Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2001 Páx. 1.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de xaneiro de 2001 pola que se convocan subvencións á edición discográfica galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo continúa apoiando as empresas discográficas e colabora coas iniciativas para a edición de discos considerando que é a mellor forma de participar activamente na creación dunha infraestructura empresarial, necesaria para a difusión da música realizada no noso país. Ó mesmo tempo, quere potencia-la creatividade e o nacemento de novos grupos, intérpretes e creadores, que xa están acadando un alto nivel dentro e fóra de Galicia.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, sabedora da importancia que ten este labor continuo de apoio, e segura de que a súa colaboración xoga un papel fundamental para o brillante presente e o esperanzador futuro da nosa música.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

Convócanse subvencións para empresas discográficas que editen música galega e interpretada en lingua galega.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.354.A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001, por un importe de cinco millóns (5.000.000) de pesetas.

2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 300.000 (trescentas mil) pesetas por disco, casete ou disco compacto, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 20% dos exemplares editados, segundo os datos que están no documento de autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado por unha Sociedade de Xestión de Dereitos de Autor. Se a obra é en varios volumes, engadiranse 100.000 pesetas por cada un deles.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de productores discográficos segundo a lexislación vixente e cumpran os requisitos esixidos nesta orde.

2. Tódalas edicións presentadas deberán ter realizado o depósito legal con data posterior ó 15 de outubro de 1999.

3. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-Aqueles productores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento

-Os productores dependentes de organismos públicos.

-As produccións destinadas a uso escolar.

-As obras subvencionadas con fondos públicos ou que recibisen calquera outra subvención.

-As produccións de difusión gratuíta.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. As persoas físicas ou xurídicas que desexen acollerse á presente orde deberán presenta-la correspondente solicitude, desde o día 15 de abril de 2001 ata o 15 de maio de 2001, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais desta, ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude irá achegada da documentación seguinte:

-Fotocopia do DNI do solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora, da inscrición no Rexistro Mercantil e da tarxeta de identificación fiscal.

-Un exemplar da edición musical para a que se solicita a subvención, con indicación do prezo de venda ó público, achegada da autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado por unha Sociedade de Xestión de Dereitos de Autor.

Artigo 5º.-Valoración e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

-Importancia da obra.

-Características físicas da gravación.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Importancia do fondo fonográfico da entidade solicitante.

-Esforzo que supón para o productor a incidencia da obra en ámbitos de especial importancia cultural pero pouca demanda comercial.

2. Unha vez analizadas e valoradas as solicitudes, o director xeral de Promoción Cultural elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Cultura,

Comunicación Social e Turismo que resolverá, no prazo de seis meses a partir do día 15 de abril de 2001.

Artigo 6º.-Notificación e resolución.

Concedida a subvención, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes así como os exemplares que deberán entregar á Dirección Xeral de Promoción Cultural para a súa promoción e difusión, e que será equivalente á subvención concedida.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo diante do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Artigo 7º.-Pagamentos e xustificación.

1. Unha vez comunicada a subvención, o beneficiario deberá aceptala por escrito, tendo para iso un prazo de 10 días hábiles, despois do cal se librará a cantidade concedida de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

2. A tramitación do pago da subvención esixirá do beneficiario a presentación de certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de non ter contraído ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións concedidas no prazo de 15 días contados a partir da comunicación da resolución, mediante a achega dos exemplares equivalentes á subvención concedida que se establecen no artigo 6º da presente orde.

4. Recibidos os exemplares referidos no punto anterior, a Dirección Xeral de Promoción Cultural, de atopalos conformes, proporá o libramento dos fondos.

Artigo 8º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a

destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Promoción Cultural da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Dirección Xeral de Promoción Cultural-, utilizando a normativa de imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 9º.-Anulación e reintegro da axuda.

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2001.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo.