Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 31 de xaneiro de 2001 Páx. 1.168

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 19 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para o sector artesanal galego, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á convocatoria para as solicitudes de axudas correspondentes ó ano 2001.

En Galicia a artesanía pode considerarse como un factor de gran importancia no equilibrio económico, demográfico e social gracias á súa localización e á variedade das súas actividades. Actualmente, preséntase como un sector, aínda que complexo, en ebulición, cun gran abano de actividades en tódolos terreos e para tódolos usos que o converten nun sector productivo cun papel fundamental nas zonas nas que se asentan.

A crecente demanda de productos diferenciados da oferta industrial, cun alto compoñente manual que dota o obxecto dunha individualidade e dunha diferenciación respecto das grandes produccións en serie, permiten augurar un futuro esperanzador para os productos artesanais, sempre que sexan capaces de responder ás esixencias do mercado. Neste sentido, o sector precisa dunha intervención a través do desenvolvemento de accións específicas dirixidas a áreas fundamentais de empresa e a dota-lo capital humano de formación técnica que contribúa a asegura-lo éxito do desenvolvemento destas accións, recualificando ós traballadores e reposicionando o sector.

Así mesmo, a consecución dos niveis de rendibilidade necesarios para garanti-la competitividade da empresa nos mercados obrigan a unha continua adaptación tecnolóxica, que mantendo o seu carácter artesanal nos procesos de elaboración máis fundamentais para cada producto, facilite tarefas que, sendo mecanizadas, non prexudiquen a calidade final do producto, senón que acheguen un grao de eficacia e fiabilidade.

Neste contexto, están a xurdir novas iniciativas de comercialización que se adaptan ó producto artesán e ás esixencias da nova configuración da sociedade e os mercados, e que teñen por obxectivo posibilitar unha presencia de calidade dos productos artesanais de Galicia, así como o acceso a novos mercados.

A evolución que está a experimenta-lo sector fai necesario acometer accións para reforza-las unidades productivas que permitan atende-la ascendente demanda deste tipo de productos. Polo que é preciso o apoio para realizar accións de promoción vinculadas coa actividade que contribuirán á mellora da estructura productiva e comercial, coa finalidade de facilitar ó colectivo artesanal galego os medios para mellora-la súa competitividade e acada-la súa plena integración económica, sen esquecer que a permanencia do artesán non debe ser considerada unicamente desde o punto de vista económico, senón que ten que ser tamén valorada como un ben cultural e social.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal: «Mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, os límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

A presente orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión no exercicio de 2001 de axudas para o fomento e desenvolvemento do sector artesanal na Comunidade Autónoma de Galicia, a través do apoio tanto ás unidades productivas como ás asociacións de artesáns. A estratexia específica articularase en elementos básicos ou fundamentais como son a creación, mellora ou adecuación das unidades productivas, a mellora no deseño e a calidade das produccións, a divulgación e promoción dos productos artesáns ou a formación técnica. Así mesmo, a orde ten por obxecto la publicación da

convocatoria para as solicitudes das axudas correspondentes á anualidade do 2001.

Por outra parte, a orde establece os mecanismos para a concesión destas axudas, quedando garantidos os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade que deben presidi-lo seu outorgamento.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2001

PesetasEuros

08.03.661-D.770.0Axudas á artesanía galega130.000.000781.315,74

08.03.661-D.771.0Apoio á artesanía. apertura de novos canais10.000.00060.101,21

Tódalas cantidades antes citadas poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas os artesáns e obradoiros artesanais, sempre que estean establecidos en Galicia e inscritos no rexistro xeral de Artesanía de Galicia, que se regula polo Decreto 145/1993, do 24 de xuño.

Así mesmo, poderán acceder a estas axudas as asociacións artesanais de carácter profesional e legalmente constituídas, con domicilio en Galicia e que conten entre os seus membros con máis de vinte artesáns inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

1. Serán actuacións subvencionables as desenvolvidas por artesáns, obradoiros artesanais, asociacións artesanais e proxectos concertados (coa adhesión mínima de tres obradoiros), incluídas nos seguintes epígrafes:

a) Proxectos que se destinen a investimentos para a creación e posta en funcionamento de novas instalacións, así como á mellora, ampliación ou modernización das xa existentes. Dentro deste epígrafe atenderanse:

-Obras de reforma, rehabilitación, acondicionamento de locais e obras de nova construcción, que deberán cumprir cos requisitos esixidos legalmente en cada caso, destinadas a talleres ou ó desenvolvemento dunha actividade artesanal. A contía máxima da subvención nestes conceptos será de 2.000.000 de pesetas.

-Adquisición en réxime de propiedade de maquinaria, ferramentas e equipo auxiliar propio do exercicio dunha actividade artesanal; equipos para procesos de informatización, propios das características da actividade artesanal e instalacións de deseño asistido por ordenador, sendo a contía máxima da subvención, no epígrafe de equipos informáticos, de 300.000 pesetas.

b) Proxectos que se destinen a divulgar e promocionar productos artesanais: deseño de imaxes corporativas, realización de catálogos ou outro tipo de soporte publicitario, especificamente concibidos e dirixidos ó fomento da actividade e á potenciación das canles de comercialización dos productos artesáns, sendo a contía máxima da subvención neste epígrafe de 1.000.000 de pesetas.

c) Adquisición de elementos ou mobiliario básicos que formen parte do deseño dun expositor, cunha contía máxima que se subvencionará de 500.000 pesetas. Así mesmo, atenderase a participación como expositor con stand propio en feiras de carácter profesional, considerándose subvencionables os gastos que ocasionen os espacios que se contraten, alugueiro ou construcción do stand e transporte do material, cun tope máximo de subvención de 300.000 pesetas.

d) Os gastos de inscrición en programas formativos de perfeccionamento que teñan relación coa súa actividade, cun máximo de dous asistentes por obradoiro. As actividades de formación non poderán ter unha duración superior a 100 horas e a contía máxima que se subvencionará non excederá de 100.000 pesetas por participante, cantidades que non serán computables para os efectos do 50% que se fixa no artigo 6º desta orde.

e) Estudios ou proxectos que teñan por finalidade:

-Mellorar, impulsar e potencia-las produccións das actividades artesanais tradicionais de: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, follateiro, caldeirería, afiado, cestería e labores de palla.

-Mellora-la comercialización dos productos artesanais mediante o acceso ós novos mercados e o desenvolvemento de novos productos.

-Mellora-la calidade das produccións artesanais mediante a constatación das súas características técnicas.

-Achega-las actividades artesanais ás novas xeracións, mediante a introducción no seu contorno dos seus valores, dando a coñece-los procesos e actitudes que constitúen as características esenciais das actividades artesanais.

-Introduci-las produccións artesanais na sociedade da información como estratexia acorde cos novos hábitos comerciais.

f) Accións encamiñadas á incorporación do deseño ás novas liñas de producto, posibilitando que se estimule a actividade artesanal como froito da colaboración con axentes externos ós artesáns.

O desenvolvemento de proxectos de deseño de productos vai propiciar que melloren as súas prestacións, a súa adecuación ós mercados, a crecente preocupación ecolóxica, etc.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización de proxectos de deseño de producto, con

siderándose os honorarios dos consultores de deseño así como os custos relativos os materiais necesarios para plasmar en prototipos os deseños froito da colaboración.

Excluiranse os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto de proxecto en desenvolvemento, así como os proxectos nos que non se acredite a existencia de colaboración con un equipo especializado de deseño, entendéndose por tal aquel que desenvolva a dita actividade a título principal.

2. A contratación en prácticas, por parte de obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de traballadores desempregados inscritos no momento da contratación no Servicio Público de Emprego, que non tiveran relación laboral coa empresa a través dun contrato de igual modalidade.

Os contratos en prácticas deberán cumpri-las esixencias e formalidades que establece o artigo 11 do Estatuto dos traballadores e as normas regulamentarias de desenvolvemento. As axudas previstas neste punto serán de aplicación ós contratos en prácticas que se realicen desde o 1 de xaneiro ó 15 de outubro de 2001.

Para que os devanditos contratos poidan ser obxecto da subvención deberán concertarse a xornada completa, por unha duración inicial non inferior a doce meses e non poderán supoñe-la sucesión de traballadores en prácticas para ocupa-lo mesmo posto de traballo.

Exclúense deste punto os contratos realizados co cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou dos que presenten cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

A contía que se vai percibir por este concepto poderá acada-la cantidade de 600.000 pesetas por traballador.

3. Terán carácter subvencionable as seguintes actuacións que desenvolvan asociacións profesionais artesanais ou proxectos concertados (coa adhesión mínima de 3 obradoiros) que se destinen a:

-Desenvolver accións conxuntas de distribución, comercialización, promoción ou calquera outra fórmula de colaboración empresarial.

-Crear redes de comunicación e transferencia de información con outros lugares do Estado e coa Unión Europea.

-Mellora-la información sobre tendencias de mercado en relación co deseño, coa comercialización de productos artesanais e co desenvolvemento do sector.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

* Adecuación técnica e calidade do proxecto que se vai executar e a súa incidencia na mellora da calidade do producto artesanal.

* Mellora da comercialización, divulgación e promoción de productos artesanais.

* Capacidade de xerar actividade económica na empresa, creación de novas unidades productivas e contribución á potenciación e creación de postos de traballo.

* Novidade das propostas.

* Tamaño da empresa.

* No caso dun proxecto concertado, número de empresas participantes e efectos e vantaxes derivadas da cooperación.

* Que o solicitante sexa un artesán novo ou muller.

* Exercer algunha das seguintes actividades artesanais tradicionais: tecidos en baixo lizo, zoqueiro, toneleiro, selleiro, albardería, olería, forxa, follateiro, caldeirería, cestería e labores de palla.

* Que o solicitante non percibira nos dous últimos anos axudas da Consellería de Industria e Comercio, nin doutra institución, organismo ou Administración pública destinadas ó colectivo artesanal.

* Dispoñibilidade orzamentaria.

* Outros que se consideren de relevancia en cada caso.

Así mesmo, poderase establecer unha contía de investimento mínima para cada unha das actuacións recollidas no artigo 4º, por debaixo da cal non será atendida a solicitude, ó abeiro da presente orde.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acada-las cantidades máximas indicadas en cada punto das accións subvencionables e, con carácter xeral, ata o 40% do investimento subvencionable, agás as actuacións de formación e contratación, cun máximo de 4.000.000 de pesetas por entidade.

Non se valorarán, para efectos de investimento, os gastos que se realicen en pagamento de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, etcétera, nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o 27 de marzo, ambos incluídos.

As ditas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por

triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa que conterá antecedentes da entidade solicitante, descrición das actividades profesionais realizadas, con mención expresa do proceso de producción artesán, volume de producción e facturación, descrición detallada dos investimentos por unidade de actuación e efectos esperados.

b) Orzamento desagregado do investimento e, nos casos en que proceda, presentarase: copia do proxecto elaborado pola empresa ou particular que o realice; factura proforma ou contrato de maquinaria ou bens que se pretenden adquirir ou das actuacións que se van realizar, elaborada pola empresa subministradora. En calquera dos casos, o proxecto ou a factura proforma irá dirixida ó solicitante da axuda e contará coa sinatura e DNI ou CIF/NIF do autor do orzamento.

c) Carta de artesán e certificado de inscrición do obradoiro no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, agás cando a axuda que se solicita se destine á creación dun obradoiro artesanal que se presentará a copia da carta de artesán. En calquera caso, estes documentos deberán acreditarse documentalmente no momento de presentación da solicitude.

d) Incluirase, segundo o anexo III, declaración expresa doutras axudas, cumprimento de obrigas fiscais, de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade artesanal e NIF/CIF do solicitante. No caso de obradoiros que se constitúan no ano 2001, este requisito deberase acreditar cando se presente a xustificación do investimento.

f) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI.

g) As asociacións profesionais artesanais presentarán fotocopia compulsada do CIF, estatutos e certificación ou documento que acredite a súa constitución legal. Así mesmo, certificación emitida polo secretario da asociación onde conste o número de asociados e documento que acredite a inscrición dun mínimo de vinte artesáns no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia.

h) Para a execución de proxectos concertados a adhesión das empresas plasmarase mediante certificación destas, na que se recolla o seu compromiso na execución dos devanditos proxectos.

i) No caso de acollerse ás axudas á contratación, memoria na que se recolla unha definición precisa dos postos de traballo e o compromiso de contratación dos traballadores. Se os contratos xa foron realizados ó longo do ano 2001, presentarase a memoria, alta na Seguridade Social, DNI de cada traballador contratado e documento acreditativo da súa inscrición como demandante de emprego.

j) Se é o caso, documentación acreditativa do seu dereito a desfrutar da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou do IAE.

Os anexos I, II e III desta orde poderanse obter, ben fotocopiándoos do Diario Oficial de Galicia no que se publique, ou ben na páxina de Internet http://www.xunta.es/conselle/in.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

Artigo 9º.-Valoración dos expedientes.

Os expedientes admitidos a trámite serán obxecto de valoración técnica polos técnicos da consellería, emitindo un informe técnico coa relación de tódolos expedientes e a súa correspondente valoración técnica, conforme os criterios considerados no artigo 5º desta orde. Así mesmo, a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos, para a valoración técnica dos proxectos.

A determinación da priorización será realizada por unha comisión de valoración, quen, con base no informe técnico realizado, emitirá unha proposta de acordo co disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na que se especificarán, de xeito prioritario segundo os criterios de valoración, as devanditas solicitudes.

A comisión de valoración estará constituída polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, que actuará como presidente da comisión, os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e o subdirector xeral de Apoio Sectorial da Consellería de Industria e Comercio que actuará como secretario da Comisión.

Artigo 10º.-Resolución e aceptación de axudas.

Á vista da proposta da Comisión de Valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución de concesión ou denegación das axudas de subvención que procedan, na que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificarlles ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e, en consecuencia, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, regu

ladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da recepción da súa notificación, se fose expresa e, se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio, ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da recepción da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Seguimento e obrigas do beneficiario.

A concesión da axuda levará consigo as seguintes obrigas:

Para o caso da creación dun obradoiro artesanal, darse de alta no imposto de actividades económicas (IAE) que ampara a actividade correspondente, e solicitar con anterioridade ó 30 de xuño do 2001, inclusive, perante a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas, a inscrición na sección segunda do rexistro xeral de Artesanía de Galicia. Para a inscrición dun obradoiro artesanal deberá obterse, previamente, o documento de cualificación de taller artesanal.

Non allea-los bens obxecto da subvención nun prazo mínimo de cinco anos, contados desde a data de concesión da subvención.

Facer consta-lo financiamento da Consellería de Industria e Comercio, Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas en tódalas actuacións que se financien con cargo a esta orde, así como en toda referencia que se faga a elas en calquera medio de difusión.

No caso de acollerse ás axudas á contratación, ou mantemento dos postos de traballo creados por un período dun ano, os obradoiros que se beneficien destas axudas, co fin de garanti-lo mantemento dos postos de traballo creados, deberán presentar dentro do pri

meiro e último trimestre do ano 2002, unha relación da variación das altas e baixas do persoal adscrito.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reuni-los mesmos requisitos có traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ó da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á consellería, dentro dos 10 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda. Esta obriga manterase durante un ano desde a data de realización do contrato obxecto de subvención e, en caso de incumprimento aterase ó disposto no artigo 15º desta orde.

Artigo 12º.-Ámbito temporal.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 4º desta orde, sempre que se inicien no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2001 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 13º desta orde.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fosen obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 31 de outubro, inclusive.

A xustificación para efectos de asistencia a programas formativos e feiras farase efectiva mediante a certificación expresa de participación no certame no período prefixado, emitida pola institución ou entidade organizadora, así como da factura xustificativa da contratación do espacio da feira, tendo que presentar igualmente os certificados relacionados no parágrafo anterior.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Memoria na que se describa a realización do investimento, e na que deberán quedar descritos e identificados os bens adquiridos ou servicios prestados, e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución.

b) Para todas aquelas actuacións intanxibles, tales como catálogos, soportes publicitarios, estudios ou proxectos achegaranse ademais tres exemplares.

c) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

d) Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, indicando a súa contía.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e de estar ó día no Imposto sobre Actividades Económicas.

g) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será dictada por resolución do órgano concedente da Consellería de Industria e Comercio, de acordo co disposto no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes supostos:

1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente, o beneficiario deberá solicita-la dita modificación, mediante instancia dirixida ó órgano concedente da Consellería de Industria e Comercio, na que se indiquen as ditas circunstancias, con 30 días de antelación á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Artigo 15º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida polos servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Artigo 16º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou

axudas doutras administracións publicas ou doutras entidades publicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito publico e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario.

Artigo 17º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no do artigo anterior.

Artigo 18º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios someteranse ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Industria e Comercio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 19º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio