Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 30 de xaneiro de 2001 Páx. 1.121

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 20/2001, do 4 de xaneiro, polo que se acordan as cesións do uso, a título gratuíto, de varios bens inmobles procedentes do patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Brión, Ortigueira, Pontedeva e Gondomar.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comu

nidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Os concellos de Brión, Ortigueira, Pontedeva e Gondomar solicitaron a cesión do uso dos inmobles sitos nos seus respectivos termos municipais e que pertenceron ás extintas cámaras agrarias locais, para destinalos a actividades de interese agrario.

Mediante os decretos 186/2000, do 7 de xuño (DOG nº 138, do 17 de xullo), e 275/2000, do 26 de outubro (DOG nº 224, do 20 de novembro), desafectáronse do dominio público, entre outros, varios inmobles que integraban o patrimonio das extintas cámaras agrarias locais de Brión, Ortigueira, Pontedeva e Gondomar.

Pola orde da Consellería de Economía e Facenda do 24 de novembro de 2000 (DOG nº 247, do 22 de decembro) declarouse a alienabilidade dos anteditos inmobles.

A Secretaría Xeral e do Patrimonio, dependente da mencionada consellería, tramitou o expediente de cesión do uso de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, e tendo en conta o informe favorable da, no seu día, Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, e de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdanse as cesións a título gratuíto que a continuación se relacionan:

1. A favor do Concello de Brión do dereito de uso da casa-almacén situada no lugar ó que lle chaman Monte das Pedriñas, parroquia de Santa Minia, municipio de Brión (A Coruña), que ten unha superficie de 93,5 m. Estrema: norte, patio das escolas nacionais; sur e leste, camiño das Pedriñas; e oeste, patio do cuartel da Garda Civil.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Negreira no tomo 659, libro 132, folio 163, predio nº 14.280, inscrición 2ª.

2. A favor do Concello de Ortigueira do dereito de uso do edificio nº 9 situado na avenida Francisco de Santiago da vila de Ortigueira (A Coruña), composto de dúas plantas; o andar baixo ocupa unha superficie de 256,34 m e o andar alto 172,8 m. Pola parte posterior ten un terreo unido de 110 m que se serve directamente desde a rúa, por medio dun corredor que ten 48,72 m. Estrema o conxunto: fronte, coa citada avenida; costas, con servidume de a pé de servicio privado e terreo máis baixo de Guillermo e María Caula Rubido e outra e José Docanto Corral; dereita entrando, con garaxe e horta de José Pumar Pita; e esquerda, casa e terreo de Hortensia Bouza Paz.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 211, libro 125, folio 112, predio nº 13.605, inscrición 3ª.

3. A favor do Concello de Ortigueira do dereito de uso do edificio nº 6 situado na avenida Francisco de Santiago da vila de Ortigueira (A Coruña), composto de planta baixa e un piso, que mide 95,2 m. Estrema: fronte, coa citada avenida; dereita entrando, con casa dos herdeiros de Andrés Peña Fernández; esquerda, almacén da extinta Irmandade, hoxe Inmaculada Espiñeira Soto; e fondo ou costas, terreo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 211, libro 125, folio 113, predio nº 13.606, inscrición 3ª.

4. A favor do Concello de Ortigueira do dereito de uso do terreo inculto na parte posterior do edificio e antigo almacén da Cámara Agraria Local de Ortigueira, hoxe Comunidade Autónoma de Galicia, e de Antonio Río García, situado na avenida de Francisco de Santiago, s/n, de Ortigueira (A Coruña), que ten unha superficie de 90 m, e estrema: casas e patios dos herdeiros de Peña Fernández; esquerda, José Canoura Dorado e Antonio Río García; fondo, Cesáreo Cobelo López; e fronte, Comunidade Autónoma de Galicia.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Ortigueira no tomo 211, libro 125, folio 115, predio nº 13.608, inscrición 3ª.

5. A favor do Concello de Pontedeva do dereito de uso do edificio de planta baixa de 64 m, construídos sobre un soar de 400 m en total, situado no lugar do Rolo, parroquia de Freáns, municipio de Pontedeva (Ourense). Estrema: norte, leste e oeste, camiño público; sur, herdeiros de Hermelinda Vázquez Arias.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Celanova no tomo 621, libro 17, folio 80, predio nº 1.985, inscrición 2ª.

6. A favor do Concello de Gondomar do dereito de uso do edificio que consta de soto, planta baixa e piso alto, que ocupa 154,66 m do seu soar que ten unha superficie total de 323 m, situado no lugar que lle chaman A Tata ou Campo da Feira, hoxe rúa Elduayen, nº 12, da vila e municipio de Gon

domar (Pontevedra). Estrema: norte e oeste, resto do predio principal do que se segregou de Manuel Alonso Gonda, en liña respectivamente de dezanove e dezasete metros; sur, avenida de Elduayen ou estrada de Gondomar á Ramallosa, cunha lonxitude de dezanove metros; e leste, río Vilaza, en liña de dezasete metros.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de nº 2 de Vigo no tomo 1.755, libro 94, folio 205, predio nº 6.824, inscrición 6ª.

Artigo 2º

As cesións de uso relacionadas no artigo anterior quedan sometidas ás seguintes cláusulas:

a) O final da cesión será a dedicación do inmoble a fins e servicios de interese xeral agrario.

b) A cesión do uso outórgase por un período de dez anos, contados desde a sinatura da correspondente escritura pública, prorrogable por períodos sucesivos da mesma duración, se así o acordase expresamente o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da Consellería de Economía e Facenda, logo da petición do cesionario con anterioridade ó vencemento do período anterior; queda excluída a tácita reconducción.

c) Se o dereito cedido non se aplicase co fin sinalado dentro do prazo de dous anos, contado desde o outorgamento da escritura pública, deixase de estalo con posterioridade, se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen calquera das outras cláusulas, considerarase resolta a cesión e o dereito reverterá á Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

d) Serán de conta do cesionario:

-Os gastos de conservación e mantemento do inmoble do que se cede o uso.

-Os gastos polos servicios con que conte o inmoble que se individualicen mediante aparellos contadores.

-As cotas dos tributos que poidan grava-lo inmoble.

e) As obras de adaptación, reparación e mellora do inmoble, que serán por conta da entidade cesionaria, requirirán a presentación do proxecto e a súa aprobación pola Secretaría Xeral e do Patrimonio da Consellería de Economía e Facenda. En todo caso, as expensas investidas quedarán en beneficio do inmoble e, en ningún caso, poderán ser reembolsadas pola Comunidade Autónoma de Galicia, propietaria do inmoble.

f) O cesionario subscribirá unha póliza todo risco, de perdas ou danos materiais, polo importe do valor do inmoble segundo o reflectido no Inventario Xeral do Patrimonio da Comunidade Autónoma. E outra póliza de responsabilidade civil que garanta posibles danos a terceiros por un importe mínimo de vin

tecinco millóns de pesetas. A Comunidade Autónoma de Galicia será a beneficiaria e a asegurada, respectivamente, destas pólizas de aseguramento, que se manterán durante todo o período de cesión, prazo inicial e, se é o caso, prórrogas.

Artigo 3º

As devanditas cesións de uso formalizaranse mediante escritura pública subscrita pola Secretaría Xeral e do Patrimonio ou funcionario en quen delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario; serán de conta deste os custos de formalización.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda