Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 43 Xoves, 01 de marzo de 2001 Páx. 2.601

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E POLÍTICA AGROALIMENTARIA

ORDE do 28 de febreiro de 2001 pola que se regula o destino de determinados subproductos animais.

A Decisión 2001/25/CE, do 27 de decembro de 2000, pola que se prohibe o uso de determinados subproductos na alimentación animal, establece que a partir do 1 de marzo de 2001 os animais mortos e o material de animais de refugallo, non se reciclen e non se integren na cadea alimentaria animal.

Por outra banda, o Real decreto 2224 /1993, do 17 de decembro, sobre normas sanitarias de eliminación e transformación de animais mortos e despoxos de orixe animal e protección fronte a axentes patóxenos en pensos de orixe animal e demais lexislación concordante establece as condicións de eliminación dos cadáveres das demais especies.

De conformidade co exposto, mediante esta orde procédese a regula-lo destino de determinados subproductos animais na Comunidade Autónoma de Galicia, dentro das competencias da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, con exclusión dos animais das especies bobina, ovina e caprina, que se eliminarán de conformidade co Real decreto 1911/2000, do 24 de novembro, e demais lexislación de aplicación.

En uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

De conformidade co establecido no artigo 2 da Decisión 2001/25/CE, prohíbese a utilización dos seguintes subproductos animais na producción de materias para pensos destinados á alimentación dos animais de granxa:

a) Tódolos animais das especies porcina, os solípedos, as aves de curral, os peixes de piscifactoría e calquera outro animal destinado á producción gandeira que morrese na propia explotación sen ser

sacrificado para o consumo humano (incluídos os animais nacidos mortos e os non nacidos), ademais dos das especies bovina, ovina e caprina, prohibidos pola súa normativa específica.

b) Os seguintes animais mortos:

* Animais de compañía.

* Animais de zoolóxicos e circos.

* Animais de experimentación.

* Animais silvestres que, se é o caso, se determinen.

c) Os animais que fosen sacrificados na propia explotación en cumprimento das medidas de control de enfermidades.

d) Os animais mortos pola aplicación de medidas de urxencia por razóns de benestar e os animais de producción que morresen durante o transporte.

Artigo 2º

O destino dos animais que a seguir se citan será o que se determina:

a) Os cadáveres dos animais de producción dos que a súa morte se produza durante o transporte, en matadoiros ou outros centros de concentración de animais, deberán ser eliminados polos responsables deles de conformidade co disposto no Real decreto 2224/1993, do 17 de decembro, mediante o seu traslado a plantas de tratamento autorizadas.

b) Os animais mortos en explotacións porcinas, avícolas, cunícolas, piscícolas e animais de peletería poderán ser trasladados polos seus responsables a plantas de tratamento autorizadas de conformidade co previsto no punto anterior. Así mesmo poderán ser eliminados nas fosas de cadáveres existentes nas propias explotacións, de conformidade coa lexislación vixente.

c) Excepcionalmente, os animais mortos poderán ser eliminados, mediante a súa inhumación, de acordo coa lexislación vixente, á profundidade suficiente para impedi-lo acceso dos animais carnívoros, en terreo axeitado para evitar calquera dano ou contaminación, e botarlle, en caso necesario, un desinfectante apropiado e oficialmente autorizado.

Disposición adicional

Quedan exceptuados da regulación anterior os animais das especies bovina, ovina e caprina que se someten á súa lexislación específica.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facultase o director xeral de Producción Agropecuaria desta consellería para dicta-las disposicións complementarias necesarias para a correcta aplicación e desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Agricultura, Gandería

e Política Agroalimentaria