Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2001 Páx. 1.177

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 19 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas en materia das tecnoloxías da información e as comunicacións para empresas TIC, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

Toda a industria dos sectores relacionados coa electrónica, e máis concretamente coa microelectrónica, a informática, as telecomunicacións, os contidos multimedia e de servicios de valor engadido sobre os anteriores, e especialmente Internet, configuran o que se coñece como o sector das tecnoloxías da información e as comunicacións, un sector que é necesario potenciar para que as empresas galegas poidan acadar unha adecuada posición cara ó século XXI.

O desenvolvemento das tecnoloxías da información e as comunicacións, TIC, é un feito que incorpora novidades que transforman de xeito substancial a economía e as relacións empresariais, mostrando un efecto directo na vantaxe competitiva das empresas, a apertura de novos mercados e a mellora nos procedementos de xestión e organización de empresas, demostrándose, deste xeito, unha evidencia empírica positiva entre o desenvolvemento do sector TIC e o nivel de desenvolvemento económico.

Esta orde de axudas cumpre cun quíntuple obxectivo: en primeiro lugar, proporciona axudas económicas para o desenvolvemento de aplicacións e servicios das tecnoloxías da información e a comunicación; en segundo lugar, como medida comprendida para a incorporación de tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) ás empresas, para a realización de diagnósticos ou auditorías sobre o estado actual dos sistemas de información, as necesidades e as alternativas tecnolóxicas que se van utilizar, así como na fase de implantación, se é o caso, entendendo esta análise como un paso inicial e básico previo para a definición da incorporación de equipos e servicios de información e comunicación á empresa; en terceiro lugar, para a implantación de proxectos de transacción electrónica entre empresas; en cuarto lugar, a promoción de servicios e aplicacións TIC para as empresas, de operadores de telecomunicacións, e en quinto lugar, a innovacion dos sistemas de información das factorías de software

localizadas en Galicia.

Estas axudas financiaranse con Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, en consecuencia, a concesión das axudas quedará condicionada ó cumprimento do que sinale a Unión Europea.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «Mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, os límites de intesidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establece-las bases que rexerán a concesión de axudas en réxime de concorrencia competitiva para a incentivación de actuacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións TIC, para o desenvolvemento de aplicacións e servicios relacionados coa integración das tecnoloxías da información e as comunicacións no mundo da empresa, para a incentivación da realización de diagnósticos, para a implantación de ferramentas de transacción electrónica no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, para a posta en marcha de novos servicios e aplicacións TIC accesibles para empresas, e para a innovación dos sistemas de información das factorías de software, conducentes á mellora da competitividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, e proceder á súa convocatoria para na anualidade 2001.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias das actuacións que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan coa seguinte distribución:

Aplicación: 08.03.754-A.771.0.

Denominación: empresas privadas; potenciación acceso empresarial á sociedade da información.

Ano 2001: 150.000.000 de pesetas.

901.518,16 euros.

Ano 2002: 105.000.000 de pesetas.

631.062,71 euros.

Tódalas cantidades antes citadas, poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas, agrupacións, asociacións de empresas ou institucións sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

No caso de que se trate das actuacións referidas na letra a) do artigo 4º desta orde, as entidades beneficiarias deberán te-lo seu domicilio social radicado na Comunidade Autónoma de Galicia e que a súa actividade comprenda o desenvolvemento de aplicacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións. Tamén poderán ser beneficiarios outras empresas promotoras do desenvolvemento destas aplicacións a través da contratación de empresas das que a súa actividade comprenda o desenvolvemento de aplicacións no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións, que cumpran co disposto no primeiro parágrafo deste artigo.

Se se trata de actuacións ás que se refire a letra c) do artigo 4º, as entidades beneficiarias non poderán ser empresas provedoras das solucións informáticas de transacción electrónica que se vaian implantar.

No caso de que se trate das actuacións referidas na letra d) do artigo 4º desta orde, as entidades beneficiarias deberán ser operadores de telecomunicacións ou prestadores de servicios telemáticos, legalmente constituídos e establecidos na Comunidade Autónoma de Galicia, coa correspondente licencia ou autorización administrativa para poder presta-los servicios que se van implantar, e que realicen o seu investimento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para as actuacións referidas na letra e) do artigo 4º desta orde, as entidades beneficiarias deberán ser empresas tecnolóxicas que teñan como obxecto social o desenvolmento de software ou aplicacións informáticas, establecidos e que realicen o seu investimento no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Ademais, no caso de resultaren beneficiarias dunha subvención superior a dez millóns de pesetas para investimentos consistentes en activos fixos productivos, deberán presentar, como parte integrante da documentación xustificativa do investimento a que se refire o artigo 12º desta orde, as seguintes acreditacións:

-As empresas de dez ou máis traballadores deberán acreditar que polo menos o 35% do cadro de persoal dos centros de traballo radicados no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega teñen contratos por tempo indefinido.

-Nas empresas de menos de dez traballadores a dita porcentaxe reducirase ó 33%.

-Así mesmo, en ámbolos dous casos, deberán comprometerse a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, de se-lo caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.

-Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

Terán carácter subvencionable aqueles investimentos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou dalgunhas das seguintes actuacións:

A) Novos desenvolvementos TIC:

Realización de proxectos que teñan por obxecto o desenvolvemento de dispositivos, servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións. Os novos desenvolvementos deberán ofrecer novas funcionalidades non existentes nas solucións de mercado actualmente dispoñibles.

Consideraranse investimentos subvencionables e, consecuentemente, susceptibles de axudas, os referentes a medios humanos, equipos e ferramentas materiais, formación específica e todos aqueles conceptos debidamente xustificables e imputables á actividade de desenvolvemento. Poderán ser consideradas tamén a realización de accións piloto e experiencias de carácter non comercial sobre as aplicacións desenvolvidas.

Baixo esta denominación terán cabida o desenvolvemento de sistemas e programas informáticos aplicados, acceso e xestión da información, compoñentes electrónicos, comunicacións móbiles, sistemas de redes de acceso, comunicacións de banda ampla e todas aquelas que acheguen solucións e servicios para

novas facilidades de comunicación no mundo da empresa.

Terán cabida, tamén, aplicacións de software de carácter non comercial que propicien un progreso científico-tecnolóxico mediante novos sistemas e algoritmos e/ou linguaxes novas; non serán subvencionables aquelas aplicacións de software das tecnoloxías da información e as comunicacións de actividades habituais ou ordinarias.

Tamén se considerarán as actuacións de mellora de servicios xa existentes e dos que exista unha forte demanda.

B) Diagnósticos e plans de implantación de sistemas TIC:

Realización de diagnósticos dos sistemas de información e comunicación dos beneficiarios (diagnóstico), diagnósticos que terán que resultar na elaboración dun plan de actuación para eles.

Será, así mesmo, obxecto de financiamento a fase de implantación do plan de actuación proposto, en canto á asistencia para o seguimento e asesoramento na implantación dos obxectivos contidos nel (implantación). A fase de implantación terá que resultar na instalación de solucións de tecnoloxías da información e as comunicacións na empresa, que quedará recollida nun documento de implementación do plan de actuación.

Ámbalas dúas fases, se existisen, deberán incluírse nun só proxecto e deberán ser realizadas por unha única empresa ou entidade externa, con recoñecida experiencia, o que deberá acreditar conforme o explicado no artigo 7º.

As solucións tecnolóxicas que haxa que instalar na fase de implantación non serán obxecto das axudas desta orde.

C) Fomento do comercio electrónico entre empresas, B2B:

Implantación de proxectos de transacción electrónica sobre canles soportadas en Internet, que permitan o intercambio de productos ou servicios entre polo menos dúas empresas.

Neste caso, consideraranse actuacións subvencionables e susceptibles de axuda as referentes á adquisición de ferramentas software, formación específica e aqueles conceptos imputables á instalación da aplicación. Non se considerarán incluídas ferramentas hardware, ou conceptos tales como cotas de conexión ou mantemento.

Os ditos proxectos deberán ser liderados por unha empresa ou asociación de empresas, e terán por obxecto a instalación de aplicacións entre empresas que veñen realizando transaccións convencionais e desexan automatizar estas transaccións a través de medios electrónicos, o que permitirá mellora-la súa productividade e poderá ser de aplicación a outras empresas do mesmo sector, provedores, distribuidores, servicios externos, etc.

Terán cabida proxectos de acceso a catálogos e tarifas personalizadas, xestión de existencias, xestión de pedimentos, prazos de entrega, históricos por productos, etc. e non será imprescindible incluír ferramentas de pagamento.

D) Plataformas de prestación de servicios TIC para empresas:

Realización de proxectos de investimento material, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan por obxecto a prestación de servicios telemáticos ou aplicacións de tecnoloxías da información e as comunicacións para empresas en xeral, baseadas nas redes de telecomunicación existentes, especialmente as relaccionadas con Internet e os protocolos IP.

Neste caso, consideraranse actuacións subvencionables e susceptibles de axuda as referentes á instalación de servidores de aplicacións, as ferramentas software e desenvolvemento destas, sistemas de telecomunicación necesarios para o funcionamento dos servicios e aplicacións, e aqueles conceptos imputables á instalación destes.

Terán cabida, aplicacións de certificación e firma electrónica, plataformas ERP de xestión compartida para empresas, contornos para o comercio electrónico, plataformas de servicio B2C, videoconferencia profesional sobre IP, e aqueloutras aplicacións e servicios para empresas que supoñan unha mellora tecnolóxica e un avance innovador para a sociedade da información, dos servicios dispoñibles para as Pemes.

E) Innovación de sistemas de información:

No ámbito da innovación de sistemas de información serán incentivables a adquisición de bens de equipo e programas de sistemas de tratamento, almacenamento e comunicación da información para a creación de novas empresas ou centros productivos e novas liñas de negocio relacionadas coa creación de software.

Neste caso, consideraranse actuacións subvencionables e susceptibles de axuda as referentes á adquisición de equipos informáticos de proceso e servidores de aplicacións, ferramentas software, sistemas de telecomunicación, necesarios para o desenvolvemento de software ou aplicacións.

Quedan excluídas do obxecto desta orde as actividades referidas á investigación e desenvolvemento.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Con carácter xeral, os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. A tipoloxía e alcance da actuación.

2. Incidencia no emprego, existente e para crear.

3. Situación no Parque Tecnolóxico de Galicia.

4. Potenciación dos sectores estratéxicos e conglomerados industriais.

5. Efecto tractor ou demostrador no contorno.

6. Valor engadido do producto na actividade industrial.

7. Proxectos concertados desenvolvidos por empresas ou para a realización de actuacións desenvolvidas por asociacións empresariais.

Tamén se incluirán, para valora-los proxectos relativos a actuacións da letra b) do artigo 4º, os seguintes criterios:

1. Estudios ou actuacións previas realizadas pola empresa en materia de TIC.

2. Proposta de realización conxunta das fases de diagnóstico e implantación.

3. Experiencia e acreditación da entidade externa que realizará os traballos.

Así mesmo, poderase establecer unha contía de investimento mínimo para cada unha das actuacións recollidas no artigo 4º, por debaixo do cal non será atendida a solicitude, ó abeiro desta orde.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable, chegando ó 50% no caso das actuación recollidas na letra a) do artigo 4º, sendo de aplicación, ademais, as seguintes limitacións:

No caso de actuacións subvencionables referidas na letra b) do artigo 4º:

-A contía máxima das axudas para a fase de diagnóstico será de 500.000 pesetas por empresa.

-A contía máxima das axudas para a fase de implantación do plan de actuación proposto será de 500.000 pesetas por empresa.

-No caso de que o proxecto considere as fases de diagnóstico e implantación, a contía máxima conxunta por empresa que desexe acollerse elevarase ata 750.000 pesetas.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, ata o día 30 de marzo de 2001, ambos inclusive.

As ditas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das súas actividades principais, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados e a información vinculada cos criterios de avaliación referidos no artigo 5º.

b) Orzamento desagregado do investimento, e copia dos orzamentos dos provedores.

c) Calendario de execución do investimento, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que o configuran (mes de inicio/mes de finalización).

d) Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa doutras axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) ou, de se-lo caso, declaración de non estar suxeito ó IAE. No caso de empresas que se constitúan no ano 2001, este requisito deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Boletín de cotización á Seguridade Social TC1 do derradeiro mes controlado.

g) NIF/CIF.

h) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia compulsada do seu DNI.

i) De se-lo caso, documentación acreditativa do seu dereito a gozar da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE).

j) Para as actuacións referidas na letra b) do artigo 4º, deberá incluírse a acreditación da empresa ou entidade externa que realizará os traballos: escritura de constitución e informe de obxecto social da empresa, persoal actual (xustificación mediante contrato ou documento certo) e traballos realizados nos dous últimos anos en relación coas ditas actuacións.

k) No caso de actuacións referidas na letra c) do artigo 4º, deberase xunta-lo acordo ou compromiso escrito coa empresa ou empresas participantes no que recoñezan a súa implicación e o interese en colaborar coa empresa solicitante.

Os anexos I, II e III poderanse obter da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, ou ben na páxina de Internet http://www.xunta.es/conselle/in/.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requerimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

Artigo 9º.-Valoración dos expedientes.

Os expedientes admitidos a trámite serán obxecto de valoración polos técnicos da consellería, emitindo un informe técnico coa relación de tódolos expedientes coa correspondente valoración técnica, conforme os criterios previstos no artigo 5º desta orde. Así mesmo, a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos, para a valoración técnica dos proxectos.

A determinación da priorización será realizada por unha Comisión de Valoración, quen, con base no informe técnico realizado, emitirá unha proposta de acordo co disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na que se especificarán, de xeito

prioritario segundo os criterios de valoración, as devanditas solicitudes.

A Comisión de Valoración estará constituída polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas que actuará como presidente da comisión, os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e un subdirector xeral da Consellería de Industria e Comercio que actuará como secretario da comisión.

Artigo 10º.-Resolución e aceptación de axudas.

Á vista da proposta da Comisión de Valoración, o conselleiro de Industria e Comercio, dictará a resolución de concesión ou denegación das axudas de subvención que procedan, motivada de acordo cos criterios de outorgamento, na que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e, en consecuencia, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da recepción da súa notificación, se fose expresa e, se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da recepción da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurí

dico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 4º desta orde, sempre que se inicien no período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2001 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 12º desta orde.

No caso de investimentos plurianuais que superen o exercicio 2001, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Para investimentos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determinan os artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de tratarse dunha subvención plurianual que supere os 5.000.000 de pesetas, o solicitante deberá presentar na Consellería de Industria e Comercio, xustificante acreditativo da constitución da garantía mediante seguro de caución presentado por entidade aseguradora ou mediante aval solicitado da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, segundo se establece no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión.

Os libramentos destas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que así o esixa a natureza do proxecto e se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da devandita anualidade.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo para iso ata 16 de novembro de 2001, inclusive.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por exemplar triplicado (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

c) Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase presentar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, etc. que se realizaran ou desenvolveran, especialmente no caso referente na letra b) do artigo 4º, no que se deberá entregar copia do plan de actuación resultante.

d) Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, indicando a súa contía.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

g) Documento acreditativo de que se alcanzan os niveis de estabilidade laboral ó que se refire o artigo 3º.

h) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

No caso de que os beneficiarios das subvencións concedidas sean outras administracións públicas, entidades de dereito público vinculados ou dependentes daquelas, corporacións de dereito público e universidades, deberán presentar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar a modificación da resolución de concesión de axuda, que será dictada por resolución do conselleiro de Industria e Comercio, tal e como se especifica no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes supostos:

1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta

minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente. O beneficiario deberá solicita-la dita modificación, mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, na que se indiquen as ditas circunstancias, con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio verifiquen a documentacion xusticativa de cumprimento da realización do proxecto subvencionado e dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión. Así mesmo, para as subvencións de capital superiores ós 10.000.000 de pesetas, destinadas a investimentos en activos tanxibles, o órgano xestor correspondente, emitirá informe de comprobación material do investimento. Excepcionalmente, esta comprobación material poderase substituír por unha xustificación documental, que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada, tal e como recolle o artigo 15.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, dentro do epígrafe de adquisición de equipamento, cando a entrega deste no exercicio corrente esixa o pagamento de calquera tipo de anticipos no exercicio anterior, os ditos pagamentos consideraranse parte do investimento do presente exercicio.

Artigo 15º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou inter

nacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidad Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido nos parágrafos primeiro e segundo do artigo anterior.

Artigo 17º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Industria e Comercio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio