Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 17 de xaneiro de 2001 Páx. 704

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 11/2001, do 4 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Vilanova de Arousa (Pontevedra), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de apertura e pavimentación da rúa A Cerca-As Rodas (Vilanova de Arousa).

O Concello de Vilanova de Arousa, en sesión que tivo lugar o día 3 de novembro de 2000, aprobou o proxecto de apertura e pavimentación da rúa A Cerca-As Rodas (Vilanova de Arousa) e na sesión do 5 de abril de 2000 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

O concello remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de decembro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 26 de decembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque, segundo sinala o concello, en breve prazo se iniciará a construcción do Instituto da ESO e, ó non existir na actualidade un acceso idóneo para a finalidade que se pretende, resulta de verdadeira necesidade a apertura dunha rúa que dote o recinto do instituto do acceso correspondente para os efectos de execución da obra do instituto.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Vilanova de Arousa para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de apertura e pavimentación da rúa A Cerca-As Rodas (Vilanova de Arousa).

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais