Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2001 Páx. 2.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 12 de febreiro de 2001 pola que se clasifican postos de traballo reservados a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional dos concellos de Cospeito e de Castro de Rei.

Polo Decreto 65/2000, do 16 de marzo, publicado no DOG nº 64, do 31 de marzo, apróbase a disolución da agrupación voluntaria dos concellos de Cospeito e de Castro de Rei, ámbolos dous da provincia de Lugo, para o sostemento en común do posto de secretaría, reservado a funcionarios/as de Administración local con habilitación de carácter nacional; agrupación que fora creada polo Decreto 142/1996, do 17 de abril (DOG nº 80, do 24 de abril). En consecuencia, é necesario efectua-la clasificación dos postos de traballo de secretaría das respectivas entidades locais, en aplicación do previsto no R.D. 1732/1994, do 29 de xullo, sobre provisión de postos de traballo reservados a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Á vista do número de habitantes dos concellos afectados, e en aplicación do artigo 2 b) do mencionado Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, procede a clasificación dos respectivos postos de secretaría en clase segunda.

Polo exposto, de conformidade co previsto na sinalada normativa, e no uso da atribución conferida polo artigo 13.2º 17 da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

1. O posto de traballo de secretaría do Concello de Castro de Rei, provincia de Lugo, clasifícase en clase segunda (2ª) reservándose a funcionarios/as da subescala de secretaría, categoría de entrada, de Administración local con habilitación de carácter nacional.

2. O posto de traballo de secretaría do Concello de Cospeito, provincia de Lugo, clasifícase en clase segunda (2ª), reservándose a funcionarios/as da subescala de secretaría, categoría de entrada, de Administración local con habilitación de carácter nacional.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería, no prazo dun mes con

tado desde o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, de 26 de novembro, ou poderase impugnar directamente perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2001.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública