Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 02 de marzo de 2001 Páx. 2.657

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 13 de febreiro de 2001 pola que se convocan bolsas e axudas para a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán, destinadas a estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro de 1988, DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar con esta orde a política de bolsas e axudas para a asistencia a congresos,

simposios, seminarios ou cursos de verán destinadas a estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto facilitarlles ós estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das universidades do Sistema Universitario de Galicia, a asistencia a congresos, simposios, seminarios ou cursos de verán organizados por universidades públicas e privadas ou outras institucións de recoñecido prestixio académico, e nos que se traten aspectos relacionados coas materias obxecto de estudio na súa titulación.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde destinarase a cantidade total de 7.000.000 de pesetas, para a que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá amplia-lo prazo ou facer pública unha nova convocatoria no suposto de que as adxudicacións acordadas non cubrisen a totalidade do crédito orzamentario.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas bolsas e axudas os estudiantes universitarios de segundo e terceiro ciclo ou recentemente titulados no curso académico 1999-2000, tanto licenciados como diplomados universitarios, nalgunha das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia.

O importe de cada bolsa será como máximo de 500.000 pesetas brutas segundo as circunstancias e o lugar no que se vaia realiza-la actividade, concedéndose, como máximo, dúas bolsas por solicitante.

Quedan excluídos aqueles solicitantes que anteriormente recibisen outras axudas para o mesmo concepto por parte da Xunta de Galicia. Se fose concedida por outro organismo, a contía global da axuda recibida non poderá supera-lo importe máximo de 500.000 pesetas brutas.

Esta bolsa é incompatible coa realización dun traballo remunerado de tipo estable.

Artigo 4º.-Período.

As actividades ás que se fai referencia nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2000-2001.

Artigo 5º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo o modelo que se publica como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a

solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

2. As solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

-Copia do DNI/NIF do solicitante.

-Certificación académica completa ou copia compulsada.

-Programa das actividades do congreso, simposio, seminario ou curso de verán, especificando lugar e datas de realización.

-Comunicacións que, de se-lo caso, presente o solicitante ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

-Declaración xurada do solicitante na que conste a vinculación existente entre as materias obxecto de estudio na súa titulación e as actividades ás que quere asistir.

-Orzamento dos gastos que puidese ocasiona-la asistencia do interesado ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

-Declaración xurada das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Documento facilitado pola entidade bancaria na que conste o código da conta do cliente, comprensivo dos códigos que identifican o banco, a oficina, o díxito de control e o número de conta.

3. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o día seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG ata o 30 de abril de 2001.

Artigo 6º.-Comisión de avaliación.

A selección dos bolseiros será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

-Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

-Vocais:

Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerrector de Estudiantes.

Pola Universidade da Coruña, o vicerrector de Estudiantes.

Pola Universidade de Vigo, o vicerrector de Docencia e Alumnado.

Un representante do Servicio de Coordinación do Sistema Universitario de Galicia.

-Secretario:

Un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 7º.-Tramitación e resolución.

1. Os servicios da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que tódalas solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é caso, as causas de exclusión, nos taboleiros da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e nos das súas delegacións provinciais, no centro de información

administrativa da Consellería da Presidencia e Administración Pública e nos das súas delegacións provinciais, nos dos vicerrectorados de Estudiantes das universidades de Galicia, nos dos vicerrectorados dos campus de Ferrol, Ourense, Lugo e Pontevedra e na Internet no enderezo http://www.xunta.es/conselle/ceoug/dxu/pub/bol.htm.

Esta lista estará exposta do 20 ó 30 de maio do 2001, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamación para emendar erros e falta de documentos, ante a Dirección Xeral de Universidades, achegándose, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

2. Posteriormente, a comisión avaliadora elaborará unha relación de bolseiros beneficiarios, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

a) Importancia e vinculación das actividades ás que se pretende asistir, coas materias oficiais obxecto de estudio polo interesado.

b) Lugar de realización e duración do congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

c) Comunicacións que, de se-lo caso, presente o solicitante ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán.

3. Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución na que constará unha lista de reserva e das solicitudes denegadas coas causas de exclusión.

4. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes, a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º.-Xustificación.

Os beneficiarios, no prazo de 20 días posteriores á finalización da actividade, deberán presenta-la seguinte documentación:

1. Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

2. Certificado ou acreditación de asistencia.

3. Xustificantes dos gastos ocasionados (matrícula, desprazamentos, aloxamento, manutención, etc.), segundo se especifica no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

As axudas concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo ós beneficiarios, trala xustificación da asistencia ó congreso, simposio, seminario ou curso de verán solicitado.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto na Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-As renuncias que se produzan poderán ser substituídas pola Dirección Xeral de Universidades de acordo coa lista de reserva que se estableza na resolución.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examina-las solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Universidades para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela,13 de febreiro de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación

Universitaria