Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 15 de febreiro de 2001 Páx. 2.050

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 6 de febreiro de 2001 pola que se regulan as axudas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril, e 202/2000, de 21 de xullo, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15 b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Esta orde adáptase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212D.780.0, recollida na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e o importe destinado a elas ascenderá a 35.220.000 ptas. ou o seu equivalente en euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios co fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para investimento en centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servicios sociais, e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Muller e Xuventude modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia que presten atención educativa e asistencial a nenos/as de 0 a 3 anos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os requisitos anteriores, desenvolvan as súas actividades na

Comunidade Autónoma de Galicia e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estes servicios concederase en forma de subvención de investimento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Reforma, ampliación ou mellora de edificios e instalacións.

-Gastos de equipamento e mobiliario.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía destas axudas fixarase en función das necesidades de cada centro, do proxecto presentado e do orzamento total asignado para este fin.

Artigo 5º.-Normas xerais de subvención.

O importe das subvencións por investimento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas, ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario.

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes presentaranse segundo modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

A) Documentación xeral:

1. Ficha bancaria (anexo II).

2. Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida.

3. Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

4. Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

5. Declaración de tódalas solicitudes de subvención efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de entidades privadas.

6. Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 51 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude do 29 de febreiro de 1996 ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

7. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta nos modelos oficiais conforme os anexos III e IV da presente orde.

Aquelas institucións que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

Os documentos xa achegados en convocatorias anteriores non será necesario presentalos de novo, agás que se producisen modificacións ou variacións neles, de acordo co previsto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

B) Documentación específica:

B.1. Para subvencións de reforma e adecuación.

a) Certificado do Rexistro da Propiedade que acredite o dominio do solicitante do inmoble ou, se este está en alugueiro ou cedido, certificado do propietario facendo consta-las condicións nas que se efectuou este e a súa conformidade coas obras que se pretenden realizar.

b) Certificado do concello correspondente no que se faga constar que os plans urbanísticos aprobados e as ordenanzas municipais en vigor permiten a realización da obra que se proxecta.

c) Características técnicas do centro para o que se propón a súa reforma e memoria explicativa dos fins concretos que se perseguen.

d) Memoria descritiva das obras que se van realizar, cun orzamento incorporado.

e) Plan de financiamento da obra.

f) No caso de que a reforma ou adecuación supoña unha modificación substancial do centro, segundo establece o artigo 14.2º do Decreto 243/1995, é necesario presentar copia da solicitude da oportuna autorización administrativa.

B.2. Para subvencións de equipamento.

a) Orzamento do importe das adquisicións que se pretendan realizar, axustándose a criterios de funcionalidade e economía, con xustificación da súa necesidade.

b) No caso de que no ano anterior se subvencionase a reforma do centro, acreditación de que a obra estea totalmente rematada.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde.

Artigo 8º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde. De non ser así, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, corrixa a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese así, de acordo co artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo

común, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 da mesma lei.

2. Revisados os expedientes, e completados, se é o caso, remitiranse á comisión provincial de valoración, para que unha vez baremados dicte a proposta de resolución propoñendo o órgano competente para a resolución a aprobación ou denegación das axudas, segundo os criterios obxectivos recollidos na presente orde.

Inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas as aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días alegue ou presente os documentos e xustificación que coide pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario con voz pero sen voto. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención Territorial.

Artigo 9º.-Criterios de valoración.

A concesión de subvencións resolverase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios de preferencia:

a) Adecuación ós requisitos que sobre instalacións e condicións materiais establece a normativa vixente. Valoraranse, en especial, as seguintes actuacións:

1. Reforma e equipamentos nas aulas destinadas a nenos/as menores de 2 anos para habilitar áreas diferenciadas para descanso e hixiene dos pequenos.

2. Creación de espacios axeitados para preparación de alimentos, nos centros que atenden nenos/as menores dun ano, con capacidade para equipamentos que determina a normativa vixente.

3. Habilitación dun aseo por sala para nenos/as de 2 a 3 anos que deberá ser visible e accesible desde esta.

4. Creación de comedores escolares. Reforma e equipamento dos patios de xogo para a súa adecuación á normativa en vigor.

5. Emenda das deficiencias que afecten a seguridade dos usuarios: sistemas contra incendios, iluminación e sinalización de emerxencia, deseño de portas e ventás, sistemas de calefacción e elementos calefactores, enchufes, etc.

b) Obras de ampliación de infraestructura, que respectando a normativa vixente permita o aumento do número de prazas ou de grupos de idade ata cubri-la completa atención ó primeiro ciclo de educación infantil (0-3 anos).

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución das axudas por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola Intervención Territorial, correspóndelles por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude ós delegados provinciais da consellería, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de 3 meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse o recurso de reposición ante o mesmo órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. Se a entidade estivese tramitando o permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 11º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da execución total do proxecto e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. A subvención aboarase conforme o disposto na Lei de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2001 unha vez efectuado o gasto e presentada ante a delegación provincial da consellería a seguinte documentación, segundo os casos:

a) Subvención para reforma e adecuación de centros:

-Certificación asinada e selada pola entidade receptora da axuda, na que se faga consta-la realización das obras e a conformidade con elas.

-Certificación ou factura orixinal expedida pola empresa ou contratista individual que realizou a obra.

-Autorización administrativa do órgano competente, se é o caso.

b) Subvención para equipamento:

-Certificado do representante da entidade no que conste a realización da subministración e a súa conformidade con ela.

-Facturas orixinais, debidamente conformadas de cada unha das casas subministradoras.

Nas dúas alíneas anteriores, as facturas deberán cumpri-lo disposto no Real decreto 2402/1985, do 18 de decembro (BOE 312, do 30 de decembro) polo que se regula o deber de expedición e entrega de facturas de empresarios e profesionais.

Artigo 12º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude sobre os seus centros e actividades.

c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

d) No caso de axudas superiores a 10.000.000 de pesetas facilitarán a comprobación material do investimento por parte dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, nos termos establecidos no artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º.-Reintegro.

Procederá o reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos establecidos no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 14º

No caso de ter recibido financiamento público, non poderá autorizarse o cesamento de actividades dun centro a non ser que a parte do financiamento non amortizada revertese na Administración autonómica. Para tales efectos, entenderase que o financiamento para investimento inmobiliario se amortizará ós 20 anos e o destinado a equipamento ós 5 anos.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico do ano 2001.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciis da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ó réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude