Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 02 de marzo de 2001 Páx. 2.676

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 28 de febreiro de 2001, da División de Recursos Humanos, pola que se publica o acordo da comisión de seguimento do pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo no ámbito das urxencias extrahospitalarias, relativo á reducción de cargas asistenciais obrigatorias para o ano 2001.

De conformidade co previsto na norma xeral 5.8 do pacto asinado no marco da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario con data do 15 de febreiro de 2001, polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias do Servicio Galego de Saúde, a comisión de seguimento acordou fixa-los límites horarios máximos da quenda obrigatoria de atención continuada, para o ano 2001, nos seguintes termos:

a) Redúcese a 430 horas o límite máximo de cargas horarias obrigatorias previsto na norma xeral 5.2.1. do pacto (535 horas).

b) No mes de xullo, no seo da comisión, darase cumprida información sobre aqueles concretos puntos de atención continuada nos que se prevexa a imposibilidade de acadar este límite de 430 horas neste ano, coa exposición, en termos aritméticos, dos motivos que levan a impedi-la citada reducción. Así mesmo, pactarase o sistema de compensación da carga horaria que exceda, de se-lo caso, do referido límite, de conformidade co previsto na norma xeral 1.2.2.b do pacto.

c) Nas zonas especiais minorarase nun 20% a carga horaria obrigatoria prevista na norma xeral 5.2.4 do pacto.

Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2001.

Valeriano Martínez García

Director xeral da División de Recursos

Humanos do Servicio Galego de Saúde