Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 35 Luns, 19 de febreiro de 2001 Páx. 2.164

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de xaneiro de 2001, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Unión de Distribuidores de Electricidad, S.A. (UDESA).

Visto o expediente do convenio colectivo da empresa Unión de Distribuidores de Electricidad, S.A. (UDESA) (código convenio nº 1502762), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 9-1-2001, subscrito en representación da parte económica pola empresa, e da parte social polo delegado de persoal, o día 11-12-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primero.-Ordena-la súa inscrición no libro rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta

delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segunda.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 11 de xaneiro de 2001.

José Antonio Álvarez Vidal

Delegado provincial da Coruña

Convenio colectivo subscrito entre a sociedade UDESA

(Unión de Distribuidores de Electricidade, S.A.),

e os/as traballadores/as dela afectos ós servicios de

distribución e comercialización de enerxía eléctrica

na provincia da Coruña

Normas xerais.

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

Este convenio regulará as relacións laborais e económicas da empresa UDESA, dedicada á distribución e comercialización de enerxía eléctrica.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será de aplicación para a citada empresa na provincia da Coruña.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

Afecta a tódolos/as traballadores/as que actualmente están empregados/as pola dita empresa, así como a aqueles que o sexan no futuro.

Artigo 4º.-Vixencia e duración.

Con independencia da súa publicación no boletín oficial correspondente, entrará en vigor, para tódolos efectos, o día 1 de xaneiro de 2000 e a súa duración será de dous anos, é dicir, ata o 31 de decembro de 2001.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Quedará constituída, unha vez asinado este convenio, por José Manuel Arufe Rieiro, en representación da empresa, e por Jesús Becerra Queijo, en representación dos/as traballadores/as.

As súas competencias serán resolver cantas dúbidas e diverxencias poidan xurdir na aplicación ou interpretación do convenio. Tanto a parte social como a económica poderán dotarse dos asesores que coiden convenientes.

En caso de discrepancia, as partes acordan someterse ás disposicións contidas no Acordo Interprofesional Galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo (AGA), nos propios termos en que están formuladas.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

Respectaranse todas aquelas situacións ou condicións laborais que tivese recoñecidas o/a traballador/a e que sexan máis beneficiosas cás pactadas neste convenio.

Artigo 7º.-Compensación e absorción.

As retribucións establecidas neste convenio compensarán tódalas existentes no momento da súa entrada en vigor, calquera que sexa a natureza ou orixe delas.

Os aumentos de retribucións que se poidan producir no futuro por disposicións legais de xeral aplicación, convenios colectivos, contratos individuais, etc., só poderán afectar ás condicións pactadas neste convenio cando, consideradas as novas retribucións en cómputo anual, superen as aquí pactadas. No caso contrario, serán compensadas e absorbidas por estas últimas, manténdose este convenio nos seus propios termos, na forma e condicións que queden pactadas.

Artigo 8º.-Denuncia.

Este convenio deberá denunciarse antes do último mes de vigor do convenio. No caso de non existir denuncia por ningunha das dúas partes, o convenio considerarase prorrogado por un ano máis aplicando unha suba salarial automática equivalente á suba do IPC dos últimos doce meses.

Condicións de traballo.

Artigo 9º.-Xornada de traballo.

A xornada de traballo será de 40 horas semanais, de luns a venres, para o persoal de campo.

O persoal administrativo gozará da xornada de verán establecida desde o 15 de xuño ó 15 de setembro, das 9 ás 15 horas de luns a venres. O horario de inverno será das 9 ás 15 horas de luns a venres, e das 16 ás 19 horas os martes e xoves.

Artigo 10º.-Vacacións.

Serán de trinta días naturais para todo o persoal afectado por este convenio e retribuídas con tódolos conceptos salariais que perciba o traballador.

Os/as traballadores/as que desfruten as vacacións entre os días 1 de novembro e 30 de abril terán dereito a gozar de cinco días laborais máis dos que lles correspondan. Cando un/unha traballador/a teña que dividi-las súas vacacións en dous períodos debido ás necesidades do servicio, estando estas previstas entre o 1 de maio e o 31 de outubro, a parte que desfrute no inverno gozará da proporción dos cinco días, tal e como se indica con anterioridade.

A empresa non poderá modifica-las vacacións programadas cunha antelación inferior a un mes á data do seu comezo, salvo en casos excepcionais.

As vacacións non poderán ser compensadas en metálico, salvo nos casos de liquidación por finalización de contrato ou despedimento.

