Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 02 de marzo de 2001 Páx. 2.661

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN conxunta do 15 de febreiro de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e das divisións de Recursos Humanos e de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CC.OO., CESM-SATSE, CIG, CSI-CSIF e UGT, polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde.

Con data do 15 de febreiro de 2001, no marco da Mesa Sectorial de Negociación do Persoal Sanitario, e de conformidade co previsto no artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, asinaron os representantes da Administración sanitaria e as centrais sindicais CC.OO., CESM, CIG, CSI-CSIF, SATSE E UGT asinaron o pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada lei, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Na súa virtude,

RESOLVEN:

Acorda-la publicación do pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde, que se inclúe como anexo a esta resolución.

Santiago de Composela, 15 de febreiro de 2001.

Manuel A. Silva Romero

Secertario xeral da Consellería de Sanidade

e Servicios Sociais

Valeriano Martínez García

Director xeral da Divisióin de Recursos Humanos

do Servicio Galego de Saúde

Francisco J. López Rois

Director xeral da División de Asistencia Sanitaria

do Servicio Galego de Saúde

ANEXO

No ano 1993 dictouse o Decreto 200/1993, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, norma coa que se inicia a modernización do primeiro nivel asistencial nesta

comunidade. A reforma iniciada co citado decreto foi seguida doutras disposicións que vehicularon diversas regulamentacións tanto na ordenación da asistencia coma nas condicións de traballo e retributivas dos profesionais da atención primaria.

Unha norma de indubidable transcendencia na reforma foi o Decreto 172/1995 (DOG nº 121, do 26 de xuño) polo que se aprobou o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade Autónoma de Galicia. Nel, a atención urxente deséñase para a súa prestación nuns puntos xeográficos denominados puntos de Atención Continuada (PAC). Nestes PAC prestan servicios tódolos profesionais sanitarios das localidades incluídas nos ámbitos de cobertura de cada un deles.

De acordo co dictado do Decreto 172/1995, a implantación dos PAC realizouse de xeito paulatino, comezando polos núcleos rurais e aquelas localidades onde non se constituísen servicios normais e especiais de urxencia. Nas cidades, onde existían tales servicios de urxencias, dispúxose que entretanto non se constituíran os PAC continuarían prestando servicio para a asistencia urxente extrahospitalaria os profesionais dos dispositivos citados.

Tamén se constatou a conveniencia de ordena-la execución do proceso de integración, polo que se dictou a Orde do 30 de xuño de 1997 (DOG nº 125, do 1 de xullo), pola que se regula o réxime de preintegración do persoal estatutario facultativo e ATS/DUE con destino nos servicios normais e especiais de urxencias no novo modelo de atención primaria.

A ordenación da prestación asistencial e a execución dos procesos de integración con colectivos diversos nos ámbitos dos PAC suscitaron diversas propostas no seo dos órganos de participación e interlocución cos axentes sociais do contorno sanitario, co obxectivo de acada-lo pleno grao de establecemento do modelo de urxencias extrahospitalarias e a súa pacífica execución.

Así, no ano 1999 a Administración sanitaria asina coas organizacións sindicais con representación na Mesa de Negociación de Persoal Sanitario un compromiso para o desenvolvemento das urxencias extrahospitalarias plasmado nun documento de data 30 de novembro do ano 1999. Neste acordo recóllense distintas disposicións relativas á ordenación da xornada e prestación de atención continuada polos profesionais sanitarios. No citado compromiso veñen a desenvolverse pola vía da negociación colectiva determinados preceptos en materia de condicións laborais e ordenación da xornada contidos no Decreto 172/1995 antes citado.

A Administración sanitaria de Galicia negocia coas organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade o presente pacto que recolle con carácter xeral as disposicións sobre a materia recollidas no compromiso do 30 de novembro de 1999 antes citado.

A norma ten forma de pacto por razón da materia, que regula a ordenación da xornada no ámbito da atención primaria, en concreto nas urxencias extrahospitalarias, e determinadas condicións de prestación de servicios no citado ámbito e nivel.

De acordo co previsto nos artigos 35, 36 e 37 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas, a División de Recursos Humanos e a División de Asistencia Sanitaria do Sergas en uso das competencias previstas no Decreto 49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos servicios centrais do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 159, do 20 de agosto) e as organizacións sindicais CC.OO., CESMSATSE, CIG, CSI-CSIF e UGT asinan para a súa tramitación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia o presente pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde.

Normas xerais

1º Ámbito de aplicación.

O presente pacto será de aplicación ó persoal facultativo e sanitario non facultativo que presta servicios nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria constituídos con base no Decreto 172/1995, de urxencias extrahospitalarias.

Ó persoal non sanitario que preste servicios en atención primaria seralle de aplicación directa a disposición 5.6 do presente pacto. A aplicación das restantes disposicións do pacto que lles poidan afectar poderá ser acordada no seo da comisión de seguimento.

2º Prazo de vixencia.

O presente pacto terá efectividade a partir do día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A súa vixencia estenderase por catro anos desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

3º Retroactividade dos seus efectos.

As disposicións números 5.1º, 5.2º, 5.7º e 5.8º deste pacto cos prazos nelas recollidos terán efectos retroactivos desde a data do 30 de novembro de 1999.

4º Derrogación.

Quedarán sen efecto tódolos pactos, actos ou disposicións anteriores que contradigan o disposto neste pacto.

5º Normas xerais.

5.1ª Atención continuada urxente e permanente.

1.1. A atención continuada, urxente e permanente prestarase nos Puntos de Atención Continuada, en

réxime de presencia física, como máximo desde as 15.00 ás 8:00 horas nos días laborables e durante as 24 horas dos domingos e días festivos.

1.2. A atención continuada, urxente e permanente que se prestará mediante os puntos de Atención Continuada axustarase ós seguintes criterios no que se refire á prestación de servicios por parte dos profesionais:

1.2.1. Nas localidades nas que na data do 30 de novembro de 1999 os profesionais non tiveran que prestar atención continuada por existir dispositivos especificamente destinados a este labor, o establecemento dun Punto de Atención Continuada non comportará a asignación ós profesionais das unidades e servicios de Atención Primaria de cargas horarias superiores ás realizadas na dita data, agás que estes opten voluntariamente por asumilas tralo ofrecemento da Administración.

Os profesionais do modelo tradicional (zona ou APD) non prestarán atención continuada nestes ámbitos.

1.2.2. Nas demais localidades, a atención continuada desenvolverase polos profesionais de xeito mixto conforme os seguintes tramos:

a) Atención continuada obrigatoria: corresponderá a tódolos profesionais que teñen encomendada a atención ordinaria a atención urxente como máximo desde as 15 horas ata as 22 horas dos días laborables e desde as 8 horas ata as 22 horas dos días festivos.

b) Atención continuada e urxente desde as 22 horas ata as 8 horas da xornada seguinte non terá que ser prestada de xeito obrigatorio polos profesionais que teñen encomendada a atención ordinaria con vínculo estructural, se ben estes poderán voluntariamente realizala, incorporándose para iso á organización de traballo do PAC.

Dentro das posibilidades de flexibilidade na organización do traballo que poidan asumi-los xestores de atención primaria, garantindo en todo caso a continuidade asistencial, e de acordo cos profesionais afectados, con criterios de racionalidade e uniformidade, poderanse adoptar de facto outras formas organizativas de prestación da atención continuada e que permitan a libranza da xornada seguinte á realización de quendas nocturnas.

Para os efectos da salvagarda do dereito á protección da saúde constitucionalmente protexido, no suposto de que se produza o esgotamento da bolsa de traballo de profesionais de xeito que non existan profesionais que poidan prestar atención continuada, poderá requirirse de forma excepcional e temporalmente con carácter obrigatorio ós profesionais que teñen encomendada a atención ordinaria para atende-la urxencia nocturna e festiva nestes ámbitos. Neste suposto extraordinario proporcionaráselles ós profesionais unha compensación en todo caso equivalente á prestación realizada. Tal medida só terá virtualidade no momento no que se poña en marcha o sistema de voluntariedade no tramo nocturno do Punto de Atención Continuada correspondente e o

profesional optase pola voluntariedade da non realización neste tramo.

1.2.3. Zonas especiais: con fundamento nas súas peculiares características socioeconómicas e orográficas, consideraranse zonas especiais para os efectos da organización da atención continuada os concellos que se indican a seguir:

-A Gudiña.-A Mezquita.-O Bolo.-A Veiga.-Navia de Suarna.-Cervantes.-Folgoso do Courel.-Pedrafita do Cebreiro.

A consideración de zonas especiais destes territorios implicará que nestes ámbitos se poderá organiza-la atención continuada mediante modalidades organizativas que non impliquen a presencia física dos profesionais.

1.3. A organización do traballo respectará o descanso mínimo semanal de 36 horas, procedéndose ás compensacións horarias ou adaptacións se fosen necesarias.

Así mesmo, dentro da xornada ordinaria e efectiva, realizarase como máximo unha xornada de sábado de cada tres.

5.2ª. Cómputo de atención continuada.

5.2.1. Límite anual ás quendas obrigatorias de atención continuada: a prestación obrigatoria de atención continuada para os profesionais limítase a un máximo de 535 horas en cómputo anual, que se distribuirán nun máximo de 60 xornadas anuais efectivas de atención continuada cunha rotación media mensual de 5,5 quendas de atención continuada.

Esta limitación comprenderá única e exclusivamente os servicios que presten os profesionais no Punto de Atención Continuada.

5.2.2. Límite anual ás quendas voluntarias de atención continuada: dado que voluntariamente poden realizarse máis horas de atención continuada que as obrigatorias, establécese para estes supostos un límite conxunto tanto para as que se presten de xeito obrigado coma voluntario de 810 horas en cómputo anual.

Esta limitación comprenderá única e exclusivamente os servicios que presten os profesionais no Punto de Atención Continuada.

5.2.3. Ós profesionais que teñan asignadas cargas asistenciais superiores a 450 horas anuais de atención continuada obrigatoria garánteselle-la non asignación de xeito prioritario en axeitada ponderación de quendas correspondentes a domingos e días festivos.

Sen menoscabo das necesidades organizativas, manterase o status quo prestacional nos supostos

afectantes ós profesionais que a data 30 de novembro de 1999 prestaban servicios nas unidades de tarde e ós profesionais ós que se refire o parágrafo primeiro do punto 5.5 do presente pacto.

5.2.4. Nas zonas especiais recollidas neste compromiso os profesionais terán unha asignación media mensual non superior a 8 quendas de garda localizada diurna.

5.2.5. O Sergas procurará que no prazo de dous anos desde a publicación do presente pacto se teña rematada a integración de tódolos concellos con gardas localizadas en PAC. Cada profesional que continúe facendo gardas localizadas non realizará máis dunha de cada catro fins de semana (sábado e domingo e festivo) de garda. Esta medida será válida sempre e cando se manteña alomenos o sistema de agregación actual de concellos no caso de gardas supramunicipais, salvo as desagregacións levadas a cabo pola Administración sanitaria. Os profesionais que opten voluntariamente pola realización das gardas localizadas exclusivas da súa cota non se verán incluídos neste punto no relativo ás cargas de fins de semana.

A comisión de seguimento terá información puntual dos novos PAC que se constitúan.

5.3. Exencións.

Implantarase como mecanismo singular de reducción unha regulación que permita a exención ou dispensa de prestación obrigatoria de quendas de atención continuada a aqueles profesionais que padezan enfermidades graves ou outras circunstancias impeditivas, sempre que estean debidamente acreditadas a través da avaliación dos órganos técnicos competentes, con intervención dos comités de saúde laboral.

Así mesmo, en función da evolución do modelo de voluntariedade que se está a implantar, entendendo como prioritaria a descarga asistencial do tramo nocturno para tódolos profesionais, trala negociación no seo da comisión de seguimento deste pacto, os órganos competentes do Sergas dictarán no ano 2001 as instruccións necesarias para implantar un procedemento de exención de quendas obrigatorias de atención continuada para os profesionais maiores de 55 anos, sempre que existan profesionais disponibles.

5.4. Xeneralización de transporte e manutención.

A Administración prestará a tódolos profesionais os servicios de transporte e manutención correspondentes á prestación de servicios no ámbito da atención continuada, permanente e urxente.

Unicamente nos supostos excepcionais nos que a Administración non poida transitoriamente prestar estes servicios polos seus propios medios, aboaranse as indemnizacións establecidas na normativa de aplicación.

5.5. Integración definitiva dos profesionais actualmente preintegrados.

Os profesionais que actualmente se atopan prestando servicios exclusivamente no ámbito das urxencias extrahospitalarias, e que teñen pendente a súa integración no tramo ordinario serán adscritos nas unidades e servicios de Atención Primaria nun prazo máximo de 3 anos, computados desde a data da publicación deste pacto.

En concreto, no prazo dun ano pasarán a prestar atención ordinaria, incorporándose ás correspondentes estructuras asistenciais, unha porcentaxe non inferior ó 33% de profesionais que actualmente están en espera de integración definitiva. Para iso, no seo da comisión de seguimento definiranse os criterios que permitan facer efectiva a dita incorporación, avaliándose singularmente cada caso, se fose preciso.

5.6. Mellora nas condicións profesionais do persoal non sanitario de atención primaria.

A evolución no sistema asistencial de atención primaria alcanzará tamén ós profesionais non sanitarios que prestan servicios nos seus dispositivos asistenciais tanto na atención ordinaria coma nos correspondentes á atención continuada e urxente. Tales medidas de mellora levaranse a través das seguintes liñas de actuación:

a) Determinación das categorías de persoal non sanitario de apoio, coas súas condicións laborais e retributivas, que deben prestar servicios no nivel de atención primaria así como dos mecanismos que, de se-lo o caso, poidan implantarse para permiti-la progresión e promoción a estas categorías do actual persoal non sanitario, sen que en ningún caso se vexan minoradas as súas retribucións.

b) Determinación das dotacións necesarias de efectivos de persoal non sanitario tanto no ambito da atención ordinaria coma da atención continuada urxente.

c) Para poder proceder a estas medidas a comisión de seguimento realizará un estudio pormenorizado da actual situación e necesidades de dotación de persoal non sanitario de atención primaria nun prazo máximo de 3 meses. Durante este prazo non se adoptará ningunha medida que altere a situación actual.

5.7. Nomeamento de atención continuada no ámbito da atención primaria.

Resulta preciso defini-la forma de vinculación que permita a incorporación de profesionais no proceso de repartición do traballo que vén producido fundamentalmente pola non obrigatoriedade de prestación de atención continuada ou urxente e do proceso de reducción progresiva dela. Esta incorporación de profesionais non se produce nun contexto xa pechado definitivamente, senón que tal concreción do modelo debe ser aínda obxecto de análise, debate e afondamento no seo da comisión de seguimento polo que o modelo de vinculación ten evi

dentemente un carácter transitorio que non excederá do prazo previsto de 5 anos aludido no punto 5.8. Ultimado o período transitorio procurarase unha solución de emprego de carácter estructural sempre que así derive da organización do traballo.

Esta vinculación definirase polas seguintes características:

a) Os profesionais que se incorporen ó sistema para a atención ás urxencias extrahospitalarias vincularanse ós centros sanitarios mediante un nomeamento estatutario de carácter público.

b) Dado que as necesidades de incorporación destes profesionais estarán en función das variables características que pode presenta-la estructura sanitaria como consecuencia do exercicio da opción voluntaria por prestar ou non quendas de atención continuada por parte dos profesionais da atención ordinaria neste contexto transitorio, os nomeamentos terán carácter temporal.

c) A selección de profesionais que se incorporen á atención urxente extrahospitalaria realizarase, con suxeición ós principios de igualdade, mérito e capacidade, a través das bolsas de emprego definidas no pacto de selección temporal do Sergas.

Para iso elaborarase unha listaxe especial á que poidan apuntarse voluntariamente os integrantes da bolsa de emprego das categorías correspondentes.

d) Os profesionais que desexen ser vinculados para a prestación de atención continuada tamén poderán prestar servicios de atención ordinaria no ámbito territorial correspondente, coas lóxicas limitacións que inevitablemente implica esta compatibilidade. En concreto, compatibilizarán a atención urxente cos nomeamentos para a atención ordinaria de duración non superior a un mes, respecto dos cales terán preferencia. Estes nomeamentos deberán ser en todo caso compatibles coa principal, respectando tanto os tempos e desprazamentos coma as asignacións de tempos de traballo e descansos.

Por causa desta compatibilidade e preferencia, a prestación en termos anuais de servicios destes profesionais non se compoñerá exclusivamente de quendas de atención continuada. Por este motivo, os profesionais nomeados deste xeito terán unha asignación máxima obrigatoria equivalente ó máximo anual dos profesionais voluntarios, é dicir, 810 horas computadas en 11 meses.

e) Antes de proceder á incorporación de profesionais para a atención continuada deberá procederse á correspondente planificación das necesidades que existen en cada dispositivo de atención urxente. Con base en tal planificación garantiráselle ós profesionais seleccionados un nomeamento dunha duración de ata 6 meses que permita atende-las necesidades do dispositivo correspondente, coa asignación de quendas mensuais con carácter previo alomenos ó inicio do mes.

f) A prestación de servicios de atención continuada urxente do persoal nomeado por esta causa serán remunerados co mesmo valor hora que o que resulta da aplicación á prestación de atención continuada dos profesionais integrantes das unidades e servicios de Atención Primaria.

Así mesmo, en coherencia coas normativas que regulan a remuneración para os períodos de vacacións do persoal estatutario, por cada 11 horas de atención continuada que se realicen mediante estes nomeamentos devengarase e acreditarase en nómina unha hora adicional, para os efectos de manter íntegra a identidade de condicións salariais co persoal que ten asignada a atención ordinaria.

g) No seo da comisión de seguimento do presente compromiso estudiarase e debaterase sobre as fórmulas que resulten máis plausibles para adapta-las condicións retributivas e sociais destes profesionais, coa aplicación dos axustes que resulten necesarios.

5.8. Reducción progresiva de cargas asistenciais.

Tendo en conta as dispoñibilidades organizativas e asistenciais concorrentes e ata acadar unha carga non superior á xornada de traballo ordinaria esixible para tódolos profesionais, o Servicio Galego de Saúde progresará na reducción, no prazo máximo de 5 anos, das cargas asistenciais obrigatorias.

No seo da comisión de seguimento do presente compromiso fixaranse anualmente os límites horarios máximos da quenda obrigatoria de atención continuada.

6. Comisión de seguimento.

Créase unha comisión de seguimento do presente compromiso, integrada pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais que o asinan, que coñecerá toda a problemática referida ós puntos que xa foron obxecto de mención explícita nos anteriores epígrafes e de todos aqueloutros que deriven do contido do resto dos epígrafes que se consensúan.

Alomenos os acordos acadados sobre os puntos 5.3 e 5.8 deste pacto serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia. A comisión de seguimento do pacto poderá acorda-la publicación dos acordos que coide oportunos.

7. Desenvolvemento normativo.

Os órganos competentes do Sergas dictarán as normas que sexan necesarias para o seu desenvolvemento trala negociación na comisión de seguimento deste pacto. Estas normas terán a necesaria flexibilidade na súa ordenación que permita, sen menoscabo do seu contido, as adaptacións e requirimentos futuros que se poidan producir na regulamentación desta importante e complexa materia. Se ben, o futuro decurso do plan determinará a pervivencia definitiva do modelo tal e como se configura, con toda a flexibilidade e ductilidade de que se lle dota a tal fin, ou a súa mudanza nos aspectos que resulten precisos polos imperativos dalgún dos programas de actuación que se recollan.