Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2001 Páx. 1.123

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 22 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas para as actuacións en materia de calidade e deseño industrial, en réxime de concorrencia competitiva, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á convocatoria para o ano 2001.

En mercados cada vez máis abertos, internacionalizados e competitivos nos que as empresas levan a cabo a súa actividade, a calidade e o deseño industrial constitúen factores clave para acada-la posición competitiva que estas necesitan e asegura-la súa permanencia neles ó longo do tempo.

É necesario que as empresas adopten modernas técnicas de xestión empresarial que lles permitan acada-lo grao de desenvolvemento axeitado para competiren nos referidos mercados.

Para afronta-los retos é punto de partida seguir fomentando as actividades de certificación de sistemas da calidade para que as empresas e entidades lles ofrezan productos e servicios ós seus clientes que incorporen elementos diferenciadores e lles permitan a súa fidelización e a obtención de vantaxes competitivas. Máis alá, é necesario introduci-los principios que posibiliten abordar un proceso sistemático que teña como horizonte a mellora continua.

Ademais, para demostra-la conformidade dos productos cos requisitos especificados, as empresas deben acometer plans de calibración coa finalidade de determina-la exactitude dos equipos de medida e a súa aptitude para acada-la precisión que se require nas correspondentes medicións.

Impulsa-las actuacións que teñan por obxecto a identificación e valoración dos custos asociados á non calidade, para poñer de manifesto as situacións de desaproveitamento dos recursos e poder adopta-las medidas necesarias para o seu seguimento, o seu control e a súa mellora, e aquelas accións encamiñadas á aplicación de modelos avanzados de xestión que mediante a avaliación da xestión integral das organizacións lles permita avanzar por medio da mellora continua cara á xestión da calidade total, convértese nunha necesidade prioritaria no obxectivo permanente de achegamento á excelencia empresarial.

Coa finalidade de dar resposta ó esforzo investidor que para as empresas e entidades representa o afronta-los novos retos competitivos, esta orde proporcionará axudas económicas para o desenvolvemento das actuacións en materia de calidade e de deseño industrial.

Estas axudas financiaranse con Fondos Propios da Comunidade Autónoma de Galicia, Fondos de Compensación Interterritorial (FCI) e Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e, en consecuencia, a concesión das axudas quedará condicionada ó cumprimento do que sinale a Unión Europea.

O contido desta orde de axudas axústase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal, «Mentres non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais, como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, de se-lo caso, ós límites de intensidade autorizados a Galicia no Mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006».

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establece-las bases reguladoras para a concesión de axudas para as actuacións en materia de calidade e deseño industrial en réxime de concorrencia competitiva. Así mesmo, ten por obxecto procede-la súa convocatoria para as axudas que se concedan na anualidade de 2001 para a incentivación de actuacións co obxectivo de

impulsa-la cultura da calidade empresarial, así como as encamiñadas á incorporación e desenvolvemento do deseño industrial nas empresas da Comunidade Autónoma de Galicia conducentes a procesos de mellora da competitividade empresarial.

Artigo 2º.-Aplicacións orzamentarias.

Para a concesión das axudas, propias dos investimentos que se convocan, destinaranse os créditos globais correspondentes ás aplicacións orzamentarias que se mencionan coa seguinte distribución:

AplicaciónDenominaciónAno 2001Ano 2002

PesetasEurosPesetasEuros

08.03.661-C.770.0Empresas privadas: fomento da calidade

e deseño industrial

110.000.000661.113,3177.000.000462.779,32

08.03.661-C.780.0Familias e institucións sen fins de lucro:

fomento de servicios ás asociacións

20.000.000120.202,4200

TOTAL: 130.000.000781.315,7377.000.000462.779,32

Tódalas cantidades antes citadas, poderanse incrementar en función das peticións presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

A concesión das axudas con cargo ós fondos comunitarios quedará condicionada ó cumprimento do que sinale a Unión Europea sobre a súa compatibilidade coas normas comunitarias de aplicación.

Artigo 3º.-Beneficiarios e ámbito de aplicación.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as empresas de carácter industrial, agrupacións, asociacións de empresas ou institucións sen ánimo de lucro que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo radicado no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 4º.-Actuacións subvencionables.

Terán carácter subvencionable aqueles investimentos que teñan por obxecto o desenvolvemento dalgunha ou dalgunhas das seguintes actuacións:

1. Impulso á calidade.

a) Acceso á certificación de sistemas de xestión da calidade.

Obtención da certificación correspondente á implantación de sistemas de xestión da calidade, mediante entidade certificadora acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación ou organismo internacional.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos de certificación de sistemas de xestión da calidade conforme as Normas ISO 9000, ou referenciais equivalentes de ámbito sectorial internacionalmente recoñecidos, derivados das auditorías pola entidade de certificación, así como da concesión, tramitación, rexistro ou emisión dos certificados.

Para acceder a esta axuda será necesario que a data de concesión do certificado, ou certificación de entidade certificadora que acredite a consecución desta por parte da empresa ou entidade beneficiaria estea comprendida entre o 1 de xaneiro e o prazo de xustificación anual. Non serán subvencionables os custos correspondentes á renovación de certificados.

b) Desenvolvemento de modelos avanzados de xestión da calidade: diagnósticos de plans de mellora, implantación de accións e avaliación en empresas xa certificadas conforme as ISO 9000.

b.1) Asesoramento e consultoría de apoio para a elaboración dun plan de mellora, en empresas xa certificadas, determinando potenciais áreas de actuación. Este plan, para efectos de homoxeneidade, efectuarase segundo a metodoloxía de criterios e subcriterios do Modelo EFQM de Excelencia, desenvolvendo os criterios e subcriterios, total ou parcialmente, segundo corresponda.

b.2) Asesoramento e consultoría de apoio á implantación de medida ou medidas contidas no plan de mellora do punto anterior. Para tal efecto indicarase o criterio ou subcriterio no que se circunscriben.

b.3) Avaliación segundo modelos avanzados de xestión da calidade. Entenderase por tales aqueles con referencia internacional e que desenvolvan principios e/ou requisitos de máis amplo alcance que a certificación ISO 9000 e teñan como finalidade medi-lo avance das empresas nun proceso de mellora continua cara á xestión da calidade total; tal como, a título de exemplo, o Modelo EFQM de Excelencia.

c) Estudio de custos de non calidade.

Proxectos ou estudios para a implantación de sistemas de custos de non calidade, que permitan a identificación dos elementos que xeran os ditos custos, a valoración, o seguimento, o seu control e a conseguinte definición de actuacións de mellora con indicación expresa dos obxectivos cuantificables para conseguir. Consideraranse custos de non calidade os debidos a fallos internos e externos, correspondentes a unha actividade, área ou proceso determinado, quedando excluídos os custos de prevención e avaliación.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos derivados da realización, por parte de entidades consultoras de apoio a calidade, dos citados proxectos ou estudios.

d) Desenvolvemento de plans de calibración.

Accións encamiñadas ó desenvolvemento de plans de calibración de equipos de medida co obxecto do aseguramento da trazabilidade e uniformidade dos resultados das medicións.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os custos externos da calibración dos equipos de medida, realizada por unha entidade independente acreditada polo organismo correspondente.

e) Difusión e sensibilización da cultura de calidade.

Actuacións de relevancia ou alcance, cuantitativo ou cualitativo, que contribúan a fomentar e divulgar entre as organizacións empresariais as vantaxes da cultura da calidade, mediante a difusión, posta en común e/ou intercambio de experiencias de relevancia significativa en materia de calidade, levadas a cabo por asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.

Neste punto terán a consideración de actuación subvencionable os gastos derivados da organización de congresos, xornadas, cumios, foros, convencións, etc., de difusión e sensibilización da calidade levadas a cabo por asociacións empresariais ou entidades sen ánimo de lucro (a título de exemplo para a difusión de técnicas avanzadas de xestión da calidade, de intercambio de experiencias ou de análise de normas ou referenciais específicos internacionalmente recoñecidos).

2. Impulso do deseño industrial.

a) Incorporación de prácticas de deseño mediante asesoramento externo cualificado.

Accións encamiñadas á incorporación do deseño industrial mediante a realización de diagnósticos previos e/ou auditorías de deseño e o de deseño de novos productos para pemes industriais. Así mesmo, poderán terse en conta as simulacións de moldeo, prototipado rápido e aquelas de similar natureza para novos deseños de productos de pemes industriais.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable os honorarios correspondentes ó asesoramento dos gabinetes externos de deseño industrial especializado ou os custos da colaboración con centros tecnolóxicos ou departamentos universitarios, segundo corresponda, cando reúnan as condicións de calidade técnica para a súa execución.

Excluiranse os custos non vinculados coas ideas de deseño obxecto do proxecto en desenvolvemento, os correspondentes a deseño gráfico ou deseño do contorno (interiorismo, arquitectura...) así como os proxectos nos que non se acredite a existencia de colaboración cun gabinete especializado en deseño industrial, centro tecnolóxico ou departamento universitario, entendéndose por tal aqueles que desenvolvan a dita actividade a título significativo.

b) Creación de departamentos de deseño industrial.

Accións encamiñadas a creación, ex novo, de departamentos de deseño nas pemes industriais e a incorporación de deseñadores sempre e cando se estableza por un período mínimo de dous anos.

Neste punto terán a consideración de investimento subvencionable a adquisición de hardware e software específico para a dotación do departamento e o custo da incorporación de deseñadores industriais ás pemes.

c) Difusión e sensibilización do deseño.

Actuacións de relevancia ou alcance, cuantitativo ou cualitativo, que contribúan a fomentar e divulgar entre as organizacións empresariais as vantaxes do deseño, mediante a difusión, posta en común e/ou intercambio de experiencias de relevancia signifi

cativa en materia de deseño industrial, levadas a cabo por asociacións ou entidades sen ánimo de lucro.

Neste punto terán a consideración de actuación subvencionable os gastos derivados da organización de congresos, xornadas, cumios, foros, convencións, etc., de difusión e sensibilización do deseño levadas a cabo por asociacións empresariais ou entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación.

Os criterios de avaliación que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das axudas, relacionados por orde decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. A tipoloxía e alcance da actuación.

2. A relación con actividades de conglomerados industriais de empresas, en particular, dos complexos de automoción, naval, madeira ou actividades conexas tales como a fabricación de maquinaria, a fabricación de subproductos ou a fabricación de productos de cadeas laterais de apoio ó conglomerado.

3. O efecto tracción ou demostración que as actuacións produzan no contorno da armazón empresarial e a novidade ou esforzo cualitativo de cara á entidade que executa o proxecto.

4. A integración na relación entre empresas e organismos interface ou centros tecnolóxicos de apoio á armazón empresarial.

5. A execución de acordo con proxectos concertados.

Así mesmo, poderase establecer unha contía de investimento mínima para cada unha das actuacións recollidas no artigo 4º, por debaixo da cal non será atendida a solicitude, ó abeiro da presente orde.

Artigo 6º.-Contía das axudas.

As axudas poderán acadar, con carácter xeral, unha contía máxima do 40% do investimento subvencionable, sendo de aplicación, ademais, as seguintes limitacións:

Para as actuacións contidas no punto 1, letras a), b.1), b.2), b.3), c) e d) as axudas poderán acadar un máximo de 500.000 pesetas en cada un deles.

Para as actuacións comprendidas no punto 1, letra e) e no punto 2, letra c), as axudas poderán ser, como máximo, de 5 millóns de pesetas por proxecto.

Para as actuacións comprendidas no punto 2, letras a) e b), as axudas poderán acadar, como máximo, 2 millóns de pesetas por proxecto.

Artigo 7º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes, que se dirixirán ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sis

tema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

O prazo para a súa presentación será desde o día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia ata o día 16 de marzo de 2001, ambos inclusive.

As ditas solicitudes presentaranse, conforme os modelos que se xuntan como anexos I, II e III, e acompañaranse da seguinte documentación, todo isto por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias):

a) Memoria explicativa do alcance dos proxectos e/ou actuacións que se van desenvolver, suficientemente detallada, na que se recollan, entre outros, os obxectivos do proxecto, a súa xustificación e vantaxes que achega, así como unha breve descrición da entidade solicitante e das súas principais actividades. Para as accións indicadas no punto d) do artigo 4º desta orde, relativas os plans de calibracións, deberá presentarse a relación dos equipos de medida que se van calibrar, indicando a súa data de calibración, a súa referencia ou identificación e a súa utilización.

b) Orzamento desagregado do investimento e/ou actuación e copia dos orzamentos dos provedores.

c) Prazo de execución do investimento e/ou actuación, con indicación expresa da temporalidade de cada unha das actuacións que configuran o proxecto ou actuación, utilizando para iso un diagrama de Gantt.

d) Incluirase, segundo anexo III, declaración expresa doutras axudas solicitadas, obtidas ou que se prevexa solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou Administración pública, indicando a súa contía e de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e de estar ó día nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

e) Licencia fiscal ou último recibo do imposto de actividades económicas (IAE).

f) NIF/CIF.

g) Documento público acreditativo do poder con que actúa o solicitante e fotocopia do seu DNI.

h) Se é o caso, documentación acreditativa do dereito a gozar da exención do imposto sobre o valor engadido (IVE) ou do IAE.

Os anexos I, II e III poderanse obter da orde publicada no Diario Oficial de Galicia, ou ben na páxina de Internet http://www.xunta.es/consell/in.

Artigo 8º.-Emenda de defectos.

Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos nesta orde, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ó da recepción do dito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixese, considerárase desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser dictada nos termos previstos no artigo 42 da mencionada lei.

Artigo 9º.-Valoración dos expedientes.

Os expedientes admitidos a trámite serán obxecto de valoración técnica polos técnicos da consellería, emitindo un informe técnico coa relación de tódolos expedientes e a súa correspondente valoración técnica, conforme os criterios recollidos no artigo 5º desta orde. Así mesmo, a Dirección Xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas poderá solicitar cantos informes técnicos estime oportunos, para a valoración técnica dos proxectos.

A determinación da priorización será realizada por unha comisión de valoración, quen, segundo o informe técnico realizado, emitirá unha proposta de acordo co disposto no artigo 9.5º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, na que se especificarán, de xeito prioritario segundo os criterios de valoración, as devanditas solicitudes.

A comisión de valoración estará constituída polo director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas que actuará como presidente da comisión, os catro delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio e un subdirector xeral da Consellería de Industria e Comercio que actuará como secretario da comisión.

Artigo 10º.-Resolución e aceptación de axudas.

Á vista da proposta da comisión de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, dictará a resolución ou denegación de concesión das axudas de subvención que procedan, motivada de acordo cos criterios de outorgamento, na que se especificarán as solicitudes beneficiarias, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe de subvención que corresponda, dentro dos límites establecidos, o importe da subvención concedida e o centro directivo que se encargará da súa xestión.

O prazo máximo para dictar e notificar ós interesados a resolución expresa será de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicacion desta orde. O vencemento do citado prazo, sen que se notifique a resolución expresa, lexitima o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

As resolucións dos expedientes instruídos ó abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e, en consecuencia, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ó da recepción da súa notificación, se fose expresa e, se non o fose, o prazo será de seis meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do devandito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime

xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderase interpoñe-lo recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Industria e Comercio, ou ante o delegado provincial, segundo proceda, no prazo dun mes se o acto fose expreso e, se non o fose, o prazo será de tres meses e contarase a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses por parte dos interesados.

Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario, por escrito, no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ó da recepción da súa notificación, coas condicións específicas que se recollen nesta orde e as que, de se-lo caso, se inclúan na resolución. No caso contrario, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Artigo 11º.-Ámbito temporal e actuacións plurianuais.

Á presente orde poderán acollerse as actuacións establecidas no artigo 4º desta orde, sempre que se realicen no período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2001 e a data de xustificación do investimento recollida no artigo 12º desta orde.

No caso de investimentos plurianuais que superen o exercicio 2001, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento, tendo que aterse ó disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro.

Para investimentos plurianuais, nos que a totalidade da subvención supere os cinco millóns de pesetas, poderanse efectuar pagamentos parciais, á conta da liquidación que se perciba, cumprindo os requisitos que para o efecto determinan os artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de tratarse dunha subvención plurianual que supere os 5.000.000 de pesetas, o solicitante deberá presentar na Consellería de Industria e Comercio, xustificante acreditativo da constitución da garantía mediante seguro de caución presentado pola entidade aseguradora ou mediante aval solicitado á entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, segundo se establece no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no prazo de 15 días desde a notificación da resolución de concesión.

Os libramentos destas axudas faranse efectivos con cargo ós créditos consignados para cada exercicio orzamentario, con independencia de que os investimentos se realizaran con anterioridade, sempre que así o esixa a natureza do proxecto e se acredite suficientemente que corresponden á actuación subvencionada ó abeiro desta orde.

Para os investimentos plurianuais entenderase que os investimentos e pagamentos que se efectúen dende a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar como xustificantes para o cobramento da devandita anualidade.

Artigo 12º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da subvención, o beneficiario deberá presentar na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a documentación xustificativa da realización do investimento que fose obxecto de subvención, tendo de prazo ata o 31 de outubro de 2001, inclusive.

Esta documentación xustificativa, sen prexuízo do establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que se presentará por triplicado exemplar (orixinal ou copia compulsada e dúas copias), constará dos seguintes documentos:

a) Informe técnico no que se describa a realización dos proxectos e/ou actuacións e os datos e incidencias máis significativos habidos na súa execución, suficientemente detallada. Ademais, para a actuación acollida ó punto 1, letras a), e d) do artigo 4º, deberá presentarse copia dos certificados que se obtivesen.

b) Documentos acreditativos do investimento (facturas e documentos xustificativos do seu pagamento).

c) Para todas aquelas actuacións intanxibles deberase presentar, así mesmo, unha copia de cada un dos estudios, diagnósticos, manuais, plans, documentos, etc., que se realizaran ou desenvolveran.

d) Declaración de axudas obtidas ou que se prevé obter para o mesmo investimento en calquera outra administración, organismo ou ente público ou privado, indicando a súa contía.

e) Certificación expedida pola entidade bancaria de titularidade da conta onde se debe realiza-lo pagamento, na que conste: ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente.

f) Certificados acreditativos de estar ó día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega e de estar ó día no imposto sobre actividades económicas.

g) Calquera outro documento que se requira na resolución particular de concesión da axuda.

No caso de que os beneficiarios das subvencións concedidas sexan outras administracións públicas, entidades de dereito público vinculadas ou dependentes daquelas, corporacións de dereito público e

universidades, deberán presentar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control do cumprimento da finalidade para a que foi concedida e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será dictada por resolución do órgano concedente de acordo co disposto no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes suposos:

1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ó inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente, o beneficiario deberá solicita-la dita modificación, mediante instancia dirixida ó órgano concedente, na que se indiquen as ditas circunstancias, con 30 días de antelación á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Artigo 14º.-Pagamento das axudas.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección correspondente, que se realizou o investimento que foi obxecto de subvención e demais condicións impostas na resolución de concesión. Ademais, o beneficiario deberá presenta-la documentación adicional que lle sexa requirida por estes servicios técnicos, co obxecto de determina-lo alcance do proxecto ou actuacións subvencionables.

Artigo 15º.-Reintegro da axuda.

Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos exisidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública.

Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras

entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

Todo isto con suxeición ó procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidad Autónoma de Galicia.

As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 17º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control que efectúe a Consellería de Industria e Comercio e ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas, así como ás que poida efectuar, de se-lo caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Industria e Comercio, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 18º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2001, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase o director xeral de Programas Industriais e Infraestructuras Tecnolóxicas para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio