Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 22 de xaneiro de 2001 Páx. 830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 8 de xaneiro de 2001 pola que se declara de interese galego a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais.

Supostos de feito.

Primeiro.-Con data do 28 de novembro de 2000 solicitouse o recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais por medio de escrito presentado por José Vázquez Portomeñe.

Segundo.-A fundación constitúese en escritura pública, outorgada en Santiago de Compostela ante o notario José Antonio Montero Pardo, o 17 de novembro de 2000, co número dous mil sesenta e cinco do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos membros da Comisión de Secretarios Xerais elevou ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese social da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais dado o seu obxecto, polo que, cumprindo os requisitos recollidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Cuarto.-Á vista da proposta da Comisión de Secretarios pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 28 de novembro de 2000 (DOG do 13 de decembro), clasificouse como de interese social a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais tendo en conta o disposto no artigo 32.4º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, é obxecto e finalidade da fundación promove-la mellora das condicións de seguridade e saúde no traballo, especialmente nas pequenas empresas.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente constan, entre outros, os seguintes extremos:

Acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto e a denominación, que é Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais, o goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

O director xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, dous vicepresidentes, un en representación da organización empresarial e outro en representación das organizacións sindicais, cinco vocais representantes da Administración autonómica de Galicia, designados pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, cinco representantes designados pola Confederación de Empresarios de Galicia e cinco representantes designados polas organizacións sindicais, Unión Xeral de Traballadores de Galicia, Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia e Confederación Intersindical Galega; secretario, a persoa designada polo padroado como xerente da fundación.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu con data do 19 de decembro de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e a demais normativa de desenvolvemento dela e a de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas pola Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, asumindo as funcións que en canto a protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realizacion da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, dá nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo

a obriga, por unha banda, de lle formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico e, por outra, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio. Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Que á vista do exposto se poden entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de Fundacións, Sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo se desprende dos artigos 5, 6, 7, 11 e 18 da devandita Lei 7/1983, en relación cos artigos 2, 3, 4, 5 e 33 do Decreto 248/1992

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Galega para a Prevención de Riscos Laborais.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, Sección da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto no resto da normativa de xeral aplicación, en especial á obriga de lles dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a lle render contas anualmente ó protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar, antes de iniciarse cada exercicio económico, o proxecto de orzamento de ingresos e gastos correspondentes ó devandito exercicio, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior

e Relacións Laborais