Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 2001 Páx. 1.738

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de xaneiro de 2001 pola que se clasifica como formativo-ocupacional a Fundación Laboral da Pizarra.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Laboral da Pizarra, con domicilio en Sobradelo de Valdeorras (Ourense).

Supostos de feito.

1. Lázaro Fernández López, na súa calidade de membro do padroado da fundación, en escrito do 21 de setembro de 2000, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada no Barco de Valdeorras, o día dezaoito de setembro de dous mil, ante o notario José Guillermo Rodicio Rodicio, co número dous mil douscentos vintedous do seu protocolo, por José Fernández Fernández, Severino González Álvarez, Manuel Ojea Prada, Lázaro Fernández López, José Paradelo Arias, Miguel Ángel Sotuela Vega e Adriano Fernando Brito Ferreira; interveñen José Fernández Fernández en nome e representación da Central Sindical Comisións Obreiras Federación Mineirometalúrxica de Galicia, José Paradelo Arias e Miguel Ángel Soutela Vega en nome e representación da Central Sindical Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Adriano Fernando Brito Ferreira en nome e representación da Central Sindical Confederación Intersindical Galega Federación da Construcción e Madeira.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é destinar e afecta-lo seu patrimonio á realización de fins xerais de interese galego, no ámbito sectorial e territorial ós que a súa denominación e fins se contraen.

En xeral, son fins da fundación o apoio ó sector da lousa, mediante a impartición de cursos de formación á traballadores activos e desempregados, así como fomenta-lo estudio e a investigación en materia de formación profesional dos traballadores deste sector en Galicia.

4. O padroado da fundación estará integrado polos membros indicados e na forma prevista no artigo 10 dos estatutos.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como formativo-ocupacional da Fundación Laboral da Pizarra, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1 e 2 do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como formativo-ocupacional e a súa adscrición á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades, tanto legais como regulamentarias, establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día dezanove de decembro de dous mil.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril), a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego,

así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como formativo-ocupacional a Fundación Laboral da Pizarra e adscribila á Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, dezaséis de xaneiro de dous mil un.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública