Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.167

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de xaneiro de 2001 pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais da Illa de Cortegada.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres ten como un dos seus principios inspiradores o uso ordenado dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas terán que planifica-la xestión dos recursos naturais. Os plans de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que

teña en conta os distintos graos de intensidade de actividades humanas axeitadas para cada zona do territorio, así como os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e os seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre os usos humanos e a conservación dos procesos ecolóxicos.

Neste espacio natural encóntrase un bosque de loureiros (Laurus nobilis) que se estima que é o de maior extensión de Galicia. Este bosque atópase nun aceptable estado de conservación e os seus pés alcanzan os 10 metros de altura. Debido á cuberta dos loureiros, que ocasiona un ámbito sombrío no interior do bosque, e á influencia dos aceites esenciais desta especie, o sotobosque é peculiar. Componse de abundante hedra (Hedera helix) e é notable a variedade de fungos existentes, dos que se referiron unhas 45 especies; entre elas destaca o Hypoxilon coharens.

Entre a fauna existente na zona cómpre destaca-la presencia de dúas aves propias da zona xeográfica onde se encontra a illa, como son o mazarico galego (Numenius phaeopus) e o bilurico pequeno (Actitis hypoleucos).

O interese de Cortegada baséase na existencia do mencionado bosque de loureiro, que representa a laurisilva que se supón que abundaba na Galicia costeira na Era Terciaria, cando o clima era máis cálido có actual; o Estado español e a Comunidade Autónoma de Galicia teñen a obriga legal de manter nun estado de conservación favorable a estes hábitats naturais debido ó seu carácter relíctico.

En virtude do anterior, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do su presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Iniciación.

De acordo co disposto no artigo 4º da Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Illa de Cortegada, pertencente ó concello de Vilagarcía de Arousa.

Artigo 2º.-Límites.

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 3º.-Elaboración e tramitación.

A elaboración e tramitación deste plan encomendarase á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, segundo o previsto nos decretos 482/1997 e 122/1999, polos que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O contido da elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Illa de Cortegada axustaranse ó disposto na Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

Artigo 4º.-Protección preventiva.

De acordo co disposto no artigo 7 da Lei 4/1989, durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non poderán realizarse actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plan.

Artigo 5º.-Autorizacións, licencias ou concesións.

Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non se poderán conceder autorizacións, licencias o concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000,

do 6 de outubro, así como o Decreto 440/1992 de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Artigo 6º.-Sancións.

Os actos que contraveñan esta orde serán sancionados conforme o disposto na Lei 4/1989, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente