Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 09 de febreiro de 2001 Páx. 1.736

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 28/2001, do 8 de febreiro, polo que se dictan medidas urxentes e extraordinarias para garantir o funcionamento dos servicios mínimos esenciais na folga convocada na empresa Transportes La Unión, S.A.

A folga, como todo instrumento xurídico, atópase limitada polos dereitos concorrentes e polo interese xeral que a Administración debe garantir.

Así, a propia Constitución ó recolle-lo dereito á folga non lle dá un contido ilimitado, senón que expresa que deberá ser compatible co mantemento dos servicios esenciais para a comunidade.

A Carta Magna, por outra banda, recolle, no seu título primeiro, entre os dereitos fundamentais a libre circulación das persoas (art. 19), a educación (art. 27) e o traballo (art. 35), dereitos que, loxicamente, non poden verse menoscabados polo exercicio abusivo do dereito de folga.

É por isto que, en tódolos ordenamentos xurídicos do noso contorno, o recurso á folga vén regulado con límites precisos que, sempre, necesitan os mecanismos de salvagarda dos servicios esenciais para a comunidade.

Así, na regulación española establécense os servicios mínimos que deben manterse durante a duración da folga e concrétanse mecanismos adicionais de protección dos intereses xerais.

Entre estes, o art. 10 do R.D. lei 17/1977, do 4 de marzo, sobre relacións de traballo, determina que o goberno poderá adopta-las medidas de intervención axeitadas cando a folga se declare en empresas encargadas de servicios públicos e concorran circunstancias de especial gravidade.

As ditas medidas, que responden igualmente, ós principios xerais que informan a Lei 16/1987 de ordenación dos transportes terrestres que determina no seu art. 3 b), que o sistema de transporte debe satisface-las necesidades da comunidade co máximo grao de eficacia e co mínimo custo social, deben ser compatibles co ordenamento sectorial do transporte.

Desde o día 30 de xaneiro, data de comezo da folga, estase a producir un incumprimento sistemático dos servicios mínimos decretados.

A concorrencia de actos de sabotaxe dos vehículos da empresa Transportes La Unión, S.A., os ataques ós autobuses que prestaron servicios mínimos, a presencia de piquetes nas cabeceiras dos servicios e mesmo a negativa de traballadores a realiza-los ditos servicios tradúcense, na práctica, na paralización completa da empresa con grave afectación ós dereitos á educación, ó traballo e á libre circulación polo territorio nacional que supoñen respectivamente a non prestación do transporte escolar, a imposibilidade de que o personal da empresa que non secunda a folga preste servicios mínimos ou a posibilidade para os traballadores de acceder ós seus postos de traballo mediante os transportes de obreiros contratados á empresa Transportes La Unión, S.A. ou a supresión dos servicios de concesión.

A magnitude do prexuízo irrogado á sociedade no seu conxunto pódese apreciar tendo en conta que só o transporte escolar contratado pola Consellería

de Educación e Ordenación Universitaria abrangue 160 vehículos e 7.000 alumnos en 9 concellos o que, obviamente non inclúe os transportes escolares a centros privados, e que os servicios concesionais mínimos que garanten a mobilidade da poboación cativa do transporte público que se están a incumprir alcanzan a suma de 69.

Para os efectos dunha cabal avaliación dos referidos prexuízos debe terse en conta que a extrema dispersión poboacional e a pequena dimensión dos núcleos de habitantes de Galicia multiplican exponencialmente a necesidade de desprazamentos entre núcleos de poboación para cubrir necesidades perentorias (sanidade, educación, traballo ...), o que imposibilita, en determinados supostos, outras opcións de traslado ou entraña incrementos de riscos cando as distancias permiten o desprazamento a pé por vías interurbanas, opción esta que, novamente, se ve penalizada en Galicia pola orografía e climatoloxía propia da nosa comunidade.

No marco do papel da Administración pública como garante do funcionamento dos servicios esenciais para a comunidade e moi especialmente en canto sobre a propia Administración educativa recae a obriga de facilita-lo transporte colectivo no ensino público nos niveis de ensino obrigatorio, o goberno galego debe, cos instrumentos que prevé o ordenamento xurídico vixente e, fundamentalmente, o R.D. lei 17/1977, do 4 de marzo, adoptar aquelas medidas que aseguren o principio de continuidade do servicio público.

Neste sentido as medidas que establece o presente decreto articúlanse en función de dous vectores:

En primeiro lugar a imposibilidade de que a Administración abdique da súa responsabilidade como tutelante do sistema público de transportes ante situacións que afectan gravemente a servicios públicos esenciais e que causan prexuízos ilexítimos e desproporcionados ó interese xeral, por actuacións que polo seu carácter ilegal exceden da cobertura legal que recibe o dereito de folga.

En segundo lugar pola neutralidade da Administración que non incide no conflicto colectivo entre as partes e se limita a regula-lo aspecto dos servicios mínimos de transporte que incide en terceiros alleos ás relacións laborais entre a empresa Transportes La Unión, S.A., e os seus traballadores.

Noutra orde de cousas, o contido do decreto responde ós principios xerais do dereito da razoabilidade e a proporcionalidade.

Así, o seu contido, vén matizado pola limitación a medida que en cada suposto supoña a modalidade menor de intervención administrativa necesaria para acada-los seus fins e, na proporción e durante o tempo estrictamente preciso para cubri-la totalidade dos servicios mínimos, e estes tan só.

É por isto que, co fin de posibilita-lo exercicio dos dereitos fundamentais referidos que vén sendo gravemente conculcados pola non realización dos servicios mínimos na situación de folga que se está a desenvolver e vistos a Constitución española e a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, pola que se aproba o Estatuto de autonomía, o Estatuto dos traballadores, o R.D. 17/1977, do 4 de marzo, a Lei 16/1987, do 30 de xullo e o seu regulamento de desenvolvemento aprobado por R.D. 1211/1990, do 28 de setembro, o Decreto autonómico 160/1988, o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación, por iniciativa dos conselleiros de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e Educación e Ordenación Universitaria, e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día oito de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Para os efectos de restablece-la efectividade dos servicios mínimos de transporte establecidos con motivo da folga declarada na empresa Transportes La Unión, S.A., as consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, poderán adoptar, con carácter excepcional, as seguintes medidas:

Autoriza-la empresa Transportes La Unión, S.A. á subcontratación da prestación dos servicios de transporte regular de uso xeral e especial incluídos na relación de servicios mínimos determinada para a presente folga.

As consellerías referidas poderán habilitar, provisionalmente, a terceiras empresas para a prestación dos servicios mínimos de acordo coas especificacións da lexislación de contratos das administracións públicas e a normativa reguladora dos transportes públicos por estrada, o que implicará a suspensión da prestación contractual coa empresa Transportes La Unión, S.A.

A virtualidade desta habilitación terá sempre carácter extraordinario e estenderase ata o momento no que se garanta a prestación dos servicios mínimos ou ben remate a folga.

Artigo 2º

As habilitacións a terceiras empresas non darán a favor destas ningún dereito adicional distinto á prestación dos servicios mínimos, nos termos fixados na resolución administrativa, e durante o prazo de vixencia dela.

Artigo 3º

A Administración deberá dar traslado previo á dirección da empresa e ó comité de folga das pro

postas de medidas que hai que adoptar, concedendo un prazo de 24 horas para efectuar alegacións.

Artigo 4º

O establecido no presente decreto non obsta para que unha vez finalizado o período de folga a empresa titular dos servicios asuma, se é o caso, as responsabilidades nas que incorrese ante a Administración outorgante da concesión ou autorización da que fose titular a empresa.

Así mesmo, as resolucións administrativas dictadas ó amparo do presente decreto non prexulgan as responsabilidades que se poidan deducir do establecido na normativa laboral.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de febreiro do dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública