ser debidamente xustificada e soamente en casos excepcionais o considerará a Comisión de Posgrao.

c) Designación dunha comisión académica que estará formada por un mínimo de catro dos profesores que impartirán os estudios propostos e que presidirá o director. Como mínimo a metade da comisión estará constituída por profesores da USC. O secretario da comisión académica, por delegación expresa dela, poderá exerce-los labores de coordinador dos estudios.

d) Presentación do plan de estudios no que constará a relación de materias, indicando a súa duración e o seu programa, o seu carácter obrigatorio ou optativo e o seu carácter práctico ou teórico. Deberá presentarse o calendario de impartición das materias e o lugar no que se desenvolverán. Presentarase a relación de créditos recoñecibles mediante traballos de investigación e de aplicación técnica. No caso de que os estudios fagan uso do ensino non presencial, será preciso presentar unha relación do material docente que vai ser empregado e unha descrición do sistema e da programación das titorías.

e) Indicación do número máximo e mínimo de alumnos e dos requisitos de admisión, especificando, de se-lo caso, as titulacións de primeiro ciclo que dean acceso a un determinado máster.

f) Relación do persoal implicado nas tarefas docentes, do que o 25% como mínimo deberá pertencer ó cadro de persoal da USC e imparti-lo 25% ou máis dos créditos programados. Nos estudios conducentes á obtención dun máster, un 50% da docencia estará impartida por profesores co título de doutor. No caso de non poder respectar estes mínimos, a proposta deberá incluír un informe do director indicando as razóns extraordinarias que concorren e determinan esa imposibilidade. Deberá existir unha adecuación entre o currículum do profesor e o perfil do curso.

g) Relación de medios materiais e persoais dispoñibles no departamento, centro ou instituto universitario para lles facer fronte ás necesidades derivadas dos estudios propostos. As propostas deberán contar, unicamente para os efectos de utilización de locais, co acordo da dirección do centro onde se van realiza-los estudios. Este acordo é particularmente necesario cando se utilicen instalacións alleas á USC, tales como hospitais, centros médicos, centros técnicos, etc. En situacións de discrepancia

na dispoñibilidade de locais da USC, resolverá o Vicerrectorado de Organización Académica.

h) Procedemento de avaliación.

i) Carta de intencións que conteña a relación expresa, se é o caso, dos concertos con institucións ou organismos profesionais, públicos ou privados, que garantan a realización do carácter práctico da docencia nas devanditas institucións ou organismos. Os convenios asinados deberán axustarse ó establecido na normativa vixente.

l) Orzamento total que avalíe os ingresos e os gastos previstos que garantan a viabilidade dos estudios e da súa adaptación ó presente regulamento. Entre os ingresos detallaranse os que se obterán por matrícula, calculados segundo o número mínimo de alumnos especificado na alínea e) e os que se obterán por axudas e subvencións. Entre os gastos detallaranse os de tipo xeral, as remuneracións do profesorado, as remuneracións do persoal de administración e servicios, as remuneracións e o réxime dos bolseiros e as retencións para o departamento, centro ou instituto universitario propoñente responsable e para a USC.

m) Inclusión no orzamento dunha póliza de seguros para cubrir polo menos os alumnos que non dispoñan do seguro escolar.

Proposta de cursos de formación continua

Artigo 11º

A proposta dun curso de formación continua presentarase no CPTF e contará coa seguinte información:

a) Denominación dos estudios.

b) Designación do profesor da USC proposto como director (ou codirectores) responsable. A Comisión de Posgrao poderá aprobar excepcionalmente a exención do requisito de ser profesor da USC para ser designado director, sempre que as razóns se xustifiquen debidamente na proposta.

c) Indicación do programa, créditos, datas e lugar de realización coa autorización, para os efectos de utilización de locais, do director do centro onde se van desenvolve-los estudios.

d) Relación do profesorado coa especificación das súas tarefas docentes.

e) Indicación do número máximo e mínimo de alumnos e dos requisitos de admisión.

f) Tipo de diploma asociado ó curso. No caso dos diplomas de aproveitamento, informarase do tipo de probas de avaliación que realizarán os alumnos.

g) Orzamento, onde se especificarán os ingresos previstos por matrícula e o seu importe, así como os que deriven de axudas e subvencións de organismos públicos ou privados. Especificación, así mesmo, do capítulo de gastos.

Tramitación e aprobación das propostas

Artigo 12º

1. As propostas de cursos de posgrao serán remitidas ó CPTF polo director (ou codirectores) desig

nado nelas no prazo que este centro estableza coa necesaria antelación. As propostas deberán recibir un informe da Comisión de Posgrao. A comisión poderá requiri-la información complementaria que estime conveniente para unha mellor análise da proposta e, en calquera caso, contará cos elementos de xuízo necesarios para garanti-la adecuación entre os contidos dos estudios e o ámbito científico do departamento, centro ou instituto universitario promotor. Aqueles estudios que reciban un informe favorable da comisión remitiranse á Xunta de Goberno para a súa aprobación, se procede. No caso de que o informe sexa desfavorable, as propostas serán devoltas ós propoñentes, xunto cunha copia do informe razoado da comisión que xustifique a súa devolución. Neste último caso, os propoñentes, se o consideran oportuno, poderán recorrer contra a decisión negativa da comisión directamente ante a Xunta de Goberno.

2. As propostas de cursos de formación continua serán remitidas ó CPTF polo director (ou codirectores) designado nela, polo menos dous meses antes da súa impartición, e serán aprobadas, de se-lo caso, pola Comisión de Posgrao.

Artigo 13º

Unha vez aprobada pola Xunta de Goberno a proposta dun curso de posgrao, calquera modificación desta deberá ser autorizada expresamente pola Comisión de Posgrao. Esta poderá somete-la decisión á Xunta de Goberno se considera que a modificación altera substancialmente o plan de estudios ou o orzamento. En calquera caso, as modificacións deberán ser presentadas e autorizadas antes da realización da matrícula.

Artigo 14º

Para os efectos de ulteriores edicións dun curso de posgrao, unha vez rematado, poderá ser renovado sempre que os departamentos, centros ou institutos universitarios organizadores confirmen en tempo e forma a súa continuidade, xuntado o correspondente orzamento e indicando as variacións producidas respecto do proxecto inicial. A aprobación da devandita renovación realizaraa, de se-lo caso, a Comisión de Posgrao. Esta informará a Xunta de Goberno das renovacións concedidas achegando unha valoración das variacións producidas respecto ó proxecto inicial. En calquera caso, a renovación subordinarase á valoración positiva que da memoria de edicións anteriores do curso realice a Comisión de Posgrao.

Profesorado

Artigo 15º

A participación nas ensinanzas recollidas neste regulamento non xustificará, en ningún caso, carga docente para os efectos do cumprimento das obrigas lectivas mínimas do profesorado universitario. Para evitar que redunden negativamente na calidade da docencia do primeiro, do segundo e do terceiro ciclo, un profesor da USC poderá impartir como máximo 10 créditos por curso acádemico neste tipo de ensinanzas. As tarefas de dirección e, de se-lo caso,

de coordinación de cursos de posgrao e de formación continua deberán valorarse en créditos na proposta, e a suma de créditos lectivos e de dirección ou coordinación nunca superará o máximo de 12 créditos. Non se poderá asumi-la dirección simultánea de máis dun curso de posgrao ou a codirección de máis de dous. Soamente no caso en que os estudios dunha especialización formen parte dos estudios dun máster as tarefas de dirección poderán ser exercidas pola mesma persoa.

Artigo 16º

1. Serán funcións do director (ou codirectores) responsable dun curso de posgrao:

-Presenta-la proposta de impartición do curso.

-Xestiona-lo orzamento, de acordo co establecido no capítulo IV do presente regulamento.

-Convocar e presidi-la comisión académica.

-Atende-lo correcto desenvolvemento das ensinanzas teóricas e prácticas.

-Presenta-la memoria final

2. Serán competencias da comisión académica as seguintes:

-A selección dos alumnos admitidos.

-A asignación de bolsas.

-A avaliación global final dos alumnos.

-Adscribi-las funcións do coordinador, de se-lo caso.

-Calquera outra que se lle encomende e que estea recollida na proposta aprobada pola Xunta de Goberno.

3. Serán funcións do director responsable dun curso de formación continua:

-Presenta-la proposta de impartición do curso.

-Xestiona-lo orzamento, de acordo co establecido no capítulo IV do presente regulamento.

-Atende-lo correcto desenvolvemento das ensinanzas teóricas e prácticas.

-Presenta-la memoria final.

Artigo 17º

As retribucións do profesorado da USC axustaranse a este respecto nos artigos 11 e 45 da LRU, nos reais decretos 1930/1984 e 1450/1989, e nas normas específicas de aplicación da USC.

Persoal de administración e servicios

Artigo 18º

1. As tarefas administrativas e de servicios ordinarias para a realización dos cursos de posgrao ou de formación continua serán desempeñadas polo persoal adscrito ós departamentos, centros ou institutos universitarios propoñentes.

2. As tarefas de xestión específicas dos cursos de posgrao e de formación continua serán realizadas preferentemente por persoal de administración e servicios da USC, fóra de xornada ordinaria, e serán retribuídas á marxe da súa remuneración ordinaria, axustándose ó regulamento de colaboración do persoal de administración e servicios da USC en cursos e convenios de investigación.

3. No suposto de que os cometidos que se vaian desenvolver non poidan ser atendidos polo persoal do/s departamento/s, centro/s ou instituto/s universitario/s propoñentes, procederase á contratación temporal do persoal preciso, a tempo parcial ou en réxime de dedicación completa, conforme o procedemento establecido con carácter xeral. Para tal efecto, o departamento, centro ou instituto universitario correspondente elevará a oportuna solicitude de contratación á Xerencia a través do CPTF.

4. No caso de cursos de formación continua promovidos por un grupo de profesores, o desempeño das tarefas de administración e servicios seguirá as pautas recollidas nos puntos 1, 2 e 3 deste artigo, sendo, neste caso, o/s departamento/s, centro/s ou instituto/s universitario/s aludidos, aqueles departamentos ós que pertenzan os profesores da USC do grupo, logo da autorización do director correspondente.

Capítulo IV

Financiamento

Artigo 19º

1. Os estudios regulados por este regulamento serán sempre autofinanciados; na proposta dirixida ó CPTF deberá figurar un equilibrio entre ingresos e gastos. No caso de producirse un superávit, o director do curso poderá propoñerlle á Comision de Posgrao a súa incorporación á seguinte edición, informando sobre a súa utilización e achegando o resultante orzamento definitivo do curso. No caso de que non se realice a proposta de incorporación, ou a Comisión de Posgrao non a aprobe na súa totalidade, o remanente incorporarase ó orzamento xeral da USC.

2. A respecto do importe da matrícula, no primeiro cuadrimestre do curso anterior á realización dos estudios de posgrao e de formación continua, o Consello Social aprobará, a instancias da Xunta de Goberno, o prezo público máximo por crédito que servirá de referencia para os promotores á hora de establece-lo prezo da matrícula deste tipo de estudios, sen prexuízo das competencias do Consello Social no referente ó artigo 2 da súa normativa. Así mesmo, o Consello Social, a instancias da Xunta de Goberno acordará as taxas de expedición de certificados, de validacións e de solicitude dos títulos correspondentes.

3. A retención para gastos xerais da USC (10% do orzamento total), efectuarase directamente desde os seus servicios centrais, deducíndose o importe da retención dos ingresos de matrícula ou, de se-lo caso, das subvencións.

4. No orzamento dun curso de posgrao ou de formación continua, deberá consta-lo importe dunha retención equivalente ó 15% da retribución do persoal da USC implicado en tarefas docentes, de dirección e de coordinación. Esta retención destinarase ó departamento, centro ou instituto universitario propoñente responsable. No caso de cursos de formación continua promovidos por un grupo de profesores, o 15% repartirase entre os departamentos dos profesores do grupo de propoñentes proporcionalmente ó número de profesores de cada un deles.

5. A execución do gasto farase de acordo coas normas específicas aprobadas polo Vicerrectorado de Asuntos Económicos a instancias da dirección do CPTF.

Artigo 20º

A Dirección do CPTF solicitará do Consello Social no primeiro cuadrimestre do curso académico anterior á impartición dos estudios de posgrao e de formación continua, o establecemento do número mínimo de bolsas que deberán concederse nos cursos cunha subvención incondicionada que signifique máis do 25% do seu orzamento. O importe correspondente ás bolsas poderá distribuírse en bolsas completas e en medias bolsas, debendo se-lo número das primeiras polo menos igual á metade do das segundas. Dentro destas bolsas deberanse considera-las obrigas acordadas pola USC a través de convenios nacionais e internacionais.

Capítulo V

Acceso, preinscrición e matrícula

Acceso e preinscrición

Artigo 21º

Os aspirantes a cursaren estudios de posgrao deberán reuni-los requisitos sinalados con carácter xeral no capítulo I e os específicos que establezan para cada un deles. As solicitudes de admisión presentaranse nas secretarías dos departamentos, centros ou institutos universitarios que ofrezan estes estudios nos prazos que se fixasen para cada un deles, debidamente publicitados a través do CPTF. Na solicitude o alumno indicará se desexa ser considerado para unha bolsa no caso de que o curso considere a súa concesión. A comisión académica será a encargada de realiza-lo proceso de selección e, de se-lo caso, de asignación das bolsas. Unha vez realizado este proceso, o director responsable deberá efectua-las seguintes xestións:

a) Publica-las listas de admitidos e excluídos. No caso de que os cursos o consideren, entre os admitidos indicarase os que teñen concedida unha bolsa e a súa contía.

b) Fixa-lo prazo de reclamacións.

c) Publica-las listas definitivas de admitidos e bolseiros, e o horario de impartición dos estudios.

d) Publica-los prazos de matrícula, logo da consulta co CPTF.

Artigo 22º

Os aspirantes a cursaren estudios de formación continua presentarán a correspondente solicitude de admisión e, de se-lo caso, de bolsa, no lugar e prazo que o director dos estudios fixe, debidamente publicitados a través do CPTF. O director realizará un proceso de selección e efectuará as xestións a), b), c) e d) recollidas no artigo precedente.

Artigo 23º

1. Unha vez rematado o proceso de selección e admisión de alumnos, o director responsable enviará ó CPTF a relación de alumnos solicitantes e admitidos para que se proceda á súa matrícula nas datas previamente acordadas.

2. Na relación requirida no punto 1 tamén deberá figura-lo importe que cada alumno deberá aboar pola matrícula.

3. O procedemento de matrícula establecerao, coa necesaria antelación, o CPTF.

Artigo 24º

Os alumnos quedarán suxeitos á normativa vixente na USC e no establecido neste regulamento.

Capítulo VI

Validacións e avaliacións

Validacións

Artigo 25º

En concordancia coa diferencia de obxectivos e de definición académica entre os estudios de terceiro ciclo e os estudios de posgrao, a USC establecerá unha distinción nítida entre as ensinanzas dos programas de doutoramento e as que correspondan a estudios conducentes a títulos propios, de forma que ámbolos ámbitos de formación atendan os seus obxectivos específicos e non se confundan. En particular, a validación de créditos de estudios de posgrao por créditos de programas de doutoramento nunca será automática, e será competencia da Comisión de Doutoramento, e axustarase á normativa que esta determine.

Artigo 26º

As validacións das materias dos programas dos cursos de posgrao serán resoltas pola Comisión de Posgrao segundo a tramitación seguinte:

a) O alumno solicitará a validación ó director do curso de posgrao.

b) A comisión académica, á vista da solicitude, emitirá un informe sobre a validación das materias e os correspondentes créditos, e remitirao para a súa resolución á Comisión de Posgrao da USC.

c) Esta comisión comunicaralles a resolución correspondente ó alumno e ó director do curso.

Artigo 27º

En todo caso, os alumnos ós que se lles realicen validacións deberán proceder a paga-los dereitos de validación que teña establecidos o Consello Social, a instancias da Xunta de Goberno.

Avaliacións

Artigo 28º

A obtención dun título propio ou dun diploma de aproveitamento esixirá que se superaran, a través do correspondente proceso de avaliación, os estudios e actividades académicas que correspondan ó devandito título ou diploma. En ningún caso a simple asistencia dará lugar á súa obtención. A cualificación será «apto», «non apto» ou «non presentado» e referirase á totalidade dos créditos asignados. Non existe a posibilidade de superacións parciais. A convocatoria para supera-los créditos mínimos establecidos para cada curso de posgrao ou de formación continua será única salvo autorización expresa da Comisión de Posgrao. Unicamente no caso de cursos de formación continua conducentes a un diploma de participación a simple asistencia dará lugar á súa obtención.

Capítulo VII

Expedición de títulos e certificacións

Artigo 29º

Os títulos propios expedidos pola USC serán asinados polo rector e polo director do correspondente curso de posgrao, en modelo normalizado, e causarán constancia rexistral nun Rexistro Universitario de Títulos Propios, con análogas condicións de identificación, custodia, certificación e carácter público có Rexistro Universitario de Títulos Oficiais. No reverso do título figurará a relación de materias e de créditos superados.

Artigo 30º

Os diplomas de aproveitamento e de participación expedidos pola USC serán asinados polo director do CPTF e polo director dos cursos de formación continua correspondente, en modelo normalizado, e causarán constancia rexistral nun rexistro que para tal efecto se creará no CPTF. No reverso do diploma figurará a relación de materias e créditos cursados.

Artigo 31º

A solicitude de expedición dos correspondentes títulos e diplomas presentarase no CPTF ou no Vicerrectorado do Campus de Lugo, entregando a documentación que se estableza.

Artigo 32º

No caso de que un alumno non obtivese a cualificación global de «apto», poderá solicitar un certificado académico das materias cursadas. Estes certificados serán asinados conxuntamente polo director responsable do curso e polo secretario do CPTF.

Artigo 33º

Ademais dos certificados aludidos no artigo anterior, os alumnos que superen as ensinanzas correspondentes a un título propio ou un diploma de aproveitamento obtendo a cualificación global de «apto», poderán solicita-la expedición do correspondente certificado no CPTF ou no Vicerrectorado do Campus de Lugo.

Artigo 34º

Para a expedición pola USC de títulos propios, diplomas e certificados é necesario realiza-lo pagamento das taxas que aprobe o Consello Social para cada ano académico.

Capítulo VIII

Memoria final

Artigo 35º

1. Unha vez rematado un curso de posgrao, o director deberá presentar no CPTF a correspondente memoria académica e económica segundo o modelo normalizado que facilitará o devandito centro. A memoria levará o visto e prace do director do departamento, decano ou director do centro ou director do instituto universitario que actúe como responsable. A presentación da memoria será condición indispensable para a continuidade dos estudios correspondentes.

2. Unha vez rematado un curso de formación continua, o director deberá presentar no CPTF unha concisa memoria académica e económica segundo

o modelo normalizado que facilitará o devandito centro.

Capítulo IX

Seguimento da calidade dos estudios

Artigo 36º

Coa información recollida das memorias finais e a través das vías que se consideren oportunas, o CPTF fará un seguimento da calidade dos estudios de posgrao e de formación continua.

Capítulo X

Disposicións adicionais, transitorias e finais

Disposición adicional primeira.

Facúltase o CPTF da USC para elabora-las normas complementarias que desenvolvan o presente regulamento.

Disposición adicional segunda.

A modificación da porcentaxe establecida no artigo 19º.3 requirirá o acordo da Xunta de Goberno.

Disposición adicional terceira.

No momento da aprobación deste regulamento a normativa á que se refire o artigo 18º.2 é a recollida na Resolución do 20 de maio de 1989 (DOG do 12 de xullo) entendéndose feitas ó CPTF as referencias relativas á Oficina de Proxectos de Investigación.

Disposición adicional cuarta.

No caso de estudios de posgrao e de formación continua compartidos con outras universidades ou institucións aplicaranse na medida do posible as disposicións da presente normativa. En calquera caso, nos aspectos non expresamente determinados nela, resolverá a Comisión de Posgrao.

Disposición transitoria.

A presente normativa será de aplicación para tódolos cursos que comecen a partir do ano académico 2000-2001, inclusive.

Disposición derradeira.

Quedan derrogados os regulamentos, circulares, disposicións e resolucións anteriores no que se opoñan ó establecido na presente normativa.