Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 25 Luns, 05 de febreiro de 2001 Páx. 1.417

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 25 de xaneiro de 2001 pola que se regulan as axudas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23º, asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais, inclúe, no seu artigo 5.3º, como unha das áreas de actuación, os servicios sociais da familia, infancia e mocidade, e o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, modificado polos decretos 117/1999, do 23 de abril e 202/2000, do 21 de xullo, atribúelle á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude as competencias neste sector.

Por outra banda, o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais é o órgano da Administración do Estado ó que lle corresponde a promoción e o fomento dos programas sociais no marco das obrigas estatais e da cooperación coas comunidades autónomas, cofinanciando estas axudas en materia de primeira infancia (0-3) xunto coa Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, da infancia e da adolescencia establece no seu artigo 15.b) que a Xunta de Galicia promoverá os recursos destinados á atención á infancia, procurando que esta dispoña dos medios necesarios para o seu desenvolvemento integral.

Esta orde adáptase ó disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia, e os demais requisitos esixidos na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001.

As axudas que se establecen no articulado desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 14.02.212A.481.0, recollida na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001, e o importe destinado a elas ascenderá a 234.750.000 pesetas ou o seu equivalente en euros.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios ó fin para o que foron establecidos,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto a convocatoria de axudas económicas para mantemento de centros e servicios dedicados á atención á primeira infancia dependentes de entidades privadas de iniciativa social que cumpran os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de auto

rización e acreditación de centros de servicios sociais, e na Orde do 29 de febreiro de 1996, da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reuni-los centros de menores e os centros de atención á infancia que presten atención educativa e asistencial a nenos/as de 0 a 3 anos. Non obstante, poderá eximirse do límite de idade os nenos de integración logo de informe dos equipos de valoración e orientación das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Para efectos desta orde, enténdese por nenos/as de 0 a 3 anos os nacidos con posterioridade ó 31 de decembro de 1997.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán solicitar estas axudas as entidades privadas de iniciativa social que, cumprindo os requisitos anteriores, desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia e estean debidamente inscritas no Rexistro de Entidades Prestadoras de Servicios Sociais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, de acordo co disposto no Decreto 291/1995, do 3 de novembro.

Artigo 3º.-Tipo de axuda.

A axuda destinada a estas entidades concederase en forma de subvención de mantemento, entendéndose por tal os seguintes conceptos:

-Gastos de persoal.

-Gastos de alimentación.

-Outros gastos xerais de mantemento do centro.

Artigo 4º.-Normas xerais de subvención.

O importe das subvencións por mantemento reguladas nesta convocatoria en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que desenvolverá o beneficiario.

Artigo 5º.-Módulos de referencia para o cálculo da axuda.

Para cuantificar economicamente as axudas estímase en 18.000 pesetas o custo máximo por neno/mes.

Este importe incrementarase nun 20 por 100 nos seguintes casos:

-Cando a familia sexa monoparental.

-Cando asista máis dun irmán á gardería.

-Cando sexa familia numerosa.

Estas situacións deberán acreditarse debidamente.

O importe da axuda non poderá supera-lo custo da praza na escola infantil.

Complementos adicionais para centros que posúan:

a) Horario ampliado, entendendo por tal aquel que exceda en 40 horas mensuais o mínimo establecido: percibirán unha subvención de 2.000 pesetas máximo ó mes por cada neno usuario deste servicio.

b) Transporte escolar: percibirán unha subvención de 2.000 pesetas máximo ó mes por cada neno usuario deste servicio.

c) Servicio de comedor: percibirán unha subvención de 4.000 pesetas máximo ó mes por cada neno usuario deste servicio.

Artigo 6º.-Cálculo da axuda.

1. Estas axudas calcularanse en función dos nenos atendidos integrantes dunha unidade familiar cunha renda per cápita mensual inferior a 45.000 pesetas.

2. O importe destas axudas repercutirá directamente nas familias que serviron de base para o seu cálculo ou naquelas que as substitúan no centro e teñan similares circunstancias económicas.

3. A concesión destas axudas está supeditada á existencia de crédito suficiente. No caso de insuficiencia de crédito, estas deberán reducirse proporcionalmente de xeito tal que as contías das axudas sexan iguais por cada neno-módulo para tódalas entidades que resulten beneficiarias.

4. No caso de que, unha vez calculadas estas axudas, existira remanente de crédito, este poderase distribuír con base no mesmo módulo de referencia do artigo 5º, entre as familias cunha renda per cápita mensual superior, empezando polas rendas máis próximas a 45.000 pesetas ata esgota-lo remanente referido.

Artigo 7º.-Renda per cápita mensual.

1. Para efectos desta orde, enténdese por renda per cápita mensual o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.

Para estes efectos, enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalidez superior ó 33 por cento.

2. Para efectos desta orde, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral maila parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar ós datos existentes na administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Artigo 8º.-Cotas complementarias.

1. Cando as contías destas axudas non sexan suficientes para cubri-lo custo total das prazas subvencionadas, os centros poderán completalo con cotas dos pais. Neste caso as cotas complementarias que aboen os pais nunca poderán supera-los prezos máximos establecidos polo Decreto 179/1992, do 26 de xuño, polo que se fixan as tarifas de prezos para as garderías infantís dependentes desta consellería:

Renda per cápita mensualCota mensual

-Inferior a 20.000 ptas.:exento total.

-De 20.001 a 30.000 ptas.:3.000 ptas.

-De 30.001 a 40.000 ptas.:7.500 ptas.

-De 40.001 a 45.000 ptas:11.250 ptas.

No caso de aplicarse o artigo 6º.4 da presente orde:

Renda per cápita mensualCota mensual

-De 45.001 a 55.000 ptas.:11.250 ptas.

-Máis de 55.001 ptas.:15.000 ptas.

As escolas infantís comunicarán ás familias afectadas a axuda outorgada pola consellería, así como a cota que teñen que aboar.

Artigo 9º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes presentaranse segundo o modelo oficial (anexo I) acompañadas da seguinte documentación:

A) Proxecto educativo do curso 2000-2001, adaptado á seguinte estructura:

a) Previo: análise do contexto.

-Realidade sociocultural e económica da zona.

-Características do alumnado.

-Características do centro.

b) Sinais de identidade.

Principios asumidos polo centro, baseados en:

-A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo.

-Outras fontes.

c) Obxectivos do centro.

Prioridades de actuación nos diversos ámbitos:

-Pedagóxicos.

-Organizativos.

-Institucionais.

d) Organización do centro.

Estructura e funcionamento de:

-Órganos unipersoais e colexiados.

-Profesorado: adscrición, horarios e coordinación.

-Colaboración cos pais.

-Utilización dos espacios escolares.

-Equipamento e recursos didácticos.

-Horario xeral do centro.

B) Certificación bancaria da conta corrente na que se ingresará, se é o caso, o importe efectivo da subvención concedida (anexo II) agás no caso de que se manteña unha conta anterior, xa certificada; neste caso será suficiente unha declaración xurada nese senso.

C) Acreditación da personalidade e representación do solicitante.

D) Fotocopia compulsada da tarxeta de identificación fiscal.

E) Declaración de tódalas subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

F) Fotocopia compulsada do permiso para o inicio das actividades, de acordo cos artigos 6 e 20 do Decreto 243/1995 e co artigo 5 da orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 29 de febreiro de 1996, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, ou certificación acreditativa de que o dito permiso está en trámite.

G) Xustificación de ingresos da unidade familiar:

a) Persoas que presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar. En caso de declaracións individuais, copia da declaración de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar.

b) Persoas que non presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-Os solicitantes de devolución rápida (modelo 104) presentarán copia da comunicación que lles enviou a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

-As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan devolución rápida (modelo 104), presentarán certificación dos datos existentes na administración que, en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, do 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, expide a Axencia Estatal de Administración Tributaria.

c) Cando se produzan causas sobrevidas que afecten os recursos da unidade familiar, é preciso un informe da asistente social do concello neste senso. Así mesmo, é preciso o devandito informe naqueles casos en que por distintas razóns non se poidan acredita-las rendas dos pais con escasos recursos

2. As entidades solicitantes deberán presentar, ademais da documentación requirida, a documentación estatística relativa á institución, debidamente cuberta, no modelo oficial conforme os anexos IV e V desta orde.

3. Aquelas entidades que soliciten subvencións por primeira vez, ou as que, aínda solicitándoas en anos anteriores, sufrisen variacións estatutarias, deberán presentar ademais fotocopia compulsada dos seus estatutos ou das variacións que haxa neles.

4. Non será necesario presentar documentos xa achegados en convocatorias anteriores, agás que se producisen modificacións ou variacións nestes, de acordo co previsto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Tódolos documentos que se acheguen deben presentarse en orixinal ou fotocopia compulsada.

Artigo 10º.-Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

A solicitude e maila documentación requirida presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sendo de aplicación, en todo caso, o disposto no artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º.-Tramitación dos expedientes.

1. As delegacións provinciais da consellería comprobarán que os expedientes reúnen tódolos requisitos recollidos na presente orde. De non ser así, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, de acordo co artigo 71.1º da lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, terase por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá dictarse nos termos previstos no artigo 42 desta lei.

2. Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiranse á comisión provincial de valoración, para que unha vez baremados, dicte a proposta de resolución, propoñendo ó órgano competente para a súa resolución.a concesión ou denegación das axudas.

Inmediatamente antes de redacta-la proposta de resolución, cando no procedemento se teñan en conta feitos, alegacións ou probas distintas das aducidas pola entidade interesada, poráselle de manifesto para que no prazo de dez días, alegue ou presente os documentos e xustificación que estime pertinentes, de acordo co disposto no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

Presidente: xefe/a do Servicio de Familia, Infancia e Menores.

Vocais: tres funcionarios da respectiva delegación designados polo delegado provincial, un dos cales actuará como secretario. Poderá asistir tamén, con voz pero sen voto, un representante da Intervención territorial.

Artigo 12º.-Resolución.

1. A resolución das axudas, por proposta da comisión de valoración, e despois da súa fiscalización pola intervención territorial, correspóndelles por delegación da conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ós delegados provinciais da conselleira, de conformidade co establecido na disposición adicional segunda desta orde.

2. A solicitude das axudas deberá resolverse no prazo de tres meses a contados desde o día seguinte a data da publicación da presente orde. Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.

3. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdiccional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ó da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que dictou o acto no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da notificación da resolución. Neste caso non poderá interpoñerse o recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou por desestimación presunta o recurso de reposición.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

5. Se a entidade estivera a tramita-lo permiso de inicio de actividades, a concesión da subvención entenderase condicionada á efectiva obtención deste permiso.

Artigo 13º.-Pagamento e xustificación das subvencións.

1. No momento da xustificación da execución do proxecto, e en calquera caso antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

2. Unha vez dictada a resolución pola que se conceda a subvención procederase ó pagamento e xustificación de conformidade co establecido na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 da seguinte forma:

2.1. Para aquelas que non superen o importe dun millón de pesetas poderá anticiparse ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade certificación na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto de axuda. En todo caso, o importe do gasto certificado debe ser igual ou superior á axuda concedida.

2.2. Nos demais casos poderá facerse efectivo o pagamento da axuda do seguinte xeito:

a) Un primeiro prazo do 50% da totalidade da subvención, no momento da súa concesión, logo da presentación pola entidade do certificado que acredite o inicio das actividades.

b) O 50% restante unha vez presentada pola entidade certificación, expedida polo órgano competente, na que se especifique a cantidade exacta do gasto realizado na finalidade obxecto da axuda. En todo caso o importe do gasto certificado ha de ser igual ou superior á axuda concedida.

3. A entidade receptora deberá presentar antes do 31 de xaneiro do exercicio seguinte, perante a delegación provincial respectiva, un balance de ingresos e gastos comprensivo de todo o ano natural conforme o anexo III. O cumprimento deste trámite considérase requisito previo para a concesión das subvencións nos exercicios seguintes.

Artigo 14º.-Outras obrigas das entidades subvencionadas.

As entidades subvencionadas deberán cumprir, ademais, as seguintes obrigas:

a) Remiti-los informes e demais documentación que reclamen os órganos competentes da consellería.

b) Facilita-la inspección e control dos órganos competentes da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude respecto dos centros subvencionados.

c) Enviar á delegación provincial correspondente antes do 31 de decembro unha lista detallada dos nenos beneficiarios coas cotas complementarias que aboaron. O cumprimento deste trámite considérase requisito imprescindible para a concesión de novas subvencións.

d) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Reintegro.

Procederá ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos casos establecidos no artigo 78.9º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo a redacción dada pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, así como no artigo 19 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para estes fins. En todo caso, as actuacións que se van subvencionar deberán realizarse dentro do exercicio económico 2001.

Segunda.-Apróbase a delegación de competencias nos delegados provinciais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, ó abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, para resolve-la concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autoriza-los gastos e ordena-los correspondentes pagamentos.

Terceira.-As entidades beneficiarias destas axudas quedan suxeitas o réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Familia para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2001.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego,

Muller e Xuventude