Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2001 Páx. 704

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 19 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación, no Diario Oficial de Galicia, dos estatutos modificados da Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol.

Visto o texto dos estatutos modificados que rexerán a Mancomunidade de concellos da comarca de

Ferrol, observándose que a súa aprobación se realizou de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local e 143 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, seguíndose os trámites de:

Primeiro.-Que o proxecto de modificación dos estatutos foi aprobado inicialmente pola Comisión Xestora da Mancomunidade, en sesión do 29 de maio de 2000.

Segundo.-Con data do 28 de xullo de 2000, o devandito proxecto foi informado favorablemente pola Deputación Provincial da Coruña.

Terceiro.-Segundo certificación do secretario da Mancomunidade, o proxecto foi exposto a información pública durante o prazo dun mes, mediante edictos nos taboleiros dos concellos de Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón, Valdoviño e Ferrol, así como no Diario Oficial de Galicia nº 147, do 31 de xullo de 2000, sen que se producise ningunha reclamación ou alegación respecto a eles.

Cuarto.-Así mesmo, con data do 29 de agosto de 2000, a Dirección Xeral de Administración Local emitiu informe favorable do contido do proxecto de modificación dos estatutos.

Quinto.-O presidente da Mancomunidade remitiu, con data de entrada nesta consellería do 20 de novembro de 2000, copia certificada dos acordos adoptados polos concellos de Ares, Mugardos, Fene, Neda, Narón, Valdoviño e Ferrol de aprobación definitiva da modificación dos estatutos, así como unha copia certificada destes mesmos para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

Xa que logo, a Dirección Xeral de Administración Local

ACORDA:

Dispoñe-la publicación dos estatutos modificados da Mancomunidade de Municipios da Ría de Ferrol, de conformidade co establecido no artigo 143.1º d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2000.

Alfonso Rueda de Valenzuela

Director xeral de Administración Local

ANEXO

Estatutos da Mancomunidade de concellos

da comarca de Ferrol

Capítulo I

Disposicións xerais

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece que os concellos da Comunidade Autónoma terán dereito a asociarse en mancomunidades para a execución ou prestación en común de obras, servicios e actividades da súa competencia.

Artigo 1º.-Constitución.

1. Os concellos de Ares, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón, Neda e Valdoviño, pertencentes á comarca de Ferrol, ó abeiro do disposto no ordenamento xurídico vixente, acordan constituírse en mancomunidade voluntaria de concellos, para a organización e prestación de xeito mancomunado das obras e servicios da súa competencia que se recollen nos presentes estatutos.

2. Tamén poderán integrarse na Mancomunidade os concellos que o soliciten e que previamente acepten as condicións que para o seu ingreso acorde o Pleno da Mancomunidade.

Artigo 2º.-Personalidade xurídica e ámbito territorial.

1. A Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol terá personalidade xurídica propia e capacidade para o cumprimento dos seus fins específicos desde a entrada en vigor dos presentes estatutos.

2. O ámbito territorial da Mancomunidade abarca os termos municipais dos concellos que a integran.

Artigo 3º.-Denominación e sede social e administrativa.

1. A Mancomunidade que se constitúe denominarase Mancomunidade de concellos da comarca de Ferrol, tendo a súa sede nas dependencias municipais do Concello de Ferrol, onde radicarán os seus servicios administrativos, en locais que poñerá á disposición o concello gratuitamente.

Os servicios non administrativos da Mancomunidade, por razóns de economía e eficacia, poderán situarse nos diferentes concellos que a compoñen.

2. Os gastos ordinarios que ocasione o funcionamento da Mancomunidade (equipos e materiais de oficina, comunicacións, etc.), serán sufragados pola propia Mancomunidade a través dos seus orzamentos.

Capítulo II

Obxecto e fins da Mancomunidade

Artigo 4º.-Finalidades.

1. A Mancomunidade terá como fins o desenvolvemento das competencias locais en materia de:

a) Xestión dos residuos sólidos urbanos e outros residuos inertes.

b) Limpeza e vixilancia de praias.

c) Servicio contra incendios.

d) Transporte de viaxeiros.

e) Policía local e protección civil.

f) Sanidade e consumo.

g) Servicios sociais.

h) Programacións específicas en materia cultural e deportiva.

i) Programación específica no ámbito da muller.

j) Ordenación e planificación urbanística en relación coas infraestructuras intermunicipais e outras relacionadas coas materias mancomunadas.

k) Promoción económica e emprego.

l) Recadación de impostos por delegación voluntaria dos concellos integrantes da Mancomunidade.

m) Saneamento e abastecemento de auga potable.

n) O establecemento de calquera outro servicio que redunde en beneficio dos distintos concellos mancomunados, sempre que así o acorde o Pleno da Mancomunidade por maioría absoluta dos seus membros.

2. Para a realización dos ditos fins, a Mancomunidade terá plena competencia, e os acordos e resolucións que adopten os seus órganos de goberno obrigarán tanto os concellos asociados como as persoas físicas e xurídicas as que poidan afectar.

3. A Mancomunidade, como entidade local recoñecida pola lei, poderá exercer tódalas potestades que lles sexan conferidas pola lexislación da Xunta de Galicia ás entidades destas características para o cumprimento das súas finalidades.

4. A Mancomunidade constitúese por un prazo indefinido.

5. A modificación dos presentes estatutos deberá facerse polo mesmo procedemento e requisitos esixidos para a súa aprobación.

Capítulo III

Órganos de goberno

Artigo 5º.-Órganos de goberno.

O goberno e a administración da Mancomunidade estarán a cargo dos seguintes órganos.

-O Pleno da Mancomunidade.

-O presidente.

Artigo 6º.-O Pleno.

1. O Pleno da Mancomunidade estará formado por vocais representantes, elixidos polos respectivos concellos mancomunados.

2. Cada un dos concellos mancomunados contará cun vocal no Pleno, agás o de Ferrol, que contará con dous. Estes serán elixidos polos respectivos plenos dos concellos mancomunados entre os concelleiros da Corporación.

A representación de cada Corporación contará cun número de votos proporcional ó número de habitantes do seu concello, coa seguinte proporción:

-Ata 2.500 habitantes: 2 votos.

-De 2.501 a 5.000 habitantes: 3 votos.

-De 5.001 a 10.000 habitantes: 5 votos.

-De 10.001 a 20.000 habitantes: 10 votos.

-De 20.001 a 50.000 habitantes: 15 votos.

-De 50.001 a 100.000 habitantes: 40 votos.

A incorporación á Mancomunidade de novos concellos implicará a revisión deste sistema de representación.

A determinación dos votos realizarase respecto ós habitantes de dereito, de acordo coa última rectificación padroal.

O mandamento dos vocais coincidirá co das súas respectivas corporacións municipais e o seu nomeamento para o Pleno da Mancomunidade realizarase seguindo o seguinte procedemento:

a) Despois da realización das eleccións locais, e dentro do prazo previsto pola lei para a designación de representantes en órganos colexiados, os concellos nomearán o vocal ou vocais representantes municipais na Mancomunidade.

Os plenos municipais nomearán, ademais do representante oficial, dous representantes substitutos, os cales poderán actuar ante a Mancomunidade sen necesidade de credencial expresa para cada caso. A súa actuación terá lugar de xeito automático nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade do representante oficial.

b) Os membros da Mancomunidade actuarán en funcións nos termos previstos na lexislación electoral vixente en cada momento referida ás entidades locais.

c) Transcorrido o prazo para a designación dos vocais polos concellos e, dentro dos dez días seguintes, procederase á constitución do novo Pleno da Mancomunidade e á elección do seu presidente.

d) Durante o período a que se refire a alínea b, soamente se poderá levar a cabo a xestión ordinaria da Mancomunidade, non podendo tomar acordos que comporten a integración de novos membros ou a posta en marcha de novos servicios mancomunados.

Artigo 7º.-Competencias do Pleno.

Correspóndelle ó Pleno da Mancomunidade:

a) Aproba-lo orzamento.

b) Aproba-lo cadro de persoal e retribucións do persoal.

c) Exercer accións de defensa dos dereitos da Mancomunidade, oporse nos litixios e recursos de calquera clase, grao ou xurisdicción que sexa demandada.

d) Propoñe-la modificación ou reforma dos estatutos.

e) Aprobar, revisar, adquirir, xestionar e administra-lo patrimonio da Mancomunidade.

f) Aproba-las ordenanzas, censura-las contas, recoñecemento de créditos, operacións de créditos, concesións de rescates e prazos, e calquera clase de compromisos económicos.

g) Aproba-los plans e proxectos necesarios para o establecemento, desenvolvemento e xestión das obras, servicios ou actividades previstas como finalidades da Mancomunidade.

h) Admisión e separación de membros da Mancomunidade.

i) Aprobación das bases que rexerán as probas e concursos de acceso á función pública da Mancomunidade.

j) Todas aquelas que a lexislación lle atribúe ó Pleno dos concellos para o cumprimento das súas finalidades nas materias que estes teñan delegadas na Mancomunidade.

Artigo 8º.-O Presidente.

1. A presidencia da Mancomunidade corresponderalle ó alcalde do Concello de Ferrol, agás no caso en que este renuncie a ela; neste caso recaerá no alcalde que designe a propia Mancomunidade por maioría absoluta de entre os seus membros.

2. No suposto de que se produza a renuncia prevista no punto anterior, poderán ser candidatos á presidencia todos e cada un dos vocais-alcaldes que compoñan o Pleno.

3. En caso de empate será elixido o candidato apoiado por maior cantidade de concellos.

4. O Pleno elixirá de entre os seus membros, por maioría absoluta, un vicepresidente que substituirá o presidente en caso de ausencia, vacante ou enfermidade.

Artigo 9º.-Competencias do presidente.

Son competencias do presidente:

a) Dirixi-lo goberno e a administración da Mancomunidade.

b) Convocar, presidir e dirixi-las sesións do Pleno.

c) Dirixir, inspeccionar e impulsa-los servicios, obras e actividades da Mancomunidade.

d) Ordenar pagamentos, render contas e administra-los fondos e bens da Mancomunidade.

e) Render anualmente as contas de administración do patrimonio.

f) Dispoñer gastos dentro dos límites da súa competencia.

g) Exerce-la dirección do persoal da Mancomunidade.

h) Elabora-lo proxecto de orzamentos da Mancomunidade.

i) As contratacións e concesións de toda clase, cando o seu importe non supere o 10% dos recursos ordinarios dos orzamentos nin, en calquera caso, os mil millóns de pesetas; incluídas as de carácter plurianual cando a súa duración non sexa superior ós catro anos, sempre que o importe acumulado de tódalas súas anualidades non supere nin a porcentaxe indicada, referida ós recursos ordinarios dos orzamentos do primeiro exercicio, nin a contía sinalada.

j) Desempeña-la representación da Mancomunidade en toda clase de actos e negocios xurídicos.

k) Outorgar poderes a procuradores para poder comparecer en xuízos ou fóra deles.

l) Visar coa súa sinatura as certificacións que se expidan dos actos e documentos da Mancomunidade.

m) Exercer tódalas accións que sexan necesarias para o bo funcionamento da Mancomunidade.

n) Todas aquelas outras que a normativa de réxime local lle atribúe ó alcalde, para o cumprimento das súas competencias, seranlle aplicables ó presidente.

Artigo 10º.-Réxime de funcionamento.

1. O Pleno funciona en réxime de sesións ordinarias e extraordinarias.

2. O Pleno realizará reunión ordinaria cada dous meses e extraordinaria cando o decida o presidente ou sexa solicitada alomenos pola cuarta parte dos concellos que pertencen á Mancomunidade.

Neste último caso, a súa realización non poderá dilatarse máis de quince días hábiles desde a data da solicitude. Se a sesión non fose convocada polo presidente dentro do dito prazo, quedará automaticamente convocada para as doce horas do décimo día hábil seguinte ó da finalización do dito prazo.

3. Tamén, cando o estime a presidencia, se poderán convocar sesións de urxencia, as cales terán que ser ratificadas polo Pleno.

Artigo 11º.-Reunións do Pleno.

1. As reunións do Pleno convocaranse de acordo co establecido na lexislación vixente en materia de réxime local.

2. O Pleno constitúese validamente cos representantes que suman 1/3 do número legal de votos, sempre e cando estean representados alomenos tres concellos. O citado quórum haberá de manterse durante o transcurso de toda a sesión.

3. En todo caso requírese a asistencia do presidente e do secretario da Mancomunidade ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 12º.-Acordos do Pleno.

1. Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple do número de votos que teñan os representantes presentes.

Existe maioría simple cando os votos afirmativos son máis cós negativos.

2. É necesario o voto favorable da maioría absoluta do número legal de votos representados polos membros do Pleno, para a adopción de acordos nas seguintes materias:

a) Proposta de modificación dos estatutos que, en todo caso, deberá axustarse ó disposto no artigo 143.1º da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, ou normas que o substitúan.

b) Aprobación dos orzamentos da Mancomunidade.

c) Aprobación das ordenanzas e taxas de carácter xeral que afecten os usuarios dos servicios.

d) Aprobación das contas.

e) Aprobación do cadro de persoal da Mancomunidade.

f) Concertación de créditos.

Artigo 13º.-Comisións informativas.

1. Polo Pleno, poderán constituírse comisións informativas, as cales terán por misión propoñer ó Pleno ou ó presidente sobre aqueles asuntos que lle sexan encomendados no marco das competencias de cada un destes órganos de goberno.

Tamén informarán preceptivamente de tódolos asuntos que teñan que ser tratados no Pleno.

As comisións informativas serán creadas polo Pleno da Mancomunidade e tamén este decidirá a súa composición, competencias e funcionamento.

2. Con carácter estatutario créase a comisión de contas, que se reunirá unha vez ó ano e antes do 1º de xuño, co fin de examina-las contas xerais dos orzamentos e as contas do patrimonio.

Artigo 14º.-Secretaría.

1. A función pública de Secretaría, que comprende a fe pública e o asesoramento legal preceptivo, así como o control, fiscalización, intervención na xestión económico-financeira e orzamentaria, e a contabilidade, tesourería e recadación, mentres tanto non sexan cubertas por algún dos sistemas legalmente admitidos, serán exercidas por funcionarios con habilitación nacional que desenvolvan a súa función no concello que desempeñe a Presidencia.

Artigo 15º.-Persoal.

1. O resto do persoal da Mancomunidade será seleccionado mediante os sistemas de oposición, concurso ou concurso-oposición, respectando en todo momento os principios constitucionais de publicidade, mérito e capacidade.

2. Ata que non se cubran as prazas previstas, estas poderán ser ocupadas interinamente polas persoas que, respectando os principios mencionados no parágrafo anterior, sexan oportunamente seleccionadas.

3. Igualmente, a mancomunidade poderá contratar persoal con carácter laboral, respectando igualmente os principios de publicidade, mérito e capacidade.

Capítulo IV

Facenda e réxime económico

Artigo 16º.-Orzamentos.

1. A Mncomunidade aprobará anualmente un orzamento que se axustará en canto á súa estructura e normas de formación ás aplicables con carácter xeral ás entidades locais.

2. No estado de gastos do orzamento figurarán os créditos necesarios para facer fronte ós gastos xerados pola prestación dos servicios.

Todo servicio mancomunado será detallado convenientemente co fin de coñece-lo seu custo.

O estado de ingresos conterá a previsión dos recursos económicos explicitados no artigo 16ºdos pre

sentes estatutos. As bases de execución do orzamento desenvolverán as disposicións necesarias, de acordo coa lei, para unha xestión orzamentaria eficaz.

Artigo 17º.-Facenda.

A facenda da Mancomunidade estará constituída polos seguintes recursos:

a) Ingresos de dereito privado.

b) Subvencións e outros ingresos de dereito público.

c) Taxas pola prestación de servicios ou a realización de actividades da súa competencia.

d) Contribucións especiais pola execución de obras ou polo establecemento e mellora ou ampliación de servicios que sexan competencia da Mancomunidade.

e) Os procedentes de operacións de crédito.

f) Multas.

g) As contribucións dos concellos mancomunados.

h) Calquera outro recurso que se estableza a favor das mancomunidades por disposicións legais que se dicten.

Artigo 18º.-Taxas.

1. Para a imposición, exacción, liquidación e cobro dos recursos enumerados no artigo 16º, a Mancomunidade aprobará as ordenanzas fiscais correspondentes ós diferentes servicios, tendo as mencionadas ordenanzas, poder de obriga para tódolos concellos integrantes, unha vez aprobadas.

2. Corresponderá ós concellos facilitarlle á Mancomunidade toda a información necesaria para a formación de padróns, altas, baixas e demais modificacións que se refiran ós contribuíntes afectados polos diferentes servicios que constitúan as finalidades reguladas en artigos precedentes.

3. A Mancomunidade poderá en todo momento, polos seus propios medios, verifica-la exactitude dos datos a que se refire o parágrafo anterior

Artigo 19º.-Contribucións dos concellos.

1. As contribucións dos concellos mancomunados cifraranse para cada exercicio económico do seguinte xeito:

a) Unha cota fixa e obrigatoria, para atende-los gastos xerais dos servicios administrativos e de xestión da Mancomunidade. Esta cota será proporcional ó número de votos que a cada concello lle correspondan no Pleno da Mancomunidade.

b) Unha cota variable a establecer polo Pleno da Mancomunidade, previos os estudios de implantación de cada servicio mancomunado, ó que cada concello poderá adscribirse voluntariamente. Para o establecemento desta cota, rexerán os mesmos principios de proporcionalidade que informan estes estatutos. En calquera caso, como criterio xeral, todo servicio será financiado polos seus usuarios.

2. As contribucións dos concellos á Mancomunidade teñen a consideración de pagamentos prefe

rentes polos concellos mancomunados, unha vez satisfeitos os relacionados no artigo 168 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.

Cada concello remitirá, unha vez aprobado o seu orzamento, unha certificación á Mancomunidade, acreditativa da existencia de consignación neste para facer fronte ó pagamento das obrigas adquiridas cara a esta.

3. As contribucións económicas dos concellos realizaranse do xeito e nos prazos que fixe o Pleno da Mancomunidade.

No suposto de que algún concello se atrase no aboamento da cota máis dun trimestre, o presidente poderá dirixirse á Comunidade Autónoma para a retención dos fondos do municipio debedor e o seu ingreso na facenda da Mancomunidade, de acordo co disposto no artigo 148 da Lei 5/1997, do 22 de xullo. Transcorrido o devandito prazo sen facerse efectiva a débeda, o presidente poderá solicitar do delegado da Administración tributaria da provincia, ou do órgano competente da Xunta de Galicia, o pagamento da contribución do concello debedor con cargo ás participacións en impostos liquidados que lle correspondan.

Esta retención é autorizada expresamente polos concellos mancomunados no momento de aprobación dos estatutos, e leva implícitas as obrigas relativas a créditos preferentes.

Artigo 20º.-Imposición de dereitos e taxas.

A Mancomunidade exercerá as facultades que legalmente lle corresponden para a imposición de dereitos e taxas para a prestación dos servicios que se establezan, logo da aprobación das preceptivas ordenanzas fiscais.

Artigo 21º.-Patrimonio.

O patrimonio da Mancomunidade estará integrado por toda clase de bens e accións que lexitimamente adquira, tanto no momento da súa constitución como posteriormente.

Para estes fins e efectos, formarase un inventario de conformidade co disposto polo Regulamento de bens das corporacións locais.

Capítulo V

Incorporación e separación de membros

Artigo 22º.-Incorporación de novos membros.

1. Para a incorporación á Mancomunidade dun novo membro, será necesario:

a) O voto favorable da maioría absoluta dos membros da Corporación do Concello interesado.

b) O voto favorable da maioría absoluta dos votos representados polos membros do Pleno da Mancomunidade.

2. A contribución inicial dos concellos que se incorporen á Mancomunidade con posterioridade á súa constitución, será determinada polo Pleno desta,

en función dos custos históricos de cada servicio. No referente ás cotas fixas e variables, estes terán idéntico tratamento cós concellos fundacionais.

Artigo 23º.-Separación de membros.

1. Para a separación voluntaria da Mancomunidade de calquera dos concellos que a integren, será necesario:

a) Que así o solicite a Corporación do Concello interesado, logo de acordo adoptado pola maioría absoluta do seu Pleno.

b) Que se atope ó día no pagamento das súas contribucións.

c) Que aboe tódolos gastos que se produzan con motivo da súa separación e dos servicios que estaba a utilizar ata remata-lo exercicio económico.

2. A separación dunha ou varias corporacións non obrigará o Pleno da Mancomunidade a practica-la a súa liquidación, quedando o mencionado dereito en suspenso ata o día en que quede disolta, data en que entrará ou entrarán a participar na parte alícuota que lle ou lles corresponda na liquidación de bens da Mancomunidade.

Tampouco poderán, as corporacións separadas, alegar dereitos de propiedade dos bens e servicios da Mancomunidade, aínda que estes radiquen dentro do seu termo municipal.

Capítulo VI

Disolución e outras disposicións

Artigo 24º.-Disolución da Mancomunidade.

A Mancomunidade poderá disolverse por algunha das seguintes causas:

a) Por desviación das finalidades para as que foi creada.

b) Cando así o acorde o Pleno da Mancomunidade e os dos concellos mancomunados co voto favorable da maioría absoluta legal dos votos representados en cada caso.

c) Cando pola separación de varios dos concellos que a integran sexa imposible a súa continuidade.

d) Por disposición legal.

O acordo de disolución determinará o xeito en que se procederá á liquidación da facenda da Mancomunidade e á subrogación na proporción que lle corresponda a cada un dos concellos mancomunados nos seus bens, dereitos e obrigas, así como o destino que se lle deba dar ó persoal que estivera ó seu servicio.

Disposición derradeira

Primeira.-No que corresponde ós aspectos non previstos nos presentes estatutos, será de aplicación o que establece a lexislación de réxime local.

Segunda.-Quedan derrogados os estatutos ata o de a vixentes da Mancomunidade, coa aprobación destes novos que os substitúen.