Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2001 Páx. 2.057

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 2001, da Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola que se desenvolve a Orde do 16 de novembro de 2000, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ó exercicio de 2001.

O Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional, establece no seu artigo 13 que a contía máxima e as bases reguladoras para a concesión das subvencións serán as determinadas por orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, de acordo coas previsións da Lei xeral orzamentaria.

A Orde do 13 de abril de 1994, que desenvolve o citado real decreto, fixa os módulos de subvención de cursos do Plan FIP. As subvencións resultantes da aplicación destas contías e as bases reguladoras teñen o carácter de máximas e son de aplicación a todo o territorio nacional.

A orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude do 16 novembro de 2000, pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 2001, fai no seu articulado remisións a normas de desenvolvemento en materias tales como a determinación das contías das axudas ós alumnos, procedemento de remisión de documentación, a selección dos alumnos e a certificación polas horas e módulos asistidos.

Así, cómpre regular máis detalladamente aqueloutras cuestións que, aínda estando previstas na Orde do 16 de novembro, requiren un maior profundamento co fin de unifica-los criterios interpretativos e, en definitiva, de facilitar e axiliza-la tramitación administrativa das accións formativas de formación ocupacional por parte das diferentes instancias que interveñen no procedemento.

Á vista da disposición derradeira primeira da Orde do 16 de novembro de 2000, que autoriza o director xeral de Formación e Colocación para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instruccións necesarias para o desenvolvemento e execución desa disposición, e de conformidade co Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción de Emprego, Muller e Xuventude, segundo o que lle corresponde á Dirección Xeral de Formación e Colocación o desenvolvemento das funcións atribuídas á consellería en materia de formación ocupacional,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Módulos de cursos.

Os módulos de subvención, que dependen dos niveis e graos de dificultade expresados en pese

tas/hora alumno, serán os establecidos no anexo I da Orde do 13 de abril de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social (BOE número 101, do 28 de abril de 1994), pola que se dictan normas de desenvolvemento do Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional.

Artigo 2º.-Selección de alumnos.

Os alumnos que asistan ós cursos de formación ocupacional, seleccionados a través de calquera dos sistemas descritos neste artigo, deberán ser desempregados inscritos como tales en calquera das oficinas do Servicio Público de Emprego en data anterior á súa incorporación ó curso. A súa selección realizarase do seguinte xeito:

Con 10 días de antelación á data prevista de inicio do curso, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego correspondente, mediante o impreso normalizado para o efecto, unha lista de desempregados que se adecuen ó perfil requirido para a realización de cada curso, en función dos requisitos de acceso do alumno ó curso especificados no certificado de profesionalidade ou ben no programa de curso aprobado polo Consello Xeral da Formación Profesional ou, no seu defecto, no programa aprobado pola Delegación Provincial da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A oficina de emprego correspondente, mediante sondaxe entre os demandantes de emprego inscritos nas bases de datos do Servicio Público de Emprego, seleccionará dúas persoas por praza vacante en cada curso e convocará, mediante carta certificada ou telegrama con xustificante de recepción, os demandantes preseleccionados para que asistan á proba de selección que deberá realiza-lo centro colaborador. Esta proba de selección deberá ser visada previamente pola oficina de emprego. O centro colaborador non debe predetermina-lo colectivo ó que vai dirixido o curso: limitarase a identifica-los requisitos de acceso do alumnado.

Remitida a lista á entidade solicitante, esta procederá á selección dos alumnos preseleccionados, mediante a realización das probas que estime pertinentes de conformidade cos criterios predeterminados na solicitude, que deberán poñerse en coñecemento dos candidatos antes da súa realización, levantando a correspondente acta no modelo normalizado establecido para o efecto. Na realización desta proba poderá estar presente un representante da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A acta de selección, cuberta en tódolos puntos do modelo normalizado, remitirase á oficina de emprego correspondente, non podendo inicia-lo curso ata que esta dea o visto e prace á selección realizada.

Os demandantes propostos pola oficina de emprego só poderán ser rexeitados para a realización do curso

cando concorran causas que así o determinen e sexan fidedignamente xustificadas pola entidade colaboradora e neste sentido o aprecie a oficina de emprego propoñente. Se se detecta o inicio dun curso sen que a selección dos alumnos fose autorizada pola oficina de emprego, este poderá ser cancelado.

Cando por este sistema non queden cubertas tódalas prazas, a entidade realizará unha convocatoria pública mediante anuncio público nun dos xornais de maior tiraxe da provincia e efectuará a selección entre os que acudan a ela na forma prevista no parágrafo anterior. Desta selección daráselle conta á oficina de emprego encargada da preselección dos alumnos.

O custo dos anuncios que non se adapten ós requisitos establecidos nesta resolución, ou a calquera outro que puidese establece-la Dirección Xeral de Formación e Colocación, non será aboado con cargo ás axudas previstas.

Cada nova alta ou baixa de alumnos que se produza no curso deberá ser comunicada á oficina de emprego correspondente no prazo máximo de 3 días desde que se produza.

Artigo 3º.-Proxectos formativos.

1. De conformidade co disposto no artigo 8 do Decreto 208/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o procedemento de homologación de especialidades formativas e para a inscrición no censo de centros colaboradores de formación ocupacional da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, e na Orde do 16 de novembro de 2000 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP correspondente ó ano 2001, poderán concedérselles cursos a aquelas entidades privadas, empresas ou grupos de empresas que presenten un proxecto formativo específico para elas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que non reduciran o número total de traballadores da empresa, nin o número de traballadores con contrato indefinido, nos doce meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude do proxecto formativo.

b) Que presenten un compromiso de contratación de polo menos o 60% dos alumnos que inicien o curso, por un período mínimo inicial de seis meses, a tempo completo.

c) Que sexa emitido informe favorable de homologación das especialidades solicitadas por parte dos técnicos de formación ocupacional co visto e prace do/a delegado/a provincial.

2. A estas entidades asignaráselles un número provisional do censo de centros colaboradores mentres dure a impartición do proxecto formativo e non adquirirán dereito ningún unha vez rematado este.

3. A xustificación de cumprimento do compromiso de contratación, nos termos sinalados no parágrafo

primeiro, realizarase no momento no que se proceda á xustificación final dos custos do curso mediante a presentación dos correspondentes contratos laborais visados polo Servicio Público de Emprego.

4. A xustificación de que a empresa cumpriu o requisito de non diminuí-lo número total dos seus traballadores, nin o número de traballadores con contrato indefinido nos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude do curso, acreditarase presentando os documentos TC2 da Seguridade Social dese período de tempo.

Artigo 4º.-Obrigas dos centros colaboradores.

1. A maiores das obrigas previas dos beneficiarios das axudas ó inicio dos cursos, reguladas no artigo 5.8º da Orde do 16 de novembro de 2000, pola que se regula a convocatoria dos cursos do Plan FIP para o ano 2001, os centros deberán publicar no taboleiro de anuncios do centro a relación dos docentes así como o horario do curso.

2. Nos 10 días lectivos seguintes ó inicio do curso, deberán remitir á delegación provincial ou á Dirección Xeral de Formación e Colocación, segundo o órgano que resolvera sobre a concesión da subvención, a seguinte documentación:

-Informaticamente, as fichas do sistema informático de formación ocupacional (SIFO).

-Documentalmente, a solicitude de anticipo.

-Fotocopia compulsada do DNI dos alumnos.

-Certificación municipal de residir polo menos a 3 km do lugar de impartición do curso no caso de axudas de transporte. Se a parte teórica e a práctica do curso se desenvolven en sitios diferentes, haberá que presentar un xustificante municipal de distancia por cada lugar de impartición.

-Certificación municipal de residir, como mínimo, a 75 quilómetros do lugar de impartición do curso, se teñen dereito a axuda de aloxamento e manutención. Esta distancia poderá ser inferior cando por problemas das comunicacións se faga difícil o desprazamento, circunstancia que deberá ser valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso.

-Certificación de minusvalidez, no caso de bolsas de minusválidos.

-Documentalmente, certificación asinada polo responsable do centro, na que se relacionen os alumnos, especificando os que teñen dereito a bolsa, axuda de transporte ou axuda de aloxamento e manutención.

-O modelo de ficha do alumno deberá ser arquivado pola entidade colaboradora totalmente cuberto e asinado polo alumno.

3. Mensualmente e por vía informática deberán remitir, arquivando, nos dous últimos casos, separadamente por curso os orixinais asinados:

-As fichas SIFO de incidencias.

-A folla de control de asistencia.

-As nóminas dos alumnos perceptores de bolsas, axudas de transporte ou axudas de aloxamento e manutención asinadas por eles. Poderá optarse por enviar documentalmente a orde de transferencia de fondos ás súas contas bancarias.

Artigo 5º.-Seguro de accidentes.

O seguro de accidentes dos alumnos polos riscos que inclúan os do traxecto ó lugar de impartición das clases e, se é o caso, das prácticas, deberá te-la seguinte cobertura mínima:

-En caso de morte: 3.000.000 de pesetas.

-En caso de invalidez permanente: 6.000.000 de pesetas.

-Asistencia médico-farmacéutica: ilimitada.

Artigo 6º.-Gastos de amortización.

Poderase amortizar todo aquel material didáctico non funxible de acordo cos seguintes criterios:

1. Amortización do mobiliario e material inventariable: poderá amortizarse durante os 5 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe a amortizar dividirase o custo do ben entre 60 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción formativa.

2. Amortización de material informático e instrumentos de precisión e laboratorio: poderá realizarse durante os 3 anos sucesivos á súa adquisición. Para o cálculo do importe que se vai amortizar dividirase o custo do ben entre 36 meses e o resultado multiplicarase polo número de meses que dure a acción.

3. Para que se poidan aboa-los gastos previstos no presente artigo, será imprescindible a posesión da correspondente factura orixinal de compra dos bens que se pretendan amortizar.

4. Amortización de instalacións: enténdese por instalación o lugar onde se imparte o curso máis a porcentaxe dos elementos comúns.

Período de amortización: 20 anos. Non deben transcorrer máis de 20 anos desde a construcción ou adquisición do elemento que se vai amortizar:

Deberán acompaña-la amortización:

-Copia do título de propiedade ou escritura de compra ou certificación da obra.

-Certificado do responsable da entidade de que a obra non se realizou con subvención ningunha de calquera Administración. Neste caso, só se poderá solicita-la amortización da parte non subvencionada.

-Só serán amortizables:

* Os metros cadrados onde se imparta o curso.

* A porcentaxe de elementos comúns.

-Contía que se vai amortizar: a porcentaxe correspondente do importe da factura de construcción do edificio ou instalación.

-Fórmula:

Porcentaxe utilizada do importe da compra ou do importe da obra: 240 meses=custo mensual.

(Custo mensual)x(número de meses de acción)=importe amortización.

Non se amortizarán en ningún caso instalacións construídas ou adquiridas con anterioridade a 20 anos, contados desde a resolución de concesión do curso de que se trate.

5. Os materiais didácticos de traballo susceptibles de usos continuados por diferentes grupos de alumnos poderán ser amortizados (a tres anos) sempre que non sexan entregados ós alumnos primeiros usuarios.

6. A Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a respectiva delegación provincial poderán esixi-la xustificación das avaliacións sinaladas nos parágrafos 1 e 2 do presente artigo.

As empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación non poderán imputar, en ningún caso, gastos por este concepto.

Artigo 7º.-Gastos de profesorado e de coordinación.

A xustificación do pagamento ós docentes dos cursos das súas retribucións pola impartición dun curso completo, ou de calquera dos seus módulos, deberá facerse, en todo caso, mediante apuntamento bancario.

A elaboración de medios e materiais didácticos por parte dos docentes, segundo se establece no artigo 4.1º a) da Orde do 16 de novembro de 2000, pola que se regula a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan FIP do ano 2001, é un concepto que debe ser imputado exclusivamente ó módulo A.

As persoas que coordinen cursos deben estar perfectamente identificadas desde o comezo da acción formativa.

Artigo 8º.-Gastos de difícil xustificación.

Os gastos incluídos como de difícil xustificación deberán estar perfectamente identificados na relación de facturas e non poderán incrementa-los topes legalmente establecidos.

Artigo 9º.-Gastos de reparación e mantemento.

Non se admitirán gastos de reparación e mantemento de instalacións, maquinaria ou equipamentos que non sexan propios da entidade que imparta o curso e deberán referirse ó curso de que se trate.

Artigo 10º.-Gastos de alugueres de instalacións e maquinaria.

O importe dos gastos de alugueres de instalacións deberá estar en consonancia co prezo do mercado da zona onde se desenvolva o curso. Para a xustificación deste concepto as entidades impartidoras deberán achegar fotocopias compulsadas das fac-

turas ou dos recibos correspondentes. O cálculo do importe do aluguer dos locais realizarase segundo o número de meses de duración do curso e proporcionalmente á aula ou aulas utilizadas.

Cando os gastos de alugueres se refiran á maquinaria necesaria para a impartición dos cursos, o seu importe non poderá superar, con carácter xeral, o 25% do módulo B.

Artigo 11º.-Bolsas, axudas de transporte e de aloxamento e manutención.

1. Para ter dereito a calquera das bolsas e axudas reguladas neste artigo, será requisito imprescindible que o curso teña unha duración superior ás catro horas diarias e vinte semanais.

2. Terán dereito á bolsa os alumnos minusválidos que asistan ós cursos de formación profesional ocupacional e que estean desempregados.

Os demais alumnos desempregados poderán percibi-la axuda de transporte cando teñan que desprazarse polo menos tres quilómetros para asistiren a eles.

Tamén poderán percibi-la axuda de aloxamento e manutención cando esa distancia sexa, como norma xeral, como mínimo, de 75 quilómetros. En casos excepcionais, debido a problemas das comunicacións, circunstancia que deberá ser previamente valorada e autorizada polo órgano competente en cada caso, poderá concederse esta axuda aínda que a distancia sexa inferior a 75 quilómetros. Ademais da duración do curso e da distancia, para percibi-la axuda de aloxamento e manutención deberán cumprirse os seguintes requisitos:

-Que a asistencia ó curso implique que o alumno deba aloxarse no lugar de impartición.

-Que a especialidade que se vai impartir sexa algunha das seguintes:

-IPCM52. Soldador con máquina semiautomática MAG-MIG.

-EOAL50. Escaiolista.

-EOMQ10. Operador de maquinaria de escavación.

-IAIC20. Carniceiro.

-IPCM30. Carpinteiro metálico e de PVC.

-IPCM51. Soldador de arco eléctrico con electrodos.

-ITCI10. Patronista escalador.

-MDFC10. Proxectista de carpintería e moble.

-MDFC30. Mecanizado de madeira e taboleiros.

-MDFC40. Operador de armado e montaxe carpintería e moble.

-MDFC50. Vernizador-lacador.

-MDFC51. Aplicador acabamentos decorativos en industria da madeira.

-MDFC52. Aplicador acabamentos a pistola en industrias da madeira.

-MDXX02. Operador control numérico de máquinas en industrias da madeira.

-MDPT20. Operador secado e tratamentos protectores da madeira.

-MREL11. Mantemento sistemas instrumentación e control.

-MREL14. Mantemento sistemas industriais producción automática.

-PTER10. Instalador de sistemas fotovoltaicos e eólicos.

-SFFN50. Xestor comercial de servicios financeiros.

-SPPC10. Axudante técnico prevención incendios medio rural.

-TCTC40. Conductor de autobús.

No caso dos alumnos que teñan dereito á axuda de transporte, por residiren polo menos a tres quilómetros do lugar de impartición do curso, durante o desenvolvemento da parte teórica e non da práctica, ou viceversa, soamente se aboará esta axuda cando cumpra o requisito de distancia, debidamente acreditado mediante a certificación municipal correspondente.

O seu importe será o seguinte:

a) A bolsa para os alumnos minusválidos será de 21.750 pesetas ó mes, rateándose a parte correspondente ós meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

b) A axuda de transporte será de 725 pesetas alumno/día lectivo.

c) A axuda en concepto de aloxamento e manutención terá unha contía de 5.000 pesetas/día natural, rateándose a parte correspondente ós meses de inicio e finalización cando non sexan completos.

2. A acreditación de atoparse nos supostos de concesión realizarase da forma seguinte:

a) Mediante a presentación do informe de cualificación de minusvalidez ou de certificación oficial do órgano competente da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no caso das bolsas de minusválidos.

b) A través de certificación municipal, no caso das axudas de transporte.

c) Mediante certificación municipal na que se especifique que a distancia desde o lugar de residencia do alumno ata o de impartición do curso é de 75 ou máis quilómetros, salvo casos excepcionais, nos que a distancia poderá ser menor, no caso de axuda de aloxamento e manutención.

O gasto real de aloxamento xustificarase por medio do contrato de arrendamento, factura de hospedaxe ou calquera outro medio documental acreditativo.

Nas letras b) e c) de existir contradicción entre o domicilio que figura na tarxeta de demanda de emprego e o que figura na certificación municipal, haberá que aterse ó reflectido na tarxeta de demanda de emprego.

Artigo 12º.-Publicación de anuncios.

1. Tódalas convocatorias públicas para a selección de alumnos que se realicen mediante anuncio en prensa deberán remitirse ós respectivos xornais con indicación de que sexan inseridos exclusivamente nas edicións correspondentes a domingos.

2. Os anuncios cubriranse en modelo normalizado, no que necesariamente deberá facerse consta-lo financiamento da acción por parte da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude e do Fondo Social Europeo. Neles especificarase claramente, como mínimo: a institución ou centro ofertante, as vacantes existentes, o curso de que se trata, perfil requirido dos alumnos, enderezo e teléfono do lugar de realización das probas de selección así como a data.

Publicaranse, polo menos, a través dun dos xornais de maior tiraxe da provincia.

O custo dos anuncios que se publiquen en día distinto a domingo por causas atribuíbles ás entidades impartidoras, non poderá imputarse á parte B do módulo da subvención concedida.

3. Tódolos anuncios deberán ser autorizados pola oficina de emprego correspondente.

4. Calquera excepción a esta norma deberá ser autorizada polo director xeral de Formación e Colocación ou polo respectivo delegado/a provincial, segundo proceda.

Artigo 13º.-Módulos de orientación profesional.

1. Os módulos de información e orientación profesional e sobre técnicas de busca de emprego que se inclúan nos plans docentes dos cursos de formación ocupacional terán unha duración máxima de 20 horas.

2. Para a elaboración do contido dos citados módulos poderá tomarse como referencia a Guía de Técnicas para a Busca de Emprego, editada por esta dirección xeral.

Artigo 14º.-Seguimento e control dos cursos.

1. As entidades impartidoras deberán remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación ou á delegación provincial correspondente, segundo quen concedese o curso, xunto co resto da documentación esixida na respectiva orde de convocatoria ou na presente resolución, a folla de control de asistencia debidamente asinada polos técnicos da delegación provincial que visiten o curso.

2. No caso de que non coincida a folla de control de asistencia que conste en poder dos técnicos coa remitida posteriormente polas entidades, presumirase a veracidade da primeira.

Artigo 15º.-Diplomas.

Terán dereito a recibir un diploma oficial aqueles alumnos que rematen o curso, obteñan aproveitamento a xuízo do docente e asistan como mínimo ó 75% das súas horas lectivas. Tamén terán dereito a diploma, aínda que non rematan o curso, aqueles que causen baixa por colocación, sempre que obteñan avaliación positiva e asistan, como mínimo, ó 75% das horas lectivas totais.

Terase en conta que máis de dúas faltas sen xustificar dentro do mesmo mes suporán a baixa automática no curso e a perda do dereito a diploma. A xustificación das faltas deberá facerse mediante documentos ou calquera outro medio que acredite de modo fidedigno o motivo da non asistencia. Os alumnos disporán dun prazo de 5 días hábiles para presentar no centro colaborador os xustificantes das súas faltas de asistencia. Unha vez transcorrido este prazo sen que os presentasen, a falta será considerada sen xustificar.

Para os efectos de contabilización do 75% de asistencia, tanto no caso de incorporación tardía como de abandono do curso por colocación, computaranse como faltas tanto as xustificadas como as non xustificadas.

Artigo 16º.-Prácticas non laborais en empresas.

1. As prácticas non laborais en empresas poderán realizarse, segundo establece o artigo 4.2º do Real decreto 631/1993, do 3 de maio, polo que se regula o Plan FIP, con base nos convenios asinados entre a Xunta de Galicia (Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude), como Administración laboral competente para xestiona-las accións do Plan FIP na Comunidade Autónoma de Galicia, e a empresa ou a organización empresarial correspondente, nos termos pactados neles.

2. As entidades que teñan previsto realiza-las prácticas non laborais en empresas previstas no artigo 14 da Orde do 16 de novembro de 2000, deberán presentar, cunha antelación mínima de quince días hábiles á súa realización, perante a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a correspondente delegación provincial, segundo quen concedese o curso, solicitude de autorización para a súa realización, facendo consta-los seguintes aspectos:

a) Contido das prácticas que realizarán os alumnos.

b) Datas previstas e lugar de realización.

c) Compromiso entre o centro formativo e a empresa na que se realizarán as prácticas para sinatura dun convenio específico que ampare su realización.

d) Número de alumnos que as realizarán e número de horas por alumno.

e) Sistema de titorías para o seu seguimento e avaliación.

f) Documento que acredite a vixencia do seguro de accidentes dos alumnos que cubra os riscos do curso, que deberá incluí-los do traxecto ó lugar de

realización das prácticas e contraéndose estrictamente na súa duración ó período da súa realización.

g) Documento que acredite a contratación dunha póliza de responsabilidade civil para facer fronte ós riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da realización das prácticas non laborais.

3. Antes do comezo das prácticas porase en coñecemento dos representantes legais dos traballadores na empresa e da Inspección de Traballo unha relación dos alumnos que as realizarán. A notificación ós representantes dos traballadores corresponderalle facela á empresa, mentres que á Inspección de Traballo comunicarallo a Dirección Xeral de Formación e Colocación ou a delegación provincial, segundo quen concedese o curso.

4. A compensación económica ás empresas por prácticas profesionais será de 1.000 pesetas por alumno e día de práctica.

5. Quedan excluídas expresamente da realización de prácticas non laborais as empresas ou grupos de empresas que impartan proxectos formativos con compromiso de contratación.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2001.

J. Jaime López Cossío

Director xeral de Formación e Colocación