Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.169

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 23 de xaneiro de 2001 pola que se inicia o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación de Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra.

A Lei 4/1989, de conservación dos espacios naturais e da flora e fauna silvestres ten como un dos seus principios inspiradores a utilización ordenada dos recursos, garantindo o aproveitamento sostido das especies e dos ecosistemas, a súa restauración e mellora.

Para conseguilo, as administracións públicas deberán de planifica-la xestión dos recursos naturais. Os plans de ordenación constitúen un instrumento básico para unha planificación territorial progresiva, que considere os distintos graos de intensidade de actividades humanas adecuadas para cada zona do territorio, así como os graos de protección en función da conservación dos recursos naturais e dos seus ecosistemas, establecendo un modelo de harmonía entre usos humanos e conservación dos procesos ecolóxicos.

Esta serra encóntrase ó noroeste da provincia de Ourense e conforma unha paisaxe predominantemente calcaria formada por un conxunto de serras que se estenden ó longo de 14.000 ha e dunha orografía que presenta fortes desniveis. A presencia de rocas calcarias nesta serras, propicia a existencia de especies endémicas o subendémicas (Petrocoptis grandiflora e Rhamnus legionensis) que están restrinxidas a unha pequena área de Ourense e León. A vexetación está dominada polo mato, o bosque meditarráneo e, en menor medida, pastos e tomentelo calcícolas, tamén mediterráneos.

Esta serra constitúe unha área de especial interese faunístico na que poden ser observadas máis de 160 especies de vertebrados. Merecen unha atención as poboacións de rapaces entre as que destaca a aguia real (Aquila chrysaetos), o falcón peregrino (Falco peregrinus) e unha única parella de voitre branco (Neophron percnopterus). Outras especies de aves de interese son o merlo azul (Monticola saxatilis), a andoriña daúrica (Hirundo daurica), especies de distribución mediterránea e o gabeador dos penedos (Tichodroma muraria) ligada ás zonas montañosas do norte da península ibérica, todas elas moi escasas en Galicia. A abundancia de covas propicia a existencia de numerosas colonias de quirópteros, en concreto de morcego das covas (Miniopterus schereibersii) que ten nestas cavidades un dos enclaves máis importantes de España. Tamén están presentes varias especies de carnívoros como a martaraña, a garduña, a lontra e o porco teixo.

En virtude do anterior, e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Iniciación.

De acordo co disposto no artigo 4º da Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e

fauna silvestres, iníciase o procedemento de elaboración do Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra, pertencente ó concello de Rubiá.

Artigo 2º.-Límites.

Os límites do espacio son os que figuran sinalados no anexo I desta orde.

Artigo 3º.-Elaboración e tramitación.

A elaboración e tramitación deste plan encomendarase á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, segundo o previsto nos decretos 482/1997 e 122/1999, polos que se establece a estructura orgánica da Consellería de Medio Ambiente.

O contido e elaboración dos Plans de Ordenación dos Recursos Naturais da Serra da Enciña da Lastra axustarase ó disposto na Lei 4/1989, de conservación de espacios naturais e da flora e fauna silvestres.

Artigo 4º.-Protección preventiva.

De acordo co disposto no artigo 7 da Lei 4/1989, durante a tramitación deste Plan de Ordenación dos Recursos Naturais non poderán realizarse actos que supoñan unha transformación sensible da realidade física ou biolóxica que poida chegar a facer imposible ou dificultar de forma importante a consecución dos obxectivos do plan.

Artigo 5º.-Autorizacións, licencias ou concesións.

Ata a aprobación definitiva do Plan de Ordenación de Recursos Naturais non se poderán conceder autorizacións, licencias ou concesións sen o informe favorable da Consellería de Medio Ambiente.

En todo caso, aplicarase o Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental, modificado polo Real decreto lei 9/2000, do 6 de outubro, así como o Decreto 440/1992, de avaliación de impacto ambiental para Galicia.

Artigo 6º.-Sancións.

Os actos que contraveñan a presente orde serán sancionados conforme o disposto na Lei 4/1989, así como no resto da normativa específica vixente en función da materia.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte o da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2001.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente