Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2001 Páx. 1.362

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 24 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autorizan as instalacións electromecánicas e se aproba o proxecto de execución do parque eólico denominado Faladoira. (Expediente IN661A 99/21-1).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Made Energías Renovables S.A. (actualmente denominada Endesa Cogeneración y Renovables), con enderezo para efectos de notificacións na rúa do Castiñeiriño, 12-3º A, CP 15702 Santiago de Compostela,

sobre autorización das instalacións do parque eólico denominado Faladoira; resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro.-O 22 de setembro de 1999, Jerónimo Llompart Homs, en nome e representación de Made Enerxías Renovables, S.A. solicitou a autorización administrativa, declaración de utilidade pública e aprobación do proxecto de execución, do parque eólico denominado Faladoira, de 24,42 MW, achegando a documentación establecida para o efecto polo Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, e 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, ambos de aplicación ó presente expediente en vigor en virtude do disposto na disposición transitoria décimo primeiro do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica e o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo.-O proxecto someteuse a información pública para os efectos previstos nos decretos 2617/1966, xa mencionado, 2619/1996, do 20 de outubro, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, artigos 53 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, artigo 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e Decreto 205/1995, mediante resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, do 16 de marzo, publicada no DOG do 4 de abril, no diario Ideal Gallego do 3 de abril, no BOP da Coruña do 5 de abril de 2000 e no taboleiro de anuncios dos concellos de Ortigueira e Mañón.

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

1. Fátima Ojea Barcón, actuando en representación dos propietarios do monte da Faladoira, alega que no parcelario existen erros na titularidade dos predios.

2. Cayetano Fernández Fraga, José A. Fernández González e Armando González Rico alegan ser titulares duns predios que no parcelario foron asignados ó Concello de Ortigueira.

3. Manuela Olga Balseiro Bouza, Juan A. González Sierra, Julia Silvina Dionisia Pérez Carrodeguas e herdeiros de Guillermina Hermida Rodríguez, alegan ser titulares dunha serie de predios.

4. Dolores Isolina Baamonde Paz e Manuel Gómez Rivera manifestan ser titulares das parcelas nº 17 e nº 18 respectivamente, que non se xustifica a área de afección e expoñen os prexuízos ambientais que xera para a zona o citado parque.

5. Antonio Rey Blanco, como representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grañas do Sor, en relación co predio nº 59 do parcelario, reclama a prevalencia do monte veciñal sobre a instalación do parque eólico e os prexuízos ambientais, económicos e turísticos que a instalación do parque implicaría.

6. Fernando Molina Rodríguez, Manuel Ramudo Seijo e David Sanjurjo Hermida manifestan ser titulares duns predios que no plano parcelario aparecen a nome do Concello de Ortigueira.

Terceiro.-O 16 de outubro de 2000, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña emitiu informe favorable sobre o citado proxecto, coas seguintes características básicas:

Situación e coordenadas poligonais:

NOMEMUNICIPIOVÉRTICES

XY

FALADOIRAORTIGUEIRA E MAÑÓN

1596.0004.829.200

2597.6744.829.326

3600.0004.828.250

4600.0004.827.000

5599.3004.826.000

6597.8004.826.000

7597.0004.826.400

8596.5004.827.400

9596.0004.827.400

Características técnicas do parque.

Nº de aeroxeradores: 37.

Potencia unitaria por aeroxerador: 660Kw.

Xeradores: MADE AE-46/I.

Potencia total instalada: 24,42 MW.

Producción anual estimada: 64.489 MWh/ano.

Investimento previsto: 3.545.363.634 pesetas.

Características técnicas da infraestructura eléctrica de transformación e interconexión.

-37 centros de transformación de 700 kVA de potencia unitaria e relación de transporte de transformación 0,69/30 kV, instalados unitariamente en interior de torre de aeroxerador cos seus correspondente aparellos de seccionamento, manobra e protección.

-Liñas de media tensión subterráneas para evacuación de enerxía a 30 kV, de interconexión entre centros de transformación de aeroxeradores e transformador de potencia de subestación 30/132 kV.

-Liñas subterráneas de comunicacións entre aeroxeradores e subestación 30/132 kV formadas por cable de comunicación con tres pares independentes.

Cuarto.-O 29 de decembro de 2000, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental resolveu aproba-la declaración de efectos ambientais do citado parque eólico.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, en relación co Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro, o Decreto 205/1995, do 6 de xullo, xa citados.

Segundo.-Á vista das alegacións presentadas, da contestación dada a elas por parte da empresa promotora e do resto de documentación que consta no expediente, queda de manifesto que:

1. Na notificación individual que recibiu cada particular afectado, establécese o número dos predio/s que se lle asigna segundo o plano parcelario da instalación do parque, o lugar onde este se encontra, a superficie e zonas afectadas, así como o concello ó que corresponden ós bens e o tipo de cultivo existente neles. Non obstante, toda a información relativa ós bens e dereitos afectados pola instalación do parque eólico estivo á disposición dos alegantes nos concellos de Ortigueira e Mañón e na Delegación Provincial de Industria da Coruña, para a súa consulta e exposición pública.

2. Con respecto a posibles erros na titularidade dos predios afectados pola instalación do proxecto, cabe dicir que a empresa beneficiaria tomará razón deles, non obstante, será no levantamento de actas o momento no que pode demostra-la titularidade, achegando a documentación acreditativa necesaria.

3. Non se toman en consideración as alegacións referidas á valoración da afección das parcelas, por non ser obxecto desta fase do expediente. Corresponde esta valoración á fase de prezo xusto, cando se proceda á declaración de utilidade pública da dita instalación.

4. En relación coa alegación formulada por Antonio Rey Blanco como representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Grañas do Sor, en relación co predio nº 59 do parcelario, cabe dicir que non se pode estudia-la posibilidade de prevalencia dunha instalación sobre outra, ata que se declare a utilidade pública da dita instalación.

5. As alegacións ambientais foron remitidas ó órgano ambiental e recollidas na declaración de efectos ambientais do citado parque.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites procedementais sinalados no Decreto 2617/1966, sobre autorización de instalacións eléctricas, e no Decreto 205/1995, así mesmo, a instalación e o seu proxecto de execución reúnen tódolos requisitos técnicos esixibles.

Esta dirección xeral, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

Autorizarlle a Made Energías Renovables, S.A. a instalación dos equipos electromecánicos do parque eólico denominado Faladoira, que se localizarán nos concellos de Ortigueira e Mañón.

Aproba-lo proxecto de execución da dita instalación.

Todo iso de acordo coas condicións seguintes:

Primeira.-Made Energías Renovables, S.A., para os efectos de garanti-lo cumprimento das súas obrigas, deberá constituír, no prazo dun mes contado desde o outorgamento da presente autorización, unha fianza de 70.907.273 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o disposto no artigo 15 do citado Decreto 205/1995, do 6 de xullo.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 1.1, número 39 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e será devolta unha vez se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa cun orzamento de 3.545.363.634 pesetas.

Terceira.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto, será necesaria a previa autorización a Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio da Coruña poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación da dita facultade.

Cuarta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de dezoito meses, contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento dos compromisos contraídos por Made Energías Renovables, S.A. no seu plan eólico.

Quinta.-Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor debera inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral en desenvolvemento da dita orde. O parque conectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Sexta.-Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución e na declaración de efectos ambientais do 29 de decembro de 2000, así como aquelas que no seu día se emitan conforme o disposto no artigo 3.2º do Decreto 327/1991, do 4 de outubro, de avaliación de efectos ambientais para Galicia.

Sétima.-A Administración resérvase o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Oitava.-Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que estimen pertinente.

Santiago de Compostela, 24 de xaneiro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria