Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 02 de febreiro de 2001 Páx. 1.322

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 18 de xaneiro de 2001 pola que se convocan subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais para a realización de actividades culturais.

O asociacionismo cultural ten un forte enraizamento na sociedade galega. Galicia goza de múltiples asociacións que veñen realizando un inxente labor de potenciación e creación do día a día da cultura en tódolos seus campos, así como actividades de recuperación da nosa memoria histórico-cultural, contribuíndo así ó acceso á cultura da poboación galega.

A Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo quere, pois, contribuír, desde as súas posibilidades, á promoción de desenvolvemento das actividades culturais de especial relevancia e difusión, tanto as de carácter puntual como aquelas que teñan unha continuidade no tempo realizadas polas entidades culturais galegas. Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Finalidade e obxecto.

Convócanse subvencións a particulares, asociacións e institucións culturais de Galicia, destinadas

á realización de actividades nos campos de promoción e cooperación cultural, e da difusión e animación sociocultural que contribúan á difusión e promoción da cultura galega.

Artigo 2º.-Imputación orzamentaria e contía.

1. A convocatoria realízase con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.353.A.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001, por un importe de trinta e sete millóns (37.000.000) de pesetas.

2. A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de cinco millóns (5.000.000) de pesetas.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán optar a estas subvencións os particulares, as asociacións e institucións culturais legalmente constituídas, sen ánimo de lucro, con domicilio social en Galicia, así como as que realicen as súas actividades culturais, de interese xeral, na Comunidade Autónoma de Galicia, que sexan de especial relevancia cultural e de repercusión no ámbito autonómico ou provincial e cunha acreditada continuidade no tempo.

2. Quedan excluídas aquelas que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e non xustificasen o seu investimento.

Artigo 4º.-Presentación de solicitudes, prazo e documentación.

1. Os que desexen acollerse á presente orde deberán presenta-la correspondente solicitude no prazo de 25 días hábiles contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, nos rexistros das delegacións provinciais desta ou por calquera dos outros medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á solicitude xuntarase a documentación seguinte:

-Fotocopia da tarxeta de identificación fiscal da entidade.

-Declaración do solicitante das subvencións solicitadas para o mesmo fin ás administracións públicas.

-Memoria explicativa detallada do programa de actividades que se pretenden realizar indicando o ámbito territorial e social destas.

-Orzamento de ingresos e gastos da actividade con expresión das axudas solicitadas ou concedidas por parte doutros organismos públicos ou privados.

-Memoria na que se describan as actividades culturais realizadas ata o ano 2000 polo solicitante.

Signifícase que estas subvencións poderán ser compatibles con outras para o mesmo fin, sempre que o importe total das subvencións non supere o investimento previsto para as actividades obxecto da subvención.

Artigo 5º.-Valoración e resolución.

1. Recibidas as solicitudes de subvención e demais documentación, serán analizadas e valoradas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Promoción Cultural, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

a) Importancia e interese cultural das actividades propostas no proxecto presentado, con especial valoración dos proxectos que contribúan á difusión da cultura galega.

b) Ámbito territorial e social do proxecto.

c) Carácter continuado e non ocasional do proxecto, así como a súa proxección social.

d) Valoración económica do proxecto.

2. Unha vez analizadas e valoradas as solicitudes, o director xeral de Promoción Cultural elevará proposta ó conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo que resolverá, dentro das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 6º.-Pagamentos e xustificación.

1. Unha vez concedida a subvención e aceptada por escrito polo beneficiario, librarase a cantidade adxudicada, de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

2. Os beneficiarios da subvención quedarán obrigados a xustifica-las subvencións, no prazo dos 10 días hábiles posteriores á realización das actividades e en todo caso antes do 1 de novembro do ano 2001, mediante a presentación dos xustificantes acreditativos, o orixinal e dúas fotocopias, de que a actividade foi realizada, xunto coa relación detallada destes, cunha memoria das actividades desenvolvidas en relación coa finalidade da axuda concedida, así como dous exemplares da publicidade xerada.

Artigo 7º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas por escrito, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos ó obxecto concreto para o que foron concedidos, debendo comunicar á Dirección Xeral de Promoción Cultural, lugar, día e hora da actividade subvencionada. A Dirección Xeral de Promoción Cultural poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo -Dirección Xeral de Promoción Cultural- utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia, cumprindo coa normativa vixente esixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Obriga do beneficiario de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 8º.-Anulación e reintegro da axuda.

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo instruirá expediente sancionador, de conformidade co previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º.-Notificación e desestimación.

Notificada a resolución no prazo de seis meses a partir da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e no caso daquelas que foran desestimadas, o solicitante poderá, a partir desta data, retira-la documentación no prazo dos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, o sentido do silencio será negativo.

Artigo 10º.-Resolución.

Contra os ditos actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá o interesado interpoñer recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición diante do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción Cultural para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2000.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación

Social e Turismo