A empresa, logo de consulta coa representación dos/as traballadores/as, confeccionará un cadro de vacacións con tres meses de anticipación mínima ó comezo do seu desfrute, que será exposto no taboleiro de anuncios, e entregarase unha copia asinada e selada á representación dos/as traballadores/as.

As vacacións desfrutaranse por ano natural de servicio. En caso de que un/unha traballador/a sexa empregado/a no decurso do ano, ou cause baixa na empresa, desfrutará do período de vacacións que corresponda ó tempo de vinculación coa empresa, rateándose as fraccións de mes como meses enteiros. Os períodos de IT e licencias consideraranse sen que proceda ningunha reducción das vacacións por estas causas.

Artigo 11º.-Licencias.

Tódolos/as traballadores/as ó servicio da empresa terán dereito a licencias na forma e condicións seguintes:

a) Por nacemento de fillo/a ou por morte, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 4 días.

b) Por casamento, 17 días.

c) Por casamento de fillos ou irmáns, 1 día.

d) Por cambio de domicilio, 2 días.

e) Deberes públicos, polo tempo necesario para o seu cumprimento.

f) Os/as traballadores/as poderán solicitar, sen dereito a ningunha retribución, dúas licencias especiais ó ano, que non excederán de dez días naturais cada unha delas; a súa concesión será potestativa da empresa unha delas, e a outra será de concesión obrigatoria logo de xustificación do/a traballador/a.

Artigo 12º.-Roupas de traballo.

Cada ano a empresa entregaralles ós/ás traballadores/as de campo as roupas de traballo seguintes:

Dúas fundas, un traxe de augas e un par de botas.

Así mesmo, fará entrega das roupas de traballo e protección necesarias para garanti-la seguridade e a hixiene no traballo.

Condicións económicas.

Artigo 13º.-Salarios.

Durante o primeiro ano de vixencia deste convenio os/as traballadores/as percibirán os salarios estipulados na táboa salarial anexa.

Para o ano 2001 aplicarase unha suba salarial equivalente ó IPC real do ano 2000, incrementado nun punto. Esta suba salarial aplicarase de xeito lineal entre tódalas categorías.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Co fin de premia-la continuidade temporal dos/as traballadores/as fixos/as ó servicio da empresa establécense premios por anos de servicio, consistentes en bienios (dous anos de servicio na empresa).

O importe destes bienios será de 1.000 pesetas.

Artigo 15º.-Quinquenio de gracia.

Terá un valor de 5.000 pesetas e comezarase a percibir cando se cumpran vinte anos de antigüidade.

Artigo 16º.-Compensación por traballo en fin de semana ou festivo.

Cando un/unha traballador/a, por necesidades do servicio, teña que traballar en sábado, domingo ou festivo, aboaráselle a cantidade de 3.000 pesetas; collerá posteriormente un día de descanso compensatorio por cada día traballado.

Artigo 17º.-Axudas de custo.

Aqueles/as traballadores/as que, por necesidades do servicio, se vexan obrigados/as a xantar ou cear fóra da casa percibirán da empresa un importe mínimo de 1.500 pesetas por cada comida.

Artigo 18º.-Horas extras.

Evitarase no posible a realización de horas extras. As ditas horas só se realizarán en casos excepcionais e aboaranse a razón de 2.000 pesetas/hora.

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Aboaranse anualmente as seguintes gratificacións extraordinarias:

Paga do 15 de marzo, consistente en 30 días de salario base máis antigüidade.

Paga de xullo, consistente en 30 días de salario base máis antigüidade.

Paga do 1 de outubro, consistente en 30 días de salario base máis antigüidade.

Paga de Nadal, consistente en 30 días de salario base máis antigüidade.

Paga de beneficios, consistente en 45 días de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Subministración de enerxía eléctrica.

Pola supresión do establecido neste artigo en convenios anteriores, incorporase ó salario base a cantidade de 72.000 pesetas anuais.

Artigo 21º.-Complemento de garda de localización.

Establécese un complemento de garda para o persoal de campo. O importe deste complemento será de 12.000 pesetas para o persoal da zona de Cerceda, e de 15.000 pesetas para o das zonas de Mesía e Arca, e percibirase por cada semana de garda.

A garda de localización será semanal, de luns a domingo, e a contía establecida compensa a dispoñibilidade do persoal de garda durante a duración desta. O persoal de garda gozará dun día de descanso no luns inmediatamente seguinte a remata-la semana de garda.

Dotarase dos medios técnicos necesarios: teléfono móbil, busca, etc. para facilita-la localización do persoal de garda.

Os traballos que se teñan que realizar de carácter permanente: controis, comprobacións, lecturas, etc. realizaranse sempre dentro da xornada habitual de traballo.

O tempo empregado para a reparación de avarías fóra da xornada habitual de traballo será remunerado como horas extras no importe que se establece neste convenio.

Condicións sociais.

Artigo 22º.-Incapacidade temporal.

No caso de IT por accidente laboral ou enfermidade, o/a traballador/a percibirá o 100 por 100 das retribucións que con anterioridade á baixa viña percibindo.

Artigo 23º.-Incapacidade por accidente de traballo.

Os/as traballadores/as que sufrisen accidente laboral e continúen prestando servicios na empresa percibirán o total dos haberes da súa categoría profesional, con independencia das pensións que perciban pola súa incapacidade permanente.

A estes/as traballadores/as a empresa asignaralles un posto de traballo acorde coa súa nova capacidade laboral, sinalándolles unha nova clasificación profesional de acordo con tales traballos, pero manténdolles, ata o seu cesamento na empresa, a retribución da categoría profesional á que pertencían antes de sufriren o accidente.

Artigo 24º.-Seguro de invalidez e morte.

A empresa concertará un seguro de vida que lle/s garanta á persoa ou persoas consignadas polo/a traballador/a na correspondente póliza, no caso de morte deste/a antes da idade de xubilación, un capital de tres millóns de pesetas. Igualmente, este seguro garantiralle ó/á traballador/a a entrega deste mesmo capital no caso de que o/a productor/a sexa declarado/a en estado de incapacidade permanente.

Artigo 25º.-Responsabilidade civil.

Os/as traballadores/as que sexan procesados/as con ocasión, ou como consecuencia dun accidente de traballo, poderán propoñerlle á dirección da empresa o nome dun avogado defensor, ó cal a dirección lle dará o visto e prace, considerándose que serán por conta de UDESA as minutas e os gastos que se deriven da defensa e, así mesmo, prestaranse as fianzas que tivesen lugar a favor do/a traballador/a procesado/a.

Artigo 26º.-Excedencias.

A empresa concederalle ó persoal de cadro que leve prestando servicios de maneira permanente un ano, como mínimo, o pase á situación de excedencia por un período de tempo non inferior a un ano (tres meses se a solicitude é motivada por asuntos familiares debidamente xustificados) nin superior a cinco anos. Transcorridos estes sen solicita-lo reingreso, perderá o excedente tódolos seus dereitos.

Para acollerse a outra excedencia voluntaria, o/a traballador/a deberá cubrir un novo período, alomenos, de catro anos de servicio efectivo na empresa.

O tempo de excedencia voluntaria non será computable para ningún efecto. A petición de reingreso terá que efectuarse cun mes de antelación, cando menos, á data do seu remate. A excedencia voluntaria entenderase sempre concedida sen dereito a percibir soldo nin retribución ningunha, e non poderá utilizarse para prestar servicios noutras empresas do mesmo sector, salvo autorización expresa desta sociedade. O incumprimento deste requisito levará automaticamente aparellada a perda de tódolos dereitos.

Artigo 27º

No caso de chegar a exercitarse por parte da empresa a venda, cesión ou alleamento do negocio de distribución e/ou comercialización de enerxía eléctrica nas zonas onde distribúe a sociedade, esta farase de forma que o persoal do cadro de UDESA pase automaticamente a depender da empresa adquirente, sen que este vexa prexudicada a súa situación laboral (lugar de traballo, xornada, horarios, salarios, etc.), en ningún caso.

Táboas salariais ano 2000

CategoríasSalario base

mensual

Salario base

anual

Xefe/a de persoal190.2563.329.480

Supervisor/a técnico/a190.2563.329.480

Xefe/a administración190.2563.329.480

Oficial 1ª administrativo148.2922.595.110

Oficial 2ª administrativo137.7782.411.115

Oficial 3ª administrativo127.2642.227.120

Auxiliar administrativo (*)103.8641.817.620

Oficial de 1ª148.2922.595.110

Oficial de 2ª137.7782.411.115

Oficial de 3ª127.2642.227.120

Peón especialista103.8641.817.620

(*) O persoal coa categoría laboral de auxiliar administrativo, unha vez transcorrido un ano con esta categoría profesional, pasará a te-la categoría laboral de oficial de 3ª administrativo.